Inicio Blog Páxina 1892

O BNG pide renegociar as cotas pesqueiras e alerta de competencia “desleal”

O BNG reclamou renegociar as cotas pesqueiras que lle corresponden a Galicia tras a saída do Reino Unido da Unión Europea e alertou da posible competencia “desleal” para este sector “prioritario” do desenvolvemento económico de Galicia.

Unha delegación da formación nacionalista mantivo este luns un encontro coa directiva da Cooperativa de Armadores de Vigo (Arvi), encabezada polo seu presidente, Javier Touza. Por parte dos nacionalistas, acudiu a portavoz en Europa, Ana Miranda, o deputado no Congreso, Néstor Rego, a exdiputada Olaia Fernández Davila e o portavoz municipal, Xabier Pérez Igrexias.

Sobre as inquietudes do sector pesqueiro, Ana Miranda fixo especial mención á “competencia desleal” que se pode producir se Reino Unido abre mercados e non se acepta unha negociación das empresas galegas con capital mixto, ou ben coas cotas que poderían quedar sobrantes dun Estado Membro.

A iso, engadiu, súmase a obrigación de desembarco, a inspección transfronteiriza e as consecuencias que ten nos mercados, dado que os produtos galegos están sometidos “a controis leoninos mentres a que outras frotas se lles está deixando pasar con menos requisitos”.

Por iso, Miranda manifestou que é necesario ir a Bruxelas facer unha “negociación directa”, como Escocia, algo que ligou con que o BNG ten “unha capitá dun barco que podería liderar este país e facer da pesca galega unha defensa ardua”. “E non ir alí simplemente a mirar como está a ir a conselleira do Mar e o Goberno galego”, remachou.

“ESTUDO RIGOROSO”

Pola súa banda, o deputado do BNG no Congreso reclamou por “imprescindible” que se elabore un “estudo rigoroso” do impacto socioeconómico sobre a frota pesqueira.

Ana Miranda tamén sinalou outro problema “grave” como é o uso dos fondos pesqueiros. “A conselleira non só non está a executar, senón que está a facer grandes investimentos e que non van directamente á frota, senón a temas especulativos”, denunciou, en referencia a obras do porto.

Respecto diso, Xabier Pérez Igrexas manifestou a “preocupación” do BNG pola “dobre liña de actuación, moi perigosa” da Autoridade Portuaria. Por unha banda, no ámbito industrial, a súa “única obsesión é acabar con Vulcano e facelo desaparecer”, pero unha “segunda obsesión é cementar a ría de Vigo nese proxecto de novos enterramentos”, por un proxecto de recheos que defende o porto.

O portavoz municipal tamén alertou de que o problema do porto é que carece de dous documentos fundamentais: a delimitación de espazos e o de usos portuarios.

Néstor Rego levará ao Congreso o “deixamento” das administracións sobre o paseo vigués de Bouzas

O BNG levará ao Congreso iniciativas relacionadas co “deixamento” das administracións sobre o paseo de Bouzas, en Vigo, que permitan impulsar tanto a cesión como a recuperación do espazo para a cidadanía.

Segundo informou o partido nun comunicado, o deputado dos nacionalistas no Congreso, Néstor Rego, a portavoz en Europa, Ana Miranda, e o portavoz municipal, Xabier Pérez Igrexas, comprometéronse con este impulso este sábado durante unha reunión co colectivo veciñal ‘Bouzas Abandonada’.

Así mesmo, Néstor Rego subliñou que “resulta inaceptable” que exista esta “falta de mantemento nun barrio histórico” como Bouzas e sinalou que a situación do paseo é un “exemplo do deixamento” das administracións.

Ademais, recalcou a “preocupación” do BNG polas intencións da Autoridade Portuaria de ampliar a zona de recheos, pois pon “en cuestión” que sexa necesario. “Consideramos que é imprescindible un uso racional do espazo portuario, algo que dubidamos que se estea producindo”, engadiu.

Por último, o deputado nacionalista valorou “moi positivamente” a implicación dos veciños na denuncia da situación e destacou que “a participación cidadá é un alicerce básico no noso modelo de cidade”.

Cal será o futuro dos terreos de Vulcano?

0

Os deputados de Galicia en Común, Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino, rexistraron unha pregunta para o Goberno central no Congreso co obxectivo de coñecer se “se prevé declarar a extinción” da concesión dos terreos nos que se situaba o estaleiro vigués Factorías Vulcano.

Segundo trasladou a formación nun comunicado, mediante o texto, demanda información sobre cal será o futuro do espazo tras a finalización do proceso de liquidación do estaleiro e a resolución do expediente aberto pola Autoridade Portuaria para o fin da concesión, que se extinguirá en 2027.

Ademais, os deputados definiron como “imprescindible” a garantía de que o espazo portuario estea ligado á actividade naval, tal e como pide tamén Asime, así como á xeración de postos de traballo neste sector. Por este motivo, preguntarán ao Executivo central, que se atopa en funcións, se a Administración “traballa para manter o uso industrial e de construción naval” dos terreos ou se “contempla a posibilidade de cambiar o seu uso”.

Así mesmo, Galicia en Común lembrou que, en setembro, a delegada territorial da Xunta, Corina Porro, comprometeuse cos traballadores a exercer un labor de mediación entre estes e a Autoridade Portuaria. No entanto, apuntou que, o pasado mes de novembro, o Porto acordou “incoar expediente para declarar a extinción da concesión administrativa” outorgada a Vulcano. Ante esta situación, a formación denunciou que esta decisión “incumpre” o compromiso adquirido co persoal do estaleiro.

Citan como investigada á secretaria do exalcalde e a dous funcionarios pola retirada de documentos da Cañiza

0

O Xulgado de Instrución número 2 de Ponteareas citou á secretaria particular do exalcalde da Cañiza (Pontevedra), Miguel Domínguez, do PP, e a outros dous traballadores municipais, en calidade de investigados, pola retirada de documentos do Concello 48 horas antes de que tomase posesión o novo alcalde, o socialista Luis Piña.

Segundo confirmaron a Europa Press fontes coñecedoras do caso, estas tres persoas deberán declarar no xulgado a principios de xullo, e están a ser investigadas por infidelidade na custodia de documentos. A instrución xudicial atópase en fase de dilixencias previas.

Os feitos que se investigan foron denunciados ante a Garda Civil polo PSOE da Cañiza hai uns días, e sucederon o 13 de xuño, dous días antes do pleno no que quedou constituída a nova corporación, presidida polo socialista Luis Piña (tras 40 anos de gobernos do PP).

Ao mediodía dese xoves, varios veciños alertaron a membros do PSOE de que operarios municipais estaban a retirar, nos seus coches particulares, archivadores e cartafoles de documentos do Concello. Tras alertar á Garda Civil, os axentes interceptaron un dos coches, aínda que un segundo vehículo marchou do lugar cargado de documentos.

Segundo informou o propio PSOE da Cañiza, a trintena de arquivadores intervidos (con documentación sobre dietas de Alcaldía, ou memorias da Festa do Xamón, entre outra información) foron precintados e postos a disposición xudicial. Ademais, o xulgado, no marco desas dilixencias previas, reclamou, e xa recibiu, as gravacións das cámaras de seguridade do Concello.

Vigo comeza unha nova Reconquista que durará unha semana

O Casco Vello de Vigo acollerá, desde este sábado e ata o 31 de marzo, unha nova edición da Reconquista, que este ano recupera a representación da destitución do alcalde afrancesado e o nomeamento de Vázquez Varela, e que terá, como principais novidades, a instalación dun ‘punto violeta’ de atención a posibles vítimas de agresións sexuais, e a retransmisión da expulsión das tropas francesas a través dunha gran pantalla na Porta do Sol.

Así o explicou o portavoz da Asociación de Veciños Casco Vello, Xerardo Feijóo, quen avanzou que as actividades comezarán na tarde deste sábado 23 de marzo, ás 18,00 horas na Praza do Berbés, cun acto de recoñecemento a nove veciños que impulsaron, hai 25 anos, esta celebración. A continuación, representarase a ocupación da vila, e a destitución do alcalde.

O mércores 27 de marzo terá lugar a ‘Reconquistiña’, un desfile polo barrio histórico de máis de 650 nenos de 12 colexios de Vigo, acompañados de música e caracterizados segundo o estilo da época (ano 1809). A marcha comezará as 10,30 horas acabará cunha gran chocolatada.

Esa mesma tarde-noite, a partir das 20,00 horas, celebrarase a gala de entrega dos premios aos Vigueses Distinguidos e a Medalla da Cidade, no teatro Afundación. Alí, a directora da planta de GKN, Consolo Domínguez, lerá o pregón.

MÁIS ACTOS

O 28 de marzo (festivo local), terá lugar a tradicional ofrenda floral ante o monumento aos heroes da Reconquista, na Praza da Independencia. Así mesmo, a Colexiata acollerá un concerto da orquestra infantil Kv2211 ás 12,45 horas.

O sábado 30 de marzo instalaranse os 250 postos de artesanía e comida no Casco Vello; as rúas do barrio encheranse de animación, música e talleres; e a xornada pecharase cun concerto de Treixadura ás 21,00 horas na Porta do Sol.

Xa o domingo 31 de marzo, ademais dos postos do mercado, chegarase ao clímax da celebración coa representación, a partir das 18,00 horas, da expulsión das tropas francesas. Os parlamentos, a toma da cidade pola porta da Gamboa, e a fuxida dos soldados ao porto poderán seguirse nunha pantalla xigante instalada en Porta do Sol.

Outra das novidades será a presenza dun ‘punto violeta’ de atención a posibles vítimas de agresións sexuais ou condutas violentas, que estará ao final da rúa Real, nun extremo da Praza do Berbés.

O Porto de Vigo inicia 7 meses despois do Marisquiño os labores de inspección para analizar as causas do derrube

A Autoridade Portuaria de Vigo iniciará a próxima semana os labores de inspección para analizar as causas do derrube ocorrido o pasado mes de agosto durante a celebración do festival O Marisquiño, que se saldou con máis de 460 feridos.

A través dun comunicado, o Porto detallou que os labores de inspección e extracción de testemuñas se enmarcan no parte da pericial encargada por esta entidade, e concretou que as mesmas darán comezo o vindeiro luns.

Así mesmo, incidiu en que o convenio ‘Abrir Vigo ao Mar’, subscrito o 2 de novembro de 1992, prevía na súa cláusula V a obrigación do Concello de Vigo de manter “toda a actuación en perfecto estado de conservación”. Neste sentido, a Autoridade Portuaria entendeu, por tanto, que o acordo “se refire ao mantemento da ‘actuación’ en toda a súa extensión ou partes integrantes”.

En relación ás declaracións do alcalde, Abel Caballero, que insistiu na concesión da autorización por parte do Porto para que se celebrase o evento, a Autoridade Portuaria incidiu en que “o permiso de ocupación non é a autorización”. Tamén sinalou que é “necesaria” a licenza municipal ou autonómica para a celebración de espectáculos públicos de carácter extraordinario “sempre que requiran de plan de autoprotección, como é este caso”.

A Zona Franca adquire o Reitorado e o edificio anexo por 5 millóns e medio de euros

No transcurso das sesións celebradas este luns á tarde polos máximos órganos reitores da Zona Franca aprobouse a valoración realizada pola axencia de taxación para a compra do edificio do Reitorado e o anexo que a día de hoxe ocupa a Deputación en 5.615.168 euros.

Esta compra finaliza un proceso de negociacións entre Zona Franca e o Concello de Vigo que se iniciou no ano 2014 para a adquisición do inmoble de titularidade municipal situado na rúa Areal nº 46 e que se pechou este luns coa inclusión do edificio anexo para o que xa se tomou acordo no Comité Executivo do Consorcio do día 26 de setembro, cando se procedeu ao comezo do correspondente expediente administrativo co fin de adquirir a propiedade dos inmobles da rúa Areal nº 46 e O Porto nº 3, cuxa titularidade corresponde ao Concello de Vigo, cunha superficie catastral de 2.782 m2 un deles e 991 m2 o outro.

Concluída a tramitación do expediente para a adquisición dos mencionados inmobles e á vista do resultado da taxación que establece un importe total de 5.615.168 euros, pola suma de 3.487.801 euros nos que se valora a superficie catastral de 2.782 m2 correspondente ao edificio da rúa Areal, e en 2.127.367 euros dos 991 m2 do outro do edificio da rúa O Porto, ambos os organismos acordaron a adquisición dos dous inmobles propiedade do Concello e a autorización ao Delegado do Estado para que formalice o correspondente precontrato así como os documentos necesarios ata a efectiva adquisición das propiedades.

Desde o punto de vista do Consorcio, o fin das devanditas adquisicións é, principalmente, destinalas ao desenvolvemento e dinamización económica da área de influencia de Vigo, en concreto destinar o edifico do reitorado a sede da Zona Franca e o anexo, para adecualo como centro de negocios no que sexa posible o encontro entre os diferentes actores sociais e económicos da cidade.

Caballero e Regades na inauguración do aparcadoiro do Cunqueiro/ Miguel Núñez

Por outra banda, no razoamento exposto no Comité Executivo para a toma deste acordo explícase que o edificio que alberga a sede do CZFV en Bouzas en réxime de concesión administrativa outorgada pola Autoridade Portuaria, no que prestan os seus servizos un total de 55 persoas nunha superficie duns 2.365 m2, apenas se usa dúas veces ao ano, e pode destinarse a cubrir a importante demanda de empresas, e autónomos, nun recinto como o de Bouzas, vixiado, pechado, con bos accesos para o tráfico rodado e que se atopa a dez minutos do centro de Vigo.

Por outra banda, o Comité Executivo, en virtude da delegación do Pleno, tamén aprobou a compra dunha vivenda situada nos terreos da futura ampliación do Parque Tecnolóxico e Loxístico. Esta ampliación está pendente da aprobación por parte da Xunta de Galicia do seu Proxecto Sectorial.

Comeza o IV Cadáver Exquisito, festival de creación colectiva con poesía, foto e debuxo

Na Sala Apóstrophe de Vigo celebrarase desde hoxe luns ata o mércores, tódalas tardes de 18 a 21:00 horas, un Cadáver Exquisito de poesía, fotografía e debuxo que será inaugurado o día 27 ás 20:00.

O cadáver exquisito, subliñan dende a organización, é “un método de creación colectiva que consiste en plasmar algo a continuación doutra cousa, sen preocuparse da coherencia ou sentido que o resultado final puidera ter. É unha técnica utilizada tanto no debuxo coma na literatura dende principios do século XX, especialmente polos surrealistas”.

Apóstrophe Sala de Arte, xunto co Festival Kerouac e o Colectivo Latente, organizan esta IV edición do Cadáver Exquisito, tendo como novidade este ano as disciplinas de poesía e fotografía, ademáis do debuxo, con participación libre.

Deste xeito, “é un chamamento a tódalas persoas, sen importar a súas aptitudes ou coñecementos técnicos. Queremos fomentar a creación conxunta, o reunirse e colaborar uns cos outros mesturando as distintas disciplinas artísticas. Esta é unha festa da diversidade e do desexo de abrir mentes e derrumbar muros e prexuízos”.

A temática, totalmente libre

O mércores as 21:00h leerase o poema colectivo nun fin de festa con música, bebida e pinchos. A organización elixiu a variante “Al alimón ou cadáver cos ollos abertos”
que consiste en traballar vendo o que fixeron os anteriores. Esta pauta está dada polo “Discurso al alimón sobre Rubén Darío” que escribiron Federico García Lorca e Pablo Neruda no ano 1934.

No debuxo, “cada un pode facer o que queira e os demáis poden intervir nos debuxos dos outros”, engaden.  Para o poema colectivo, haberá un rolo de papel enriba dunha mesa que se vai despregando a medida que os participantes escriban os seus versos. A temática é totalmente libre. As linguas elexidas para participar son galego, castelán e inglés. Pódese escribir en calquera delas”.

En fotografía establecerase unha cadea, de tal forma que cada artista recibirá unha imaxe por correo electrónico e deberá atopar unha imaxe no seu arquivo na que se estableza unha relación coa recibida.

O artista a enviará ó seguinte da cadea, tamén por correo electrónico, ata chegar ó último participante. Tras rematar a cadea de imaxes, cada artista irá á sala de exposicións onde imprimirá a súa imaxe nunha impresora instalada ao efecto.
Esta situarase nun espazo marcado na sala, correspondente co seu orde na cadea, procedendo a ocultar a fotografía sobrepoñendo un folio. O día da inauguración retiraranse os folios para ver a proposta expositiva resultante no cadáver exquisito.

Unión do sur de Pontevedra na “manifestación masiva” do xoves en Vigo en defensa da Atención Primaria

Plataformas en defensa da sanidade pública dunha decena de municipios da área sur de Vigo chaman á “manifestación masiva” o vindeiro xoves 30 de setembro na cidade olívica pola Atención Primaria, co fin de reivindicar “máis medios e persoal”.

Nunha rolda de prensa na que estiveron representantes das plataformas da Guarda, O Rosal, Tomiño, Gondomar, O Condado, O Porriño, O Val Miñor e Vigo, entre outras, o portavoz de SOS Sanidade, Manuel Martín, agradeceulles a súa “implicación” e trasladou a “grata sorpresa que supuxo para o movemento SOS Sanidade Pública o coñecemento da creación de 8-10 plataformas na área sur de Galicia”.

Manuel Martín fixo fincapé en que a “situación da Atención Primaria está a xerar un gravísimo problema de accesibilidade aos centros de saúde, que son o primeiro paso para que a poboación poida acceder ao sistema sanitario”. Así, trasladou o “peche real e a dificultade para contactar” como problemas da poboación.

“Ten que facer multitude de chamadas para contactar cos centros, atópase que existen listas de espera para consulta presencial, que caeu en picado, e para consulta telefónica”, denunciou, para incidir nas “listas de espera, que poden esperar 30 días”. “É inaceptable, incompatible co modelo de atención á saúde en Galicia“, sostivo.

Para SOS Sanidade Pública todo iso supón un “escenario inaceptable que pon en risco a atención da poboación“. Por iso, criticou Manuel Martín o “importante o peche de centros de saúde no rural, que é gravísimo, que supón afastar á poboación máis vella, máis rural da asistencia”. A iso engade que teñan que comunicarse “por vía telemática”, porque supón un “agravio e dificultade para as persoas maiores”.

Por iso, as plataformas de SOS Sanidade decidiron apoiar a manifestación convocada para o día 30 deste mes pola Xunta de Persoal de Vigo. Martín defendeu a “importante alianza dos traballadores sanitarios coa poboación, que sofren estas políticas de desmantelamento e privatización do sistema público”.

MANIFESTO

Martín foi o encargado de ler o manifesto conxunto das plataformas da área sur de Vigo en defensa da sanidade pública, no que advirten de que “a Atención Primaria está en perigo“. “Sabémolo ben a área de Vigo como no resto do país”, matizou.

Neste sentido, lamentaron a “paulatina deterioración da sanidade máis próxima, que debería ser a máis accesible”. Así, apuntan a “redución de persoal e medios” e “saturación dos centros”, á vez que destacan que o “número de profesionais de baixa experimentou un importante incremento“.

“A deterioración da sanidade pública, se era grave antes da pandemia, agrávase máis co colapso das liñas e incremento das demoras para ser atendidos”, denuncian, á vez que ven “incompresible que a poboación non poida acceder aos centros e teña que facer cola na rúa cando os restaurantes están abertos”. “É incomprensible que se use a pandemia para ter os centros pechados“, critican.

“Ante esta situación, os veciños de concellos desta área demos un paso adiante, constituímonos en plataformas porque non imos permitir que nos rouben a Atención Primaria e que nos rouben a nosa saúde”, defenden. Así, reiteraron o apoio destas plataformas á manifestación convocada pola Xunta de Persoal da área de Vigo o día 30 de setembro ás 20,00 horas diante da PAC de Pizarro en Vigo.

Por iso, realizan un “chamamento á participación masiva aos veciños” destas localidades do sur da área de Vigo “para reivindicar máis persoal e medios para a Atención Primaria”. E apelan ás “organizacións sociais e veciñais, para que se somen activamente para preparar esta manifestación que ten que ser un antes e un despois para esta área”.

NEGOCIACIÓN

Manuel Martín lamentou que o Consello Técnico galego “constituíuse pola ameaza de folga que houbo”, cuxa “misión era facer propostas para reformar a Atención Primaria”, pero “está paralizado; desde xullo non houbo reunión”.

“Esperamos que, como consecuencia das mobilizacións, a Administración reabra a negociación e faga un esforzo extraordinario en tema orzamentario e ampliar os persoais“, apelou, para advertir de que en caso contrario “a situación vai acabar nun auténtico desastre”.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed