Polémica con Médicos Sen Fronteiras: “Pode unha ONG que defende dereitos humanos esquecer os laborais?”
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou nula hai uns días a cláusula 7 dos contratos dos captadores de Médicos Sen Fronteiras (MSF), unha cláusula que esixe que o persoal alcance uns obxectivos mínimos en canto a número de socios, así como un financiamento mínimo.
Non alcanzar este dobre obxectivo supón para os traballadores a aplicación dun despedimento disciplinario, sen indemnización, o que supón unha alta taxa de rotación.
Desde CCOO entenden sobre este asunto que, tal e como fallou o tribunal, este tipo de cláusula de rendemento protagoniza unha situación de abuso por parte da ONG, “xa que foi unha cláusula aplicada unilateralmente, que non foi negociada e aplica un réxime sancionador que pode levar a cabo á extinción do contrato cando non alcanzas os obxectivos durante 3 meses de forma consecutiva e durante 6 meses de forma non consecutiva”.
” A situación laboral noutras ong é moitísimo peor”
A día de hoxe é unha cláusula inalcanzable para a maior parte do persoal (só a alcanza o 11% no 2016), xa que conseguir un mínimo de 6 socios semanais e unha cota de financiamento de 115€ é algo que non depende só dos traballadores, senón que depende da voluntariedade de terceiras persoas.
Ademais, en caso de non aplicar o despedimento disciplinario, MSF interpón amoestacións mensuais, “mesmo cando se supera o número de socios, e quedas a céntimos do obxectivo de financiamento”.
CCOO, adherida no ano 2016 á demanda de conflito colectivo presentada pola CNT, cualifica esta sentenza como un logro para as condicións laborais dos captadores de socios, e entende que se abre unha clara oportunidade de mellorar as condicións precarias que se dan no sector, “xa que somos coñecedores de que a situación laboral noutras ONGs é moitísimo peor”.
“Atopámonos ante un sector que precariza a vida da mocidade maiormente, nun sector moi feminizado e que precariza aos persoais de captación con cláusulas abusivas, xornadas de traballo interminables, sen protocolos de violencias e un longo etcétera. Por iso salientamos a necesidade de que a Asociación Española do Fundraising inicie unha revisión na contratación dos captadores”, salientan desde CC.OO.
Ademais, desde os recortes en financiamento público ás ONGs, cobran especialmente importancia estes captadores, sendo o maioría dos casos a maior vía de financiamento para levar a cabo a axuda humanitaria, no caso de MSF o 99% dos fondos son privados e maiormente alcanzados polos seus captadores.
“a ong non deixa de cesar ao seu pesoal dunha forma abusiva e ilegal”
“Por toda esta situación e sendo coñecedores de que MSF recorrerá ao Supremo esta sentenza, CC.OO non entendemos que unha ONG que defende os DDHH olvide o cumprimento dos dereitos laborais“, criticaron.
Por iso, reclaman unha vez máis unhas condicións dignas no sector e en MSF, que deixe de aplicar a cláusula ata que haxa unha sentenza do Supremo ou outras vías de medir o rendemento do persoal.
Ademais, no momento de ratificarse a nulidade da cláusula, “esixiremos a readmisión das persoas despedidas baixo esa situación, xa que a ONG non deixa de cesar ao seu persoal dunha forma abusiva e ilegal, impedindo o mantemento do posto de traballo”, selaron.
Cachan en pleno furto na Cañiza aos “ladróns do cobre”: levaban 140 metros nun coche roubado
A Garda Civil sorprendeu “in fraganti” a dous veciños da Cañiza cargando cable de cobre roubado nun coche que subtraeran en Ourense. Detívose a un deles, unha moza de 27 anos, e o seu compañeiro, que xa está identificado, conseguiu darse á fuga de forma violenta logo de golpear a un axente.
Os feitos ocorreron esta semana no municipio da Cañiza, no marco dun dispositivo especial que estaba levando a cabo o Posto da Garda Civil con motivo dos recentes roubos de fío de cobre que se denunciaron en distintas parroquias do concello.
As investigacións iniciáronse o pasado mes de abril cando unha patrulla do Posto da Garda Civil de O Covelo identificou a tres persoas que se atopaban na parroquia de Valeixa (A Cañiza), sospeitosas de estar queimando cable nas proximidades do barrio de Barreiro.
A raíz destas identificacións activáronse as pescudas e os dispositivos de vixilancia e control da zona, que concluíron o pasado día 18 cando unha patrulla de seguridade cidadá do Posto da Cañiza sorprendeu ás tres da madrugada a unha parella cargando fío de cobre no interior dun vehículo que estaba estacionado na calzada, no Km. 1,900 da estrada EP-503, á altura da parroquia de Valeixa (A Cañiza).
No momento de proceder ás detencións destas persoas, o varón conseguiu darse á fuga, logo de golpear a un dos axentes, que resultou con lesións de carácter leve. A súa compañeira, M.F.G., de 27 anos, foi detida e trasladada ás dependencias da Garda Civil na Cañiza, onde se lle instruíron as correspondentes dilixencias das que, xunto co seu compañeiro, resultou implicada na comisión doutros tres roubos de fío de cobre que se cometeron na mesma zona en datas anteriores.
No interior do vehículo, que figuraba subtraído e denunciado na Comisaría da Policía Nacional de Ourense, recuperáronse 140 metros de cable de cobre, cortado e preparado para a súa venda. A investigación continúa aberta para a localización e detención do varón, xa identificado, que se deu á fuga.
A Xunta recibe máis de 2.000 alegacións por un barrio de Navia con espazos verdes e servizos sociais
A Asociación Veciñal Novo Vigo vén de presentar esta mañá ás 11:00 1.940 alegacións contra as modificacións do PAU de Navia por parte da Xunta, que supoñen a construción de máis de mil vivendas por riba do estipulado, tal e e como xa relatou Xornal de Vigo. A estas alegacións súmanse as das que entregaron particulares pola súa conta, polo que Ana María Martínez Barreiro, a presidenta de Novo Vigo (Asociación veciñal do barrio de Navia), confirma que o total ascendería por riba das 2.000.
Os integrantes da plataforma tiveron este luns un rápido encontro con Ignacio López- Chaves, delegado territorial da Xunta de Galicia en Vigo, e esperan unha xuntanza máis extensa no futuro. Agora a Xunta reenviará as alegacións ao Concello de Vigo, que xa manifestou o seu apoio ao movemento, e debe estimar as alegacións que logo levará ata a Xunta de novo.
“Chegamos ao final do proceso de exposición, comeza a negociación, toca esperar”, resume a presidenta de Novo Vigo, aínda que engade que “aínda que o período de alegacións terminara, ás persoas afectadas individualmente pola modificación plan urbanístico chegoulle unha carta á casa, e contan con 2 meses de prazo dende o momento da chegada desta notificación para facer constar a súa alegación particular”.
Dende Navia lévanse denunciando durante meses “as carencias actuais de equipamentos educativos (falta de instituto), culturais e sociais próximos, totalmente insuficientes coa poboación actual, e cuxa necesidade se verá incrementada notablemente trala realización das fases pendentes”.
Máis alá da mera acumulación de edificios, defenden que “os equipamentos teñen que estar en consonancia coa edificabilidade, e esta á súa vez debe de integrarse na contorna dunha forma suave e gradual para evitar o impacto visual que provocarían as edificacións de gran altura”.
Polo tanto, “é necesario que se preserven as masas forestais existentes, de gran valor ambiental, con actuacións que salvagarden a integridade das carballeiras, a protección de especies autóctonas, así como dos humidais que forman parte do estuario do Lagares”.
Outra das preocupacións da veciñanza é o impacto acústico que a VG-20 provoca en toda a
franxa exterior do PAU, que se verá incrementado coa chegada de novos habitantes, polo que “é necesario solucionar o grave problema de contaminación acústica que soportamos no barrio, recollido no “Plan de Acción contra el Ruído del Concello de Vigo” (2013) de máis de 65dBA e cunha afluencia de máis de 18.000 vehículos diarios, deles, un 15% tráfico pesado”.
Dende Navia consideran imprescindible deixar de ser unha “illa” dentro da cidade de Vigo: “a través dunhas conexións adecuadas, para conseguir unha permeabilidade circulatoria de vehículos e persoas, e poder efectuar así os percorridos da forma máis curta e adecuada posible, evitando desprazamentos e situacións perigosas.

roteiro medioambiental
Celebrouse este sábado ás dez da mañá un roteiro ecolóxico pola zona verde de Navia en perigo, organizado por Ana María Fernández, e no que participaron a Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), Novo Vigo e alumnas da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia.
Ana María describe a experiencia como “unha experiencia moi bonita, a xente preguntaba moito sobre as diferentes especies, e unha bióloga lles contestaba. Ao final fixemos unha escenificación teatral. Temos ganas de repetir a experiencia”.
Só lles deu tempo a explorar unha carballeira, a de abaixo, “cando son 3 carballeiras grandes e 3 pequenas afectadas en total. Así que o importante é mobilizar á xente, como cando 3 décadas atrás conseguiuse salvar o parque da Bouza”.
O punto móbil para cribados en Vigo amplía o horario dende o luns
A área sanitaria de Vigo ampliará o horario do punto de atención móbil dispoñible na cidade olívica para a realización de cribados de antíxenos desde este luns.
Deste xeito, mediante o sistema de autocita, poderanse realizar probas á poboación entre as 8,30 e as 14,00 horas e de 15,30 a 21,00 horas de luns a sábado, segundo detallaron fontes da xerencia da área sanitaria. Así, os traballos levarán a cabo no vehículo do Sergas situado ante o edificio do Real Club Náutico de Vigo.
Ademais, poderán realizarse tarefas administrativas correspondentes a certificados de vacinación e cambios de número de teléfono asociados ao cartón sanitario ou a clave 365 entre as 15,00 e as 22,00 horas no edificio de Sanidade na avenida García Barbón de Vigo. Así, búscase facilitar os trámites aos cidadáns.
O xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Ponte, explicou que a través deste dispositivo aspírase a “achegar á poboación a posibilidade de realizar test de antíxenos” para detectar casos asintomáticos de covid-19 e “apoiar aos centros de saúde” en tarefas relacionadas coa obtención de certificados de vacinación e a actualización de cartóns sanitarios.
Denuncian que a Xunta patrocine rallies en Vigo no canto de concienciar sobre a emerxencia climática
A asociación ecoloxista Verdegaia vén de emitir un comunicado de denuncia pola promoción dunha competición automobilística por parte da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e concellos da comarca de Vigo. Segundo indican, esta actividade é “un claro exemplo da queima innecesaria de combustibles fósiles e de promoción de condutas incívicas nas vías públicas”.
Dende a asociación consideran que nun contexto de emerxencia climática, crecente sinestralidade nas estradas e “milleiros de mortes prematuras en Europa pola contaminación derivada dos vehículos a motor”, esta “festa da queimada de goma e do escape que petardea” celebrada cada 15 días no país e “patrocinada por institucións públicas” non debería ter lugar.
“As administracións, que deberían adicar esforzos para concienciar a poboación sobre a necesidade de minimizar o uso dos vehículos motorizados e promover un modelo de mobilidade máis saudable e beneficioso para o medio social e ambiental, prefiren adicar recursos a patrocinar rallies“, denuncian no comunicado. Verdegaia lembra que só no mes de xuño morreron máis de 20 persoas nas estradas galegas e critica que coches e motos “gozan dunha absoluta impunidade para circular de forma temeraria”.
Concretamente no Concello de Vigo, esta fin de semana celebrarase no Castro unha destas probas urbanas, que a asociación ecoloxista denuncia pola “contaminación atmosférica e acústica” que xera “nun dos poucos espazos verdes da cidade”. Detrás delas atópase a Xunta de Galicia a través de catro institucións diferentes: Deporte Galego, Galicia Saudable, Xacobeo 21-22 e a propia Xunta de Galicia.
“Usar a iniciativa Galicia Saudable para patrocinar unha competición automobilística é unha incoherencia propia dunha Xunta de Galicia que redacta plans contra a mudanza climática ao mesmo tempo que defende a continuidade da Central térmica das Pontes ou de ENCE“, sentenzan dende Verdegaia.
Para a asociación, a celebración destes rallies reflicte “un problema transversal a toda a sociedade”. “Cómpre que partidos políticos, medios de comunicación e as persoas en xeral tomemos conciencia que este tipo de espectáculos competitivos, que pouco ou nada teñen de deporte, promoven un modelo de mobilidade perigoso, contaminante, daniño para a saúde e causante de emerxencia climática”, apelan.
Un taller impulsado pola FAO concenciará sobre a capacidade dos portos azuis para odesenvolvemento sustentable
Un taller virtual impulsado pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) con Vigo como sede busca concienciar sobre a capacidade dos portos azuis para promover o desenvolvemento sustentable da súa contorna.
En concreto, este mércores inaugurouse a terceira edición do taller de portos pesqueiros azuis da FAO, que se desenvolverá de modo virtual ata este xoves e contará coa participación de máis dun centenar de portos, institucións e organismos internacionais, segundo detallou o Porto de Vigo.
A FAO coordina a iniciativa de Portos Azuis para a xeración de valor sustentable ante a importancia da economía mariña sustentable e inclusiva sinalada por un órgano auxiliar da mesma, o Comité de Pesca (COFI).
Mediante o encontro virtual que se celebra esta semana, aspírase a avanzar no deseño da iniciativa de Portos Azuis e a abordar as directrices que marcan a conversión nos mesmos, así como a intercambiar experiencias sobre os seus retos. Tamén se buscará profundar no acceso aos mercados e a rastrexabilidade.
O evento foi inaugurado este mércores nun acto no que participaron o presidente do Porto, Jesús Vázquez Almuiña; a conselleira do Mar, Rosa Quintana; o presidente de Portos do Estado, Francisco Toledo; e o representante da FAO, John Ryder. Deste xeito, as institucións buscaron mostrar a súa unidade para que España, Galicia e Vigo xoguen un papel relevante na futura rede de Portos Azuis da entidade da ONU.
DESENVOLVEMENTO SUSTENTABLE DA CONTORNA
Neste contexto, Vázquez Almuiña puxo en valor o papel dos portos no desenvolvemento sustentable da súa contorna e insistiu na necesidade da colaboración entre os mesmos. Por iso, manifestou o seu compromiso para compartir a experiencia do Porto de Vigo, reforzar capacidades e “desenvolver proxectos innovadores entre todos”.
Ademais, o presidente de Portos do Estado resaltou a aposta desta institución por “formar parte dunha forma activa” da creación da rede de portos azuis que impulsa a FAO. Así, fixo fincapé no impacto que exerce un porto en termos económicos e “na preservación do medioambiente a través de accións concretas encamiñadas á recuperación de fondos, a autosuficiencia enerxética e a protección da flora e fauna, entre outros”.
Pola súa banda, a conselleira do Mar subliñou a necesidade de aproveitar a experiencia da comunidade e xerar espazos de encontro entre axentes económicos, sociais e ambientais. De face ao futuro, defendeu que o sector debe avanzar en aspectos como a rastrexabilidade dos produtos pesqueiros, a economía circular, a profesionalización dos traballadores do mar, a visibilización do rol da muller e o valor dos produtos pesqueiros para adaptarse ás novas esixencias do mercado.
A presión hospitalaria mantense pero soben a cinco os ingresados en UCI
Os casos activos de covid-19 en Galicia seguiron en descenso no último día, cando caeron a 1.851, mentres os hospitalizados con esta enfermidade mantivéronse en 84.
Segundo os datos actualizados este domingo pola Consellería de Sanidade, con rexistros ata as 18,00 horas deste sábado, as persoas coa enfermidade activa reducíronse en 94 ata 1.851 na última xornada, despois de caer este sábado por baixo de 2.000, unha cifra que se superou desde o pasado 20 de agosto de 2020.
A dúas semanas do comezo do verán, as infeccións activas descenden en todas as áreas sanitarias, e, en maior medida en Vigo (-46), Ferrol (-12), Santiago (-11) e Pontevedra(-10). Do mesmo xeito, redúcense na Coruña (-9), Lugo (-5) e Ourense (-1).
Así, a área de Vigo continúa á cabeza en casos activos con 488; seguida da da Coruña e Cee, con 333; a de Santiago, con 324; a de Lugo, con 240; a de Pontevedra, con 212; e a de Ourense, con 158. Ademais, Ferrol segue como a zona menos afectada e na mesma os infectados caen por baixo do centenar ata 94.
En canto á presión hospitalaria, os ingresados diminúen na área sanitaria de Lugo e mantéñense no mesmo número en Vigo, Santiago, Ourense, Pontevedra e A Coruña. Pola súa banda, Ferrol é a única zona na que aumentan lixeiramente os hospitalizados con coronavirus.
En concreto, na área de Vigo soben a cinco os pacientes con covid-19 en UCI –un máis–, pero baixan a sete os doutras unidades –un menos–, mentres que na da Coruña e Cee mantéñense en dúas persoas os ingresados en críticos e en 13 os que se atopan en planta.
Mentres, a de Ourense segue sen pacientes con coronavirus en UCI desde este venres e sete permanecen noutras unidades; e na de Santiago e Barbanza ascenden a tres os que se atopan en críticos –un máis–, aínda que diminúen ata 15 os que se atopan en planta –uno menos–.
Na de Lugo mantéñense dúas en UCI, mentres baixan a seis os que están noutras unidades –dúas menos–; mentres que na de Pontevedra e O Salnés continúan dúas en críticos e 13 en planta. Pola súa banda, a área de Ferrol conta cun paciente con coronavirus en críticos –sen cambios– e oito noutras unidades –dúas máis–.
NOVOS CONTAXIOS
Ademais, os contaxios detectados con probas diagnósticas de infección activa (PDIA) caeron a 74 despois de repuntar ata superar o centenar na última xornada.
Por áreas, 21 dos casos confirmados mediante estas probas correspóndense coa área da Coruña; 15, coa de Lugo, 11, coa de Ourense; outros 11, coa de Santiago; oito, coa de Vigo; seis, coa de Pontevedra; e dous, coa de Ferrol.
En total, os contaxiados de covid-19 na comunidade desde o inicio da pandemia ascenden a 127.369, dos cales 30.491 corresponden á área da Coruña e Cee; 25.143, á de Vigo; 20.041, á de Santiago e Barbanza; 14.321, á de Ourense; 14.316, á de Pontevedra e O Salnés; 12.960, á de Lugo; e 8.640, á de Ferrol.
Desde o inicio da pandemia, en Galicia realizáronse 2.278.324 PCR, que supoñen 3.585 probas máis que as contabilizadas ata a xornada anterior e case 2.000 menos que as feitas o día pasado.
En canto á taxa de positividade, esta repunta lixeiramente ata o 1,6% tras caer ao 1,3% o día anterior e superar o 2% na xornada previa. Deste xeito, mantense por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada esta pandemia. A última vez que Galicia excedeu esta barreira foi o 15 de febreiro.
VÍTIMAS E CURADOS
A Comunidade galega rexistra 2.426 persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio da pandemia, ao non notificarse na última xornada novos falecidos.
Os últimos óbitos comunicáronse o pasado venres e foron os correspondentes a un home de 73 anos que se atopaba hospitalizado no CHUS en Santiago e unha muller de 67 anos ingresada no Hospital Virxe da Xunqueira. Ambos os decesos producíronse na xornada do 3 de xuño e os dous tiñan patoloxías previas.
Así mesmo, curáronse da covid-19 ata o momento 123.117, que supoñen 163 persoas máis que as rexistradas ata a xornada anterior en Galicia.
Feijóo non descarta acudir ao modelo público-privado do Cunqueiro para facer novos hospitais
Hai dez anos o Goberno galego botaba man dos cartos de concesionarias privadas para realizar o hospital Álvaro Cunqueiro. Esas grandes construtoras, Acciona e Puentes y Calzadas, adiantaron 300 dos 1.000 millóns de euros que custou ese complexo hospitalario. A cambio, a Xunta cedendolles a estas concesionarias toda a xestión dos servizos non clínicos como o aparcamento e recibir tamén un canon anual con xuros por parte da Xunta ata 2035. Un modelo de concesión privada que Alberto Núñez Feijóo estaría disposto a repetir.
Agora, no 2021, o presidente galego anuncia un novo gran hospital na Coruña semellante ao vigués. Un novo hospital que custará 430 millóns de euros –orixinalmente o de Vigo fora orzamentado en 450 e acabou tendo un sobrecuste de máis de 1.000 millóns– que serán sufragados íntegramente polo Goberno galego. O modelo vigués non será aplicado neste caso.
Por iso, Galicia Confidencial preguntoulle ao presidente galego se ten pensado retomar ese modelo de concesión público-privada no futuro. A súa resposta foi contundente; “se hai necesidade, tamén o faríamos”. “Neste momento temos capacidade de déficit e non imos ir a ese sistema, pero se o Estado nolo permite e temos necesidade de facelo, volveriamos a facelo outra vez”, dixo.
Na súa resposta, Feijóo cargou as responsabilidades do acontecido en Vigo no Goberno español de entón, o do socialista José Luis Rodríguez Zapatero, xa que foi o que lle permitiu facer a operación. “Co de Vigo fomos ao Goberno de España e lle trasladamos a dificultade, no ano 2010, 2011… Foi a Intervención do Estado do presidente Zapatero a que nos dixo que a única solución que había era o financiamento público-privado”, indicou.
A PRIVATIZACIÓN DO HOSPITAL VIGUÉS
O caso do Álvaro Cunqueiro provocou numerosas críticas, tanto polo xeito de proceder da Xunta como pola cesión económica ás constructoras. De feito, e tras unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o Goberno galego está obrigado a pagar durante 20 anos un canon de 75 millóns de euros anuais porque un erro de cálculo forzou un incremento de case tres millóns anuais na factura. A Xunta aplicaba un IVE reducido do 10%, pero Facenda corrixiu o imposto ao 21% e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deulle a razón.
A concesionaria Novo Hospital de Vigo (NHG) estivo pilotada pola maioritaria Acciona e por Puentes, que exerce a presidencia, pero a primeira delas vendeulle a súa parte, un 43%, ao fondo de investimento francés Meridiam. Outro dos accionistas orixinais, Concessia, traspasou en 2019 o seu 17% a unha sociedade do fondo River Rock con sede en Luxemburgo.
Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.
Abel Caballero reitera o seu ‘non’ aos recheos na ría
O Porto de Vigo e o Concello buscarán acordos sobre a planificación portuaria, o crecemento da terminal e a interacción coa cidade a través de comisións bilaterais de traballo, aínda que o alcalde, Abel Caballero, reiterou que o seu rexeitamento a novos recheos na ría é “inamovible”.
Así o manifestou o rexedor tras manter a súa primeira reunión co novo presidente da Autoridade Portuaria, o exconselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña.
Abel Caballero sinalou que “o primeiro” que trasladou ao responsable portuario foi o seu rexeitamento a calquera novo recheo na baía, unha posición “categoricamente inamovible”, e indicou que o Concello aceptaría transformar un dique en peirao de atracada, aínda que non actuacións para gañar novos espazos ao mar.
Por outra banda, o rexedor lamentou que o novo Plan de Usos e Espazos Portuarios (PUEP), que “hai que refacer”, “vai na dirección contraria” ao reclamado polo Concello e, en lugar de ceder máis espazos para a cidade, pretende recuperar varias zonas para uso portuario.
O alcalde tamén insistiu na necesidade de que se constrúa un túnel na Avenida de Beiramar e se recupere a superficie para a cidade, ou na súa “oposición frontal” a unha conexión ferroviaria desde a terminal de Bouzas “que rompa a cidade” e que, ademais, “Citroën non quere”.
USO MÁIS EFICIENTE DO ESPAZO
“Eu ofrezo a miña cooperación para buscar un uso máis eficiente dos espazos portuarios, ou para falar con Adif e Zona Franca (…) pero a oposición aos recheos é inamovible” e “nin sequera se vai discutir”, repetiu.
“O Porto é un factor económico importantísimo (…) ten a miña cooperación, porque o entendo moi ben, coñézoo, fun presidente do Porto, fun ministro de Transportes, fun ministro da Mariña Mercante, eu mesmo son mariño mercante e é a miña primeira carreira, creo entender a forma na que o Porto de Vigo debe ir”, engadiu o rexedor.
AVANCE “CON ACORDOS”
Pola súa banda, o presidente do Porto, Jesús Vázquez Almuíña, avogou por traballar para lograr acordos entre ambas as institucións, co fin de que as actuacións se fundamenten nun “equilibrio” das demandas de ambas as partes.
No entanto, recalcou que a “premisa” da Autoridade Portuaria é que a terminal “siga crecendo e consolidándose”; para iso, recalcou, o Porto necesita máis atracadas, e máis espazo para aumentar a súa actividade.
“Canto maior apoio teñan os proxectos, mellor. O meu equipo vai tratar de chegar a acordos, porque iso axilizará todo”, sinalou, en alusión ás comisións bilaterais de traballo, á vez que aseverou que o Porto de Vigo ten unha serie de “retos” de futuro e necesita “a complicidade da cidade”.
Por último, avanzou que a Autoridade Portuaria e o Concello traballarán de forma conxunta para promocionar Vigo como destino de cruceiros, co fin de tentar recuperar ese tráfico, se é posible a partir de maio ou xuño xa que, coa pandemia de COVID, leva meses paralizado.
VULCANO
Por outra banda, e cuestionado polos xornalistas acerca da situación dos terreos do antigo estaleiro Vulcano, recentemente adquiridos por Marina Meridional para reactivar a construción naval, Jesús Vázquez Almuíña reiterou que o Porto apoia a este sector, pero que é necesaria unha “seguridade xurídica” para que os proxectos sexan “viables”.
Nese sentido, lembrou que o Porto solicitou a suspensión da venda a Marina Meridional ata que o Tribunal de Conflitos Xurisdicionais se pronuncie sobre a concesión de dominio público portuario nesas instalacións, e determine se dita concesión quedou extinguida (e debe volver ao Porto) coa liquidación de Vulcano ou se permanece en vigor (nese caso caduca en 2027).
