Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron un home como presunto autor dun delito de atentado contra a autoridade, tras ser identificado por lanzar pedras contra os axentes durante unha concentración na zona de Beiramar, durante a celebración dun mitin de Santiago Abascal na cidade olívica. No marco destes incidentes, resultaron feridos leves tres policías.
Segundo confirmaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar a última hora da tarde deste xoves, cando un grupo de varias decenas de persoas se concentrou nas inmediacións do Auditorio Mar de Vigo, escenario do mitin de Vox, coreando consignas como “Fóra fascistas da nosa terra”, “Vigo será a tumba do fascismo” ou “Vós, fascistas, sodes os terroristas”.
Cando a gran maioría de asistentes ao acto xa estaban dentro do auditorio, un grupo de persoas colocou colectores no medio da rúa, aínda que non diante do Auditorio, e prendéronlles lume, o que fixo necesaria a intervención de bombeiros. A continuación, segundo relataron fontes policiais, as persoas concentradas dirixíronse á Avenida de Beiramar, ocupando a calzada e cortando o tráfico en ambos os sentidos.
Nese momento, os axentes despregados na zona “avanzaron para dispersalos” e produciuse, por parte dos concentrados, lanzamento “de todo tipo de obxectos”, entre eles, pedras e un valo. Eses obxectos provocaron feridas leves a tres policías.
Unha vez dispersada a concentración, e cando efectivos policiais realizaban unha inspección polas rúas contiguas para comprobar que non se producirían máis incidentes, os axentes localizaron na rúa Torrecedeira a un home, ao que identificaron como a persoa que empezara a lanzar obxectos contra o dispositivo policial.
Por estes feitos, este home, de 40 anos de idade e veciño de Vigo, foi detido e trasladado a Comisaría, onde se comprobou que ten antecedentes policiais. Está previsto que sexa posto a disposición xudicial na mañá deste venres.
DENUNCIA DE VOX
O propio Santiago Abascal, durante a súa intervención no mitin de Vigo, referiuse ás persoas concentradas fóra do Auditorio como “extremistas antiespañois”, aos que equiparou cos CDR de Cataluña e explicou aos asistentes ao acto que a Policía tivera que “cargar” contra eles porque pretendían “atentar contra a liberdade” de quen acudiran ao mitin.
De feito, Vox difundiu un comunicado tras o acto, no que denunciaba que “200 radicais trataron de impedir” a celebración do mitin, e censuraba a “inacción” da Xunta Electoral e da Delegación do Goberno.
Abascal, durante a súa intervención referiuse a esas persoas como “a partida da porra e a carapucha de Pedro Sánchez”, e anunciou que o seu partido iniciará “accións xudiciais” contra “quen permiten que estes manifestantes estean na porta dos actos de Vox”.