Inicio Blog Páxina 1621

Detido un condutor tras agredir a un axente en Vigo que evitou a súa fuga por triplicar a taxa de alcoholemia

A Policía Local de Vigo detivo a un condutor de 56 anos de idade tras agredir a un axente que evitou que se fuxise dun control no que triplicara a taxa de alcoholemia máxima permitida.

Segundo relatou a Policía Local, sobre as 5,00 horas do pasado 3 de xullo unha patrulla que se atopaba na rúa Canido en labores de vixilancia e control do ámbito da seguridade viaria en tránsito por esa vía cruzouse cun turismo que “circulaba invadindo o sentido contrario”, polo que os axentes tiveron que desprazarse á dereita “para evitar a colisión”, engade.

Tras iso, os axentes iniciaron a persecución e interceptaron o vehículo na Avenida Samil, nas inmediacións da ponte sobre o Río Lagares, concretan as mesmas fontes policiais.

Os policías procederon á identificación do condutor, D.R.G., de 56 anos e veciño de Vigo, quen presentaba “claros síntomas” de estar baixo os efectos do consumo de bebidas alcohólicas, puntualiza a Policía Local.

Por iso, procederon a realizarlle o test, no que obtivo positivo de 0,97 mg/l, o que implica triplicar a taxa máxima permitida de alcoholemia. O condutor negouse a realizar a proba de contraste e foi advertido no acto de que iso constitúe unha desobediencia grave, o que leva denuncia xudicial e instrución de dilixencias.

Ante esa información, destaca a Policía Local, tratou de iniciar a marcha do vehículo coa intención de darse á fuga, pero un dos axentes introduciuse pola porta do condutor e retirou as chaves do contacto, ao que recibiu como resposta unha puñada na cara do condutor que logrou bloquear co antebrazo.

Por estes feitos este home foi detido por un delito de desobediencia grave e atentado.

Un libro para coñecer a historia “alternativa” de Vigo dende a presenza nazi ao 15M

Vigo, cidade mítica da movida dos anos 80 e, en xeral, da vida desenvolta nas marxes; tanto na vertente máis negra da súa historia –reflectida nos anos da droga– como neses estalidos de xenialidade que deu de si moita da escena cultural alternativa que hoxe conforma o pasado –e presente– da urbe.

O escritor Xurxo Martínez vén de publicar, da man do debuxante David Rodríguez, un libro para recoller esa “historia alternativa” da urbe olívica: o mundo popular, sindical, agrario, cultural e solidario, segundo as súas propias palabras. Marxes. Guía ilustrada do Vigo rebelde, que vén de ser editado por Xerais, recolle un total de 40 relatos baseados en feitos ou personaxes reais da cidade pero que se deixan levar pola ficción para retratar algúns dos episodios ou persoeiros máis relevantes da urbe.

“Por estas páxinas”, apuntan os autores, “circulan xente da cultura coma Xohana Torres ou Manoel Antonio, sindicalistas como Heraclio Botana ou María Araújo, movementos socioculturais como a Asociación Cultura de Vigo ou o bar De Catro a Catro, memoria da guerra como o Bou Eva ou os tres días do inicio do alzameno fascista, intelectuais coma Ricardo Mella ou Manuel Gómez Román… a presenza nazi, a revolta irmandiña, o 15M, as folgas obreiras, a vida labrega…”.

Todo condensado nun libro que retrata o Vigo solidario, rebelde e alternativo. A obra, por riba inclúe un mapa da cidade onde se localiza cada un dos relatos para que sirva así de guía. Co cal, estas “Marxes” pódense ler no sosego da casa “ou percorrer a pé polos escenarios vibrantes da memoria popular de Vigo”.

O Concello de Vigo incumpriu os obxectivos de estabilidade orzamentaria e da regra de gasto

O Consello de Contas de Galicia confirmou que o Concello de Vigo, no seu exercicio de 2018, incumpriu os obxectivos de estabilidade orzamentaria e da regra de gasto, o que vinculou ao rescate da concesión do Auditorio-Pazo de Congresos Mar de Vigo, por un importe de 35,2 millóns.

Así se desprende do seu ‘Informe de fiscalización selectiva do Concello de Vigo’, aprobado polo pleno do órgano fiscalizador na sesión do pasado 1 de marzo, no que sinala que a liquidación orzamentaria do exercicio 2018 de Vigo “pon de manifesto que se incumpre o obxectivo de estabilidade orzamentaria”, existindo unha necesidade de financiamento (déficit) de 6,6 millóns de euros.

A iso engade que tamén se incumpriu o obxectivo da regra de gasto, xa que “o gasto computable do exercicio 2018 superou o límite máximo de gasto non financeiro na cantidade de 18,5 millóns de euros”. En ambos os casos, sinala, a causa do incumprimento “foi a aplicación do importe da liquidación do contrato de concesión de obra pública para a construción e explotación do Auditorio”.

A Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF) xa advertira en 2019 que o Concello de Vigo incumpriría a regra de gasto na liquidación de 2018 “por efecto da operación non recorrente derivada do proceso concursal do auditorio da cidade”.

Posteriormente, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, presumiu de atopar a “fórmula” para gastar os remanentes de tesouraría. Así, incidiu en que a cidade puido facer fronte a ese rescate recorrendo en gran parte a eses remantentes, e interpretou que iso significa que o rescate “non custa nada aos cidadáns, porque se paga cos aforros que había no banco”.

LIQUIDEZ

Dentro do mesmo capítulo de xestión orzamentaria, Contas indica tamén que o Concello non contaba en 2018 “cunha suficiente estrutura de persoal para dar cobertura ás esixencias” do real decreto que regula o réxime xurídico do control interno nas entidades do Sector Público Local. Así, remarca que “existe unha praza de habilitación nacional que non está cuberta”.

Doutra banda, o Consello de Contas avisa de que o Concello “non dota ningunha provisión para os riscos e gastos que se puidesen derivar da resolución de procedementos xudiciais”.

No que respecta á tesouraría e contas a pagar, sinala que a conta de acredores pendentes de aplicar ao orzamento presenta un saldo ao final do exercicio fiscalizado de case un millón de euros. Sobre iso, considera que “a existencia de saldos nesta conta ten especial influencia no desenvolvemento dos orzamentos, xa que engaden un novo desaxuste á execución orzamentaria, trasladando a imputación de gastos entre exercicios“.

En todo caso, afirma que o Concello “conta con liquidez para facer fronte a curto prazo ao seu pasivo corrente”, xa que contaba ao final do exercicio fiscalizado con 78,5 millóns de euros de fondos líquidos, 85,5 millóns de euros en dereitos pendentes de cobro e 28,5 millóns en obrigas pendentes de pago.

O organismo tamén apunta que o Consistorio cumpriu cos prazos establecidos para a aprobación dos seus orzamentos anuais, respectou os prazos para a aprobación e rendición da súa conta xeral do exercicio 2018 e remitiu a información prevista ao Tribunal de Contas e ao Consello de Contas de Galicia.

En canto ás subvencións, comenta que o procedemento de concesión de subvencións máis empregado foi a concesión directa nominativa prevista nos orzamentos, asinándose 93 convenios ou subvencións nominativas, mentres que as convocadas en réxime de concorrencia “só foron 23”.

A este respecto, Contas apunta que “se deben mellorar os procedementos de recadación para evitar a cancelación e a anulación de dereitos a cobrar de orzamentos pechados” e engade que o Concello “debería dar preferencia ao procedemento ordinario de concesión de subvencións, que é a tramitación en réxime de concorrencia competitiva”.

CONTRATACIÓN E PERSOAL

Acerca da contratación, o organismo recoñece que existen contratos menores, tales como servizos de mantemento, aluguer de vehículos, seguros, suministración de gas, electricidade ou combustible, que, polo seu obxecto, teñen carácter recorrente e vanse repetir en anos sucesivos.

Sobre eles, advirte que “se poderían considerar contrarios a dereito se o órgano de contratación, no momento de iniciar a súa tramitación, ten coñecemento certo ou puidese telo da necesidade de contratar prestacións determinadas de carácter ou natureza unitarios (…) que ten que levar a cabo necesariamente ano tras ano e que responden a unha necesidade continuada no tempo”.

É por iso que o organismo fiscalizador recomenda ao Consistorio “a planificación da contratación, para adecuar os prazos de duración á natureza das prestacións e así poder tramitar con antelación as licitacións seguindo os procedementos na Lei de Contratos do Sector Público”.

Finalmente, no relativo á área de persoal, sinala que no exercicio 2018 houbo un incremento orzamentario do 43% do artigo referido a outro persoal, “debido á contratación de persoal temporal ou interino para facer fronte á normal prestación dos servizos obrigatorios”.

A iso engade que a entidade “debería contar cunha regulación interna nas materias de promoción profesional, sistemas de selección de persoal, cálculo e control dos incentivos económicos ao rendemento”.

Funcionarios municipais de Vigo denuncian o “desmantelamento” de servizos públicos e non descartan unha folga

Decenas de funcionarios do Concello de Vigo concentráronse este mércores na Praza do Rei, fronte ao consistorio, para denunciar o “desmantelamento” dos servizos públicos municipais e a “falta de diálogo” por parte do alcalde, Abel Caballero, e do goberno local.

O acto ía ser inicialmente unha asemblea de traballadores pero, segundo denunciou o comité de persoal, tívose que converter nunha concentración, posto que o goberno municipal non autorizou a asemblea (mentres que a concentración si tivo luz verde da Subdelegación do Goberno).

Respecto diso, o presidente do comité, Pergentino ‘Tino’ Martínez (UGT), explicou que, segundo a resolución trasladada nas últimas horas pola concellaría de persoal, non se puido autorizar a asemblea por “un defecto de forma na maneira en que o comité se dirixiu á administración”. “É a maneira que usamos sempre, e sempre serviu, pero agora non”, matizou e lamentou, en alusión á concentración na praza, que “se pode facer sindicalismo fóra, pero dentro (do edificio consistorial) é moi difícil”.

Con respecto aos motivos da protesta (que tamén se trasladou ao interior do edificio municipal, cun ‘desfile fúnebre’ simbólico), o representante dos funcionarios explicou que hai un “descontento xeral” no Concello coa política de persoal e servizos do goberno de Abel Caballero.

Así, criticou un progresivo “desmantelamento” dos servizos públicos municipais, a “caótica xestión” de recursos humanos e a “falta de diálogo” por parte dos responsables do goberno.

“É moi triste para un comité de persoal atopar comprensión en instancias xudiciais e non nas mesas de negociación”, apuntou Martínez, en alusión ás sentenzas que dan a razón aos funcionarios nas súas reclamacións (descansos de bombeiros, nomeamento de xefes de servizo, cobro de horas extras, etc.).

FOLGA?

Nese sentido, o presidente do órgano de representación dos traballadores municipais criticou que o goberno “non fala co comité” e trasladou o seu temor de que esta situación non mellore pese ao cambio na concellaría de Persoal (Abel Caballero retirou a Elena Espinosa as responsabilidades neste ámbito, que agora dirixirá a edila Patricia Rodríguez Calviño), á vez que advertiu de que os sindicatos, entre os que se mantén a unidade, non descartan adoptar outras medidas legais, como a folga, “se non hai outra vía” para solucionar a situación.

Pergentino Martínez leu ante os funcionarios concentrados un manifesto no que destacou que o malestar existe “en todos os departamentos” do Concello, e no que denunciou que a “paciencia” do comité co goberno local tivo como resposta “constantes desplantes”. “Seguimos tentando o diálogo e a negociación, porque cremos firmemente nela, pero somos conscientes de que é moi difícil a tranquilidade ante tal situación de desánimo e falta de respecto”, concluíu a súa intervención.

O exalcalde pedáneo de Bembrive reitera a súa inocencia no xuízo por unhas obras

O avogado do exalcalde pedáneo de Bembrive (Vigo), Roberto Ballesteros, pediu a libre absolución do seu patrocinado porque “non cometeu ningún dos delitos que se lle imputan”. Así o manifestou durante a segunda sesión do xuízo por estes feitos, que este mércores quedou visto para sentenza.

Na vista, que se celebrou na Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, o letrado sostivo que durante o xuízo “desmontouse” que se estableceu un sistema de facturas falsas e para o enriquecemento persoal” do seu cliente.

“O alcalde non se enriqueceu durante a súa etapa como tal, de feito veu a este xuízo cun avogado de oficio”, lembrou o propio letrado, que chamou a que por parte das acusacións “non se trate de facer ver que isto era unha organización para delinquir”.

Pola súa banda, o avogado do construtor acusado na causa remarcou que o seu patrocinado é “un albanel” que ten unha “sociedade unipersoal” e fai “moi pequenos traballos” pola Entidade local de Bembrive.

Nesta liña, incidiu en que “hai ausencia total e absoluta de dolo” por parte do seu cliente, e remarcou que a partir das probas “non se pode asegurar que non fixese eses traballos”, en referencia á ampliación dunha zona empedrada na Praza da Cruz, obxecto do xuízo.

Na súa quenda final de palabra, Ballesteros reiterou que “é evidente que as obras están feitas” e recalcou que o construtor foi quen as levou a cabo. Finalmente, o Tribunal deixou o procedemento visto para sentenza.

POSICIÓN DA FISCALÍA

No xuízo, que arrincou este martes, a Fiscalía e a acusación particular consideraron que a obra foi realizada na súa totalidade por outra empresa, posto que apreciaron discrepancias polo tamaño dos lastros, a cantidade de material comprada, o momento en que supostamente se realizaron as acometidas e o contido da factura da construtora.

Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, Ballesteros contratou unha obra na pedanía por algo máis de 15.700 euros, e que foi executada entre setembro e outubro de 2014. Posteriormente, concertouse co representante legal doutra construtora e simulou a contratación verbal doutra obra por importe de máis de 9.400 euros.

Esta segunda obra nunca se executou e os conceptos dos traballos que figuraron na factura, pagada en 2015, correspondíanse cos xa realizados pola outra empresa, que fixo as obras en 2014.

O Ministerio público considera a Ballesteros autor dun delito de malversación de caudais públicos e prevaricación, así como cómplice no delito de falsidade documental. Mentres, acusa o representante da construtora de ser autor dun delito de falsidade e cooperador necesario nun delito de malversación.

Por iso, pide que o primeiro sexa condenado a penas que suman 4 anos e cinco meses de cárcere, 17 anos de inhabilitación e a pagar unha multa de 3.750 euros; mentres que para o construtor solicita penas que suman 3 anos e 8 meses de prisión, e multa de 6750 euros. Ademais, ambos deberán indemnizar á entidad local nos máis de 9.400 euros pagos pola obra supostamente inexistente.

CONDENA ANTERIOR

O exalcalde pedáneo de Bembrive xa foi condenado en 2017 (a pena foi ratificada polo Tribunal Supremo en 2018) por un delito de prevaricación a 7 anos de inhabilitación, por suspender (en xuño de 2013) as retribucións dos vogais do PP na entidade local menor.

Na sentenza condenatoria, do Xulgado Penal número 3 de Vigo, sinalábase que Ballesteros tomou esa decisión “a propósito da súa inxustiza e no entanto ser apercibido polo secretario-interventor da ausencia de legalidade na súa resolución”. Tras esta condena, Ballesteros presentou a súa dimisión.

Antes diso, estivo envolto noutra polémica, xa que foi denunciado en 2011 por unha excompañeira socialista. A denunciante sostiña que Ballesteros cobraba comisións a cambio de favores no Concello de Vigo (ademais de alcalde pedáneo, era funcionario no consistorio olívico).

Os xulgados abriron dilixencias, pero a causa acabouse arquivando por falta de probas, e, aínda que mesmo se puxo en marcha unha comisión de investigación no propio Concello, esta tamén concluíu sen ningún tipo de medida sancionadora.

Falece un motorista de 39 anos en Vigo tras chocar contra un farol

Un motorista perdeu a vida este mércores en Vigo, tras chocar contra un farol na Estrada Vella de Madrid, segundo confirmou o CIAE 112 Galicia. O sinistro tivo lugar sobre as 14,15 horas, cando varias persoas chamaron a emerxencias para informar dun accidente na Estrada Vella de Madrid, no que estaba implicado un motorista.

O 112 deu aviso ao persoal de Urxencias Sanitarias do 061 pero os técnicos que se desprazaron ao lugar non puideron facer nada por salvar a vida da persoa accidentada, un home de 39 anos de idade.

Ademais de emerxencias médicas, tamén foron informados o accidente a Policía Local, Garda Civil de Tráfico, Protección Civil e o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) para dar apoio aos familiares da vítima.

Case un cento de maiores contaxiados na residencia Vila do Conde de Gondomar

0

O brote de coronavirus detectado na residencia de maiores Vila do Conde, da localidade pontevedresa de Gondomar, afecta xa a 89 usuarios e a 16 traballadores, segundo confirmaron a Europa Press fontes da Consellería de Política Social.

Nesta residencia pontevedresa detectáronse xa 22 casos de coronavirus entre os seus residentes, así como un empregado afectado, segundo figuraba no parte deste mércores, con datos recolleitos ata o martes.

Con todo, as probas realizadas ao resto de usuarios e traballadores con motivo destes contaxios detectaron que a magnitude do brote é maior. En concreto, atópanse afectados 89 anciáns e 16 empregados.

A Xunta advirte que multará a Vigo se non controla os aforos dos buses urbanos

0

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, explicou que o seu departamento se dirixiu aos concellos de Vigo e A Coruña para que velen polo cumprimento das normas de aforamento no transporte urbano.

Así se pronunciou este venres nunha rolda de prensa ao ser preguntada respecto diso despois de que transcendesen imaxes con vehículos de transporte público urbano en ambas as cidades ao total da súa capacidade.

Ethel Vázquez lembrou que, entre as medidas postas en marcha, está a limitación a “un sexto” da capacidade das prazas de pé. “Vimos algunhas imaxes que no transporte urbano en Vigo e A Coruña non se están cumprindo, por iso dirixímonos ás entidades locais para que fagan inspeccións“, sinalou para avogar tamén por “sancionar” no caso de que sexa necesario.

A titular de Mobilidade sostivo que o transporte competencia da Xunta “cumpre practicamente na súa totalidade o medidas” pero asegurou que “preocupa a limitación do sexto das prazas de pé que “non se está cumprindo en determinadas cidades”. “Esperamos que A Coruña e Vigo adopten as medidas necesarias da súa competencia para que se cumpran estas medidas imprescindibles”, indicou.

A conselleira explicou que as normas implantadas nos servizos de transporte público nun contexto de covid responden a protocolos “estritos” e están avaladas polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga).

Segundo sinalou, o obxectivo é “garantir a rastrexabilidade dos usuarios” para “facer os rastreos imprescindibles para controlar o virus”. Ademais, referiuse a outras recomendacións como “non comer” e “evitar na medida do posible falar”.

Triplícanse os contaxios na residencia de anciáns de Vigo

A situación das residencias de anciáns en Galicia comeza a ser preocupante tras coñecerse este sábado que se incrementou significativamente o número de contaxiados nas de Vigo e Santiago. ASFAREBA (Asociación Usuarios e Familiares Residencias DomusVi) e a Federación Galega REDE de Asociacións de Usuarios e Familiares das Residencias e da Dependencia, apuntan a máis de 20 casos nas residencias que DomusVI ten en Santiago, a San Lazaro, e en Vigo, a Barreiro. Tamén apuntan a máis casos nas de Caldas de Reis e Celanova.

Así, na DomusVI Barreiro, en Vigo, hai xa once casos confirmados xa. Un deles, segundo familiares consultados, “foi xa desahuciado polos médicos do Álvaro Cunqueiro”. Tres foron trasladados ao Hospital Álvaro Cunqueiro e 8 foron ou ían ser trasladados desde a residencia ata o hospital privado Vithas Nuestra Señora de Fátima.

“Durante toda a tarde do sábado, DomusVi Barreiro negouse a dar información ás familias e a confirmar que o número de positivos subira nunhas horas de 2 a 11″, critican estasentidades. As familias reclamaron a presenza da policía ás 12 da noite para facer valer os seus dereitos fundamentais “á información e á dignidade humana”.

Tras comezar os positivos, durante a tarde do sábado, todos os residentes foron confinados nas súas habitacións, prohibíndoselles a saída das mesmas. “Presumimos que este domingo o número de infectados se desborde tras coñecerse os resultados xa totais das 40 mostras recollidas pola unidade sanitaria móbil encargada do procedemento”, din os familiares.

Tamén hai moito temor entre as traballadoras. “Non temos información, estamos desorientadas, non sabemos que pasa, estamos vendidas”, din ao criticar tamén a escaseza de material. “As máscaras dan unha das duras e a conservala todo o tempo que poidas e tampouco hai lentes de protección”, din. Toda a información no Galicia Confidencial.

Barreras dálle vacacións obrigatorias aos seus traballadores en Nadal a cargo das “horas extra”

0

A dirección do estaleiro vigués Barreras enviou un comunicado aos seus empregados no que lles indican que non acudan a traballar no período entre o 23 de decembro e o 7 de xaneiro, con cargo ao “exceso” de horas, segundo confirmaron fontes sindicais.

No entanto, o persoal segue sen ter información acerca de cando se renovará a actividade na bancada, a pesar de que Ritz Cartlon, que chegou a un acordo con PMI (filial da petroleira mexicana PEMEX e accionista maioritaria de Barreiras) e co grupo Albacora para ter o control sobre o 75 por cento da propiedade, avanzou que a súa intención era renovar a construción do cruceiro ‘Evrima’.

De acordo con ese comunicado da empresa remitido este luns aos traballadores, do 23 de decembro ao 7 de xaneiro só permanecerán no estaleiro os empregados que desempeñan o seu labor na portaría.

Dúas semanas despois de que Ritz Carlton confirmase ese principio de acordo para tomar o control do estaleiro, segue sen aclararse en que termo se concretará, se haberá entrada no accionariado, ou como se enfocará a execución dos contratos pendentes (ademais do cruceiro ‘Evrima’, encargado por Ritz Carlton, o estaleiro vigués tiña contratos con Havila e o grupo Armas).

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed