Inicio Blog Páxina 1891

Comeza o xuízo contra o clan dos Morones por agredir a gardas civís e un avogado

Varios membros da familia coñecida como os ‘Morones’, entre eles Sinaí Giménez e outros fillos do patriarca Olegario Giménez, enfróntanse a penas que suman 27 anos de cárcere nun xuízo que se celebrará este mércores na sala do Penal número 1 de Pontevedra, acusados de supostos delitos como atentado, lesións ou obstrución á xustiza, polo enfrontamento que protagonizaron cun avogado e varios axentes da Garda Civil en Tui (Pontevedra), en 2014.

Segundo recolle o escrito da Fiscalía, os feitos tiveron lugar o 30 de abril de 2014 fronte ao xulgado da localidade pontevedresa, onde se concentraron “decenas de persoas” á espera do traslado de dous detidos que supostamente ameazaran a Olegario Giménez.

Debido a que un garda civil de paisano comezara a gravar a praza, Sinaí G.J. propinoulle varios empuxóns para que deixase de facelo. Unha vez que tivo lugar a resolución xudicial que puxo en liberdade aos detidos, pasadas as 22,00 horas, o avogado defensor dun deles, R.J.A.C., abandonou o xulgado.

Nese momento, Juan Paulo G.J. ordenou a distintas persoas alí presentes, entre os que se atopaban os acusadas D.J.G. e María Consuelo G.J. e S.G.J., menor de idade nesa data, que “foran a por el” por conseguir a liberdade do seu cliente. Mentres as acusadas agarrárono e losquearon, S.G.J. tirouno ao chan, onde continuou dándolle patadas xunto a D.J.G..

Ante esta situación, dous axentes de paisano que se atopaban na zona, identificáronse e acudiron ao lugar. Despois de que un deles suxeitase a tres dos investigados, agarrárono, empuxaron e golpearon para que S.G.J. puidese soltarse e, unha vez que o conseguiu, agrediu na cabeza ao axente e fuxiu.

Ademais, outras persoas insultaran e lanzaran botellas de auga ao avogado antes da agresión, polo que outros cinco axentes interpuxéronse entre eles e o letrado. Como resposta, un grupo de persoas abalanzouse sobre os axentes “empuxándoos e golpeándoos”, segundo recolle a Fiscalía. A acusación describe tamén nos seus escrito golpes cun paraugas a un dos axentes, patadas, empuxóns e outras agresións.

PETICIÓN DE PENAS

Por estes feitos, que a Fiscalía cualifica como delitos de atentado contra axentes da autoridade, lesións, malos tratos e obstrución á xustiza, pide para o seis acusados penas de entre un ano e medio e 6 anos e medio de cárcere, o que suma en total 27 anos.

En concreto, para S.G.J., pídense penas que suman catro anos e medio de prisión; para J.P.G.J. solicítanse seis anos e medio de prisión e o pago de multas por máis de 4.400 euros. Ás mesmas penas enfróntanse D.G.J. e M.C.G.J..

En canto a M.G.J. e S.G.J., a Fiscalía demanda un ano e medio de prisión e unha multa de 160 euros, para cada un deles.

Finalmente, e en concepto de responsabilidade civil, o Ministerio Público pide que tres dos acusados indemnicen en 9.000 euros a un dos axentes agredidos, e en 2.000 euros a outro. Pola súa banda, o avogado agredido xa renunciou no seu día a exercer medidas ou reclamar indemnización.

Denunciado un mozo de orixe portuguesa que conducía por Vigo sen obter o carné

A Policía Local de Vigo iniciou dilixencias xudiciais contra un home de 22 anos de idade, nacido en Portugal e domiciliado na cidade olívica, por conducir sen obter o permiso de circulación.

Os feitos sucederon pasadas as 00:30 horas da madrugada deste martes, cando unha patrulla que circulaba pola Avenida de Ramón Neto na súa confluencia coa rúa Penís de Abaixo, observou como o condutor dun turismo da marca Mercedes Benz 208, freou de forma brusca ao observar a presenza policial, ademais de realizar unha manobra evasiva e circular marcha atrás, segundo informaron fontes municipais.

O condutor estacionou o turismo nunha entrada de carruaxes, segundo informou a Policía Local, e acto seguido fuxiu a pé escondéndose entre unhas matogueiras. Localizado entre os vexetais, foi o home quen confesou de forma espontánea que carecía de permiso de conducir porque nunca o obtivo.

Valéndose da súa documentación, puideron comprobar iso, polo que se lle tramitaron dilixencias xudiciais por un suposto delito contra a seguridade viaria, ao conducir a pesar de carecer da licencia.

A loita sen fin duns traballadores da Zona Azul que pasarán a noiteboa baixo a árbore da Porta do Sol

Os traballadores despedidos da zona azul de Vigo levan 108 días sen traballo e loitan por non caer na invisibilidade. Durante todo este tempo, a súa problemática saíu publicada nos medios de comunicación e ate tiveron un oco no pleno municipal que seguiu ao acontecido no Marisquiño, co apoio de tódolos grupos políticos. Agora, como unha medida ‘desesperada’, aseguran que cearán esta noiteboa baixo a gran árbore de luces da Porta do Sol.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, suliñaba este luns que el ía recibir “a todo o mundo” porque nunca escatimou “en recibir a ninguén”. “Non atoparán vostedes a ninguén que non recibira despois de pedilo“, suliñaba.

Unhas declaracións que facía mentres os traballadores en folga de Dornier (concesionaria da zona azul de Vigo) tentaban facer presión concentrados ás portas do Concello, o que provocou que se pechara a entrada principal, obrigando á xente a entrar e saír das instalacións de goberno local a través das oficinas do corpo de seguridade. O conflito, que estalou en agosto, semella moi lonxe de ter fin.

“As relacións laborais son da empresa cos traballadores, non co Concello. Non estamos autorizados para meternos. A empresa irá aos tribunais e calquera interferencia do Concello niso pode ser negativa”, aclaraba o rexedor. Preguntado sobre se non lle preocupaba a situación destes traballadores, que levan máis de 3 meses sen cobrar, respostaba cun “preocúpome por toda a cidade”.

“TODO SEGUE IGUAL”

Julio Fernández, delegado de UGT, e un dos traballadores en folga, recoñece a dificultade da súa situación agora que toda mediación coa empresa fracasou: “En principio todo segue igual, agardando a que o alcalde quera recibirnos, e os ánimos están fodidos. Seguimos dicindo que o día de Noiteboa estaremos ceando á pé da árbore, se non nos queda outra”.

Os traballadores da ORA queren recuperar os seus postos de traballo/ Miguel Núñez

“Consideramos que demos o tempo suficiente para que actúe o Concello. Eles mesmos dixeron que non chegaríamos a estas datas, en tódalas conversacións dicían que en novembro estaría resolto. Porque a empresa negou dereitos fundamentais como o de estar afiliado nun sindiato”, lamenta o traballador.

“Con López Font reunímonos en tres ocasións, pero con el (Caballero) non”, matiza: “Temos solicitudes no rexistro da Alcaldía, fomos 6 ou 7 veces a pedir a súa atención. Consideramos que o Concello é parte, porque adxudican un contrato e agora nos vemos nesta situación..”

Os traballadores da ORA queren recuperar os seus postos de traballo/ Miguel Núñez

“O Concello contradícese a sí mesmo. A comezos de agosto deste ano dixo que ía abrir un expediente. Non pode ser que unha das empresas concesionarias imcumpla o contrato e se tarden 4 meses en arranxar a situación…”, denuncia.

“Considerámonos vítimas deste proceso, máis cando xa sabíamos de antemán que Dornier, que ofertaba un 31% por debaixo, ía incumprir os pregos. Se hai valores anormais en calquera partida, como o era o destinado a soldos, débese investigar”, lamenta: “Xa non sei que pensar. Coido que rectificar é de sabios e que é o momento”.

Os traballadores da ORA queren recuperar os seus postos de traballo/ Miguel Núñez

“A folga indefinida comezou o 5 de setembro. Levamos 108 días. Esperanzas quedan sempre, e estamos abertos a negociar e ao diálogo. O que non queremos é que nos tomen o pelo, que digan branco e despois sexa negro. A nosa posición segue a ser a mesma, que readmitan aos traballadores. Mentres, a empresa segue desaparecida“, conclúe Julio.

As alfombras florais chegan a Vigo

As festas do Corpus de Ponteareas locen dende onte en Vigo grazas á iniciativa do goberno de Ponteareas, que puxo en marcha a campaña de promoción do Corpus na cidade olívica dentro da estratexia de marketing de difundir estas festas nas cidades e grandes núcleos de poboación, como a realizada en Braga o pasado mes.

A concelleira de Turismo, Hortensia Bautista, e o Alcalde de Ponteareas Xosé Represas subíronse hoxe ao autobús urbano que portará durante todo o mes de maio a imaxe promocional das súas alfombras.

Laterais e traseiras anuncian a todos os condutores e peóns que xa estamos ás portas destas festas de interese turístico internacional. A imaxe do cartaz deste ano circula por Vigo chegando a todo tipo de público, dende maiores a cativos e cativas, xa que a programación cultural do Corpus ofrece actividades para toda a familia.

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a Concelleira de Turismo / Concello de Ponteareas

A liña 15C, que percorre dende o Cuvi o Calvario, a rúa Jenaro de La Fuente, rúa Pontevedra e Paseo da Alfonso para pasar pola Gran Vía ata chegar a Samil, é unha das liñas de máis longo percorrido, facendo que a promoción do Corpus de Ponteareas acade unha maior difusión.

Dentro desta estratexia tamén se realizará unha exposición ao aire libre das alfombras do Corpus Christi de Ponteareas recollendo a suxerencia aportada pola Asociación de Alfombristas. En colaboración con eles o vindeiro 19 maio na céntrica rúa Príncipe diante do Museo Marco exporánse arredor de trinta fotografías. O Alcalde de Ponteareas agradece a Vigo e ao seu Alcalde Abel Caballero a súa boa predisposición.

Co obxectivo de colocar o nome de Ponteareas e o nome das tradicionais alfombras florais na axenda de todos os e as vigueses e veciños e veciñas da área metropolitana que por motivos laborais, sanitarios ou persoais se achegan á cidade, por vez primeira un autobús urbano apoiará as distintas accións de marketing que o goberno de Ponteareas deseñou para esta edición.

“Coincidindo coa tramitación da declaración de Ben de Interese Cultural Inmaterial dende o
goberno, apoiaremos a arte de tantos e tantas veciñas que estes días dedican todos os seus esforzos en prolongar esta tradición herdada dos seus antepasados”, explica o Alcalde.

Un novo falecido por COVID na área de Vigo

0

Un home de 86 anos é a nova vítima por COVID na área viguesa. O falecido estaba ingresado no CHUVI.

Sanidade comunica este martes 28 de setembro o falecemento de dúas persoas que foran diagnosticadas con coronavirus.

Máis información en Galicia Confidencial.

Morre un home tras precipitarse co seu vehículo ao mar en Bueu

0

Un home faleceu na madrugada deste venres tras precipitarse ao mar co seu vehículo no porto da localidade de Bueu. Segundo informou o 112 Galicia, ás 5,00 horas un particular avisou de que un coche caera ao mar na zona do porto, onde se sitúan os barcos que parten cara á Illa de Ons. 

Ademais, o alertante sinalou que, posiblemente, había unha persoa no interior do turismo. Por iso, os xestores do CIAE 112 puxeron os feitos en comunicación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil Tráfico, de Gardacostas de Galicia e de Salvamento Marítimo, así como dos Bombeiros do Morrazo, da Policía Local e de Protección Civil de Bueu.

No punto, os axentes da Policía Local confirmaron que o vehículo estaba totalmente afundido e Salvamento enviou cara ao lugar dous mergulladores que, pouco tempo despois, rescataron o corpo e confirmaron que o único ocupante do coche estaba falecido.

Medios de intervención foron mobilizados no lugar para sacar a automóbil da auga, entre outros aspectos, porque se atopa nunha zona de pasaxe de embarcacións. Pola súa banda, as forzas da orde tratan de aclarar as circunstancias do suceso.

O coche xa foi retirado da auga por un guindastre.

As praias de Nigrán, Cangas, Sanxenxo e Poio acollerán o ‘Verán deportivo’

As praias de Baltar en Sanxenxo, Lourido en Poio, Panxón en Nigrán e Rodeira en Cangas acollerán entre o 10 de xullo e o 15 de agosto o ‘Verán deportivo’ que patrocina por vez primeira a Deputación de Pontevedra.

No acto de presentación deste programa que combina vóley praia, futvoley e tenis praia con iniciativas sociais e ambientais, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, dixo que o seu obxectivo é converter á provincia “nun gran referente dos deportes de praia no conxunto do Estado e de Galicia”.

O ‘Verán Deportivo’ estará aberto a maiores de 16 anos e acollerá dúas competicións: unha para persoas federadas e outra dirixida a deportistas amateurs.

O evento arrincará os días 10 e 11 de xullo con vóley praia en Panxón (Nigrán). Os días 17 e 18 de xullo continuará no areal de Baltar de Sanxenxo con tenis praia e futvoley e, no mesmo espazo pero os días 24 e 25 de xullo, con vóley praia. Os días 31 de xullo e 1 de agosto a praia de Rodeira en Cangas acollerá tenis praia e futboley.

Xa en agosto, os días 7 e 8, terán lugar as competicións de vóley praia en Lourido, Poio. O ‘Verán Deportivo’ finalizará a fin de semana do 14 e 15 de agosto con tenis praia e futvoley tamén en Lourido, Poio.

Ademais das competicións, haberá tamén en cada concello sesións de formación sobre estas disciplinas deportivas para o público infantil, que terán lugar, todas elas, o venres anterior ao comezo das probas.

Asemblea Republicana de Vigo presenta querela contra a fiscal xeral do Estado e a AEAT pola regularización fiscal do Rei Emérito

A Asemblea Republicana de Vigo confirmou este mércores a presentación da querela contra a Fiscal Xeral do Estado, Dolores Delgado e contra o director da Axencia Tributaria, Jesús Gascón, por presunta prevaricación na regularización fiscal do Rei Emérito, Juan Carlos I.

Así, a entidade republicana rexistrou ante notario a querela e remitiuna este mércores ao Tribunal Supremo, a través do seu letrado, o tamén economista e auditor Antón Beiras.

A querela formalizouse por un presunto delito de prevaricación, ao entender que nin a Fiscalía Xeral do Estado nin a Axencia Española de Administración Tributaria atenderon ás súas obrigacións de “investigar” as supostas irregularidades fiscais de Juan Carlos I.

Segundo explicou hai unhas semanas Antón Beiras a Europa Press, a nova regularización fiscal do Rei Emérito, polo IRPF e por 4,4 millóns de euros, “significaría que nin a AEAT nin a Fiscalía abriron unha inspección tributaria ou unha investigación penal formal” ante Juan Carlos I.

Respecto diso, apuntou que, para que esa regularización “sirva de escusa absolutoria no ámbito penal”, debe producirse de forma “espontánea e veraz”, é dicir, que non haxa previamente unha inspección tributaria nin unha investigación formal.

Por iso, Beiras sinalou que “durante todos estes meses ninguén, nin a Axencia Tributaria nin a Fiscalía, notificou ao Rei Emérito a súa condición de investigado ou inspeccionado“. “Outorgáronlle o privilexio de que regularice as cantidades defraudadas e eluda calquera sanción penal ou administrativa”, concluíu.

Interceptado no Porriño un condutor sen carné que alegou “non ter tempo” para recuperalo

Axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil interceptaron a un veciño de Ponteareas (Pontevedra) que circulaba no seu vehículo por unha saída da A-52, á altura da parroquia porriñesa de Cans, e que carece de permiso de conducir por telo suspendido tras perder todos os puntos.

Segundo informou o Instituto Armado, os feitos ocorreron na noite do pasado luns, cando o condutor, de 51 anos de idade, circulaba no seu vehículo todoterreo e foi interceptado nun control.

Ao identificalo, os axentes comprobaron que xa fora denunciado en marzo pasado por conducir co permiso suspendido (por perda total de puntos) e que non realizara o curso de reeducación viario para recuperar o carné.

Ao ser sorprendido de novo ao volante, o home alegou que estaba a realizar un desprazamento por motivos laborais, e que “non tivera tempo de sacar de novo o carné”. Por todo iso, os axentes inmobilizaron o vehículo e trasladaron as dilixencias de denuncia ao xulgado de garda do Porriño.

A Benemérita lembrou que este condutor se enfronta a penas de prisión de entre 3 e 6 meses, a multa de 12 a 24 meses, ou a realización de traballos en beneficio da comunidade, por un período de entre 31 e 90 días.

Abel Caballero quere dividir as praias de Vigo en cuadrículas para evitar contaxios en verán

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reivindicou este martes a idea de establecer “cuadrículas” nas praias para garantir a seguridade e evitar posibles contaxios de coronavirus, e sinalou que é unha medida que podería aplicarse nos areais vigueses ese verán.

O rexedor, que tamén é presidente da FEMP, asegurou que “xa hai dez días” comentou esa idea no seo da entidade municipalista, antes de que a expuxese o presidente da Junta de Andalucía, Juan Manuel Moreno, coas súas “mesmas palabras”.

Abel Caballero admitiu que esa medida podería implementarse nas praias de Vigo, unha decisión que, en todo caso, quere analizar co comité asesor de expertos, no marco das actuacións que levarán a cabo para a ‘desescalada’ do confinamento.

“Quero que o vexa o comité asesor. Trátase dunha idea inicial, establecer cadrados cun máximo de persoas. Esa idea ocorréusenos aquí, e non a descarto. Estamos a facer o estudo xa”, afirmou.

Segundo o alcalde, hai que “buscar, na nova normalidade, medidas que permitan a seguridade e o goce social”, e proclamou: “Eu teño moitas ideas, vou moi por diante, outra cousa é que non o conte”.

O alcalde de Vigo, que está a manter estes días reunións con representantes do comercio, turismo, hostalaría, etc., expuxo xa algunhas das medidas para apontoar a “reconstrución económica e social”, como programar eventos culturais de menor aforamento para dinamizar o turismo, ceder espazos públicos para ampliar as distancias nas terrazas dos bares e cafetarías, ou peonalizar zonas para facilitar os paseos.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed