Inicio Blog Páxina 1945

As zonas francas de Vigo e Barcelona exploran novas vías de cooperación

Os delegados das zonas francas de Vigo e Barcelona, David Regades e Pere Navarro, trasladaron este mércores a súa intención de apontoar alianzas e reforzar a súa cooperación futura, tal e como trasladaron tras manter unha reunión de traballo na cidade olívica.

Tras o encontro, o delegado do Estado na Zona Franca de Vigo lembrou que, nos últimos 15 meses, ambos os organismos xa foron capaces de colaborar na posta en marcha dunha ferramenta tecnolóxica para axilizar os trámites aduaneiros.

No futuro, subliñou David Regades, as zonas francas fortalecerán a súa colaboración en ámbitos como a economía sustentable, o apoio á industria (especificamente na área da automoción) ou os obxectivos de desenvolvemento sustentable.

Pere Navarro, pola súa banda, subliñou o papel das zonas francas de Vigo e Barcelona como “motores impulsores de novas oportunidades” e “punta de lanza” no desenvolvemento económico do territorio.

Entre as vías de colaboración, o delegado do organismo catalán apuntou a posibles intercambios nas aceleradoras de empresas, así como na presenza de ambas as zonas francas en feiras e eventos.

NOVO GOBERNO

Finalmente, cuestionados ambos os delegados sobre a investidura e a conformación do novo Goberno de España, celebraron o fin da situación de interinidade no Executivo.

Regades apuntou que é “moi necesario” un novo goberno para poder avanzar en iniciativas como a oferta para acoller en Vigo unha planta de baterías, ou o desenvolvemento de chan industrial.

Pere Navarro, pola súa banda, sinalou que as zonas francas deben ser “espazos de consenso político, económico e social”, e valorou que o presidente Pedro Sánchez e o seu Goberno son “especialmente sensibles” coa axenda 2030 e cos obxectivos de desenvolvemento sustentable, que estes organismos estatais teñen no seu horizonte.

Veciños do Calvario piden ao Concello que manteña e mellore o parque de Matías para uso canino

Os donos de cans do Calvario reuníronse esta semana en asemblea para reclamar que se manteña o parque de Matías como espazo verde aberto ás súas mascotas, ante o plan do Concello de crear un macroparque infantil nesa área.

Segundo o colectivo animalista e ecoloxista Distopía, que apoia os residentes que teñen mascotas, estes “non se opoñen” ao proxecto do Concello, “o único que queren é que se respecte a zona actual que hai para animais e que se faga segundo as ordenanzas, con  valado, fonte para refrescarse, algún xogo canino, papeleiras para recoller as feces…”.

Os veciños consideran que a oferta de parques infantís na zona xa é ampla, con seis zonas específicas para os cativos: na intersección da rúa Martínez Garrido con Portela, dous máis en Jenaro de la Fuente –fronte ao instituto e outro na praza de Maruja Mallo–, na finca Matías zona inferior, outro na rúa Aragón con Redomeira e tamén en Párroco Jose Otero, preto da igrexa de Fátima. Pero insisten que “non se opoñen ao novo proxecto”, senón que piden que “xa que temos a cidade máis bonita do mundo, teñamos tamén a cidade máis bonita do mundo en benestar animal”, reclaman desde a portavocía da asemblea, que foi, din, “multitudinaria”.

Os veciños calculan que aproximadamente uns 70 propietarios de cans utilizan este espazo cada día. Agora iniciarán unha recollida de sinaturas en distintas zonas da cidade e farán concentracións cun “toque artístico” para reivindicar o dereito dos seus animais a gozar dun espazo aberto para eles.

Portugal quere atraer á industria do automóbil do sur de Pontevedra con I+D+i

Hai unha semanas o Grupo ISQ inauguraba un novo Laboratorio en Monção. O seu obxectivo é converterse no maior laboratorio de ensaios ambientais de compoñentes de automóbil de Europa. Unha inauguración na que estivo o Secretario de Estado da Economía de Portugal, João Correia Neves. E é que o Goberno luso leva meses traballando nunha nova estratexia industrial que pasa pola captación de grandes empresas ofertando ventaxas fiscais e parcelas industriais a moi baixo prezo.
“A creación de entidades e infraestruturas deste tipo en Portugal e proxectadas desde o inicio cunha vocación internacional, son cruciais para a atracción de investimento directo estranxeiro para Portugal pois ofrecen solucións integradas e con valor engadido para quen se quere instalar en Portugal”, apuntaba Pedro Matias, presidente do Grupo ISQ na inauguración desta planta. Toda a información en Galicia Confidencial.

Afundación anuncia o programa dunha nova tempada de música clásica

Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta unha nova Tempada de Música Clásica, que se desenvolverá entre os meses de febreiro e maio en colaboración coa Sociedade Filarmónica de Vigo.

Inclúe seis concertos a cargo da Real Filharmonía de Galicia, e as actuacións de Vox Stellae Ensemble e o Dúo Ara con West Side Story. Os abonos veñen de saír á venda este martes 18 de decembro e estarán dispoñibles ata o 16 de xaneiro de 2019 na web Ataquilla. com ou no teléfono 902 504 500.

Ademais do aforro que supón o abono, un 20% con respecto aos prezos dos billetes individuais, a Obra Social de ABANCA conta cunha política de bonificacións e descontos para persoas desempregadas, xubiladas e mozas que comporta unha rebaixa adicional dun 10% no prezo dos abonos.

Todos os recitais incluídos na Tempada de Música Clásica terán lugar no Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13) ás 20.00 horas. Abrirá esta tempada a Real Filharmonía de Galicia o mércores 6 de febreiro baixo a batuta de Paul Daniel.

A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá cinco concertos máis os días 27 de febreiro, dirixida por Jonathan Webb; 15 de marzo, con Baldur Brönnimann á batuta; 4 de abril, dirixida novamente por Paul Daniel; o 26 de abril dirixiraa Eun Sun Kim e o 9 de maio Wayne Marshall.

O BNG define a visita do Ministro de Fomento a Vigo como “fogos de artificio” e “bluff electoral”

Para o BNG de Vigo a visita do ministro de Fomento á cidade olívica foi un “bluff electoral”. O candidato do Bloque ás vindeiras eleccións municipais, Xabier P. Igrexas, lamentou a falla de concreción nos compromisos.

“O ministro Ábalos só trouxo a Vigo fume vello, con promesas sen concretar, reiterando o mesmo guión dos gobernos anteriores. Promesas, boas palabras, anuncios de estudos, pero nada concreto nin real”, criticou.

Desde a fronte nacionalista denunciaron que a visita do ministro, “que tivo máis un carácter preelectoral que institucional”, se saldase sen ningún resultado verificábel. “Novamente vemos como o Goberno español limítase a prometer que vai facer informes pero máis nada”, dixo Pérez Igrexas en alusión á demanda veciñal de conversión en tramo urbano da AP9 desde as Torres de Padín, e non desde Bos Aires como apuntou o ministro.

AP-9 / Miguel Núñez.

En relación á autoestrada, para Igrexas resultou “moi indicativo que Ábalos fuxise de concretar nada a respeito de cando se vai quitar a peaxe entre Rande e Redondela, nin por suposto sobre a transferencia da AP-9 para que pase a ser de titularidade pública galega”. Tampouco se puxo acima da mesa “nada substancial” sobre a autovía alternativa á A-55 que une a cidade co Porriño.

En relación á conexión directa en tren de alta velocidade coa Meseta, o candidato nacionalista reprochou que novo goberno “repita os mesmos anuncios ocos” que o anterior.

“O ALCALDE EN LUGAR DE DEFENDER OS INTERESES DA CIDADE CELEBROU OS FOGOS DE ARTIFICIO DO MINISTRO”

“Agora falan novamente da variante de Cerdedo, pero para dicir que hai que facer un novo informe ambiental que é maneira técnica de dicir que a cousa vai seguir indo para longo. Por iso resulta ofensivo que volvan insistir no prazo do ano 2020. Quen pode crer que iso é algo máis que un novo patadón para adiante?”, reprochou Igrexas.

Aliás, a fronte nacionalista volveu poñer o foco na ausencia “total de respostas” en relación a cuestións tan importantes e urxentes como a mellora da conexión de media distancia, a posta en marcha do tren de proximidade (cercanías) ou a conexión sur con Porto.

“O compromiso con Vigo onde se ten que facer constar é no BOE, con decisións concretas, con financiamento e con execución do decidido” enfatizou o candidato nacionalista, quen lamentou que Abel Caballero “en lugar de defender de verdade os intereses da cidade celebrase os fogos de artificio do ministro”.

Detido un home ebrio e sen carné en Beade tras provocar un accidente ao saírse da vía

Ás 00:20 horas da madrugada deste martes, axentes da Policía Local acudiron á rúa Falcoido á altura do numero 42 ( Beade), debido a un accidente de tráfico no que se viu implicado un turismo tras unha saída de vía.

Unha vez no lugar os actuantes comprobaron que o condutor ademais de presentar claros
síntomas de atoparse baixo os efectos do consumo de bebidas alcohólicas, tamén carecía de permiso de conducir.

Tratábase dun varón de 56 anos de idade, o cal tras realizar a proba preceptiva de determinación do grado de impregnación alcohólica, esta arroxou un resultado positivo que superou o limite penal establecido. Devandito varón foi encartado en dilixencias xudiciais en calidade de investigado por dous presuntos delitos contra a Seguridade Vial.

Vídeo: O can que resume na súa mirada triste a traxedia de Tui

0

Os seres humanos, entre outras virtudes e defectos, temos o don da expresividade, mais non é exclusivo noso.

De tal xeito, que o rostro que representará a catástrofe de Paramos para moita xente será o deste canciño desamparado, case inerte como a ruína que o rodea, morto de medo, igual que calquera na súa situación, tras vivir un estoupido semellante en primeira liña.

Unha das imaxes que ogallá servan para concienciarnos de que algo semellante non pode volver a ocorrer, nin en Galicia nin en calquera outro lugar.

 

O crecemento da columna de fume que afogou Paramos, en vídeo

0

O pasado mércores Galicia viviu unha das súas maiores traxedias nos últimos anos, pola que morreu un matrimonio, foron feridas 37 persoas e resultaron danados os bens de máis de 300 veciños. 

Todo pola explosión da dinamita que estaba almacenada nun alpendre anexo ás casas. Ao estoupar, sentiuse o son en gran parte da Provincia e o fume, como podemos ver neste vídeo, ascendeu e estendeuse con gran forza. Foi unha explosión de enormes magnitudes que, de ter acontecido noutro horario, podería ter sido aínda máis devastadora.

O falecemento dun home en Vigo eleva a 2.650 as vítimas da pandemia en Galicia

O falecemento dun home de 91 anos no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), diagnosticado con covid-19, eleva a 2.650 as vítimas mortais rexistradas en Galicia por mor da pandemia.

O falecido era usuario da Residencia Clece Vitam Pardo Bazán de Vigo e presentaba patoloxías previas.

As autoridades sanitarias informaran do último óbito vinculado coa pandemia o pasado xoves 21.

Piden reforzar a produción de microchips en Europa para evitar parálises como a de Stellatis

A Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia, Asime, volveu a facer un chamamento ás autoridades da UE e dos países membros para que aposten pola implantación de factorías de transformación de materias primas e de produción de tecnoloxías que atenúen a dependencia doutros países, e poder así “paliar” os efectos da chamada ‘crise dos microchips’.

Así o trasladou, en declaracións aos medios, o secretario xeral da asociación, Enrique Mallón, quen constatou que eses problemas de aprovisionamento de tecnoloxías como os semiconductores (microchips) están a afectar non só á automoción, senón tamén a outras industrias, como a aeronáutica ou a fabricación de maquinaria especial.

Respecto diso, puxo como exemplo o sector do automóbil, “estratéxico” en España e na UE, e que espera bater marcas en 2021, un obxectivo que xa non se poderá cumprir “a causa exclusivamente” desa crise mundial de chips.

Mallón sinalou que este problema “sobrevindo”, que “sorprendeu” ás empresas, especialmente ás pemes, ten como consecuencia un incremento do diálogo social, posto que as compañías teñen que reforzar o contacto cos representantes dos seus persoais para abordar medidas e adaptarse a esa situación, que se converteu en “un xogo xeoestratégico e xeoeconómico”.

Nese sentido, apuntou que, por regra xeral, os representantes dos traballadores “entenden” que haxa que aceptar certas medidas, porque se creou un escenario “que ninguén buscou” e que impide que as empresas, incluso as máis relevantes, poidan deseñar a súa planificación.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed