A Xunta avanzou este mércores que todos os proxectos sectoriais dos terreos da antiga ETEA, Escola de Transmisións e Electrónica da Armada, estarán aprobados en 2020, á vez que lamentou que o único plan pendente, o PS-4, é o que corresponde a dotacións deportivas que promove o Concello de Vigo e que “ata a data non iniciou ningún trámite“.
Así o trasladou aos medios a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita ás instalacións da ETEA, no barrio vigués de Teis, e na que sinalou que, unha vez aprobados os plans sectoriais, os promotores de cada ámbito poderán iniciar a execución dos seus proxectos.
Os terreos da antiga ETEA, que foron adquiridos en 2002 por Zona Franca, foron vendidos despois a Xunta de Galicia e concello, aínda que a primeira aínda non pagou toda a súa parte, e o consistorio non desembolsou nada a día de hoxe. Posteriormente, os terreos dividíronse en varios plans sectoriais diferentes, en función dos usos futuros.
Así, o PS-1, que inclúe os viarios, espazos libres e outras infraestruturas, comeza agora o período de exposición pública tras finalizar a tramitación ambiental, e será a Xunta a que execute a urbanización, mentres que Zona Franca e o CSIC encargaranse dos edificios.
Os plans PS-2 e PS-3 corresponden ao ámbito científico-tecnolóxico. No primeiro deles inclúense varias instalacións, será promovido polo CSIC, e acaba de finalizar a súa tramitación ambiental, polo que se prevé que sexa sometido a exposición pública no primeiro trimestre de 2020.
O PS-3 é, segundo sinalou a conselleira, o máis avanzado na súa tramitación, e será desenvolvido pola Universidade de Vigo, que se encargará das obras para adaptar os edificios Siemens e Faraday a usos docentes, administrativos e de investigación.
O único plan sectorial desenvolvido na súa totalidade é o o PS-5, que contempla os espazos recreativos (pistas de patinaxe e parque infantil) que habilitou hai anos a Xunta. Así mesmo, o PS-6, proxecto de usos complementarios que impulsará o goberno autonómico e que inclúe a construción dunha residencia de maiores, xa acabou o período de consultas e será sometido a información pública antes de final de ano.
Así as cousas, Ángeles Vázquez lamentou que o único plan sectorial do que non se iniciaron os trámites no PS-4, que debe desenvolver o Concello de Vigo, e que contempla dotacións e equipamentos deportivos (xa habilitados polo consistorio nesa parcela), e parque urbano.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, mantiveron este venres unha reunión na que formalizaron a presentación da candidatura para que Galicia acolla un laboratorio de tecnoloxía cuántica da Axencia Espacial Europea.
Esta iniciativa forma parte do proxecto C-COOL da ESA, baseado na creación de distintos laboratorios en países europeos, nos que se experimentarán tecnoloxías cuánticas desenvolvidas pola axencia, ensaiando a súa validez para ser enviadas ao espazo.
Estas investigacións produciranse ao redor de seis campos: reloxos atómicos -de estroncio e iterbio-, interferometría, computación e comunicación cuántica, así como distribución de referencias de tempo e frecuencia.
Feijóo e Reigosa coincidiron en cualificar esta oportunidade como “única” a nivel nacional e internacional. Con iso, este laboratorio situaría Galicia como “referente en experimentación e investigación” en tecnoloxías cuánticas e podería converterse no xerme dun futuro centro de investigación experimental e teórica sobre competencias nestas materias.
Así mesmo, e baixo unha instalación compartida desde o ámbito público e privado, o laboratorio beneficiaría tamén a diversos sectores industriais, como o da automoción, o naval, o aeronáutico ou o farmacéutico, apuntou a Xunta.
O portavoz da industria auxiliar que colaborou na construción do buque ‘Villa de Teror’, Elías Outes, afirmou que o Banco Santander rexeitou este luns a contraoferta realizada polos provedores, na que demandaban un pago inicial do 35 por cento, o abono do 50 á entrega do ferri e unha quita do 15 por cento.
En declaracións a Europa Press, o portavoz dos acredores criticou que o banco reiterase a súa proposta, que contemplaba unha quita do 25 por cento, e non aceptase a da industria auxiliar, a pesar de que, na súa opinión, a diferenza dun 10 por cento respecto da fixada polos provedores, non era elevada. Así, segundo a formulación da entidade bancaria, o pago inicial cubriría o 30 por cento da débeda e, o final, o 45.
Nesta liña, Elías Outes negou que o bloqueo no que se atopa a ‘Villa de Teror’ sexa consecuencia da falta de colaboración dos acredores aos que, segundo incidiu, o estaleiro vigués débelles máis de 5,2 millóns de euros, un importe que, segundo criticou, non se lles comunicou “como nin cando” será abonado.
Así, neste momento, tras a oferta de Santader, que, de acordo coa industria auxiliar, non se realizou por escrito; os provedores esperan unha comunicación “por carta” que defina a situación e que se prevé que se emita este mércores.
Manifestación dos traballadores de Vulcano / Miguel Núñez
Mentres, segundo trasladou Vulcano a Europa Press, a empresa atópase á espera dunha resposta do Banco Santander, propietario do buque, respecto dunha proposta realizada polo estaleiro que se recibirá ao longo deste mércores.
Así mesmo, este luns tivo lugar en Madrid unha reunión entre representantes da empresa, a naviera Armas –armadora do ferri–, o Banco Santander, Pymar e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).
Respecto da situación do estaleiro, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, resaltou que a administración xa avalou a esta compañía “en dous momentos” e que “non pode seguir comprometendo entregas en prazo”. Unha posición que, en opinión da industria auxiliar, supón que o Executivo autonómico decidiu “mirar para outro lado”.
O sindicato Unión Xeral de Traballadores (UXT) tachou de “irresponsables” as declaracións de Feijóo nun comunicado. Así, o sindicato asegurou que non é momento de “dilucidar responsabilidades”, senón de dar as “instrucións necesarias” para que a Administración colabore na “procura dunha solución” que permita a finalización do buque.
Pola súa banda, os traballadores do estaleiro vigués aceptaron a proposta da empresa en virtude da cal lles abonaría dúas do cinco nóminas que lles deben e se lles regularizaría o pago desde febreiro. Mentres, o tres salarios restantes emitiríanse unha vez que se terminase o buque ‘Villa de Teror’.
Ademais, o persoal xa se manifestou en Vigo para pór o foco na situación na que se atopa e instar á empresa a chegar a un acordo coa industria auxiliar para que Santander e a naviera permitisen que se executase a finalización do barco e se puidera acceder ao financiamento necesario para iso.
O escritor e político galego Lois Pérez Leira trae a Xornal de Vigo a biografía de García Barbón e de tantos outros personaxes históricos da nosa cidade, que moitas veces ata os propios vigueses descoñecemos. Toca un paseo pola Historia.
Xosé Manuel García Barbón naceu en Verín (provincia de Ourense) o 1 de abril de 1831. Foron os seus pais Victorio García Barbón e Manuela Solla. Os pais de García Barbón deciden a temperá idade envialo a Cuba onde residía o seu tío Luciano, quen gozaba dunha grande fortuna. En 1844 chega nun barco veleiro ao porto da Habana.
Cuba por aqueles anos era unha das últimas colonias españolas xunto a Porto Rico e Filipinas. Cáseque pouco quedara da inmensa colonia, tan só algunhas illas esparexidas polo mundo e os intentos constantes dos ingleses e norteamericanos para quedaren co botín.
Xosé Manuel instálase na luxosa casa que o seu tio tiña na Habana, na rúa da Amargura, para logo mudarse a outra vivenda máis espaciosa na rúa Teniente Rei 34. O seu tío quérelle dar a mellor formación para que algún día poida herdar as empresas deste. Entre os distintos cargos que tivo Luciano García Barbón foi a de Conselleiro do Banco Español na Habana, incluso algúns historiadores sinalan que foi propietario dalgún banco.
Co transcorrer dos anos o seu tío vaino introducindo nos seus negocios, e pouco a pouco Xosé Manuel vaino suplantando no labor mercantil. Xa desde novo Xosé Manuel amosaba ser esperto e intelixente. Herdara o sentido comercial do seu tío.
García Barbón/ Lois Pérez Leira
O destacado xornalista e fundador do Centro Galego da Habana W. Álvarez Ínsua dixo nun artigo publicado en “El Eco de Galicia”: “O señor Barbón é por todos coñecido e entre o non pequeno número de galegos aquí residentes non se contará seguramente dúas ducias que non estean perfectamente convencidos das singulares virtudes que a tan bondadoso señor adornan.
O señor Barbón, que veu a este país en idade moi temperá, tivo ocasión de facer fortuna, gañada traballando do xeito máis honroso e digno, seguindo un vello costume empregado en facer ben e en redimir necesidades e miserias…”.
García Barbón desde a súa mocidade intentou organizar aos galegos en Cuba, tal foi así que participou da primeira comisión directiva da Sociedade de Beneficencia de Naturais de Galiza, que se realizou no Casino Español o 21 de xaneiro de 1872 sendo elixido tesoureiro.
A primeira comisión directiva quedou constituída por Ambrosio Tomati, presidente; Juan Más, director; José García Barbón, tesoureiro, Joaquín Canal, secretario; e doce conselleiros titulares e doce suplentes. Na mencionada asemblea fundacional foi o seu amigo Policarpo Sanz quen o propuxo para ese cargo.
Como ben destaca o historiador Xerardo Dasairas Valsa no seu libro “José García Barbón e o Colexio de Verín no centenario da súa fundación”: “A traxectoria vital destes dous persoeiros é dun paralelismo abraiante no que se refire á herdanza da fortuna, na súa adicación aos negocios bancarios no seu filantropismo e mesmo na carencia de descendencia directa en ambos os casos”.
Teatro García Barbón/ Pacheco Foto
O seu amigo José Policarpo Sanz Soto era un dos homes máis ricos de Cuba, herdara unha fortuna do seu xefe o señor Baró. Posteriormente co casamento coa súa muller Irene, que pertencía a unha familia millonaria establecida en Nova Iork, viu incrementada a súa fabulosa fortuna. Policarpo Sanz Soto doaría despois o primeiro colexio de ensino secundario que houbo en Vigo, o Instituto Santa Irene, que leva o nome da súa muller.
Ambos os empresarios galegos xogaron un papel moi importante tanto na economía cubana como axudando a consolidar as primerias organizacións mutualistas galegas.
García Barbón, quen era un home de talante amplio e liberal, se incorpora á Masonería na Orde da Grande Oriente Nacional de España, Unión e Concordia nº 21 co nome “simbólico” de “Candas”, sendo iniciado segundo o estudioso en temas masónicos Alberto Valín o 5 de decembro de 1866 obtendo o 5º grao o 31 de decembro de 1885.
É importante destacar que a masonería gozaba por aqueles anos dun grande prestixio, tendo entre os seus adeptos a figuras galegas da proxección de Ramón de la Sagra, Curros Enríquez, o impresor Francisco Armada, Lugrís Freire, Juan García Casariego, o independentista Fuco Gómez, José Fontela Leal (fundador da Academia Galega), etc.
Segundo nos conta Desairas, García Barbón tendo unha saúde bastante afectada resolveu retornar a Galiza: “No mes de xaneiro de 1884, e moi fraco na súa saúde, decide retornar a Verín”.
Na acta da Sociedade de Beneficiencia de Naturais de Galiza do 20 de xaneiro de 1884 exponse sobre o seu retorno: “…E esgotada a materia que corresponde tratar neste escrito, cumpre un penoso deber, o que informou participando aos señores socios que o Tesoureiro único que custodiou os fondos da Sociedade desde a súa creación ata que máis dunha vez facilitou recursos propios para que non ficaran desatendidas as necesidades dos pobres, viuse forzado a irse deste país por motivo de saúde e a deixar polo tanto o posto que tan excelente servizo lle veu prestando á Sociedade nos doce anos da súa existencia. Algo reposto felizmente dos seus males o señor don Xosé García Barbón precisou, sen embargo, trasladarse a outros climas nos que asegurar a súa completa curación…”.
A Sociedade mencionada contou en distintas oportunidades con diferentes doazóns económicas de García Barbón. A última de especial importancia foi en febreiro de 1895 cando voltou a Cuba por unha tempada doando 500 pesos de ouro. Os directivos desta sociedade nomeárono Socio Benefector da mesma. Tamén foi socio e impulsor da fundación do Centro Galego da Habana.
García Barbón/ Lois Pérez Leira
W. Álvarez Ínsua sinalaba no seu artigo antes mencionado: “O ex-tesoureiro da benéfica galega, aquel intelixente banqueiro que soubo dirixir tan admirablemente o banco do seu nome libertándoo de desastres en que pouco ou moito caeron todos os creados en Cuba, que inimigo irreconciliable da exhibición buscou a oscuridade para exercer a caridade dando así exemplo aos que coñecen do evanxelio a máis lixeira máxima, atópase agora en Verín, o seu pobo natal, dando vida a unha institución das máis útiles e filantrópicas deste século.O señor Barbón vai crear con capital seu un banco agrícola para facilitar pequenas sumas aos labregos sen xuros de ningunha clase…”.
Antes do seu retorno a Verín comezou o seu labor benéfico enviando 7.550 pesetas para a recuperación da igrexa parroquial. Ao chegar costeou os salarios dun mestre da escola pública da vila. En 1885 contribuíu con 5.500 pesetas para rematar as obras da torre do Santuario dos Remedios. En 1886 financiou a plantación de árbores na Alameda e na Avenida de Sousas. Tamén achegou 4.000 pesetas en 1892 para o estudio do trazado do ferrocarril de Verín a Ourense.
En 1895 fundou en Verín o Colexio San José, quedando a dirección da escola en mans da Orde de San Xoán Bautista de La Salle.
Entre as empresas que creou ao seu retorno podemos mencionar as seguintes: en 1904 inaugurou as instalacións do Hotel e Balneario Cabreiroá, as súas augas tiñan e teñen fama en toda Galiza; fundou a empresa de electricidade Electra de Verín S.A.; en 1907 creou con outros socios unha empresa de transportes chamada Automóviles Ómnibus de Verín S.A.
García Barbón, despois dunha larga tempada no seu Verín natal, comezou a recuperarse da súa saúde. O clima e a alimentación de Galiza fixeron que o seu corpo tivese unha rápida melloría e o seu mellor ánimo aléntao a realizar unha máis plena actividade económica. Este sería case que con seguridade o motivo polo cal García Barbón trasladou a Vigo a súa residencia. Verín quedáballe pequeno para un visionario das características de Barbón. Foi así que se instalou en Vigo mercando o terreo e casa de Vista Alegre. Alí instalouse en 1894, vivindo coa súa irmán Carlota e con catro fillos desta.
García Barbón continuou en Vigo o seu labor benéfico doando en 1900 ao Concello de Vigo o edificio da escola de Artes e Oficios; a súa obra custou 750.000 pesetas. En 1901, na planta baixa, fundou a Biblioteca con cinco mil volumes. Entre outras obras benéficas doou o terreo de San Lourenzo para a construcción do Asilo do Niño Jesús de Praga. Colaborou coa construcción das Escolas Salesianas do Arenal. Axudou a rematar o local da Sociedade de Agricultores de Teis, a Cociña Económica, a Casa da Caridade, o Hospital. Construíu edificios na rúa Policarpo Sanz, un barrio en San Lourenzo e mercou o edificio do Teatro Rosalía de Castro con fins culturais.
Segundo nos informa Dasairas no seu libro, García Barbón foi a persoa que máis propiedades tiña en Vigo, calculando en 100.000 metros cadrados no ámbito céntrico.
O 7 de marzo de 1909 faleceu sorpresivamente na súa casa de Vista Alegre. Preto de vinte mil persoas despedírono ao día seguinte polas rúas de Vigo. Os vigueses queríanlle dar o último adeus a un dos homes que máis fixo por esta cidade de adopción. En 1927 a cidade de Vigo honrou a súa memoria inaugurando un monumento realizado polo célebre escultor Asorei. O goberno español realizou a entrega póstuma da Orde de Alfonso XII polos servicios prestados á cultura, a primeira Grande Cruz foi para García Barbón. Vigo lembrouno coa rúa que leva o seu nome, estando con outros como Policarpo Sanz e Ramón Nieto, como lembranza aos nosos emigrantes e á súa grande vocación benéfica.
Un home resultou ferido grave despois de ter unha caída na moto que conducía en Mondariz, segundo informa o servizo de emerxencias 112.
Foi un particular quen, pasadas as 19,00 horas deste venres, chamou ao 112 para pedir asistencia médica urxente para o motorista que sufriu o accidente no lugar de Cambra.
O 112 informou os servizos sanitarios de urxencia, á Garda Civil de Tráfico e aos efectivos do GES-Bombeiros de Ponteareas.
A adega Terras Gauda convocou a 15ª edición da Bienal Internacional de Cartelismo Concurso Francisco Mantecón 2020-21, con máis de 170.000 artistas de diversas disciplinas convidados a participar no certame.
Este concurso é unha das grandes citas bianuais da creación artística e foi presentado este luns nun acto celebrado no Porto de Vigo, con presenza do vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda; o presidente do grupo Terras Gauda, José María Fonseca; o presidente do Porto, Jesús Vázquez Almuíña; e a delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias.
A adega repartirá 16.000 euros en premios e os participantes teñen de prazo para presentar os seus traballos ata o 28 de febreiro de 2022. Coas obras presentadas organizarase unha exposición, do 26 de marzo ao 4 de maio, na Estación Marítima de Vigo.
O deseñador Javier Mariscal repetirá como membro do xurado, a petición propia, e o ‘tribunal’ completarase con Marcelo Ghio, director de Experimenta Libros e Experimenta Magazine; Eva Unt e Margus Tamik, do estudo estoniano de UntTammik (gañadores da última edición).
Este concurso afianzou o seu gran prestixio internacional e, desde o seu inicio en 2002, o certame recibiu nas súas diferentes edicións máis de 18.000 carteis, de artistas procedentes dun centenar de países, entre eles Xapón, Estados Unidos, Alemaña,Bélxica, Portugal, Polonia, Estonia, Israel, Italia, Países Baixos, Rusia, Sudáfrica, Lituania, Serbia, ou Finlandia.
CONCURSO CON TURISMO DE GALICIA
Por outra banda, Alfonso Rueda ratificou con José María Fonseca o acordo asinado entre Xunta e Terras Gauda para a convocatoria dun concurso, con Turismo de Galicia, ao que concorren os 40 finalistas e premiados da Bienal Internacional. O obxectivo deste certame restrinxido é elixir a quen deseñará a imaxe das Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia.
Estas xornadas desenvólvense por parte da Xunta en colaboración con cinco asociacións das rutas dos viños galegos e reúnen a numerosos interesados no mundo do viño para gozar de visitas e outras actividades relacionadas coa viticultura.
O vicepresidente da Xunta destacou que accións como estas contribúen á promoción do Xacobeo e de Galicia como “destino seguro” e de calidade. E puxo como exemplo dese turismo de calidade o enoturismo, unha actividade que permite diversificar e desestacionalizar a oferta, pondo a disposición experiencias personalizadas cada vez máis demandadas.
O deterioro na infraestrutura da cociña do Álvaro Cunqueiro, hospital de nova construción e que foi inaugurado no ano 2015, provocou a necesidade de actuar urxentemente en varios espazos do recinto e que obriga á empresa concesionaria do hospital a ter que cerrar a instalación este verán, entre xullo e setembro.
Unha nota de prensa de CIG denunciou na primera semana do mes de xuño que a concesionaria do Álvaro Cunqueiro, a empresa catalana Arcasa, tomara a decisión de cubrir as necesidades de produción da cociña do hospital vigués dende Zaragoza e que a comida sería transportada en camións dende a capital aragonesa.
A denuncia do sindicato causou malestar na administración galega e na xerencia clínica do hospital vigués que, segundo fontes do sindicato, “aseguráronnos que se enteraron por nós da decisión da concesionaria”. A día de hoxe, a CIG non coñece se houbo un cambio definitivo de estratexia, aínda que “hai rumores de que a comida podería vir do Lucus Augusti”, explicou a Efe María do Tránsito Fernández, Secretaria Nacional de Cig Servicios.
Ademais, CIG-Saúde remitirá un escrito ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Sanidade para reclamar a reversión da cociña do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e do seu persoal, despois de que o servizo se tivese que “paralizar” para a realización de obras de mellora “só 6 anos despois” da inauguración do hospital.
A COCIÑA DO HULA
Responsables de cociña e nutrición do Álvaro Cunqueiro visitaron nos últimos días o HULA en donde puideron comprobar de primera man o funcionamiento da cociña deste hospital público. Dende a Xunta de Galicia explican que o asunto se está estudando e todo apunta a que se resolverá nunha reunión do Consello da Xunta de Galicia, que podría ser o de mañá. A tarefa implica unha importante labor de loxística e de traballo que desenvolverá o persoal de cociña do HULA xa que terá que producir prácticamente tres veces máis do que cociñaba ata agora, segundo apuntan a Efe fuentes do hospital en Lugo.
Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.
O pleno do Concello de Vigo rexeitou este mércores unha moción presentada polo PP para reclamar a mellora dos accesos ao Instituto Feiral (Ifevi), xa que o grupo de goberno, maioritario, votou en contra e os apoios de PP, Marea e BNG non foron suficientes para aprobar a proposta.
O portavoz do grupo municipal do PP, Alfonso Marnotes, reclamou que Concello e Goberno central, nas súas respectivas competencias, asuman a mellora dos accesos ao recinto para evitar os colapsos de tráfico que se producen cada vez que se celebra un evento no Ifevi ou cando, como actualmente, hai unha campaña de vacinación contra a Covid.
Marnotes lembrou que, en 30 anos e a pesar das ampliacións do Ifevi, non se actuou para ampliar a capacidade dos viarios de acceso ao recinto expositivo e denunciou que esa actuación “nin sequera está prevista” no novo Plan Xeral de Ordenación Municipal.
O portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez, incidiu en que o propio alcalde da cidade, Abel Caballero, anunciara un plan de mellora do tráfico na zona, pero “nunca se presentou”. No entanto, engadiu, “tampouco vale a explicación de Sanidade” sobre os colapsos de tráfico, “lavando as mans”, e reclamou que, polo menos, haxa previsión de reforzar as liñas de bus cando hai eventos ou coa campaña de vacinación.
O edil do BNG, Xabier Pérez Igrexas, sinalou que para solucionar este problema requírese o acordo de varias administracións e, sobre todo, “planificación e previsión”. Así mesmo, lamentou que a Xunta deixase a Vigo “sen unha liña de bus directa ao aeroporto” (que está á beira do Instituto Feiral) e incidiu en que o Sergas “xa sabía antes de decidir vacinar no Ifevi” que se poderían producir problemas de tráfico.
CONVENIO
Pola súa banda, a concelleira de Urbanismo do goberno vigués, María José Caride, sinalou que a moción do PP “é un intento de ocultar os problemas que carrexa ter un único punto de vacinación para unha área sanitaria de 570.000 persoas”. Así, recalcou que, ao Ifevi, non só acoden vigueses senón tamén veciños de municipios de ata 50 quilómetros, obrigados a ir en coche particular.
Respecto diso, incidiu en que “o Ifevi non só atende a Vigo”, a pesar de que “parece que os problemas os ten que resolver o Concello”, e lembrou que os accesos á Cidade da Cultura de Santiago desde a autoestrada construíronse en virtude a un convenio entre a Xunta e o Goberno central.
“Claro que se necesita mellorar os accesos ao Ifevi. Asinen un convenio como se fixo en Santiago”, proclamou Caride, quen apuntou que o Concello “aínda está a esperar” a resposta da Xunta á súa proposta de acordo para implementar lanzadeiras directas ao aeroporto.
O presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, chamou a quen “no primeiro confinamento votaban que non ao estado de alarma” e agora “claman” porque se renove tras o 9 de maio, a que “fagan a proposta ao Goberno e ofrezan a súa cooperación parlamentaria e conformen a maioría“.
Así se pronunciou nun relatorio de Nova Economía Fórum, NEF Tendencias, celebrada na mañá deste mércores, na que fixo un repaso á situación política e municipal do último ano, marcada pola pandemia de covid-19.
Neste ámbito, Caballero sinalou que durante o primeiro estado de alarma, “cada renovación era un proceso de pacto complicado”, no que o Goberno tiña que negociar e buscar aliados. “Era un proceso penoso na súa propia renovación”, manifestou.
É por iso que, aínda que recoñeceu que aqueles que agora piden a renovación do actual estado de alarma tras o 9 de maio “seguro que teñen un punto de razón”, criticou que hai un ano “a vontade política era o voto ao non permanente”.
“Houbo momentos nos que a oposición, na primeira onda, pretendía case tombar ao Goberno polas renovacións e prórrogas do estado de alarma; houbo quen primou o seu interese partidario ao interese colectivo do país. Agora é bo reflexionar que sucederá a partir de maio pero lembrando as posicións políticas anteriores”, selou.
“Non se lle pode pedir a un Goberno que non ten maioría parlamentaria que tome unha decisión que votan en contra os que lle piden que a tome; é o absurdo político no que estamos”, recalcou, reiterando que é necesario “unanimidade e acordo” para conseguir unha renovación do estado de alarma. “Dicir: ‘decrétao, que vou votar en contra’, é unha incongruencia intolerable”, finalizou.
XESTIÓN DA PANDEMIA
En canto á xestión da pandemia, Caballero considerou que en Europa houbo “un acerto coa centralización da compra das vacinas”, de forma que “toda Europa ten as mesmas e así non se produce o fenómeno da Europa rica e a Europa pobre” e unha consecuente “ruptura da Unión Europea”.
No entanto, mantivo que, no relativo a España, “desde moitas autonomías non se entendeu a importancia das entidades locais” e “non sempre se usou a capacidade do local” en cuestións como o mantemento da orde, o respecto das normas ou a política social.
Neste marco, comentou que “toda a política social” e os labores parasanitarias de desinfección leváronas a cabo as entidades locais, pero non recibiron “recursos das comunidades autónomas para o efecto”.
“Hai un tratamento indebido ás corporacións locais desde as comunidades autónomas, que non fan transitivo o paso dos fondos; non o digo en función de interese político, dicímolo porque habería maior eficacia”,sentenciou, concluíndo que neste aspecto “a situación foi moi deficiente”.
Axentes da Policía Local de Vigo detiveron por un delito de violencia de xénero a un home de 53 anos de idade que supostamente golpeou de forma repetida á súa parella e rompeulle o nariz dunha puñada.
Segundo informou a Policía Local, pouco antes das 0,50 horas da madrugada deste martes unha patrulla recibiu un aviso para que se trasladase á rúa Numancia, onde supostamente se estaba producindo unha rifa na vía pública.
Unha vez no lugar, os axentes atoparon a unha parella discutindo acaloradamente, polo que se entrevistaron con ambos. Así, a muller indicou que, momentos antes, os dous atopábanse no seu domicilio acompañados dun amigo.
Nun momento dado, por unha “cuestión de celos” o seu mozo “comezou a mostrarse violento”, polo que o amigo marchou. A parella seguiuno e, de acordo co relato da muller, o mozo alcanzouna e comezou a agredila.
Desta forma, supostamente propinoulle unha puñada na cara, suxeitouna da cabeza e golpeouna repetidamente contra unha parede. Ela reaccionou dándolle unha labazada para tratar de defenderse, ao que el respondeu agredíndoa “máis violentamente”.
PUNTO DE ATENCIÓN CONTINUADA
Os axentes comprobaron que a muller tiña o nariz amoratada, un golpe na cabeza e un corte na man, e que se queixaba dunha forte dor no costado esquerdo, polo que se deu aviso a unha ambulancia medicalizada.
Unha vez trasladada ao momento de Atención Continuada (PAC) de Pizarro, os sanitarios comprobaron que a muller tiña o nariz fracturado, lesión que podía ser producida días antes. Ademais, aínda que lle recomendaron acudir ao hospital a facerse probas polo golpe na cabeza, a muller negouse e pediu a alta voluntaria.
Como resultado de todos estes feitos, os axentes procederon á detención do presunto agresor, un veciño de Vigo de 53 anos de idade e iniciais J. M. M. F., por un delito de violencia de xénero.