Inicio Blog Páxina 1903

Os bombeiros rescatan a un home en Vigo que durmía mentres se incendiaba a súa casa

Un home de 51 anos de idade foi trasladado ao Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo por inhalación de fume nun incendio na súa vivenda. O home non foi consciente do lume e foron os propios bombeiros os que lle espertaron após acceder á casa.

Segundo informou a Policía Local de Vigo, os feitos ocorreron sobre as 4:45 horas deste xoves na rúa Cambeses, onde desprazáronse unha dotación de bombeiros, unha ambulancia do 061 e unha dotación da Policía Local.

O servizo de extinción de incendios informou de que as chamas se orixinaron na cociña, concretamente nun recipiente que supostamente deixou sobre o lume o propietario, quen tivo que ser trasladado ao hospital por afectación por fume.

OUTROS INCENDIOS

Doutra banda, unha patrulla da Policía Local trasladouse sobre as 11:15 horas deste mércores á rúa Sombrereiros xunto a unha dotación de Bombeiros, por outro incendio nun local de hostalaría, do que saía fume das xanelas e o tellado.

Neste caso, o lume produciuse na campá extractora da cociña e propagouse pola cheminea até a terceira planta do edificio. Como consecuencia, unicamente producíronse danos materiais na campá extractora e o teito da cociña e nunha tapa dun contador de auga do segundo piso.

Así mesmo, tamén este mércores, sobre as 21:00 horas, os efectivos de emerxencias sufocaron un lume no interior dun garaxe na rúa Julián Estevez. En concreto, orixinouse no motor dun turismo, que foi o único que rexistrou danos materiais.

Os bosques da ría de Vigo, 45.000 anos atrás

 Como eran os bosques primixenios da ría de Vigo? Como evolucionaron nos últimos 45.000 anos? Investigadores das universidades de Vigo e de Santiago veñen de presentar parte dos resultados do proxecto ‘Avaliación e contextualización de reservorios de metano da rías galegas con relación ás variacións no nivel do mar e os cambios ambientais durante o pos-glaciar’.

Nel, debuxan unha historia en catro episodios e explican a desaparición do carpe (Carpinus betulus L.), unha árbore caducifolia común en Europa e Asia Menor pero da que apenas existen na actualidade unhas poucas poboacións ibéricas.

Precisamente, a revista Vegetation History and Archaeobotany vén de publicar un artigo que recolle algúns resultados deste estudo, realizado en colaboraron con científicos do Ibader (Instituto de Biodiversidadade Agraria e Desenvolvemento Rural da Universidade de Santiago), da Fundación Ikerbasque, da Universidade do País Vasco, e do Institute of Plant Sciences and Oeschger Centre for Climate Change Research, da Bern Universitëit, informa a UVigo.

Nesta achega, os investigadores céntranse en desvelar que sucedeu coa poboación de carpe: “Antes da última glaciación era bastante común no noroeste ibérico, pero comezou a decaer hai 60.000 mil anos”, apunta o investigador do grupo XM-3 Castor Muñoz.

Para coñecer que provocou esa paulatina diminución, os sedimentos da ría de Vigo ofrecen unha fonte de información importante, xa que durante o último ciclo glaciar (entre 110.000 e 10.000 anos), o nivel do mar estivo situado como mínimo unhas decenas de metros por debaixo do nivel medio actual.

“Moitos dos segredos daquelas épocas quedaron almacenados e preservados en estratos que hoxe están baixo o mar”, explica Castor Muñoz. Así, os sedimentos da ría conteñen poles de Carpinus “en secuencias coherentes e datadas entre hai 60.000 e menos de 9000 anos” que amosan a historia desta árbore, “bastante diferente e moito máis complexa do que se cría”.

HAI 45.000 ANOS

Os investigadores que forman parte deste estudo debuxan unha historia en catro episodios. O primeiro deles sitúase hai 45.000 anos, cando o mar estaba 40 metros por debaixo do nivel actual e apenas penetraba mais aló de Toralla e punta Balea, en Cangas. “Neste escenario, a ría albergaba unha riqueza de ecosistemas que hoxe en día é difícil de imaxinar”, explica Muñoz no diario da UVigo.

Grandes volumes de area fóronse acumulando fronte ás chairas litorais do sur de Galicia e norte de Portugal, formando extensos ecosistemas de praia-duna, “que penetraban cara o interior en forma de dunas fixas e chans areosos colonizados por piñeiros e cimbros costeiros”. Tras estes ecosistemas dunares emerxía o antigo val, cuberto de meandros, marismas, zonas húmidas de transición e breixos costeiros.

Augas arriba, nos leitos fluviais aparecían salgueiros e amieiros, nas marxes máis elevadas destes bosques xa comezaban a aparecer os primeiros carpes. En ladeiras máis altas e soleadas os carpes daban paso a árbores caducifolias como freixos, abeleiras, carballos, etc. esclerófilas como acivros, sobreira ou érbedos.

HAI 20.000 ANOS

Unha segunda etapa sitúanos hai 20.000 anos, no período máis frío do último máximo glaciar, cando o nivel relativo do mar se situou 120 metros por debaixo do nivel actual. Naquel intre, explica Castor Muñoz, “poderíamos ter ido a pé ata as illas Cies” e, cun clima máis frío, a altitude máxima dos bosques descendeu, de modo que moitas das cinturas de vexetación se foron trasladando ao longo do antigo val, en dirección ao mar.

O frío intenso fixo que as faias desaparecesen e, nalgúns puntos das Rías Baixas apareceron bidueirais costeiros. O resto dos tipos de bosque persistiron, incluídos os de carpe, desprazados val abaixo, cara a actual boca da ría.

HAI 10.000 ANOS

Un novo aumento da temperatura trouxo máis cambios, cando a finais da última glaciación a temperatura media estival aumentou uns 6 °C na costa do sur de Galicia. “A fusión dos glaciares provocou unha suba rápida do nivel mariño, e hai uns 10.000 anos o mar comezou a inundar e erosionar as antigas chairas situadas na boca norte da actual ría”.

Hai 9000 anos o mar xa alcanzaba A Guía e este movemento reduciu drasticamente a superficie emerxida nas marxes da ría, en especial os sistemas dunares colonizados por piñeiros e cimbros, e as zonas húmidas e de breixo costeiro.

Tamén aumentou a frecuencia de desbordamento das marxes fluviais e isto favoreceu ás especies que soportan mellor as inundacións frecuentes e prolongadas, como amieiros, salgueiros e freixos, fronte ao carpe, unha árbore máis propia de climas sub-húmidos e temperados ou frescos, que como apunta Muñoz, “unicamente tolera inundacións eventuais e durante períodos curtos”.

Os datos que manexan os investigadores do grupo XM-3 amosan que o carpe sobreviviu á última glaciación nos vales costeiros do noroeste ibérico e que só desapareceu máis adiante, durante os primeiros milenios do Holoceno.

IMPACTO HUMANO DURANTE O HOLOCENO

A cuarta etapa correspóndese coa última parte do Holoceno, cando o nivel do mar foi ascendendo gradualmente ata a súa posición actual. As lamas intermareais, marismas e bosques aluviais fóronse retraendo pouco a pouco ata quedar restrinxidos ás desembocaduras das concas do Verdugo-Oitavén e do Alvedosa-Redondela na zona máis interna; e os ríos Lagares e Miñor na marxe sur.

Os científicos apuntan tamén que o clima rexional, marcadamente oceánico, favoreceu o desenvolvemento e predominio de bosques caducifolios mesotermófilos con carballo, tileiro, freixo, abeleira, bidueiro, pradairo, lamigueiro, castaños, amieiro, salgueiro, etc.

Non obstante, os sinais da transformación humana dos bosques xa comezaron a facerse evidentes no período de Óptimo Climático do Holoceno (hai entre 8000 e 3000 anos), explica Muñoz, e, a partir de entón acentuáronse, “debido a certo deterioro climático e, sobre todo, aos sucesivos cambios culturais das idades de Bronce e Ferro, da romanización, etc”.

Así, o terreo anteriormente forestal pasou a converterse en zonas de cultivos, pastos ou núcleos de poboación e tan só se preservaron algúns bosques de ribeira de amieiros e salgueiros e pequenas superficies de outros bosques de caducifolias mesturadas con coníferas e esclerófilas, polo xeral acantonados nas zonas máis abruptas, inaccesibles ou inhóspitas. Así, o carpe foi convertendo progresivamente nunha árbore marxinal neste área.

En conclusión, os resultados confirman que “os cambios climáticos poden ter efectos drásticos sobre os nosos ecosistemas e biodiversidade e, a partir de aí, sobre todo o que de eles poida depender”.

A Universidade de Vigo aproba a maior OPE da súa historia, 111 prazas

O Consello de Goberno da Universidade de Vigo deu luz verde este mércores á maior Oferta Pública de Emprego da súa historia para persoal docente e investigador (PDI), ao aprobar a convocataria de 111 prazas, das que 23 son para profesor/a contratado/a doutor/a, outras 56 para profesor/a titular e 32 prazas de catedrático/a.

O acordo adoptouse por asentimiento e supón, segundo recalcou o reitor, Manuel Reigosa, dar resposta a algo “que a comunidade universitaria esperaba hai tempo”.

A OPE permitirá eliminar as bolsas de acreditados a catedráticos e catedráticas da universidade e titulares de universidade sen praza. Así, o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos, subliñou que se conseguiu “un reto importante” xa que, desde 2018 ata a actualidade hai 235 persoas esperando por unha praza e, coa OPE de 64 prazas de 2020 e a de 111 aprobada este mércores, autorízanse 224 prazas.

Iso supón, recalcou, “baleirar as listas de acreditados a catedrático e titular, e reducir nun 25 % a lista de espera de contratados doutores e interinos pendentes da convocatoria de praza fixa“. Así as cousas, quedan pendentes 11 prazas para a OPE de 2022, todas elas cunha antigüidade menor de dous anos.

A estas prazas súmanse, por unha banda, as 26 que se crearon para a consolidación de investigadores de alto nivel en prazas de titular e contratado doutor, así como as dúas prazas creadas para atender necesidades especiais (unha de contratado doutor e unha de catedrático); por outro, engádense 24 prazas adicionais de catedrático para persoas que se acrediten nos próximos meses (e que non terán que esperar á seguinte OPE).

FUNCIONARIZACIÓN DE PAS

Por outra banda, o Consello de Goberno da UVigo ratificou o acordo de funcionarización do Persoal de Administración e Servizos (PAS), do que poderá beneficiarse na primeira convocatoria o 71 % de persoal laboral fixo deste colectivo (254 postos dun total de 335).

A xerente da institución académica, Raquel Souto, subliñou a importancia deste acordo, que permitirá “unha mellor xestión dos recuros humanos” e que, segundo o vicerreitor José González Groba, favorece a “estabilidade e a seguridade no emprego”.

O acceso á condición de funcionario do PAS laboral fixo farase en tres fases, que comezan coa integración do persoal no seu correlativo grupo ou subgrupo funcionarial (segundo a titulación), continúan coa creación de escalas e subescalas para catalogar os postos, e acaban coa superación do proceso selectivo previsto no acordo.

Ademais, aprobouse a Relación de Postos de Traballo (RPT) derivada deste acordo e a intención do equipo de goberno da UVigo é nomear unha comisión e presentar unha proposta de convocatoria para a súa negociación, co fin de tela resolta “no primeiro semestre de 2022”.

OUTROS ACORDOS

O Consello de Goberno da institución académica viguesa tamén aprobou as memorias para as solicitudes de verificación do grao e do Máster en Intelixencia Artificial e do Máster de ensino de español como lingua estranxeira ou segunda lingua.

Así mesmo, presentouse, por parte da vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, María Isabel Doval, a Memoria de Responsabilidade Social da UVigo do ano 2020.

Menos pacientes nos hospitais a pesar de que seguen subindo os casos covid na área de Vigo

0

Os novos contaxios de Covid-19 disparáronse en Galicia ata os 253, o que supón unha trintena máis que a xornada anterior, mentres que os casos activos manteñen a súa tendencia ascendente por terceira xornada consecutiva e alcanzan os 2.939, e os pacientes ingresados descenden a 199, cinco menos.

Así se desprende dos datos actualizados na mañá deste venres pola mañá pola Consellería de Sanidade con rexistros ata as 18,00 horas deste xoves, nos que se indica que hai 43 pacientes Covid en UCI na Comunidade galega, dúas máis, e 156 noutras unidades, sete menos.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta lixeiramente nas da Coruña e Cee e Ourense, mentres que se alivia nas de Pontevedra e O Salnés, Lugo e Vigo. Na de Vigo seguen oito pacientes con este coronavirus en UCI e descenden a 29 os doutras unidades –catro menos-.

MÁIS CASOS ACTIVOS

Pola súa banda, os casos activos no conxunto de Galicia aumentaron por terceira xornada consecutiva. En Vigo soben en 34. Deste xeito, a área de Vigo prosegue á cabeza en infeccións activas con 823–

CONTAXIOS EN AUMENTO

No relativo aos novos contaxios disparáronse aos 253, tras superar a barreira dos 200 na xornada anterior con 220, despois de empezar esta semana con 154, baixar a 131 o martes e subir a 188 o mércores. Galicia confirmou 226 positivos por PCR nas últimas 24 horas, dos que 82 corresponden á área de Vigo.

Pola súa banda, a taxa de positividade descendeu lixeiramente a un 2,8 por cento, tras repuntar a un 3,2% o xoves despois de situarse nun 2,3% a xornada anterior e iniciar a semana cun 1,2%. Deste xeito, segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

Morren catro persoas por Covid na área de Vigo

A residencia DomusVi de Carballo tivo catro falecidos nos últimos dous días, un número que volve poñer a este centro no punto de mira tras a discutida xestión da pandemia nas súas residencias durante a primeira onda.

Segundo informou o Sergas nos últimos días –22, 24, 26 e 27 de xaneiro– producironse 29 novos mortos pola covid, unha cifra que volve ser a peor desde abril. Con todo, chama a atención que a Xunta recolla datos de diferentes días a mediados de semana, cando mantén un protocolo de información diario sobre os falecidos e as dificultades para dar a información danse, sobre todo, durante a fin de semana.

Na área de Vigo foron reportados tres falecidos, un home de 60 e dúas mulleres de 90 e 85 que morreron en Povisa. 

Deste xeito, na DomusVi de Carballo reportouse a morte de tres mulleres de 97, 86 e 83 anos e dun home de 77 entre este martes e mércores. A eles súmanse outras seis persoas que tamén morreron en residencias, entre elas unha muller de 51 anos, no CHUAC (procedente da residencia Pai Menni de Betanzos), outra muller de 83 anos na residencia da Pastoriza, unha anciá de 87 anos, no CHUO (procedente da residencia Quercus de Leiro) e un home de 92 anos, no CHUO (procendente da residencia DOMUSVI de Bande). Tamén faleceu outro home de 84 anos, na residencia Stella Maris de Nigrán e unha muller de 96 anos, falece na residencia Quercus de Leiro. 

A Coruña segue sendo a zona con maior falecidos. No Chuac reportouse a morte de seis persoas, dúas mulleres de 90 e 94 anos e catro homes de 88, 77, 66 e 61 anos.  O Sergas tamén informa do falecemento dunha muller de 91 anos no seu domicilio de Laracha, tamén na Área Sanitaria da Coruña.
No Chus de Santiago morreron dúas mulleres de 84 e 87 anos e dun home de 74. En Ourense os falecidos son un home de 60 anos e unha muller de 90 e en Chop de Pntevedra, catro homes de 79, 76, 88 e 77 anos respectivamente.  

Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

O Círculo de Empresarios alerta de que a redución de conexións de Peinador pode afectar á atracción de investimento

O Círculo de Empresarios de Galicia mostrou a súa “máxima preocupación” ante a nova supresión de conexións do aeroporto de Peinador, xa que, segundo alertou, pode afectar á atracción de investimento e talento.

A entidade empresarial cualificou como “moi negativa” a redución das conexións da terminal dada a dificultade que pode levar para a mobilidade dos empresarios da área metropolitana.

Tras lembrar que o aeroporto parisiense Charles de Gaulle “chegou a funcionar como “un auténtico ‘hub’ para a área de Vigo”, lamentou que Peinador “perda posicións no ‘ranking’ aeroportuario español” dado o efecto que pode causar na atracción de investimentos empresariais ou talento do exterior.

Ademais, o Círculo de Empresarios resaltou que o aeroporto vigués foi o que máis pasaxeiros perdeu o ano pasado e no que máis se reduciu o número de operacións, mentres na primeira década deste século chegou a sumar un millón de viaxeiros.

Así as cousas, a entidade remarcou a inquietude que xera no ámbito empresarial a “posible tendencia á baixa” do tráfico aéreo na terminal viguesa a pesar da situación derivada da pandemia.

Máis dun cento de usuarios e traballadores poderían estar contaxiados nunha residencia de Mos

0

Un brote de COVID-19 que foi detectado no centro de Doral Residencias en Mos  sumou decenas de casos positivos entre os seus traballadores e usuarios.

Fontes da Consellería de Política Social confirmaron este venres a Europa Press que se estima que o número de contaxiados vinculados a esta residencia podería situarse en torno ao centenar, aínda que aínda se descoñece a cifra exacta. Polo momento, os datos deste centro residencial, que dispón de múltiples módulos diferentes con varios tipos de usuarios, continúan validándose.

As mesmas fontes precisaron que, entre todos os centros que hai en Doral Residencias, súmanse 217 usuarios, persoas maiores e con discapacidade, e ao redor de 265 traballadores.

Pola súa banda, fontes da residencia Virxe de Guadalupe de Mos aclararon que non se notificou ningún caso de infectados con coronavirus na mesma –despois de que a Xunta informase por erro de casos neste centro–.

Seguen aumentando paseniñamente os casos na área de Vigo que xa ten 185

0

Os casos activos de COVID en Galicia proseguen en aumento este xoves, con 141 máis, e sitúanse en 2.939, despois de incrementarse os contaxios en todas as áreas sanitarias galegas. Un incremento de casos que leva sendo importante na última semana cunha media de case 200 casos ao día.

Así se desprende dos datos actualizados este xoves pola Consellería de Sanidade, que indican que do total de pacientes positivos, 12 seguen en UCI –un menos que este mércores–, 95 atópanse en unidades de hospitalización convencional –11 máis–, e 2.832 en seguimento domiciliario –131 máis respecto da xornada anterior–.

Dos 2.939 casos activos, 1.304 corresponden á área da Coruña e Cee –29 máis que este mércores–; 482 á de Lugo –41 máis–; 404 á de Santiago –22 máis– 185 á de Vigo –oito máis–, 179 á de Pontevedra e O Salnés –14 máis–; 266 á de Ourense –23 máis–; e 119 á de Ferrol –catro máis–.

Sanidade sinalou que, ata o momento, curáronse en Galicia 12.183 persoas, 97 máis que a xornada pasada. Desde o inicio da pandemia morreron con COVID-19 en Galicia 635 persoas, das que 279 eran usuarios de centros residenciais. Destes últimos, 135 afectados faleceron dentro de centros xeriátricos, a última este mércores, unha muller de 93 anos en Orpea Culleredo.

Do total de 2.939 casos activos na Comunidade galega, este xoves 139 están vinculados a centros residenciais, en relación a 99 usuarios e 40 traballadores. O número de PCR realizadas ata a data na Comunidade galega ascende a 317.307 fronte ás 312.766 contabilizadas ata este mércores, segundo os datos actualizados por Sanidade.

A área de Vigo, o único lugar de Galicia onde baixan os casos da Covid

0

O número de casos activos de COVID-19 en Galicia superou este sábado a cifra de 2.000, tras sumarse 153 e situarse a cifra en 2.148, de acordo cos datos do Servizo Galego de Saúde, que mostran que a área sanitaria da Coruña-Cee segue sendo a máis afectada, con 1.167 contaxiados na actualidade, máis da metade do total.

Todas as áreas sanitarias, salvo a de Vigo, cun caso activo menos que o venres e 143 en total, crecen no número de persoas actualmente infectadas co coronavirus. Na Coruña figuran 53 casos máis que hai 24 horas, mentres que Santiago rexistrou o segundo maior ascenso, ao pasar de 130 a 172 –42 máis–.

En Lugo, que ten 278 casos activos, o incremento é de 24; mentres que en Ourense o total é xa de 198 –19 máis que o venres–; en Ferrol son 97 –oito máis– e en Pontevedra, a área cunha cifra máis baixa, son 96 –11 máis–.

Ademais, de acordo cos datos da Consellería de Sanidade, hai 11.815 persoas que se curaron ata agora na Comunidade, cifra que supera en 78 á do venres, mentres que os mortos son 631, tras o falecemento de tres anciáns na área da Coruña –dúas mulleres que estaban ingresadas no hospital e un na residencia Orpea de Culleredo–.

O número de PCR realizadas ata a data alcanza as 299.022, cifra que supón un incremento de 4.331 con respecto aos datos do parte de onte.

Xiana, a terceira bebé galega que nace san coa nai está infectada por COVID-19

O hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo foi escenario do terceiro nacemento dun bebé galego san, cuxa nai está infectada por coronavirus: trátase dunha nena, nacida por cesárea na semana 34 de xestación, e que está libre do COVID-19.

Segundo informaron fontes sanitarias, a nai chegou ao hospital o pasado domingo, con síntomas respiratorios, e foi sometida á proba do coronavirus, que deu positivo. Á muller practicóuselle unha cesárea de urxencia, e o seu bebé, unha nena chamada Xiana, naceu sen o virus.

Nai e filla atópanse ingresadas no hospital, aínda que separadas, xa que a muller permanece nunha unidade de illamento para pacientes con COVID, e a pequena está no servizo de Neonatoloxía, ao tratarse dun bebé prematuro.

Xiana é a terceira galega que nace sa dunha nai infectada por coronavirus. Os dous primeiros bebés que naceron nesas circunstancias tamén o fixeron no Álvaro Cunqueiro de Vigo: o primeiro foi Fabio, que naceu o 17 de marzo, e o segundo foi Lucas, nacido o 19 de marzo. Como no caso de Xiana, estes dous bebés naceron por cesárea, semanas antes do termo da xestación, polo que están ingresados.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed