Inicio Blog Páxina 1953

Tres feridos nun accidente en Redondela, un deles rescatado dun vehículo

A colisión de dous vehículos rexistrada na noite deste pasado luns saldouse con tres persoas feridas, unha das cales foi rescatada do interior dun dos coches accidentados en Redondela.

Segundo informou o 112 Galicia, unha persoa foi liberada despois de quedar atrapada tras chocar dous vehículos na estrada N-552, ao seu paso polo municipio de Redondela, á altura do barrio da Formiga. O 112 Galicia tivo coñecemento dos feitos pouco antes da medianoite deste martes a través da chamada dun particular que informou dun accidente entre dous coches.

Tras iso, por parte do 112 avisouse á Policía Local de Redondela e aos Bombeiros do Porriño. Ademais, Urxencias Médicas de Galicia-061 informou ao 112 deste sinistro no que, posiblemente, había unha persoa atrapada. Con esta información, o 112 Galicia solicitou a intervención da Garda Civil de Tráfico e dos Bombeiros de Vigo, así como de Protección Civil de Redondela.

Unha vez no punto, os axentes da Policía Local confirmaron ao 112 Galicia que unha persoa estaba atrapada no interior dun dos vehículos e que, ademais, había outras dúas feridas no outro coche implicado. Finalmente, os Bombeiros de Vigo relataron que liberaron á atrapada, que foi atendida polos servizos sanitarios.

Ao lugar, o 061 enviou unha ambulancia de soporte vital básico e outra de soporte vital avanzado para atender ao tres persoas. Unha delas, un home de 79 anos, J.A.L., foi trasladado ao hospital vigués Povisa, mentres que unha moza de 25 anos e un mozo de 23 recibiron asistencia no punto do accidente, confirmaron a Europa Press fontes sanitarias.

Así mesmo, para garantir as condicións de seguridade na vía, os xestores do CIAE-112 tamén informaron o Centro de Xestión de Tráfico e a persoal de mantemento da estrada.

Un veciño do Porriño identifícase como diplomático da ‘República Errante de Menda Lerenda’ ao ser detido

0

A Policía Local do Porrriño detivo a un veciño desta localidade sobre o que pesaba unha orde de arresto dun xulgado de Vigo e que se identificou como diplomático do “mini estado” da ‘República Errante de Menda Lerenda’.

O arrestado, segundo informa este domingo o concello porriñés, foi localizado nun control da policía municipal na avenida Domingo Bueno. Ante o requirimento dos axentes, non lles mostrou o seu DNI, senón un papel que, supostamente, acreditaba a súa condición de diplomático desa ficticia nación.

Os axentes procederon ao seu traslado ao cuartel da Garda Civil para a súa identificación. Resultou ser un veciño do municipio de 44 anos idade que era buscado xunto coa súa parella por un xulgado vigués por non escolarizar os seus fillos, que abandonaron o colexio ao que asistían en Mos o pasado mes de decembro alegando que marchaban a vivir a Portugal.

Cuestionado por este asunto, o individuo asegurou que “non ten obriga” de escolarizalos xa que “non recoñece” o Estado español e a educación docente dos seus fillos desempéñase na súa casa e corre a cargo dos seus proxenitores.

Tras ser identifacado no cuartel da Garda Civil, o home foi levado ás dependencias da Policía Local do Porriño en calidade de detido. Alí, no momento en que se lle leron os dereitos, solicitou que fose avisado “o cónsul” da Repúblca Errante do Menda Lerenda.

A continuación, prestou declaración ante o xulgado, onde se ratificou na súa negativa a recoñecer a súa condición de cidadán español e, mesmo, negando ser a persoa identificada polos axentes, apelando ao seu suposto nome nese Estado ao que di representar.

A Escola Universitaria de Estudos Empresariais de Vigo celebra o seu centenario

A Escola Universitaria de Estudos Empresariais de Vigo celebrou o seu centenario, que, segundo asegurou a súa directora, Consuelo Currás, representa “só o principio” da súa historia.

Nun acto que tivo lugar en Vigo este venres, puxo en valor a traxectoria do que “sempre foi un centro dinámico, flexible e con capacidade de adaptación” e como en 1920 xestouse a creación da Escola Pericial de Comercio da cidade.

Mediante un percorrido pola historia do centro, lembrou que nas súas primeiras décadas formou a peritos e profesores mercantís e que nos anos 40 do pasado século trasladouse á que continúa sendo a súa sede na rúa Torrecedeira. Posteriormente, indicou que o curso 1972-1973 supuxo un punto de inflexión para a escola, que pasou a integrarse na Universidade de Santiago de Compostela.

Tras a constitución da Universidade de Vigo, comezou a formar parte desta institución educativa e, nos últimos anos, adaptou as súas titulacións ao plan Bolonia. Ademais, Currás recalcou o “carácter internacional” que acompañou a este centro durante a súa traxectoria.

Así, insistiu en que “estes cen anos non serían máis que un percorrido temporal se non fose polas persoas que o fixeron posible”, os directores da escola, o seu persoal e o seu alumnado.

ACTA DO PRIMEIRO CLAUSTRO

Durante o evento, a secretaria da escola, María Jesús Barsanti, deu lectura á acta do primeiro claustro do centro, celebrado o 15 de xaneiro de 1921 e presidido polo catedrático José Benítez Galán, o seu primeiro director.

Así mesmo, o catedrático emérito Antonio Vaamonde rememorou a constitución da escola nunha época na que a maior parte da cidadanía galega residía no rural e o único centro de Ensino Medio da provincia situábase en Pontevedra.

Tamén lembrou que a Escola Pericial de Comercio deu resposta ás necesidades de persoal formado vixentes nos seus primeiros anos de historia en empresas de Vigo. De face ao futuro, avogou por potenciar a docencia non presencial e destacou a importancia do comercio electrónico.

DOCENCIA TELEMÁTICA

A ese respecto, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, mostrouse partidario da docencia presencial, pero considerou que a modalidade virtual pode representar unha oportunidade para captar alumnado hispanofalante e lusófono de Iberoamérica nos próximos anos ante a crise demográfica que afronta Galicia.

Adicionalmente, resaltou a escola de Torrecedeira como “xerme” desta institución educativa e puxo en valor a “sinerxía” entre a mesma e a cidade ao longo da súa historia.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, precisou as circunstancias nas que se creou a escola, tras o fin de propagación da gripe española, e sinalou que, cen anos máis tarde, a cidadanía enfróntase a unha nova pandemia, a da COVID-19. Ademais, resaltou a “forma evolutiva” na que o centro afrontou os cambios e necesidades xurdidas.

A representante do alumnado Arane Taboada valorou o labor dos profesores, os equipos directivos, o persoal de administración e os antigos alumnos, que permitiu á Escola de Estudos Empresariais alcanzar “fama e prestixio a nivel nacional”. Así, agradeceu o traballo realizado para que os estudantes poidan recibir a preparación que se imparte no centro e “formar parte do legado” do mesmo.

O Concello de Vigo activa un Centro de Atención Social Continuada e un teléfono 24 horas

O Concello de Vigo puxo en marcha a pasado fin de semana un Centro de Atención Social Continuada e un teléfono dispoñible as 24 horas para emerxencias sociais, segundo explicou o alcalde, Abel Caballero.

O rexedor explicou que este servizo está dispoñible no Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social (CIIES) da rúa Marqués de Valterra, e o obxectivo é que estea “localizable e operativo as 24 horas do día para calquera necesidade ou emerxencia social” e poder ofrecer unha “atención inmediata”.

Segundo apuntou Abel Caballero, que reiterou que “non hai límite orzamentario” para a atención social municipal en Vigo, as traballadoras sociais do centro de Marqués de Valterra estarán no lugar ata as 22,00 horas, e porase a disposición da xente que o necesite o teléfono 986.294.280.

Así mesmo, en horario nocturno, serán as forzas policiais as que dispoñan dun teléfono municipal, activo toda a xornada, para derivar posibles casos de emerxencia social.

“En consecuencia, temos funcionando 24 horas ao día un Centro de Atención Social Continuada, ademais do traballo que xa se realiza en Política Social”, subliñou Caballero.

Petición de 5 anos de prisión para un profesor de danza que abusou dunha menor

0

Un profesor de danza enfróntase a 5 anos de prisión como suposto autor dun delito de abuso sexual contra unha menor, e será xulgado entre este luns e o mércores na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo.

A Fiscalía sinalou, no seu escrito de acusación, que este home, director e profesor dun club de danza, convenceu a unha das súas alumnas, de 15 anos de idade, para que acudise ao seu domicilio a recibir unhas clases especiais para “mellorar a súa expresividade”.

O acusado advertiulle de que esas clases se impartirían por parellas e que debía gardar unha reserva absoluta, sen informar o resto dos seus compañeiros nin á súa familia. Así, as clases comezaron o último luns de outubro de 2018, e á primeira sesión a menor acudiu cun compañeiro. Nesa ocasión, o acusado mostroulles uns vídeos de baile e sobre a transmisión das emocións a través da expresión facial.

O 5 de novembro, a vítima acudiu a soa a esas clases particulares porque o seu compañeiro tiña unha cita médica. O profesor, segundo sinala o ministerio público, pediulle que se tombase e se relaxara, mentres lle facía unha masaxe co puño pechado pola zona da pube.

Unha semana despois, a menor volveu ao domicilio do seu profesor e volveu ir soa, porque o seu compañeiro estaba nun campionato. O acusado comezou esa clase facendo preguntas á nena sobre a súa vida sexual.

A continuación, pediulle que  sacase o suxeitador porque este “a encorsetaba” e, coa escusa de facer varios exercicios, tocoulle o corpo por encima e por baixo da roupa, a pesar de que a menor lle dixo que estaba “nerviosa e incómoda”. A clase concluíu tras pedirlle o profesor que lle axudase a elaborar unhas facturas, “dicíndoo expresamente que se mantivese sen suxeitador”.

PENAS

Por estes feitos, a Fiscalía atribúe ao acusado un delito de abuso sexual, e pide que sexa condenado a 5 anos de prisión, e que o inhabiliten para exercer toda profesión ou oficio relacionado coa docencia por un período de 8 anos.

Así mesmo, reclama que se lle impoña a prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima durante 8 anos, e que indemnice á prexudicada en 6.000 euros polos danos morais causados.

Marea de Vigo pide ao goberno local que mostre solidariedade cos refuxiados de Moria

O grupo municipal Marea de Vigo fixo un chamamento este luns ao goberno local para que mostre o seu “compromiso real” cos refuxiados tras o incendio no campamento de Moria e tome decisións para apoiar ás persoas vulnerables afectadas por esa traxedia.

A través dun comunicado, Marea de Vigo lembrou que o pleno do Concello aprobou en xaneiro unha moción de apoio á Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas o que, “a efectos prácticos, convertía a Vigo nunha cidade refuxio que debía facilitar o empadroamento a persoas refuxiadas” que chegasen ao municipio, así como outros servizos.

Así mesmo, este grupo municipal recalcou que a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que preside o alcalde, Abel Caballero, aprobou unha declaración institucional para que os concellos teñan recursos para a acollida e integración social deste colectivo vulnerable.

“Nestes momentos, e sen demora, o Concello ten a ocasión de mostrar o seu compromiso real e de pór en valor a presidencia de Caballero na FEMP, declarando Vigo como cidade refuxio”, sinalou Marea.

Por iso, o grupo propuxo que o consistorio olívico contacte coa Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas para coñecer as súas necesidades e demandas; que se ofreza a dar cabida a “unha porcentaxe xusta de persoas refuxiadas”; e que contribúa a “protexer ás familias e, moi especialmente, aos menores que necesiten desesperadamente refuxio e seguridade, executando un programa que, de modo planificado, dea acollida, atención e orientación” a esas persoas.

Investigados catro mozos de dúas bandas rivais de Vigo que protagonizaron unha pelexa en Baiona

A Garda Civil investiga como presuntos autores de varios delitos de lesións a catro mozos de Vigo de entre 20 e 34 anos que supostamente se viron involucrados nunha pelexa ocorrida en Baiona que se saldou con tres feridos.

Segundo detallaron fontes da Benemérita, os feitos tiveron lugar na madrugada do 12 de xullo, cando se rexistrou unha pelexa no parque público da Palma de Baiona por motivos descoñecidos. Tras ter constancia do altercado, unha patrulla de seguridade cidadá desprazouse ao parque, onde identificou os mozos que se atopaban na zona.

Así, solicitou información que permitiu localizar aos presuntos autores das lesións causadas durante a pelexa, que se saldou con tres feridos de distinta consideración que precisaron de asistencia médica.

As investigacións permitiron comprobar que a liorta estivo protagonizada por polo menos unha ducia de mozos domiciliados en Vigo que pertencían a dous grupos distintos. Mediante un intercambio de denuncias por parte dos lesionados, a Garda Civil identificou a catro como presuntos autores materiais das agresións.

Deste xeito, notificouse esta condición a tres deles, de entre 21 e 34 anos, mentres que o cuarto, de 20 anos, foi identificado, pero permanece en paradoiro descoñecido. Así mesmo, as dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución en funcións de garda de Vigo.

Xunta e Porto de Vigo urxen a saída sur ferroviaria: “Estamos en tempo de desconto”

A Xunta de Galicia e o Porto de Vigo anunciaron este mércores o envío do informe sobre a saída sur ferroviaria da cidade olívica e a conexión por tren da terminal portuaria de Bouzas ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, ao que instaron a impulsar esta infraestrutura, que permitirá aumentar o tráfico portuario nun 6 %.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo un encontro de traballo este mércores con representantes portuarios, encabezados polo presidente do Porto de Vigo, Enrique López Veiga, tras o que volveu urxir a construción desa saída sur, con cargo a fondos da UE (Mecanismo Conectar Europa). “Estamos en tempo de desconto”, advertiu.

Ethel Vázquez insistiu novamente na importancia de que o porto conte con esa infraestrutura e coa conexión ferroviaria na terminal de Bouzas, e recalcou que o custo das actuacións, case 500 millóns de euros, está “xustificado” polo “enorme rendemento” que terá.

Na mesma liña, o presidente da Autoridade Portuaria olívica, Enrique López Veiga, sinalou que o Porto de Vigo leva anos demandando esa actuación e que, de feito, en maio de 2019 houbo unha reunión con Adif na que o administrador ferroviario “dixo que ía facer o estudo informativo”. “Pero o estudo non está feito”, constatou.

Segundo afirmou, o Porto “pode ir tirando uns anos máis”, pero o transporte marítimo “necesita un compoñente grande de intermodalidade”. “Xa non hai escusas (…), non se pode perder máis tempo. Galicia non pode esperar máis, e Vigo moito menos”, aseverou López Veiga.

ACCESOS Á ESTACIÓN DE URZÁIZ

Por outra banda, e a preguntas dos medios, a conselleira referiuse á construción dos accesos á nova estación do AVE en Urzáiz, e sinalou que, a pesar das manifestacións da presidenta de Adif ou do alcalde de Vigo, aínda non se aprobou a ‘addenda’ ao convenio para esa actuación.

“Cada vez estamos máis preocupados pola prolongación deste bloqueo indefinido, levamos desde marzo esperando a firma da ‘addenda’, e non chega”, lamentou Ethel Vázquez, quen insistiu en que esta circunstancia entorpece as obras da terminal de buses que executa a Xunta e atrasará a posta en marcha do Centro Vialia.

Así mesmo, a responsable de Infraestruturas e Mobilidade do goberno galego recalcou que a Xunta tampouco ten “información certeira” sobre a chegada do AVE, que leva un “atraso acumulado”.

Ábalos ficha un directivo vigués de Ineco para a Dirección Xeral de Planificación Ferroviaria

O Goberno designou a Casimiro Iglesias (Vigo, 1959), actual director de Negocio Nacional de Ineco, para que se poña á fronte da nova Dirección Xeral de Planificación e Avaliación da Rede Ferroviaria do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

A nova Dirección Xeral, ‘herdeira’ da ata agora Dirección Xeral de Ferrocarril, é froito da nova política do Ministerio, máis centrada na mobilidade e o transporte que na construción de novas infraestruturas.

O novo director xeral, de 61 anos de idade e enxeñeiro de camiños, conta cunha ampla traxectoria no Departamento, primeiro no Ministerio e, posteriormente, en Ineco, a consultora pública dependente do mesmo.

No ata agora denominado Ministerio de Fomento, Casimiro Iglesias ocupou entre 1994 e 2009, entre outros cargos, os de director técnico da Subdirección Xeral de Plan de Infraestruturas, xefe do Gabinete Técnico do Secretario Xeral de Infraestruturas ou o de director xeral de Planificación e Coordinación Territorial.

En 2009 Iglesias incorporouse a Ineco onde, desde 2018, exercía como director xeneral de Negocio Nacional. Previamente, ocupou os postos de director de Consultoría, de director de Negocio Intermodal, e de Negocio Aeronáutico e Intermodal, entre outros.

Golpe ao narcotráfico en Baiona

0

A Garda Civil desarticulou na localidade pontevedresa de Baiona dous “importantes” puntos de venda de drogas situados nun edificio situado nunha céntrica rúa do municipio, polo que foron detidas oito persoas e investígase a unha novena como presuntos autores dun delito contra a saúde pública por tráfico de drogas.

Así, tal como indicou nun comunicado a Benemérita, entre os detidos figuran os responsables de ambos os puntos de venda, que se trata de dous curmáns que vivían en dous pisos distintos que están situados no mesmo edificio, onde se incautaron diversas cantidades de sustancias estupefacientes, básculas de precisión e teléfonos móbiles.

A operación, denominada ‘Pufa-II’, iniciouse o pasado verán despois de que un destes dous curmáns fora sorprendido no mes de xuño cando realizaba unha transacción de droga nas proximidades do seu domicilio.

Ao comprobar que continuaba dedicándose á mesma actividade, iniciouse unha nova investigación na que se puido constatar que no mesmo edificio vivía o seu primo que, supostamente, tamén se dedicaba polo miúdo de estupefacientes.

DETENCIÓN

“Despois de varios meses dunha complexa investigación, a pasada semana púidose interceptar e deter a un deles en pleno centro urbano de Baiona cando estaba a realizar unha venda.

Con este arresto, activouse a fase de explotación da operación, que levou á detención do seu primo e ao rexistro domiciliario nas dúas vivendas, onde se incautaron distinta cantidades de estupefacientes: cocaína, haxix, marihuana, metadona, así como 10 teléfonos móbiles, entre outros elementos .

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed