Inicio Blog Páxina 1676

O PP primeira forza, BNG segunda e En Común fóra, co 71% escrutado en Pontevedra

O PPdeG é a forza máis votada na provincia de Pontevedra nas eleccións galegas deste domingo, co 71,17 por cento escrutado, ao alcanzar o 43,10 por cento dos votos e lograr 11 escanos, dos 22 escanos que se elixen por esta circunscrición.

O BNG pasa a ser segunda forza, con seis deputados –catro máis–. O PSdeG baixa a terceira posición, a pesar de gañar un escano (5).

Pola súa banda, a coalición Galicia en Común (na que concorren Podemos, EU e Anova) queda sen representación. Tampouco entran nin Ciudadanos nin Vox.

(Galeria) Tony Lomba volve a dalo todo polo seu barrio en Bouzas

0

O cantante Tony Lomba, alter ego do vigués Germán Fandiño, volveu a por o seu toque musical na praza da súa comunidade en Bouzas.

Desta vez en sesión vermú dominical logo de que o pasado venres decidira pospoñer a súa actuación semanal do venres en protesta do sector de industrias culturais ante a falta de medidas específicas para o sector.

O Seminario Maior de Vigo acollerá a persoas infectadas que carezan dun fogar

O Seminario Maior San José de Vigo acollerá a infectados por coronavirus da área metropolitana que non necesiten ser hospitalizados e que carezan dun domicilio no que illarse, como persoas sen fogar.

Así o avanzou o alcalde da cidade, Abel Caballero, nunha rolda de prensa realizada de modo telemático na que indicou que o bispo da diocese Tui-Vigo, Luís Quinteiro, cedeu a utilización destas instalacións ao Concello de modo “inmediato” e “gratuíto” este domingo.

En concreto, o rexedor olívico precisou que o Sergas prestará atención sanitaria a estas persoas, que serán trasladadas en ambulancia desde o hospital ata o seminario, onde se lles realizará o tratamento.

Deste xeito, entre este martes e este mércores habilitaranse 16 habitacións individuais con baño, ás que o Concello dotará de sabas, colchóns e outros efectos tras proceder á súa desinfección. Así mesmo, poderanse habilitar outras 16 camas adicionais nestas instalacións, que se atopan baleiras, para o mesmo fin.

Por outra banda, o alcalde indicou que se dispón de seis prazas conveniadas coa Cruz Vermella para acoller a persoas sen fogar sospeitosas de coronavirus mentres non se determine se se infectaron.

REPARTICIÓN DE COMIDAS

Adicionalmente, avanzou que este luns entrou en funcionamento o servizo de cáterin que complementará a elaboración de comidas que levan a cabo os dous comedores sociais da cidade, que atenden a 285 usuarios, e que preparará alimentos para outras 100 persoas. Así mesmo, proporciónase comida aos usuarios do albergue municipal e o pavillón do Berbés. Estes servizos repártense a domicilio para evitar as aglomeracións nos comedores.

Preguntado polos medios, o tamén presidente da Federación de Municipios e Provincias (Femp) asegurou que o Goberno non se puxo en contacto coas institucións locais en relación ao anuncio relativo a que se illará a contaxiados por coronavirus asintomáticos, aínda que o Executivo central pediu aos gobernos das comunidades unha lista de instalacións na que se podería acoller a estas persoas.

O rexedor tamén valorou que a curva de contaxios alcanzase unha “meseta”, o que, ao seu xuízo, representa “o principio do control da pandemia”. Con todo, chamou á cautela e incidiu en que a “principal arma” para combater a propagación do virus pasa polo illamento da cidadanía.

Abel Caballero acusa o PP de querer novas eleccións co seu ‘non’ a Pedro Sánchez

0

O presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e alcalde de Vigo, Abel Caballero, apoia as negociacións que está a levar a cabo o PSOE de cara á investidura de Pedro Sánchez como presidente do Executivo e censurou a actitude do PP, ao que acusou de querer novas eleccións ao manter o seu ‘non’ ao líder socialista e non abrirse á abstención.

Caballero conversou este martes co presidente do Goberno en funcións no marco da rolda de contactos que Sánchez está a manter cos presidentes das Comunidades Autónomas de cara á sesión de investidura, que aínda non ten data marcada.

Durante a mesma, puxo énfase en que é “imprescindible” ter un goberno “canto antes” e lembrou que unha inmensa maioría dos alcaldes españois reclama acordos políticos para conseguir un goberno estable.

“Os Concellos queremos un goberno neste momento e, por tanto, sería bo que os grupos políticos que non queiran apoiar a Pedro Sánchez manifestasen a súa abstención. A negativa, o ‘non’, sería o peor escenario posible para os concellos e as corporacións locais, pois conducen a novas eleccións”, reprochou Caballero ao PP.

Nesta liña, defendeu que o Executivo que se forme debe “estar presidido por Pedro Sánchez”, o partido que máis apoio obtivo nas urnas, e apoiou os contactos que o PSOE está a manter para tentar formar goberno.

Por iso, solicitou a Pedro Sánchez que “continúe no seu impulso e conversas para formar goberno”. Así, lembrou que a posición de pacto con Podemos é un mandato electoral dos cidadáns, “dado que algunha forza política, a mesma noite electoral, dixo e manifestou a súa oposición a ningún acordo co presidente do Goberno en funcións para apoiar a súa investidura”.

Así mesmo, o tamén alcalde de Vigo subliñou a súa oposición a unhas terceiras eleccións engadindo que “colocarían o Estado español nunha situación de innegable paralización e debilidade”. “Cando algún dos grupos políticos manifesta a súa oposición á investidura de Pedro Sánchez, está a avogar por terceiras eleccións”, finalizou.

Caballero lembrou durante a conversa que cando o Goberno de España quixo aplicar o artigo 155 da Constitución en Cataluña tivo o apoio do PSOE e, ao mesmo tempo, apuntou que “cando Rajoy necesitou a abstención do PSOE para constituír o seu goberno, tívoa”.

DECRETO LEI PARA INVESTIMENTO DO SUPERÁVIT

Na conversa tamén abordaron a situación dos Concellos e a necesidade de que se faga un decreto lei para poder investir os máis de 4.500 millóns que os consistorios locais terán de superávit en 2019, así como da importancia para as corporacións municipais de resolver o problema do imposto de plusvalías.

O alcalde socialista, por outra banda, transmitiu ao presidente do Executivo en funcións o recoñecemento da FEMP por actualizar os ingresos a conta, tal e como se lle pediu no pasado mes de setembro.

“Tamén hai acordo co Goberno en incorporar a procesos lexislativos os acordos que houbo sobre teito de gasto no verán, que requirirían de acción de Goberno, así como os proxectos para a reforma da lexislación en favor dos Concellos”, recalcaron desde a FEMP.

Outro dos asuntos mencionados na conversa foi a proposta do xefe do Executivo en funcións de facer un tratamento simultáneo do financiamento autonómico e municipal. Así mesmo, o máximo responsable da FEMP transmitiulle que neste momento xa está en contacto coa Ministra de Facenda en funcións, María Jesús Montero, para os efectos da actualización de coeficientes catastrais, así como do tratamento do sistema de información inmediata do IVE do ano 2017.

A FEMP demanda de forma unánime todas estas cuestións que están a ser atendidas polo Goberno de Pedro Sánchez, e en base a todas estas formulacións, Abel Caballero reiteroulle o seu apoio nas negociacións para conformar un Goberno.

Finalmente, Caballero recoñeceu que a FEMP fora incluída na rolda de conversas ao mesmo nivel que as Comunidades Autónomas, “unha demanda histórica, atendida agora polo Goberno de Pedro Sánchez”.

O policía vigués ferido en Barcelona xa está “consciente” na UCI do Álvaro Cunqueiro

O axente da Unidade de Intervención Policial (UIP) da Comisaría de Vigo, Iván A.F., que resultou ferido grave o pasado 18 de outubro en Barcelona durante os disturbios tras coñecerse a sentenza do ‘procés’, xa está  “consciente e orientado” na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do hospital Álvaro Cunqueiro.

Así, tal como informou aos medios o xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo, Julio García Comesaña, o axente ferido, que sufriu un traumatismo cranioencefálico polo impacto dun obxecto contundente na cabeza, chegou a Vigo pasadas as 14,00 horas tras ser trasladado desde Barcelona nun avión medicalizado do Exército do Aire e conducido en ambulancia ata o centro hospitalario vigués.

“O estado do paciente é bo, segundo o esperado, e o prognóstico moderado. É un paciente que estará uns días na UCI e nunhas xornadas pasará a planta”, indicou García Comesaña, tras o que asegurou que o traslado se produciu “sen incidencias” e o paciente “subiu e baixou ao avión polo seu propio pé”.

Tamén a responsable da UCI do hospital, Dores Vila, sinalou que “todo está en orde” e que Iván A.F. xa pasou “o máis grave”, polo que dixo que se lle realizarán algunhas probas, como un TAC, pero está “perfectamente consciente, orientado e falando”.

Pola súa banda, o comisario principal Luís Balseiro agradeceu a “colaboración absoluta” entre o hospital e os axentes, así como o labor de “todo o persoal sanitario” que foi “importantísima e de primeiro nivel”. Así mesmo, deu as grazas polas “facilidades” que puxo o Exército do Aire á hora de realizar o traslado do policía vigués.

“BO ÁNIMO”

Balseiro subliñou o “bo ánimo” da familia do ferido, pero asegurou que “necesita tranquilidade”. Preguntado sobre a posibilidade de concederlle a Iván A.F. algunha distinción tras o ocorrido, indicou que “todos os actos de servizo que leven lesións graves” poden levar unha distinción, aínda que na actualidade “o importante é a recuperación do axente”.

Iván A.F. pertence ao grupo ‘Raia 30’ da UIP da Comisaría de Vigo. O pasado 18 de outubro, na Praza Urquinaona, resultou ferido grave polo impacto dun obxecto contundente na cabeza, que lle provocou unha fractura na base do cranio e o esmagamento dunha vértebra.

O axente foi ingresado na UCI do Hospital Sant Pau de Barcelona. As súas condicións de saúde permitiron o seu traslado a Vigo, onde reside xunto á súa familia.

A celebración do mitin de Abascal en Vigo sáldase cun detido e tres policías feridos leves

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron un home como presunto autor dun delito de atentado contra a autoridade, tras ser identificado por lanzar pedras contra os axentes durante unha concentración na zona de Beiramar, durante a celebración dun mitin de Santiago Abascal na cidade olívica. No marco destes incidentes, resultaron feridos leves tres policías.

Segundo confirmaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar a última hora da tarde deste xoves, cando un grupo de varias decenas de persoas se concentrou nas inmediacións do Auditorio Mar de Vigo, escenario do mitin de Vox, coreando consignas como “Fóra fascistas da nosa terra”, “Vigo será a tumba do fascismo” ou “Vós, fascistas, sodes os terroristas”.

Cando a gran maioría de asistentes ao acto xa estaban dentro do auditorio, un grupo de persoas colocou colectores no medio da rúa, aínda que non diante do Auditorio, e prendéronlles lume, o que fixo necesaria a intervención de bombeiros. A continuación, segundo relataron fontes policiais, as persoas concentradas dirixíronse á Avenida de Beiramar, ocupando a calzada e cortando o tráfico en ambos os sentidos.

Nese momento, os axentes despregados na zona “avanzaron para dispersalos” e produciuse, por parte dos concentrados, lanzamento “de todo tipo de obxectos”, entre eles, pedras e un valo. Eses obxectos provocaron feridas leves a tres policías.

Unha vez dispersada a concentración, e cando efectivos policiais realizaban unha inspección polas rúas contiguas para comprobar que non se producirían máis incidentes, os axentes localizaron na rúa Torrecedeira a un home, ao que identificaron como a persoa que empezara a lanzar obxectos contra o dispositivo policial.

Por estes feitos, este home, de 40 anos de idade e veciño de Vigo, foi detido e trasladado a Comisaría, onde se comprobou que ten antecedentes policiais. Está previsto que sexa posto a disposición xudicial na mañá deste venres.

DENUNCIA DE VOX

O propio Santiago Abascal, durante a súa intervención no mitin de Vigo, referiuse ás persoas concentradas fóra do Auditorio como “extremistas antiespañois”, aos que equiparou cos CDR de Cataluña e explicou aos asistentes ao acto que a Policía tivera que “cargar” contra eles porque pretendían “atentar contra a liberdade” de quen acudiran ao mitin.

De feito, Vox difundiu un comunicado tras o acto, no que denunciaba que “200 radicais trataron de impedir” a celebración do mitin, e censuraba a “inacción” da Xunta Electoral e da Delegación do Goberno.

Abascal, durante a súa intervención referiuse a esas persoas como “a partida da porra e a carapucha de Pedro Sánchez”, e anunciou que o seu partido iniciará “accións xudiciais” contra “quen permiten que estes manifestantes estean na porta dos actos de Vox”.

O SUP atribúe a “terroristas organizados” o ataque a un policía vigués en Barcelona: “Ían matalo”

O secretario xeral do Sindicato Unificado de Policías (SUP) en Galicia, Roberto González, criticou con firmeza o ataque que o axente vigués Iván A.F. sufriu durante os disturbios en Barcelona e asegurou que o obxectivo destes “violentos, bárbaros, terroristas organizados cun uso descomunal da violencia” era “matalo”.

Así o sinalou González á prensa na concentración levada a cabo en Vigo en apoio dos policías desprazados en Cataluña. Unhas manifestacións que se repetiron por toda a xeografía galega en localidades como A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Ferrol e Monforte, sendo a da cidade olívica unha das máis numerosas, cunha asistencia de máis de 200 persoas.

Rodeado non só de policías nacionais, senón de policías locais, gardas civís e particulares que se desprazaron ata a Comisaría de Vigo, Roberto González mostrou o seu apoio aos dous galegos feridos en Cataluña e aos 170 axentes que desde Galicia se desprazaron á cidade condal polos altercados, xa que “o están pasando moi mal”.

Segundo informou, á concentración tamén asistiu a nai do axente vigués ferido. Sobre a situación na que se atopa, González sinalou que “evoluciona favorablemente”, aínda que está na UCI dun hospital barcelonés.

Preguntado acerca das circunstancias nas que se produciron os feitos, González indicou que se están investigando, pero dixo que “posiblemente” recibise un impacto dunha “bóla de aceiro, un lastro ou unha maceta” que puido ser lanzado desde “unha azotea ou un balcón”. “Tiña por obxectivo acabar coa súa vida. Coa del ou a doutro integrante da Policía Nacional”, lamentou.

“MORNEZA POLÍTICA”

Por todo iso, pediron ao Ministerio de Interior “que poña todos os medios necesarios” para que a Policía “poida actuar con todas as garantías necesarias” e así garantir que non volva suceder o ocorrido o pasado venres.

Neste sentido, desde o SUP criticaron a “impotencia” e a “morneza política”, que evitou que os axentes “puidesen actuar con máis contundencia”. Segundo eles, o Centro de Coordinación (no que están representados os Mossos D’Esquadra, a Policía Nacional, a Garda Civil e representantes políticos) “non deixou actuar como se fixo en calqueroutra parte do territorio”.

“O pasado venres estiveron tres horas recibindo impactos de todo tipo. Non lles deixaron avanzar. A súa liña estivo inmóbil e ata que caeron compañeiros non puideron avanzar”, lamentou González.

Engadiu que dita situación provocou que tivesen que utilizar os medios antidisturbios que tiñan ao seu alcance (pelotas de goma e gases lacrimóxenos) e chegaron a esgotarse, polo que González insistiu na importancia de fornecer á Policía “todo o que sexa necesario”. “É unha situación extraordinaria. A peor alteración da orde pública en democracia“, sentenciou.

Entre outros, ata a concentración en Vigo desprazáronse diferentes membros do PP local, como o seu portavoz, Alfonso Marnotes, así como a candidata de Ciudadanos por Pontevedra Beatriz Pino, quen trasladou o seu “apoio, ánimo e agarimo” aos policías.

PETICIÓN DE DIMISIÓN

Tamén fronte á Comisaría da Policía Nacional en Santiago tivo lugar unha concentración na que participaron ao redor dun cento de persoas, entre as que se atoparon axentes e parte do grupo do PP no Parlamento de Galicia, incluído o presidente da Cámara, Miguel Santalices.

O portavoz do SUP na capital autonómica, Abel Lobato, expresou o “apoio indispensable” de “todas as comisarías” aos 200 policías feridos nos altercados en Cataluña e, sinaladamente, os dous axentes galegos afectados.

Debido á “grave” situación vivida na capital catalá desde a publicación da sentenza do ‘procés’, Lobato mostrouse “crítico” coa xestión dos medios cos que contan as forzas e corpos de seguridade do Estado.

“Algunha dimisión ten que caer. Non podemos entender que teñamos medios disuasorios importantes como o camión de auga e que o venres non se utilice”, explicou, indicando ademais que os Mossos d’Esquadra utilizaron este recurso “o sábado” para “despexar as barricadas”.

CONCENTRACIÓN EN OURENSE

En Ourense, preto dun cento de policías nacionais, cidadáns e representantes políticos do PP e de Ciudadanos tamén se concentraron ás portas da Comisaría Provincial da cidade das Burgas para esixir ao Goberno “reforzos inmediatos” para a xestión do “terrorismo nas rúas” en Cataluña.

“Este xesto de recoñecemento é necesario despois das escenas de violencia vividas nas rúas de Barcelona cando grupos perfectamente organizados e coordinados puxeron en marcha unha estratexia de terrorismo nas rúas”, leu o portavoz dos sindicatos policiais.

Pola súa banda, en Ferrol, ao redor de medio cento de persoas concentráronse ante a comisaría en apoio das Unidades de Intervención Policial (UIP) pola situación que están a vivir en Cataluña.

Así mesmo, na Coruña leváronse a cabo dúas concentracións, unha ante a sede da Xefatura Superior de Policía de Galicia e outra nos xardíns de Méndez Núñez, onde unhas 250 persoas mostraron o seu apoio á Policía.

O policía vigués ferido nos disturbios en Barcelona evoluciona “ben” na UCI

Abel Caballero denuncia que “a Xunta non apoiou” a Vigo durante os incendios de 2017

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, lembrou este martes, cando se cumpren dous anos dos incendios que arrasaron gran parte dos montes da cidade, que o lume foi extinguido por medios da propia cidade, “sen axuda de ninguén” e que “a Xunta non apoiou” ese labor de extinción.

Nunha rolda de prensa celebrada despois dun acto de plantación simbólica de árbores nun colexio de Valadores, o rexedor subliñou que o incendio se declarou á primeira hora da tarde do 15 de outubro de 2017 e que, sobre as 5,00 horas da madrugada, “xa estaba extinguido”. “Fixémolo Vigo sós, sen a axuda de ninguén, e do presidente da Xunta o único que conseguín é que me dixese que non tiña medios”, rememorou Caballero.

A ese respecto, subliñou que, cando os medios externos xa estaban en disposición de cooperar, as chamas foran xa extinguidas por efectivos de bombeiros, Policía Local, Policía Nacional, Protección Civil, Garda Civil e miles de voluntarios. “É a primeira lección que sacamos, non temos que esperar nada da Xunta que, naquel momento, non estaba preparada para dar axuda”, reiterou.

“Gustaríame que a Xunta fixese autocrítica, pero pasaron 2 anos e non mellorou nada. A Xunta está na mesma situación, se hoxe repetísense os incendios, teriamos que volver extinguilos cos nosos medios”, proclamou o alcalde olívico. A partir de aí, sinalou, o goberno local “si que tomou decisións” e, segundo presumiu, desde esas datas ata o final deste ano plantaría unhas 3.000 árbores.

Así mesmo, engadiu, o Concello aprobou o plan de prevención e defensa contra incendios (que delimita a rede de franxas secundarias e as zonas de influencia forestal). De feito, a próxima semana iniciaranse as inspeccións aéreas vía satélite, que permitirán comprobar a limpeza das leiras.

Ademais diso, Abel Caballero afirmou que o goberno está “a redactar” o proxecto do chamado ‘Anel Verde’, unha franxa de protección duns 50 quilómetros de lonxitude e que separa zonas forestais de zonas urbanas.

Identificado un home que ofrecía diñeiro a menores para que o acompañasen

0

A Policía Nacional da Comisaría de Vigo identificou a un home que, supostamente, ofrecía diñeiro a menores durante o festival O Marisquiño, para que o acompañasen. Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron este fin de semana, durante a celebración de O Marisquiño, cando varios menores se achegaron a unha dotación do 091 para informar de que un home se lles achegou e ofreceulles 500 euros se ían con el.

Ademais, segundo apuntaron, cando rexeitaron a oferta do home, este dirixiuse a outro grupo de mozas e comezou a falar con elas, presumiblemente para repetir o intento. Coa descrición facilitada polas testemuñas, os axentes puideron localizar ao sospeitoso, que estaba nas inmediacións dun hotel do centro da cidade. Tras ser identificado, os policías cacheárono e descubríronlle diverso diñeiro en efectivo, as chaves dun coche convertible e outros efectos.

A Policía Nacional fixo un chamamento á colaboración cidadá para tentar localizar a algunha posible vítima deste suxeito, que non puxese denuncia, para poder proceder cos trámites correspondentes.

CONDUCCIÓN BAIXO EFECTOS DO ALCOL

Axentes de Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a un condutor de 43 anos de idade, de nacionalidade eslovaca e veciño de Redondela, como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria, ao circular con exceso de velocidade, sen luces, de forma temeraria e baixo os efectos do alcol.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron de madrugada o pasado fin de semana, cando unha dotación do 091 que se atopaba na zona de Choróns, en Vigo, observou un condutor que circulaba sen luces, de forma errática, con continuos aceleróns e freadas, e sen observar ningunha medida de seguridade.

Os axentes pediron apoio doutras patrullas para interceptar o coche e, cando lograron facelo, observaron que o condutor presentaba evidentes síntomas de atoparse baixo os efectos do alcol.

Así, ao realizarlle a proba de alcoholemia, comprobaron que superaba amplamente o triplo da taxa máxima permitida, polo que foi detido e o seu vehículo trasladado ao depósito municipal. O detido e as dilixencias practicadas foron postos a disposición do xulgado de instrución de Redondela en funcións de garda.

Convocadas bolsas da UVigo para acoller universitarios de países en vías de desenvolvemento que realicen os seus traballos finais

A Universidade de Vigo (UVigo) convocou bolsas para acoller entre un e dous meses a estudantes de países do África lusófona, América do Sur e os Balcáns que realicen o seu Traballo de Final de Grao (TFG) ou o seu Traballo de Final de Máster (TFM) sobre temáticas relacionadas co desenvolvemento sustentable.

Segundo recolleu a universidade nun comunicado, os beneficiarios deberán comprometerse a defender o seu proxecto neste curso ou durante o próximo e  desenvolvelo sobre temáticas relacionadas coa Axenda 2030 e os 17 obxectivos de desenvolvemento sustentable.

O período para solicitar estas bolsas, cuxa contía non poderá superar os 2.000 euros, permanecerá aberto ata o próximo 10 de maio e, durante o seu goce, os estudantes contarán co apoio e a supervisión dunha ONG ou unha entidade social que realice labores de cooperación sobre o terreo nos países que participan na iniciativa.

Deste xeito, aspírase a facilitar procesos de aprendizaxe-servizo (APS) á comunidade mediante a participación activa do estudiantado e, así, consolidar unha aprendizaxe que permita mellorar as necesidades unha área vulnerable.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed