Inicio Blog Páxina 1763

A CIG concéntrase en Vigo contra a “precariedade que mata” a automoción

Delegados de CIG-Industria concentráronse este xoves ante a Inspección de Traballo en Vigo para denunciar a “precariedade” que “mata” o sector da automoción, no que o número de accidentes laborais “incrementouse”.

Ademais desta concentración, representantes do sindicato trasladaron a súa protesta á sede da empresa Compoñentes de Vehículos de Galicia, no polígono das Gándaras, onde fai un par de semanas unha traballadora eventual sufriu un grave accidente, e acabou falecendo días despois.

O responsable comarcal de CIG-Industria en Vigo, Xulio Fernández, lamentou que “a inseguridade non deixa de crecer” neste sector industrial, “como consecuencia do aumento da precariedade e dos ritmos de traballo”, e anunciou que este sindicato “seguirá o caso” da traballadora falecida “para que se investigue o sucedido e se depuren responsabilidades”.

Segundo apuntou este sindicato, na industria de automoción “os ritmos de traballo non paran de incrementarse, aumentando as lesións nos postos e as enfermidades laborais que, na maioría dos casos, non están recoñecidas pola empresa, coa inestimable axuda da administración”.

A iso súmase o feito de que as empresas teñen cada vez máis porcentaxe de empregados procedentes de ETT, e cada vez máis servizos externalizados, con “diferentes formas de explotación”, como as empresas multiservicios, os falsos autónomos ou os centros especiais de emprego, caracterizados por “soldos de miseria, xornadas desreguladas, horas extras non retribuídas e falta total de dereitos laborais”.

A CIG subliñou que Galicia, onde as competencias de saúde e prevención laboral están transferidas, “é a comunidade con maior índice de sinistralidade laboral e mortalidade do Estado”. “Á Xunta de Feijóo impórtalle tan pouco o que nos suceda á clase traballadora que nin tan sequera existe unha Consellería do Traballo no seu goberno”, criticou a central nacionalista.

O Chuvi constata a incidencia “mínima” de COVID en pacientes con enfermidade inflamatoria intestinal

Os profesionais da Unidade de Enfermidade Inflamatoria Intestinal (EII) da área sanitaria de Vigo constatou que a incidencia do coronavirus COVID-19 “é mínima” en pacientes con esta doenza, segundo trasladaron fontes de Sanidade.

Así, neste momento hai rexistrados 1.929 enfermos e esta unidade controlou de forma directa a 1.410 pacientes nos últimos dous anos. Tan só 4 persoas das que están rexistradas e en seguimento deron positivo por coronavirus.

Os especialistas desta Unidade organizaron unha sesión formativa sobre a COVID e as patoloxías inflamatorias intestinais, en colaboración coa Asociación de Pacientes con Enfermidade de Crohn e Colitis Ulcerosa (ACCU), e coincidindo coa celebración, este martes, do Día Mundial da EII.

Nesta xornada formativa, que se celebra por vía telemática, abórdanse cuestións como o contaxio de coronavirus, o tratamento e as medidas de prevención ante a COVID, así como a adecuación das consultas de EII, aspectos laborais, e mesmo emocionais dos pacientes durante a pandemia.

A Enfermidade Inflamatoria Intestinal inclúe principalmente a Enfermidade de Crohn e a Colitis Ulcerosa. Trátase de enfermidades crónicas que, ademais dos síntomas dixestivos, poden provocar problemas articulares, de pel, nos ollos ou no fígado.

Trátase dunha doenza de orixe descoñecida que presenta períodos de actividade e períodos de remisión, e que ten un importante impacto psicolóxico e na calidade de vida dos pacientes.

Enfado entre os traballadores de Vulcano por finalizar sen avances a reunión entre Xunta, Pymar e Santander

0

A reunión celebrada en Santiago sobre o futuro de Vulcano, na que participaron directivos da empresa, e representantes de Pymar, Banco Santander e Igape, finalizou sen avances e sen que se despexou o camiño para asegurar o financiamento que permita terminar o ferri que segue nas bancadas do estaleiro vigués.

Segundo trasladaron a Europa Press fontes da Consellería de Economía, Industria e Emprego, na reunión deste luns o estaleiro trasladou a súa imposibilidade de cumprir o prazo establecido para a entrega do barco á naviera (o próximo 29 de marzo).

Traballadores bloquean a entrada a Vulcano / Miguel Nuñez

As mesmas fontes explicaron que a empresa xustificou estas dificultades en base a “condicionantes” relacionados con man de obra, provedores e traballadores de industria auxiliar. Así as cousas, instouse a Vulcano a que traslade un informe sobre eses problemas á naviera, e emprazouse ás partes a unha próxima reunión, que se celebrará “canto antes, de forma inminente”.

“SORPRENDIDOS”

O comité de empresa do estaleiro expresou este luns a súa “sorpresa” polo resultado desta reunión, e lamentou que, a pesar da precaria situación (o persoal leva meses sen cobrar e tamén haxa débedas cos provedores), non se produciu ningún avance.

Traballadores de Vulcano / Miguel Núñez

Así o manifestou, en declaracións a Europa Press, o presidente do comité, Nicolás Sangabriel, quen lembrou que o encontro deste luns en Santiago “supúñase que era para desbloquear o financiamento” e permitir que se renovase a construción do ferri.

A ese respecto, lembrou que o propio Banco Santander (propietario do barco) comentara que “ten un anticipo para facer fronte ás nóminas e ao pago a provedores”, un anticipo que se faría efectivo en canto Igape e Pymar puxesen a disposición os avais necesarios. “E agora resulta que nin sequera se falou dos avais na reunión“, lamentou.

Neste escenario, Nicolás Sangabriel explicou que os traballadores tentarán que, de forma urxente, o conselleiro de Economía e Industria acceda a recibirlos. En todo caso, o comité de empresa reunirase este martes e decidirá se toma “algunha outra medida”.

A ciencia estuda eliminar o xabaril da Illa de Cortegada

A Illa de Cortegada, no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, converteuse no refuxo dun puñado de xabaríns, especie que nalgún momento foi introducida polo ser humano. Estes porcos bravos son vistos polo biólogo Saúl de la Peña Lastra como un serio problema para a subsistencia dos fungos desta illa, un dos lugares con maior biodiversidade e densidade fúnxica de Europa. Por isto, considera a erradicación do xabarín en Cortegada como unha solución.

O profesor do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da Facultade de Bioloxía na Universidade de Santiago de Compostela cre que a Administración ten que “tomar unha decisión inminente sobre a posible erradicación destes animais na illa”, expón nun artigo científico titulado ‘Efecto del jabalí (Sus scrofa) sobre ecosistemas insulares: el caso concreto de los hongos en la Isla de Cortegada’, elaborado en 2017, publicado no ultimo número da revista do grupo micolóxico Errotari de Durango (País Vasco) e inédito para a cidadanía.

Pequeno xabaril / Pascal Volk, Photopin

O xabaril, sinala o experto, “é unha especie cosmopolita cun grande éxito evolutivo” que pode alterar os ecosistemas nos que é introducida. “Os efectos observados son, nalgúns casos, moi importantes. Por iso, o órgano xestor terá que tomar unha decisión inminente sobre a posible erradicación destes animais”, argúe o profesor, que defende que “a erradicación de especies exóticas invasoras de illas é a miúdo necesaria para protexer a biota nativa”.

Un xabaril entrando nun campo de millo / desveda.com

O biólogo toma o exemplo da illa de Santiago, nas Galápagos. Con 58.465 hectáreas, “é a máis grande ata a data en levar a cabo a erradicación de porcos salvaxes”, para o que “usaron unha combinación de caza e envelenamento eliminando máis de 18.000 porcos en 30 anos”.

Máis información en Galicia Confidencial.

A UVigo cooperará no estudo das “extincións invisibles” de especies endémicas na Península

As especies endémicas caracterízanse porque a súa área de ocupación está restrinxida a unha zona xeográfica concreta e son especialmente vulnerables á extinción, se o seu ecosistema sofre perturbacións.

As principais causas da súa desaparición, como a sobreexplotación dos ecosistemas, a contaminación, o cambio climático ou as especies invasoras, están amplamente documentadas.

Pero existe un fenómeno pouco coñecido, as extincións invisibles, nas que se centrará un novo proxecto de investigación no que están implicados o grupo Divulgare, da Universidade de Vigo, a Estación de Zonas Áridas de Almería (CSIC), as universidades de Granada, Coimbra e Pablo de Olavide e o Parque Natural de Cazorla, Segura y las Villas.

Trátase dunha iniciativa que ten como obxectivo, como explica Luis Navarro, coordinador de Divulgare, analizar “a perda de diversidade biolóxica que está ocorrendo en distintas zonas áridas da conca mediterránea” como consecuencia da expansión de especies de plantas asociadas á actividade humana”.

Segundo os membros do equipo de investigación, existe un tipo de impacto humano sobre as especies endémicas que ten pasado desapercibido e está relacionado coa expansión daquelas especies que se atopan cómodas asociadas ás actividades humanas, ás que os científicos denominan “ruderais e arvenses”.

Estas fan perigar a existencia de moitas especies nativas endémicas a través duns mecanismos difíciles de percibir sen un estudo detallado. Cando a desaparición das endémicas se produce por estes mecanismos, remarcan, “coñécese co nome de extinción invisible”.

O proxecto, de tres anos de duración, está financiado pola Fundación BBVA, nunha convocatoria, segundo Navarro, “moi competitiva, na que tan so se concederon cinco proxectos en todo o estado”, e na que priman as postas multidisciplinares e multi-institucionais.

José Mª Gómez Reyes, investigador da Estación de Zonas Áridas de Almería, explica que “no marco deste proxecto pretendemos estudar os efectos que están tendo algúns factores asociados ao ser humano na conservación de algunhas especies endémicas de plantas do sudeste ibérico”.

O proxecto desenvólvese en colaboración co CSIC, varias universidades e o Parque Natural de Cazorla, Segura y las Villas/ Duvi

De feito, toda a conca mediterránea está considerada como un punto quente de biodiversidade mundial polo elevado número de especies endémicas que alberga, pero son especialmente sensibles ao impacto de actividades humanas que modifican intensamente os ecosistemas terrestres, como a sobreexplotación dos ecosistemas con fins económicos, a contaminación derivada da agricultura, a gandaría ou os núcleos urbanos, o cambio climático, a introdución de especies invasoras ou o deterioro dos hábitats.

Todos estes condicionantes teñen sido amplamente estudados, non así os que provocan as extincións invisibles. Para coñecer con profundidade este proceso, o proxecto centrarase no estudo dunha planta de “ampla distribución e tremendamente abundante en zonas cultivadas de clima árido ou semi-árido” ao longo de toda a conca mediterránea, a Moricandia arvensis, que pode desprazar a outras especies nativas e do mesmo xénero, cuxa área é máis restrinxida.

Examinarase se a especie de ampla distribución despraza ás de área restrinxida, ben por competencia directa polo espazo, ben mediante a transferencia de organismos antagónicos ou por secuestro dos polinizadores.

“Ás veces”, remarca Navarro, “ocorre que o recurso floral habitualmente empregado por algúns polinizadores vólvese moi escaso e difícil de localizar fronte a outro recurso floral máis abundante, e nesta situación, os polinizadores, ante a dificultade para atopar as flores da especie nativa poderían optar por abandonar a interacción coas especies endémicas”.

Finalmente, os fenómenos de hibridación e introgresión das especies máis abundantes con especies xeneticamente emparentadas poden conducir tamén á perda de identidades xenéticas nas especies de área restrinxida.

Isto prodúcese se, cando unha especie de planta de área restrinxida comeza a hibridar con outra especie emparentada e de distribución máis abundante, os híbridos resultan máis vigorosos que os descendentes directos da especie endémica.

“Se isto sucede con frecuencia, pode conducir á perda da identidade xenética da especie máis vulnerable de distribución restrinxida”, subliñan os científicos.

En conclusión, “trataremos de contestar estas preguntas para tratar de entender mellor como está funcionando este universo do que nos estamos apropiando e así contribuír á conservación da biodiversidade de espazos tan singulares da paisaxe ibérica como son as zonas áridas e desertos”.

A policía busca aos autores da talla e roubo de dous carballos da Carballeira do Souto de Salceda

0


A policía local do Concello de Salceda de Caselas ven de realizar informe para a apertura do expediente de investigación da desaparición de dous carballos do espazo municipal denominado “Carballeira do Souto”, no barrio do Pomar de Suso. O equipo de goberno ten constancia de que dúas árbores deste espazo municipal foron talladas recentemente, sen que se coñeza ata o de agora o autor ou autora.

Ao feito de que se trata dun espazo de titularidade municipal recollido no inventario de bens, hai que engadir que estamos a falar de carballos, árbores que non se poden cortar sen a pertinente comunicación á Xunta de Galicia, o cal agrava máis se cabe a situación, pois tan só o Concello, como propietario do terreo, podería facer esa comunicación.

Por parte da policía local iniciáronse xa as pesquisas, apelando á colaboración veciñal para localizar a persoa responsable dos feitos.

O equipo de goberno lamentou o acontecido, coa corta destes dous carballos a pé de rúa, e co ataque ao patrimonio natural do Concello, lembrando os beneficios deste tipo de prantacións frente a outras invasoras, non só na loita contra os incendios, senon tamén na posta en valor do noso entorno natural.

Vigo e a súa área metropolitana seguirán pechadas

0

O comité clínico de expertos decidiu manter as restricións vixentes en Galicia fronte á pandemia do coronavirus, que pasan por medidas como o peche da hostalaría e o confinamento perimetral de 60 municipios que inclúen Vigo e a súa áea metropolitana. Diso informou a Consellería de Sanidade despois de que terminase a reunión do comité celebrada esta tarde de martes, 10 de novembro.

En torno ao 60% da poboación galega que vive en 60 municipios –o sete cidades e outros 53 concellos, algúns das áreas urbanas e outra illados– conta coa súa mobilidade limitada desde o pasado sábado.

Así, os municipios con maiores restricións son: A Coruña, xunto con Arteixo, Culleredo, Cambre e Oleiros; o concello de Lugo en solitario; Santiago con Ames, Boqueixón, Oroso, O Pino, Teo, Trazo, Val do Dubra e Vedra; Ferrol, con Ares, Fene, Neda, Narón e Mugardos; Ourense, con Amoeiro, Barbadás, Coles, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao e Toén; Pontevedra, con Vilaboa, Ponte Caldelas, Poio, Marín, Barro, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade e Soutomaior; e Vigo con Mos, Nigrán, Gondomar, O Porriño e Redondela.

Tamén teñen as mesmas restricións os concellos con taxa acumulada a 14 días superior a 200 casos por 100.000 habitantes, e tendencia ascendente na notificación dos mesmos: Vimianzo, Monforte, Burela, Viveiro, O Carballiño, Verín, Xinzo, Cangas, A Estrada, Lalín, Silleda, Ponteareas, Tui, Cambados, O Grove, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa.

En todas estas zonas acométese un peche perimetral e a mobilidade está limitada a dentro da “améndoa perimetral” que define o Executivo autonómico. En todo caso, están permitidos o 100% dos movementos para ir traballar, á escola, a atender coidados necesarios de menores e maiores, e todos os movementos sanitarios. E o comercio funciona cos mesmos criterios do resto de Galicia.

Nos restantes 253 municipios galegos están homoxeneizadas as restricións de acordo coas últimas decisións autonómicas. Así, non hai restricións de mobilidade, pero non se pode entrar nos 60 concellos pechados salvo excepción xustificada para realizar unha actividade esencial. Coa mesma premisa, reduciuse a un terzo o aforamento nas zonas comúns dos centros comerciais, aínda que se mantén o do 50% no interior das tendas.

Detido en Vigo tras abusar sexualmente da súa parella mentres se atopaba durmida

0

Un mozo de 22 anos domiciliado en Vigo, D.D.P.L., foi detido nesta cidade tras, supostamente, abusar sexualmente da súa parella mentres se atopaba durmida. Fontes policiais detallaron que os feitos tiveron lugar este venres pasadas as 2,10 horas, cando a sala de comunicacións do 092 recibiu a chamada dunha moza que se atopaba na rúa Conde de Torrecedeira e que afirmou que a súa parella a forzou sexualmente.

Tras desprazarse ao lugar, os axentes entrevistáronse coa muller, que explicou que se atopaba embarazada e que convivía desde facía dous meses coa súa parella. Ademais, indicou que, aínda que ela non desexaba manter relacións sexuais, a súa parella pedírallo de modo insistente esa mesma noite. Tras negarse en todo momento ás demandas do seu mozo, este cesara no seu intento.

Posteriormente, a moza asegurou que, mentres durmía, o home penetráraa vaxinalmente cun dedo, o que provocara que ela se espertase sobresaltada. Así, a muller expresou aos policías a súa vontade de denunciar á súa parella polo ocorrido. Dado que o mozo atopábase no interior da vivenda nese momento, foi detido pola comisión dun presunto delito de abuso sexual.

O PP de Vigo denuncia o “abandono” da Salgueira, por onde “o alcalde non pasou en 13 anos”

O grupo municipal do PP no Concello de Vigo denunciou este xoves o “abandono” do barrio da Salgueira, e criticou que o alcalde, Abel Caballero, “non pasou nunca” por alí nos seus 13 anos de goberno local.

Os edís ‘populares’ Alfonso Marnotes e Jesús Marco percorreron as rúas do barrio xunto a algúns veciños e constatou as deficiencias dunha zona que se atopa preto do centro urbano de Vigo e que, con todo, non recibe investimentos para mellorar infraestruturas e humanizar a contorna.

Entre esas deficiencias, criticaron a falta de seguridade para os peóns, con beirarrúas estreitas e deterioradas, problemas de abastecemento de auga e rede de sumidoiros, ou falta de coidado das árbores, que “se coan polas xanelas e levan anos sen podarse”.

O portavoz do grupo, Alfonso Marnotes, denunciou que, a pesar de ser un barrio “moi céntrico”, A Salgueira está “abandonada”.

“Abel Caballero non pasou nunca por aquí, en 13 anos non houbo ningún investimento municipal e os veciños pagan igual os seus impostos“, proclamou.

A Policía Local de Tui disolve varios botellóns

0

A Policía Local de Tui  disolveu varios botellóns durante a pasada fin de semana, ademais de tramitar oito denuncias por non usar máscara no marco das medidas pola pandemia do coronavirus COVID-19.

Segundo informou o Concello de Tui, o venres pola noite os axentes disolveron varios botellóns en diferentes puntos do centro urbano desta localidade. Ademais, o sábado volveron actuar para disuadir da celebración de botellóns noutros puntos da cidade.

Ademais, a fin de semana os axentes realizaron oito propostas de sanción polo non uso da máscara tal e como establece a normativa, cinco delas o venres e tres o sábado.

Por outra banda, ás 3,43 horas do domingo foi denunciada unha persoa que conducía un vehículo tras dar positivo no control de alcoholemia cunha taxa de 0,58 mg/l en aire expirado.

Tamén na madrugada do sábado ao domingo foron identificadas catro persoas involucradas nunha pelexa e foron propostas para sanción por alteración da orde pública.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed