Inicio Blog Páxina 1718

A Asociación para a Defensa da Sanidade Pública urxe ao Sergas que compre Povisa

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) considera que “con carácter urxente” a Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde (Sergas), debe “rescatar” o hospital Povisa de Vigo “para evitar males maiores á poboación”.

Neste mesmo sentido, En Marea, desde o Grupo Mixto do Parlamento de Galicia, rexistrou unha iniciativa para dar unha “saída eficaz” a este complexo. Segundo defende a deputada Paula Vázquez Verao, o que “ten sentido” para “manter a calidade asistencial e o persoal actual” é que sexa “o propio Sergas” o que se faga cargo de Povisa.

Por unha banda, a Asociación para a Defensa da Sanidade Pública mostra o seu rexeitamento “de forma enérxica” contra a inminente compra do hospital por parte do grupo Ribera Salud, propiedade ao 90 por cento da aseguradora norteamericana Centene Corporation. Segundo ADSP, esta multinacional “dedícase desde hai anos a comerciar coa saúde de boa parte da poboación estadounidense”.

Ademais, a plataforma incide en que esta adquisición supón “un paso máis na estratexia” da Xunta de Alberto Núñez Feijóo de “pór a sanidade pública galega en mans do capital norteamericano”.

En vista das perdas millonarias alegadas por Povisa hai un ano para solicitar a súa entrada en concurso de acredores, ADSP considera “rechamante” que Centene Corporation poña interese en adquirilo. Iso implica que “ten pensado recortar o persoal de 1.350 traballadores, reducir aínda máis as prestacións á poboación” –máis de 135.000 pacientes da área de Vigo– ou que o Sergas “lle prometese nova e importantes melloras” no concerto.

Pola súa banda, En Marea critica que a resposta da Xunta ao coñecer a posible venda fose “tan só” que “esixirá e defenderá o mantemento da calidade asistencial na área sanitaria e o mantemento dos postos de traballo”.

A deputada do Grupo Mixto Paula Vázquez Verao considera que esta resposta de Sanidade “é tramposa”, porque “obvia que Povisa é o único centro sanitario privado de Galicia que ten asignado un sector da poboación, o único que mantén un concerto singular co Sergas que o converte no hospital de referencia” para máis de 135.000 persoas.

Loita contra as velutinas nas Illas Cíes

A Xunta de Galicia dá por “semiestabilizada” a expansión da ‘vespa velutina’ ou avespa asiática, ao retardarse o aumento no número de niños detectados na comunidade, aínda que alertou de que os datos deben tomarse “con cautela”, porque poden variar “dun ano a outro”, do mesmo xeito que pode sufrir lixeiras variacións o ciclo biolóxico desta especie invasora.

De feito, a velutina chegou tamén a espazos protexidos, como o Parque Nacional de Illas Atlánticas. Fontes de Medio Ambiente confirmaron a Europa Press que, este ano, se retiraron 6 niños, un deles “primario”, nas illas Cíes, por parte de persoal do propio Parque.

Medio Ambiente enmarcou esta actuación na “campaña continuada de control de especies exóticas invasoras” do Programa de Conservación de Espazos Naturais e Reinserción, no que colabora o Parque Nacional das Illas Atlánticas. Un dos principais obxectivos do programa é eliminar especies foráneas, “sobre todo cando pon en perigo a biodiversidade”.

En todo caso, precisaron desde este departamento autonómico, “a situación está controlada, como demostra o feito de que os niños se detectaron con rapidez” e foron eliminados de forma inmediata. Toda a reportaxe no Galicia Confidencial.

Piden responsabilidades civís a uns obreiros tras o accidente dun viandante que ía distraído co móbil

Un veciño de Vigo de 31 anos de idade, L.M.G.S., resultou ferido ao golpearse no nariz coa barra dunha lámpada que estaba apilada na beirarrúa con outros mobles durante unha mudanza e que o prexudicado non viu por estar atento ao seu teléfono móbil mentres camiñaba.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na mañá deste luns, cando este peón camiñaba, pendente do seu teléfono, pola rúa Sanjurjo Badía. Ao non estar atento ao que ocorría ao seu redor, chocou contra a barra metálica dunha lámpada, que estaba apilada na beirarrúa xunto con outros mobles, depositados por traballadores dunha empresa que estaban a realizar unha mudanza.

O mozo chamou á Policía e os axentes requiriron aos traballadores da empresa o documento que acredita a existencia de seguro de responsabilidade civil. O traballador, que non tiña dito documento, sinalou aos axentes que o presentaría posteriormente, mentres que o mozo ferido foi trasladado ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, para a valoración das lesións, que se incluirá no parte de reclamación de danos.

Os deportes náuticos, unha ferramenta para tratar o TDH e os problemas de conduta nos máis novos

Na actualidade existen en Galicia, matriculados en distintos centros de toda a comunidade, preto de 8.500 nenos con problemas de conduta ou personalidade, déficit de atención ou hiperactividade (TDH).

A maioría deles, un 90 por cento, son nenos diagnosticados con TDH, e o 10 por cento restante, segundo datos recentes da Xunta de Galicia, están afectados por trastornos graves de conduta.

Denomínase así a un conxunto de condutas que implican unha oposición persistente ás figuras de autoridade e ás normas sociais, unha actitude que deriva en serios problemas de convivencia con pais, profesores, compañeiros e, en xeral, cun gran número de persoas.

Se xorden de maneira illada non adoitan xerar demasiados incidentes, pero o problema é cando estas condutas se manteñen no tempo, intensifícanse coa idade ou derivan en comportamentos agresivos, absentismo escolar, consumo de drogas ou roubos.

Actividade do Monte Real Club de Yates/ Rosana Calvo

Na prevención e tratamento destes trastornos, o deporte considerouse desde sempre como un factor moi relevante, xa que permite reforzar condutas positivas e suprimir malos hábitos.

E é neste ámbito, e máis concretamente no do deporte náutico, no que empezou a traballar o Monte Real Club de Yates de Baiona. Tras levar anos traballando man a man con asociacións de persoas con diversidade funcional a través da súa Escola de Vela Adaptada e grazas ao apoio de administracións como a Xunta de Galicia, institucións como Fundación Repsol e empresas como ABANCA, o Monte Real asume agora un novo reto, o de axudar a persoas con trastornos graves de conduta.

E o primeiro paso que deu neste camiño foi realizar unha proba piloto dunha saída ao mar cun grupo de alumnos do Centro de Educación Especial de Panxón (Nigrán). Da man de dous adestradores da Escola de Vela do club, oito alumnos de entre 10 e 17 anos do C.E.E de Panxón, acompañados por varios dos seus docentes, subíronse a unha neumática motora para recoñecer a baía de Baiona e participar en varias actividades didácticas.

Empregaron cartas náuticas, escandallos e outros elementos náuticos; navegaron pola baía, recoñeceron o Val Miñor desde o mar, visitaron as instalacións do Monte Real e reaccionaron dunha forma moi positiva e proactiva ás dinámicas programadas.

O beneficio da actividade quedou reflectido na avaliación posterior de adestradores e docentes, que mostraron a súa satisfacción polo desenvolvemento da actividade e un claro interese por dar continuidade á proba piloto cun programa máis extenso de saídas.

E é precisamente nese proxecto no que traballa agora o Monte Real, que tratará de conseguir apoios para poder estender a proposta e facer partícipe dela ao maior número posible de centros deste tipo.

Actividade do Monte Real Club de Yates/ Rosana Calvo

O que busca o club é que o deporte náutico, e máis concretamente do deporte da vela, sirva de axuda para educar, fortalecer, ofrecer novos recursos e ferramentas a persoas con graves problemas de conduta.

O desenvolvemento da intelixencia emocional e a resiliencia, a mellora da comunicación interpersoal e intrapersonal, a adquisición de habilidades en planificación e responsabilidade, o aumento da capacidade de decisión e motivación, o intercambio de experiencias positivas a través da convivencia ou o traballo en equipo son algúns dos beneficios que pódelles ofrecer a este tipo de persoas.

Detida a directora dunha residencia por roubarlle 14.380 euros a un paciente

A ex directora dunha residencia da terceira idade da provincia de Pontevedra foi detida por un presunto delito de estafa ao aproveitarse do delicado estado de saúde dun interno para obter indebidamente diñeiro da súa conta corrente.

A investigación levada a cabo polo Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán, iniciouse a partir da denuncia presentada por un amigo dun dos residentes. O denunciante informou a Garda Civil na súa denuncia que tiña un amigo de 82 anos ingresado nunha residencia da terceira idade e que desde o mes de novembro do ano pasado retiráranlle periodicamente diversas cantidades de diñeiro, que suman un total de 14.380 euros.

Segundo se pudo confirmar, fixéronse 31 reintegros a través de caixeiros automáticos en varias localidades da provincia (Vigo, Nigrán e Tomiño), utilizando o cartón da conta bancaria que este ancián tiña na habitación da residencia.

Anciáns / Sur de Chile, Photopin

Ultimamente, esta persoa non só tiña saldo negativo na conta, senón que, debido a esta circunstancia, tamén lle debía varias mensualidades ao centro. Ao coñecer da denuncia e o avanzado estado das investigacións, a directora da residencia, que xa aparecía como principal sospeitosa, optou por devolver a cantidade subtraída á xerencia do centro que lla reingresou integramente na conta do seu propietario.

A presunta autora da estafa foi cesada no cargo e despedida da empresa. Pola súa banda, a Garda Civil procedeu á súa detención por un suposto delito continuado de estafa e deberá comparecer, cando sexa citada, ante o Xogado de Instrución de garda de Vigo.

Controlado un lume en Tomiño preto dunha gran adega

0

Un lume declarado na parroquia de Forcadela, en Tomiño, segue activo tras iniciarase sobre as 20.30 horas deste domingo. Nun primeiro momento no operativo particioparon dous helicópteros que tiveron que retirarse pola proximidade da noite.

O lume está xa controlado pero está moi preto dunhas grandes bodegas, en concreto, da Adega Santiago Ruíz. Tamén estivo preto doutros negocios e mesmo de algunha casa.

Tomiño dedica a Semana da Árbore deste ano a reflexionar sobre o perigo das especies invasoras

O Concello de Tomiño celebra unha nova edición da Semana da Árbore. Este ano o tema central son as ameazas á biodiversidade derivadas da presencia de especies exóticas invasoras no noso territorio.

Para informar e concienciar sobre este problema, na planta superior do Mercado de Tomiño sitúase unha exposición baixo o título “Unha invasión silenciosa. A biodiversidade baixo ameaza”, realizada pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA). A exposición pode visitarse ata o domingo día 10 de xuño.

Eucaliptos / Emersonik, Photopin

Ademais desta exposición celebraranse, tamén na planta superior do mercado, dúas conferencias. O xoves día 7 de xuño, ás 19.00h, Ramsés Pérez e Paco Bañobre, responsables do Educación Ambiental e do Proxecto Rios, de ADEGA, explicarán a magnitude do problema en Galicia, cales son as principais ameazas, os seus efectos, e posibles intervencións. Se o tempo o permite, haberá unha saída de campo á ribeira do Miño para identificar algunhas das especies de flora invasora máis frecuentes no Baixo Miño.

O venres día 8 de xuño, ás 20.00h, o biólogo Xurxo Mouriño, abordará a problemática concreta que existe no Baixo Miño, e presentará as intervencións que xa se levaron a cabo, en colaboración con Concello de Tomiño, e as que están planificadas para o futuro. A Zona Especial de Conservación (ZEC) do Baixo Miño é a segunda área natural de Galicia con maior número de especies exóticas invasoras.

Nenos e nenas de Tomiño visitan a Fundación Sales / Concello de Tomiño

Nesta edición, non falta o traballo cos nenos e nenas dos colexios de Tomiño. Aproximadamente 200 escolares dos diferentes colexios de Tomiño veñen realizando, durante a semana pasada e a actual, visitas á Fundación Sales, en Vigo, “para visitar o excelente xardín botánico desta fundación e participar en obradoiros relacionados co coñecemento e coidado da natureza”.  Estas visitas están organizadas polo Concello de Tomiño en colaboración con ACUBAM (Asociación Cultivos do Baixo Miño).

En declaracións da Concelleira de Medio Ambiente, María Xosé Vázquez, “a Semana da Árbore é un proxecto de información e educación ambiental de longo prazo, que intenta que os tomiñeses e tomiñesas coñezan as riquezas naturais do seu entorno, as ameazas que existen para a súa conservación e que todos e todas poidamos colaborar, na medida do posible, no coidado do máis valioso e diferenciador que temos, os nosos recursos naturais e a nosa paisaxe”.

O galego en Vigo, no bordo do precipicio: só o 3% dos nenos e nenas o falan a diario

A lingua galega presenta en Vigo e a súa comarca unha perspectiva pouco esperanzadora. Non só e a segunda cidade de Galicia onde é menos empregada a súa lingua, senón que só un 6,8% dos rapaces/as e un 3% dos cativos e cativas a utilizan de forma diaria.

Para chegar a estas conclusións, a Real Academia Galega mais o Consello da Cultura Galega foron acumulando e estudando datos durante máis de dúas décadas (1992-2013), analizando así o dinamismo demográfico do galego durante todo este tempo.

Nos cinco últimos anos reflectidos no documento (2008-2013) a conclusión é clarísima; os monolingües en castelán aumentan aceleradamente ao mesmo ritmo que diminúe o número de galego falantes, o cal en Vigo chega á súa máxima expresión. Todo despois de máis de trinta anos de autonomía.

Así, as enquisas demolingüísticas realizadas en Galicia nas dúas últimas décadas reflicten as dificultades polas que atravesa o galego, motivadas principalmente pola redución do número de galegofalantes, especialmente os máis novos residentes en contextos urbanos ou periurbanos, e pola progresiva erosión dos procesos de transmisión lingüística interxeracional.

Nos últimos 50 anos, Galicia sufriu un importante proceso de transformación que a converteu nunha sociedade máis urbana e terciarizada, máis homologable ás sociedades europeas da contorna.

Este proceso de urbanización ocorrido ao longo da segunda metade do século XX, cunha migración do rural cara ás cidades, tivo unha alta incidencia no proceso substitución do galego polo castelán. En concreto, un dos cambios fundamentais que experimentou Galicia no século XXI foi o movemento da poboación dos centros urbanos cara ás periferias, que sufriron un proceso de expansión do que aínda se descoñece o seu impacto a nivel sociolingüístico. 

Densidade territorial da poboación galega por Concello

A Galicia da metade do século XX caracterizábase por unha elevada proporción de poboación rural ocupada no sector primario que preservaba un alto grao de utilización do galego oral, mais este nicho ecolóxico foi esmorecendo dende a década dos setenta ata a actualidade.

Entrementres, a poboación galega foise concentrando nunha franxa urbana occidental e, en menor medida, nas dúas cidades do interior: Ourense e Lugo.

Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua / queremosgalego.com

A modo de resumo, na actualidade a distribución territorial pode explicarse coma un eixe marcado polo urbano-periurbano, organizándose dúas rexións urbanas: unha ao norte, centrada na área metropolitana da Coruña e que inclúe a comarca do Ferrol; e outra, ao sur, a partir do complexo que conforma Vigo e a súa área metropolitana, Pontevedra e o sector das Rías Baixas.

Sobre esta limitada franxa espacial que segue o trazado da Autoestrada do Atlántico concéntrase a maior carga empresarial e de riqueza económica de Galicia.

Esta realidade pódese resumir da forma seguinte: a urbanización de Vigo, con 300.000 habitantes, estendese por aproximadamente a 15 municipios, que superan os 500.000 residentes; A Coruña (250.000 habitantes) e a súa periferia acadan os 450.000 habitantes; Santiago de Compostela (95.000 habitantes) e Ferrol (74.000) conforman áreas urbanas de 150.000 a 160.000 habitantes; Ourense e Pontevedra un pouco menos, e Lugo supera os 100.000.

A presenza do idioma galego nas cidades é máis reducida que no resto de lugares de residencia

A presenza da lingua galega nas cidades é máis reducida que no resto de hábitats. De feito, a relación entre o galego e o castelán invértese cando se comparan os usos no contexto rural, onde a súa presenza é maioritaria, cos contextos urbanos, onde pasa a ser minoritario.

Resulta evidente que o futuro do idioma galego pasa por solucionar os problemas que fan das grandes urbes espazos incompatibles co desenvolvemento persoal na lingua propia de Galicia.

Poñemos agora o foco nos resultados demolingüísticos de Vigo, obtidos a través dos datos dos volumes publicados polo Seminario de Sociolingüística da RAG Lingua e sociedade en Galicia. A evolución sociolingüística 1992-2013 (Monteagudo, Loredo e Vázquez 2016) e Lingua e sociedade en Galicia. Resumo de resultados 1992-2016 (Monteagudo, Loredo e Vázquez 2018).

A lingua na que aprenden a falar habitualmente os vigueses é maioritariamente castelán (máis da metade, o 54%, téñeno como L1). O galego segue a estar presente en Vigo e comarca pero dunha forma máis reducida que no resto de Galicia.

Agrupando ás persoas que aprenderon a falar en galego ou aquelas que aprenderon a falar en galego e castelán, o galego segue a estar presente nun 43% na cidade e nun 50% na comarca. As diferenzas xorden cando comparamos a situación do Vigo co resto de Galicia: aí vemos como o 41% —con Vigo— das persoas aprenderon a falar en galego —ou 44% sen Vigo—.

Xornadas de lingua
Rapaces nun aula do colexio Paraixal / Miguel Nuñez

Mentres os resultados para Galicia —incluíndo Vigo— indican que o galego e o castelán corren parellos como lingua habitual dos galegos, a situación de Vigo e comarca é moi diferente: os resultados indican que 8 de cada 10 residentes na cidade falan habitualmente en castelán ou 7 de cada 10 cando se toma como referencia a comarca; por outra banda, as cifras de persoas monolingües en galego redúcense a 1 de cada 10, mentres que a metade pódense definir como falantes unicamente de castelán.

As comarcas predominantemente castelanfalantes correspóndense coas zonas urbanas galegas máis poboadas: a área da Coruña-Betanzos e Vigo. Como vimos, na zona de Vigo a cifra de persoas que falan habitualmente en galego é dun 27% cando no resto de Galicia (sen área de Vigo) é dun 55%. Nestas dúas áreas, onde se concentran máis dun terzo da poboación galega, viven case a metade dos castelanfalantes de Galicia; actualmente os índices de castelanización da comarca de Vigo comecen a ser superiores aos da zona da Coruña.

Vigo é a segunda cidade de Galicia onde menos se fala galego

As prácticas lingüísticas en galego nos diferentes centros urbanos, ainda que menores que no resto de hábitats, non son homoxéneas, pois existen diferenzas significativas entre as sete grandes urbes galegas. Vigo sitúase como unha das urbes cun menor número de galegofalantes (19% de persoas que falan unicamente ou maioritariamente en galego), soamente Ferrol presenta unha porcentaxe menor (15% de persoas que falan unicamente ou maioritariamente en galego); próxima a Vigo estaría a cidade da Coruña cun 22% de galegofalantes.

Pola contra, Santiago de Compostela e Lugo mostran un perfil diferente, xa que as prácticas lingüísticas amosan unha distribución case paritaria, xunto con Ourense, onde priman as posicións bilingües.

Segundo o I Mapa Sociolingüístico de Galicia, que recolleu os seus datos en 1992, entre 1992 e 2013 obsérvase como o número de galegofalantes en Vigo diminúe un 7,4%, aínda que este non é un dos peores resultados, xa que Ferrol e A Coruña obteñen cifras negativas maiores. Porén, hai que sinalar dado o tamaño inicial dos galegofalantes durante estes anos Vigo perdeu un cuarto dos seus galegofalantes.

Mapa das grandes urbes galegas segundo as cifras da lingua habitual

A previsión sobre o futuro da relación entre Vigo e a lingua galega pode realizarse de varias maneiras, unha das cales é observar a lingua habitual dos vigueses segundo a súa idade, centrándonos especialmente na xente nova.

En Vigo, o galego entre a xente máis nova ten unha presenza meramente testemuñal. En canto á xente de mediana idade (30 a 49 anos), un 12,7% indica que falan maioritariamente en galego (só ou máis galego), porén cando se lle pregunta á mocidade viguesa a cifra redúcese a metade (6,8%) e máis aínda cando a pregunta vai dirixida aos nenos e nenas, pois a cifra queda reducida a un 3%.

En definitiva, nos nenos e nenas viguesas, o futuro da lingua para a cidade (e de grande importancia tamén para Galicia), aínda que con competencias abondo para falar galego, empregarán como lingua habitual principalmente o castelán, quedando o galego relegado a unha posición secundaria.  

Para consultar a información xeral de Galicia, visita Galicia Confidencial

Vigo mantense por debaixo dos 500 casos tras rexistrar 16 altas

O número de contaxios diarios por Covid repuntou lixeiramente nas últimas horas en Galicia, con 112 casos novos rexistrados (37 máis que na xornada anterior), aínda que seguen descendendo o número de pacientes coa infección hospitalizados (de 149 a 134) e o número total de persoas coa enfermidade (de 3.249 a 3.010).

Así se reflicte nos datos feitos públicos polo Sergas este mércores (que recollen información ata as 18,00 horas do día anterior), nos que se mostra que os novos contaxios incrementáronse en todas as áreas sanitarias, salvo na de Pontevedra.

Na área sanitaria da Coruña rexistráronse nas últimas 24 horas 32 novos casos (9 máis que na xornada anterior), mentres que na área de Vigo son 23 os contaxios novos, 3 máis que na pasada xornada. Con todo, os casos covid en Galicia baixan aos 3.010, 239 menos que no día pasado, dos cales 464 están en Vigo, 16 por debaixo do martes. Vigo é a cuarta área sanitaria por contaxios, detrás da Coruña, Lugo e Santiago.

PRESIÓN HOSPITALARIA

Con respecto á presión hospitalaria, en cifras globais reduciuse o número de pacientes ingresados, tanto en UCI como en unidades convencionais de hospitalización. Así, pasouse de 37 a 35 pacientes en coidados críticos, e de 112 a 99 enfermos ingresados en planta.

A área da Coruña ten o maior número de enfermos graves, 12 persoas; na área sanitaria de Vigo son 7 os pacientes en UCI, na área de Ourense segue habendo 6 persoas en UCI, na área de Pontevedra hai 3 (unha menos), na área de Lugo hai outros 3 enfermos de Covid en coidados críticos, na área de Santiago seguen 2 pacientes en UCI e na área de Ferrol hai outros 2 (un menos que hai un día).

FALECIDOS, CURADOS E PROBAS

Desde o inicio da pandemia curáronse do Covid 175.742 persoas, das que 350 recibiron o alta epidemiolóxica nas últimas horas. Por contra, faleceron coa enfermidade 2.610 persoas. Os últimos decesos comunicados por Sanidade son os de dous homes, ambos de 82 anos de idade, e que estaban ingresados no hospital Povisa de Vigo e no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, respectivamente.

En canto ás probas diagnósticas, en Galicia realizáronse, desde o inicio da crise sanitaria, case 2,8 millóns de PCR (3.489 nas últimas 24 horas), case 820.000 probas de antíxenos e máis de 1,1 millóns doutro tipo de probas. Segundo Sanidade, a taxa de positividade das probas PCR (o número de infeccións detectadas cada 100 test) situouse nas últimas horas no 3,23 %, por baixo do 5 % que a OMS determina como limiar para dar por controlada a pandemia.

VACINACIÓN

Mentres, segue avanzando o proceso de vacinación en Galicia e, segundo os datos publicados polo Sergas, nas últimas horas (nas que se seguiu vacinando nos campus universitarios) recibiron doses da vacina contra o Covid outras 21.166 persoas, das que 19.709 completaron a súa pauta de vacinación (dobre dose).

Así, en Galicia administráronse un total 4.281.262 dose da vacina e xa hai 2.197.577 persoas coa pauta completa. Isto supón que está inmunizado o 89,5 % da poboación diana (maiores de 12 anos) e o 81,4 % da poboación total da Comunidade.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed