Inicio Blog Páxina 1950

Excarceran ao condutor dun camión tras envorcar en Vigo

0

Os Bombeiros de Vigo excarceraron ao condutor dun camión que resultou ferido tras quedar atrapado no interior do camión, segundo informa o servizo de emerxencias 112. Ao redor das 11,00 horas deste luns, un particular avisaba dun camión de obra envorcado despois de saírse da vía na VG-20, á altura de Beade, dirección Baiona, no concello de Vigo.

No seu relato, advertía de que o condutor podía estar atrapado no interior do vehículo. O 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos bombeiros.

Así mesmo, foron informados os axentes de Tráfico, da Policía Local, os efectivos de Protección Civil e o persoal do servizo de mantemento da autovía. Unha vez no punto e tras ser liberado, os servizos sanitarios confirmaron o seu traslado ao centro hospitalario.

Pontón carga contra que Abel Caballero e Feijóo polas súas leas sobre o futuro industrial de Vigo

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lamentou este venres a “confrontación estéril” entre o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que deberían estar “a cooperar lealmente” para frear a crise industrial desta comarca, e expuxo varias propostas para apontoar o futuro dun dos “pulmóns” económicos de Galicia.

Así o trasladou tras manter unha reunión en Vigo con delegados sindicais de sectores como a automoción ou a construción naval, e advertiu de que hai problemas nestes ámbitos que, “lonxe de solucionarse, están a agravarse coa crise da Covid”.

A líder nacionalista incidiu en que non hai plans para adaptar a industria á transformación da automoción, nin “proxectos de calado” para aproveitar os fondos Next Generation e “deixar atrás o declive industrial” de Vigo e a súa área. Á marxe disto, recalcou que o “principal problema da industria de Vigo é político”.

A ese respecto, censurou a “confrontación constante e estéril” entre o alcalde e o presidente da Xunta, que “deberían estar a traballar man a man, cooperando lealmente para sacar a Vigo desta crise”. “O paroxismo desta confrontación vímolo coa guerra do izado da bandeira azul (en Cíes). Mentres nos teñen entretidos con estas batalliñas de bandeiras, quen paga as consecuencias son os cidadáns”, apuntou.

PROPOSTAS

Fronte a esta situación, Ana Pontón expuxo as propostas do BNG para apontoar o futuro industrial da comarca, e que pasan por crear unha mesa da automoción, que desemboque na elaboración dun Plan Galego de Automoción; unha aposta por novos proxectos, tras ver que “se tira a toalla” con respecto á planta de baterías; ou medidas para evitar a deslocalización de empresas.

“Cal é a proposta económica de Feijóo para esta cidade? Ningunha”, proclamou, á vez que reclamou unha “tarifa eléctrica galega” para incentivar os investimentos e implantación de empresas, e medidas para fortalecer a formación dos traballadores.

Con respecto ao naval, Pontón advertiu de que “hai que sacar do pozo” dous estaleiros emblemáticos, como son Barreras e Vulcano, que necesitan “apoio público”, e reclamou unha aposta pola implantación na ría dun centro de reparacións navais.

Varios detidos e rexistros nun operativo contra o narcotráfico en diferentes localidades galegas

Un operativo contra o narcotráfico, desenvolvido de forma conxunta por axentes de Policía Nacional e Garda Civil, saldouse con varias detencións e rexistros en diferentes puntos de Galicia, e non se descartan novos arrestos, segundo informaron fontes coñecedoras da investigación.

Trátase dunha actuación coordinada desde un xulgado de Ferrol e este martes entrou en “fase de explotación”, coa detención de varias persoas (polo menos un home na zona de Arousa e outro en Vigo), así como diferentes rexistros en Vilanova de Arousa, Vigo, Ridadumia, Santa María de Oia ou Sanxenxo.

No marco destas actuacións, que foron declaradas secretas polo xulgado, prevense varias detencións, e os rexistros poderían ampliarse ás zonas da Coruña e Ferrol.

Afundación nega a venda do seu edificio en Vigo que “forma parte do patrimonio cultural galego”

Obra Social de Abanca trasladou que a Sede Afundación de Vigo, situada na rúa Policarpo Sanz 24-26, é “un edificio esencial para a acción social e cultural” da entidade na cidade olívica, e que Afundación “non se expuxo a súa venda en ningún momento”.

De feito, ante informacións publicadas en relación á posible venda deste inmoble, o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, informou ao Padroado da entidade de que “non está en absoluto en consideración unha medida deste tipo“. “Nunca nolo expuxemos, nin se considerará vender ou ceder a terceiros. É un patrimonio cultural galego ao que nos dedicamos en corpo e alma”, dixo.

“A Sede de Afundación en Vigo é a sede da nosa Xerencia e a base da nosa acción social e cultural. Ademais, desde este centro, nunca abandonaremos o noso compromiso social, cultural e educativo e moitísimo menos para mercantilizalo como centro de negocios despois dunha crise social e sanitaria. É algo que nos resulta inaceptable”, subliña Miguel Ángel Escotet, nun comunicado.

Na devandita nota incídese en que a Sede de Afundación en Vigo é “un inmoble prioritario para a actividade da entidade” en Vigo. Non en balde, ademais de ser a sede da súa Xerencia, dunha parte substancial dos servizos centrais da entidade, do Espazo+ 60 Afundación, a Colección de Arte ou o Centro Interactivo de Educación Ambiental Naturnova, alberga anualmente múltiples propostas sociais e culturais, impulsadas por Afundación e outras institucións, entidades ou empresas, que teñen tamén un referente neste espazo.

Ausencia de autocrítica nun Feijóo que culpa a Pedro Sánchez da evolución da pandemia en Galicia

0

A reunión que o venres manterán o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o seu homólogo estatal, Pedro Sánchez, marcou a comparecencia na Cámara do mandatario galego, quen aproveitou para buscar o apoio dos grupos políticos ás propostas que levará á Moncloa, entre duras críticas ao Goberno estatal por “non xestionar nin deixar xestionar” a pandemia. Unhas propostas que, curiosamente, non negociou con socialistas e nacionalistas.

Durante a súa comparecencia para explicar os efectos desta terceira onda da pandemia, Feijóo defendeu a súa xestión e a toma de medidas, entre elas as últimas restricións, que entraron en vigor ás 00,00 horas deste mércores.

Mentres os líderes da oposición —Ana Pontón (BNG) e Gonzalo Caballero (PSdeG)— afeáronlle a súa “falta de autocrítica” e a súa estratexia de “confrontación”, Feijóo replicou que “mentres sexa presidente” atenderá antes ás recomendacións do comité clínico que ás que lle formule calquera partido político. E volveu a insistir en que o confinamento xeral que tería “terribles” consecuencias económicas e sociais, polo que debe ser “o último recurso”.

En todo caso, para non xerar “falsas expectativas” a unha “sociedade madura” como a galega, admitiu que non pode pechar a porta a que haxa que endurecer máis as medidas e advertiu que, aínda que os datos galegos de taxa de mortalidade e presión asistencial, por exemplo, son aínda “mellores” que os do conxunto estatal, a Xunta “non dubidará en aplicar medidas máis rigorosas” se é “imprescindible”.

E el, engadiu, dará a cara ante os galegos para anuncialas. Farao porque é o presidente –dixo– dun Goberno “no que ninguén se esconde”. No polo oposto situou ao Executivo que dirixe Pedro Sánchez, ao que instou a “asumir as súas responsabilidades”, xa que “toda España atópase no pico da terceira onda”.

“CONFRONTACIÓN” E “FALTA DE AUTOCRÍTICA”

Pola súa banda, tanto a líder do BNG, Ana Pontón, como o secretario xeral do PSdeG coincidiron ao críticar que Feijóo acuda de novo á “confrontación” co Estado e a culpabilizar á cidadanía para eludir as súas “responsabilidades” na xestión da pandemia. Fronte a iso, emprazáronlle a “anticiparse” e a “porse a gobernar”.

A líder nacionalista, que alertou da gravidade dos datos, censurou que “o primeiro” que fixese Feijóo despois do Nadal fose “botar a culpa” aos galegos da situación “sen facer autocrítica” e reprochoulle que “non fose capaz de pór sobre a mesa a única medida que é capaz de cortar de raíz” os contagios que, na súa opinión, pasa por “un confinamento de dúas semanas”, ampliable.

O socialista, que censurou a “soberbia” mostrada por Feijóo e chamoulle a “baixarse do pedestal”, cargou contra a “política do anuncio continuo” do mandatario galego, a quen lle gusta, dixo, “porse as medallas cando as cousas van ben”, pero despois pon o foco na actuación doutras administracións, sobre todo do Goberno, así como na propia cidadanía.

Os efectos do Nadal: a área de Vigo triplica xa a taxa de positividade recomendada pola OMS

As cifras da pandemia empeoran en Galicia este xoves en todos os parámetros. Un día despois do fin das festas do Nadal, soben os ingresados, os positivos diarios e os casos activos. Todo iso nunha xornada na que a taxa de positividad roldou o 10% das case 8.000 probas realizadas en 24 horas. Unha taxa de positividade que en Vigo é case do 17%, máis de tres veces o recomendado pola OMS.

Todo iso extráese do balance de datos da pandemia que publica na mañá deste xoves a web da Consellería de Sanidade, que apunta un incremento de 20 pacientes máis hospitalizados no conxunto das áreas sanitarias galegas, aínda que o número de persoas en UCI mantense en 57.

Dos 639 novos positivos detectados nas últimas 24 horas, as áreas de Vigo, A Coruña e Santiago achegan a maioría dos contaxios. Así, foi na zona de influencia da cidade olívica onde se deron máis diagnósticos con 181 casos –91 máis-–

Na actualización de datos da pandemia destaca o incremento das hospitalizacións respecto da xornada anterior. Hai agora 419 persoas ingresadas con covid-19 nos hospitais galegos, 20 máis que un día atrás; aínda que a pacientes UCI mantéñense en 57. En Vigo hai  59 novos casos (+5) con 14 pacientes críticos (+1).

A farmacéutica do Porriño Zendal denuncia ter sido estafada “nunhas transaccións financeiras”

0

O grupo farmacéutico Zendal, cuxa planta do Porriño producirá unha das vacinas contra o COVID-19, denunciou ante a Garda Civil unha estafa mediante a suplantación da súa identidade en “unhas transaccións financeiras” da compañía.

Segundo confirmaron fontes do Instituto Armado e da propia empresa, hai uns días detectouse esa suplantación de identidade, coñecida como ‘phising’, mediante a cal unha persoa allea á empresa fíxose pasar por un responsable da mesma para ordenar unha serie de transferencias de diñeiro non explicitada. Zendal explicou, a través dun comunicado, que axiña que se detectou ese delito informático, púxose en coñecemento da Garda Civil mediante unha denuncia.

“Actualmente hai unha investigación aberta, polo que entendemos que é o momento de deixar traballar aos profesionais para esclarecer o sucedido e esixir as responsabilidades oportunas”, trasladaron desde a farmacéutica, e optaron por “ser cautos e non entrar en valoracións”.

En todo caso, a empresa sinalou que o persoal do grupo segue “traballando con normalidade en todos os desenvolvementos biotecnológicos” que teñen en carteira, “unha parte deles centrados na investigación contra o COVID-19”.

Vigo é dos concellos que antes pagan a provedores

0

Vigo figura entre os concellos de España que antes pagan a provedores mentres que Ourense está no lado oposto, entre os que máis se demoran en abonar as súas facturas, segundo as cifras ofrecidas pola Federación nacional de Asociacións de Traballadores Autónomos ATA.

ATA denunciou que os concellos triplican de media o período legal de pago a provedores, que está establecido en 30 días, de acordo cun novo informe sobre os períodos medios de pago nas administracións.

En concreto, a Administración Central cumpre os prazos, a autonómica non os cumpre pero excédese en só tres días e son os concellos, de media, os que máis tarde pagan aos seus provedores, triplicando o período legal de pago, que se establece en 30 días.

Así, a media dos períodos de pago da Administración Central é de 29 días e reduciuse nun día desde xuño de 2019 a xuño de 2020; as administracións autonómicas pagaban en xuño de 2020 de media en 33 días, 3 días antes que en xuño de 2019 e son as locais as que pasaron de pagar en xuño de 2019 en algo máis de dous meses (66 días) a facelo en tres meses e unha semana (99 días).

“É terrible que nestes momentos e cos anos que levamos reclamando tolerancia cero coa morosidade, que aínda de media a administración autonómica e a local incumpran os períodos medios de pago a provedores legais”, denuncia o presidente de ATA, Lorenzo Amor.

Para ATA, os autónomos, que son os principais provedores da administración local, necesitan nestes momentos tan complicados liquidez, e con todo, moitos destes concellos “están a financiarse á conta dos seus autónomos”.

Por iso, Amor reclamou unha vez máis un réxime sancionador para toda aquela administración que incumpra a lei, do mesmo xeito que se sanciona a calquera cidadán cando incumpre o período de pago que establece a Administración.

O alcalde critica o “descaro” de Feijóo ao anunciar accións en Vigo en precampaña tras anos “sen facer nada”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, denunciou este xoves o “absoluto descaro” da Xunta de Galicia, por anunciar, en vésperas dunhas eleccións autonómicas, varias actuacións na cidade, tras “11 anos sen facer nada”.

En declaracións remitidas aos medios, o rexedor olívico criticou que o goberno galego anuncie a licitación do proxecto para construír un Centro Integral de Saúde nun dos edificios dos actuais xulgados (que quedará baleiro cando se inaugure a nova Cidade da Xustiza).

A ese respecto, o alcalde non só lembrou que o inmoble segue albergando actividade xudicial, senón que vai seguir así “durante anos, porque a Cidade da Xustiza vai moi atrasada”. “Anuncian algo para despois de eleccións, e algo de dubidosa eficacia”, incidiu.

Con respecto á estación de autobuses da Avenida de Madrid, onde a Xunta anunciou que construirá un centro de día e unha escola infantil, Abel Caballero lembrou que a administración galega “non fixo nin un só centro de día, nin escola infantil nos últimos 11 anos”. “E a un mes das eleccións anuncian un para dentro de 4 ou 5 anos, porque aínda teñen que acabar a nova estación de autobuses (no complexo intermodal de Urzáiz)”, apostilou.

“No goberno de Vigo temos as ideas claras. Falaremos con quen gañe as eleccións para saber que se vai a facer nos xulgados (…) e que se fai na estación de autobuses, que é propiedade do Concello. Ten que ser algo dialogado”, proclamou o alcalde, quen cualificou os anuncios da Xunta como “unha tomadura de pelo colosal” á cidade, “sen credibilidade”.

Pontón critica o “ego” de Caballero e defende o legado do BNG cando gobernou en Vigo

0

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou este luns en Vigo a “pegada” que a formación nacionalista deixou na cidade cando tivo responsabilidades de goberno local, e pediu o apoio dos cidadáns para que ‘o bloque’ “entre con forza” no Concello olívico e acabe coa “pelexa de egos” entre Abel Caballero e Núñez Feijóo.

Así o manifestou, en declaracións aos medios, tras participar, xunto co candidato á Alcaldía, Xabier P.Igrexas, nun encontro con responsables de COGAMI no barrio de Navia. Ana Pontón puxo este barrio como exemplo da falta de servizos públicos pola confrontación na que “están instalados” o alcalde da cidade e o presidente da Xunta, e que acaban pagando os veciños con falta de dotacións sociais e educativas. “A entrada do BNG no Concello con forza significaría unha aposta moi clara pola política do diálogo, por deixar atrás a confrontación, porque Vigo se constrúe tendendo pontes e non coa confrontación estéril“, sentenciou.

Así mesmo, Pontón incidiu en que o BNG ten un modelo municipal “propio” “que funciona”, fronte a outros partidos en Galicia que actúan como “franquías”: “imitan” o que se fai noutros lugares ou “impoñen políticas fracasadas”.

A ese respecto,lembrou a “pegada” que o nacionalismo deixou en Vigo, cando o BNG ostentaba a Alcaldía olívica ou tivo presenza nos gobernos municipais e apostou pola rehabilitación do Casco Vello, a recuperación e humanización de barrios como O Calvario, ou as políticas de vivenda pública.

ACCESIBILIDADE

Pola súa banda, o candidato á Alcaldía, Xabier P.Igrexas explicou, tras a reunión con COGAMI, que o BNG quere unha cidade “de iguais, inclusiva” e por iso prometeu reactivar o Consello Municipal da Accesibilidade e darlle capacidade de codecisión e participación, non como mero órgano deliberativo “ornamental”.

Unha das primeiras tarefas que abordaría o Consello, explicou sería a elaboración dun novo Plan Municipal de Accesibilidade, no que se recollan medidas transversais para favorecer a inclusión de persoas con diversidade funcional.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed