Inicio Blog Páxina 1585

Citroën celebra o 50 aniversario do GS do que se fabricaron máis de 100.000 unidades en Vigo

0

A compañía automobilística Citroën celebra este ano o 50 aniversario do seu modelo GS, o cal foi presentado no Salón Internacional do Automóbil de París de 1970 e alzouse co galardón de Coche do Ano en Europa en 1971. A firma produciu máis de 150.000 unidades deste vehículo na súa planta de Vigo.

Segundo recolle a marca nun comunicado, na década dos 60 Citroën lanzou dúas vías de estudo para conquistar un segmento que empezaba a crecer e no que estaba ausente, as berlinas de tamaño medio. Se o proxecto F nunca chegou a ver a luz, o proxecto G acabaría cristalizando no GS.

“Deseñado por Robert Opron, ‘pai’ doutros modelos como o SM ou o CX, o GS reforzou a imaxe de Citroën entre o gran público cunha liña e un interior orixinais asociados con solucións técnicas avanzadas, pensadas para optimizar o confort.

O seu deseño non tiña equivalente no mercado e chegaba con innovacións pouco frecuentes, como catro freos de disco, chasis de aliaxe lixeira ou a suspensión hidroneumática, que axudou a popularizalo en España”, subliñou a firma do Grupo PSA.

O seu motor de catro cilindros desenvolvía ata 60 cabalos de potencia e alcanzaba unha velocidade máxima de 150 quilómetros por hora. Entre outros galardóns, ademais de ser o Coche do Ano en Europa en 1971, foi o vehículo máis vendido en Francia entre 1975 e 1978.

Ata 1986, Citroën fabricou máis de 2,4 millóns de unidades do GS e do GSA, das cales 153.983 unidades foron ensambladas nas súas instalacións de Vigo, xa que entre 1984 e 1986 producíase en exclusiva na cidade olívica.

A UVigo inaugura unha exposición permanente de minerais doada polos herdeiros de Manuel de Sas

Coincidindo co día de celebración da súa patroa, Santa Bárbara, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, inaugurou este martes a exposición permanente de minerais cedida polo doutor Manuel de Sas de la Encina.

O acto estivo presidido polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e polo concelleiro Jaime Aneiros, xunto coa directora do centro, Elena Alonso e unha boa parte da familia de Manuel de Sas, incluíndo fillos e fillas, netos e netas e mesmo bisnetos e bisnetas, ata un total de 19 persoas.

A mostra xorde da doazón á EE de Minas e Enerxía da colección de minerais e pedras preciosas por parte dos herdeiros do doutor Manuel de Sas de la Encina, socio fundador do hospital Povisa.

Exposición na EE de Minas e Enerxía/ Duvi

Esta colección estivo exposta nas instalacións do centro médico durante 22 anos ata que a familia a doou á Universidade de Vigo. Consta de arredor de 200 exemplares, algúns deles “únicos e de gran beleza natural, incribles cores, asombrosas texturas e formas sorprendentes”, como explican dende o centro académico.

O seu fillo Antón deu as grazas en nome da familia e explicou que a inauguración desta mostra sería o “soño cumprido” dun home “singular e polifacético”. Como afeccionado á mineraloxía, lembraba, formou esta colección grazas a numerosas viaxes ao longo do mundo durante toda a súa vida e, tras elas, foina completando “con ilusión e esforzo ata o seu falecemento”.

Segundo o seu fillo, “cada peza ten a súa historia e el encantáballe contalas, relatar onde conseguira cada unha” e, por este motivo, o seu pai quixo dar un paso máis para que colección estivese a disposición de toda a sociedade, como sucederá a partir de hoxe.

Exposición na EE de Minas e Enerxía/ Duvi

O reitor da Universidade, Manuel Reigosa, expresou o agradecemento da institución académica tanto á familia como a Povisa pola cesión e remarcou que esta colección é resultado do “esforzo e a curiosidade intelectual de Manuel de Sas”, valores que son os que a propia Universidade “quere espertar na nosa xuventude, esa curiosidade científica, esa necesidade de saber e de espallar o coñecemento”.

Coincidía na reflexión a directora da escola, Elena Alonso, que remarcaba que “o que comezou como unha afección acabou sendo paixón polo coleccionismo de minerais e pedras preciosas” e esta faceta de Manuel de Sas “representa un dos valores esenciais para unha comunidade universitaria, o afán por coñecer e por descubrir, o valor do esforzo constante, continuado, paciente e sistemático, común ao investigador e ao coleccionista”.

Ademais das pezas doadas polo doutor De Sas, a esta mostra súmanse exemplares cos que conta a escola, rochas e minerais procedentes de fondos propios, doazóns de particulares e exemplares recollidos por estudantes do centro e pezas da Sociedade Mineralóxica Galega, “para conformar unha exposición permanente que está accesible a toda a sociedade no campus vigués, como era o desexo do doutor De Sas”.

Esta exposición nace ademais cunha clara vontade de crecer e concíbese como unha mostra dinámica, que se irá enriquecendo con novas achegas de materiais e se completará coa organización de actividades paralelas.

A área de Vigo segue sen baixar dos 100 novos positivos diarios por Covid

0

Galicia detectou outros 603 positivos por Covid confirmados por PCR nas últimas 24 horas, deles 153 corresponden á área sanitaria de Ourense e 101 á de Vigo. Estes datos sitúanse como os segundos máis elevados de Galicia, tras os 687 rexistrados o pasado sábado –a cifra máis alta de toda a pandemia–.

Así se desprende dos datos actualizados na mañá deste luns pola Consellería de Sanidade, con cifras ata as 18,00 horas deste domingo, recollidos por Europa Press, nos que se constata que nesta segunda onda desde este fin de semana superáronse os positivos detectados por PCR en 24 horas da primeira –516 o 29 de marzo–.

Por áreas sanitarias, tras as de Ourense e Vigo, sitúanse a da Coruña, con 96 positivos confirmados por PCR en 24 horas; Santiago, con 83; Lugo, con 59; Pontevedra, con 58; e Ferrol, con 53.

En total Galicia rexistra 6.766 casos activos, o que supón 335 máis que os contabilizados ata este domingo. Por áreas sanitarias, na de Ourense soben en 91 ata os 1.390; a de Vigo suma 57 e sitúase en 1.243; a da Coruña e Cee aumenta en 45 ata os 1.167; a de Pontevedra conta con 683 –44 máis–; a de Ferrol incrementa en 43 ata os 488 e a de Lugo suma 22 e colócase con 673.

Ata a data curáronse na Comunidade galega 25.585 persoas, o que supón 270 máis que as contabilizadas ata este domingo, e realizáronse 640.621 PCR fronte ás 633.494 rexistradas ata a xornada pasada.

FALECIDOS

As persoas falecidas en Galicia con Covid sitúanse en 868, tras as oito mortes notificadas na tarde do domingo, catro delas de usuarios de residencias de maiores.

Por que Peinador non ten un sistema antinéboa como teñen outros aeroportos galegos?

Dous voos con destino ao Aeroporto de Vigo tiveron que ser desviados e outro cancelado, coas súas respectivas viaxes de volta, debido á baixa visibilidade ao estar apagado o sistema antinéboa. As incidencias rexistráronse á primeira hora da mañá deste luns, pero desde as 11:00 horas Peinador volveu a operar con normalidade.

En canto ao voo cancelado, trátase do voo de Air Europa que conecta Madrid con Vigo á primeira hora da mañá. A cancelación deste avión supuxo tamén suprimir a volta de Vigo a Madrid.

Aeroporto de Vigo / Teinteresa.es

Os voos desviados son o Iberia Madrid-Vigo con hora prevista de aterraxe sobre as 8:30 horas, e o Vueling procedente de Barcelona que prevía chegar a terra antes das 10:00 horas. Ambos foron desviados a Santiago e efectuaron a súa seguinte saída desde este aeroporto.

Fontes de Aena atribuíron estas incidencias á baixa visibilidade pola néboa de primeira hora da mañá, xa que o sistema ILS (o asistente de aterraxe en caso de néboa) está desactivado desde o día 7 de maio para a súa substitución por un novo.

Segundo explicaron, o actual sistema é do ano 2004 e “pronto” está previsto o fin da súa vida útil, polo que se substitúe para evitar fallos. Os traballos durarán ao redor de oito semanas, e elixiuse os meses de maio e xuño para levalos a cabo por ser nos que “historicamente hai menos días de baixa visibilidade”.

Vigo acolle o único concerto en Galicia de Mercury Rev

Vigo albergará o único concerto de Mercury Rev en Galicia, incluído no Ciclo Galicia Importa. Un evento que está patrocinado por Afundación, a Obra Social de ABANCA,  e que terá lugar no seu Teatro Afundación de Vigo. A actuación terá lugar este martes, a partir das 22.00 horas, e as entradas pódense adquirir na web Ataquilla.com.

A mítica banda de Nova York celebra o vixésimo aniversario de todo un clásico como Deserter’s songs cunha serie de concertos especiais en formato acústico nos que repasarán o seu emblemático disco xunto a outras cancións da súa traxectoria, e que en Galicia se fará dentro do Ciclo Galicia Importa.

Segundo explica a propia banda, “nesta xira especial recuperaranse moitas das historias e as cancións que envolven o noso álbum de 1998, interpretadas da maneira en que foron orixinalmente compostas. Isto promete ser unha extraordinaria ollada ás forzas que case destruíron a banda e aos estraños acontecementos que nos conduciron a un inesperado regreso”.

Luis Enrique deixa fóra a Iago Aspas nunha selección sen galegos

Luis Enrique, o novo adestrador da selección española de fútbol trala eliminación no mundial de Rusia, acaba de facer pública a súa primeira lista de convocados, para xogar contra os combinados de Inglaterra e Croacia.

Nela, non aparece ningún xogador do Celta nin ningún galego. Tampouco Iago Aspas, seleccionado por Lopetegui e empregado por Hierro. O dianteiro moañés, ademais, contaba co respaldo xeral do afeccionado, aínda que fora como suplente, polo que a decisión foi inesperada para a maioría.

Luis Enrique mantén sobre o papel a De Gea como primeiro gardameta, a pesar do súa tan criticada actuación no mundial. Sorprenden a elección de Albiol, en Milán trala súa etapa no Real Madrid, Suso (dianteiro, tamén no Milan), Morata, Ceballos (Real Madrid) ou Diego Llorente (Real Sociedad).

Entre as baixas máis destacadas, Iago Aspas, o tamén galego Lucas Vázquez, Koke e sobre todo Jordi Alba, con quen a prensa deportiva asegura que Luis Enrique terminou enfrontado cando adestraba ao Barcelona. Sorprendentemente, Luis Enrique deixa fóra a un titular do Barça, e inclúe a un claro suplente do Madrid como é Ceballos.

Un xulgado de Vigo anula unha multa imposta a unha muller que paseou pola cidade durante o estado de alarma

O Xulgado do Contencioso-Administrativo 1 de Vigo anulou unha sanción de 601 euros imposta a unha muller que paseou pola cidade durante a vixencia do estado de alarma.

Segundo recolle a sentenza, deixouse a multa sen efecto ao entender que resulta “contraria a dereito” e condenouse á Administración demandada, a Subdelegación do Goberno en Pontevedra, a devolver o importe abonado por esta muller, 300,50 euros, que se acolleu ao desconto por pronto pago.

O xuíz lembrou que os feitos tiveron lugar o pasado 22 de marzo sobre as 15,00 horas, cando esta muller foi sorprendida nun parque de Vigo, polo que foi sancionada ao entender que cometera unha infracción de desobediencia.

Con todo, recalcou que “ningún axente nin autoridade” dirixiu unha orde que esta muller “se negase a acatar” e remarcou que resulta preciso un “requirimento expreso” que “resulte desatendido”, para “apreciar a concorrencia da infracción de desobediencia”.

Nesta liña, o titular do xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Vigo insistiu en que non se pode imputar unha infracción administrativa grave de desobediencia á autoridade ou aos seus axentes “polo xenérico incumprimento do ordenamento xurídico” a unha persoa se non se lle realiza “un requirimento expreso previo, persoal e directo”.

Deste xeito, o maxistrado concluíu que o incumprimento das restricións impostas durante o estado de alarma “non pode ser cualificado automaticamente como infracción de desobediencia”. Así, afirmou esta só concorrerá cando, “incumprindo o particular as limitacións do estado de alarma, sexa requirido para o seu cumprimento por un axente da autoridade e desatenda dito requirimento”.

Esta foi a segunda vez que este xulgado se pronunciou deste xeito, xa que hai uns días anulou unha multa imposta a un home sorprendido mentres paseaba por Vigo durante o período no que o Real Decreto estaba en vigor ao entender que non cometera unha infracción de desobediencia.

Lingua, igualdade e ecoloxía: Así se educan os nenos nun CEIP de Teis

Falamos con Rute Pallares, integrante da Anpa do Colexio Paraixal, e organizadora das xornadas de lingua celebradas este venres nas súas instalacións, nas que transmiten a lingua galega nun entorno urbano, o de Teis, barrio nos límites de Vigo.

Máis aló da transmisión da lingua galega, neste colexio déronlle unha volta a conceptos educativos coma son a utilización de libros de texto, a aprendizaxe mediante o xogo, o respecto polo medio natural ou a integración de tódalas persoas. Rute Pallares explícao polo miúdo para Xornal de Vigo.

Festa no CEIP Paraixal / CEIP Paraixal

P- Como foi a xornada deste venres?

R- Aparecemos centos de persoas, non dábamos creto, na tarde presentáronse Xosé Leal, da Deputación de Pontevedra ou Olga Alonso, a Concelleira de educación. Moitísimo suceso, píllasme falando con moita emoción.

Falouse da importancia de internalización do galego, a oportunidade de achegarnos a países coma Portugal ou Brasil, e do valor da lingua, de pertencer a algo propio. Rematamos cun concerto de Caxade, as súas letras din moito. E a fin da xornada chegou cunha canción compartida co profesor de música, cantaron unha versión do poema de Manuel María, a fala. Coma organizadora, só podo falar marabillas do acontecido.

Xornadas de lingua
Rapaces nun aula do colexio Paraixal/ Miguel Núñez

P- Onde está situado o voso colexio?

R- En Teis, na zona do Paraixal. A escola leva aberta dende os anos 70. Pouco a pouco fou perdendo peso coa despoboación da zona superior de Teis, na saia da Madroa. Non tiña apoio institucional, aínda non temos autobús da Xunta. E os accesos son malísimos, as crianzas ten que vir sempre acompañadas. As nenas e nenos da zona teñen autobús para o colexio de Chapela, pero para aquí non. Agora por sorte temos un autobus parcialmente subvencionado polo Concello de Vigo.

Esta é unha zona na que polo xeral viven familias de baixo poder adquisitivo, o 50% das crianzas desta escola son bolseiras. Non sabemos se teremos bus para o ano, pois o Concello non ten a obriga. E sen autobús este colexio desaparece.

A lingua importa
Traballo dos nenos/ Miguel Núñez

P- Que fai diferente ao CEIP Paraixal?

R- Tentamos darlle unha volta ao ensino, temos unha dirección nova, cun proxecto educativo distinto, evoluíndo cara á eliminación dos libros de texto, en infantil xa non os usamos. O noso sistema de avaliación non é tan ríxido, o número de crianzas por aula é menor e podemos avaliar máis cousas, outorgándolle importancia á igualdade, a ecoloxía e a lingua.

O patio é galegofalante, os profesores falan en galego e os nenos e nenas que queiran falan castelán, tentamos un bilingüisimo realmente harmónico. Claro que non falan galego todos, senón sairíamos nos medios, iso é posible en proxectos privados coma os de Semente, pero non nun colexio público e moito menos de Vigo…

Nós tentamos reforzar o galego, que ninguén está obrigado a falar. Noutros colexios, as crianzas que falan galego poden chegar a sentirse mal, iso é o que evitamos.

Colexio Paraixal
Nenos escoitan un conto en galego/ Miguel Nuñez

P- A filosofía da dirección resulta clave?

R- É unha dirección que cre no traballo colaborativo. Estamos modificando un aula de infantil coa axuda incluso de pais e nais, algo bastante atípico noutros colexios. Aquí, as familias están dispostas a axudar. Con tan poucos nenos, temos un orzamento moi limitado, que non chega máis que para o día a día.

Temos aulas antigas, con chans dos 80 en mal estado, corcho vello… Queremos outro estilo, que sexa interesante o que fan os nenos máis que o espazo en si. Non é tan importante ter tantas cousas ao redor, prefirimos o contido frente ao continente, espazos modificables para a creatividade e liberdade do alumnado.

Colexio Paraixal a lingua importa
Colexio Paraixal xogos nas aulas/ Miguel Núñez

P- Calidade e cantidade. Resulta necesario que o número de nenos e nenas por clase sexa escaso para levar a cabo iniciativas coma esta?

R- Para este proxecto educativo é unha vantaxe, con 25 por aula sería imposible, pero con 7 ou 8 por aula fas cousas marabillosas: un programa de radio, unha revista, aprenden matemáticas xogando ao xadrez… Con iniciativa do profesorado, pódense facer mil cousas.

E aquí coñécese todo o mundo, as familias entre si, e querémonos moito e facemos por fortalecer ese vínculo. Cando os de Sexto de Primaria marcharon o ano pasado, como choraban os de Infantil…

Xornadas de lingua
Colexio Paraixal / Miguel Núñez

P- Ese tipo de lazos, máis intensos e entre un número menor de persoas, poden recordar un pouco a unha volta ao estilo de vida do rural?

R- No centro da cidade, esta iniciativa sería imposible. Os avós participan moitísimo. Temos unha horta que veñen os avós e avoas a traballar, ensinan aos seus netos, nós xa non temos ese coñecemento. Temos tamén un viveiro forestal, as crianzas plantan árbores, coas sementes proporcionadas pola Comunidade de Montes. Plántase en macetas primeiro e despois xa no propio monte. E levamos 10 anos facendo observacións de estrelas pola noite cun astrofísico. Temos moi en conta os nosos pilares: ecoloxía, lingua e igualdade.

Aquí estamos xente moi diferente, colaborando nun proxecto común. Traballamos por un futuro mellor para a mocidade. Valoramos as diferenzas coma oportunidades, que non enfronten, mellor sumar.

“o momento de mudar o negativo dunha sociedade é na mocidade”

P- É posible ter liberdade na metodoloxía de ensino?

R- Os contidos hai que impartilos, pero pódese decidir como, preséntase á Consellaría e se o aproba todo está correcto. Por suposto supón moito traballo, non en tódolos lugares o profesorado está disposto a esforzarse fóra de tempo para planificar o tipo de clases que impartimos en Infantil e Primaria.

Aínda non traballamos con ordenadores. As TIC acabarán entrando, pero nunca será toda a educación con ordenadores. E en canto aos libros, pódese aprender deles, pero tamén na súa ausencia, o cal é máis complicado que dicir imos ler a páxina 7, agora a 10, iso si, ten un valor engadido, porque aquí aprenden as matemáticas xogando, sen decatarse, iso é incrible. Tamén temos tódolos anos un mestre nativo de inglés, e cada día unha clase de ximnasia en Infantil, posto que consideramos crucial o exercicio físico.

Xornadas de lingua
Rapaza debuxa na aula do colexio Paraixal/ Miguel Nuñez

P- Como ven o futuro?

R- Hai un colexio similar en Vilagarcía e funciona moi ben, estaba a punto de pechar, adoptaron estas dinámicas e foron mantendo estas cada vez con máis alumnado.

P- Como resumiría os tres pilares do centro e a súa importancia? 

R- Lingua: a nosa lingua é fundamental, a nosa identidade, sen ela perdemos o noso vehículo para comunicarnos. Trátase dun valor engadido que nos fai diferentes, a lingua das nosas nais e pais, indispensable para transmitir o coñecemento.

A igualdade é un valor necesario, nós non facemos diferenciacións, temos en conta a diversidade funcional e non se pode marxinar a ninguén. Buscamos unha integración absoluta. Os mestres e mestras fórmanse nunha linguaxe inclusiva, posto que a lingua crea ideloxía e segrega. Se falamos só co masculino estamos a excluir á metade da poboación.

A mocidade, xogando / CEIP Paraixal

A ecoloxía resulta fundamental no momento no que vivimos, e a preocupación pola contorna, a contaminación e alimentación…. Debemos respectar ao medio, aos animais. Se non educamos ás crianzas no respecto á ecoloxía, cando sexan adultas non terán respecto. En xeral, o momento de mudar o negativo dunha sociedade é na mocidade, non podemos repetir os seus estereotipos e erros, logo será tarde…

 

Vitrasa reclama ao Concello máis de 15 millóns por perdas tras recibir unha polémica prórroga da concesión en plena pandemia

A empresa concesionaria do bus urbano de Vigo, Vitrasa, reclama ao Concello máis de 15 millóns de euros polas perdas sufridas debido ás restricións impostas con motivo da pandemia de Covid, e despois de que o goberno local aprobase en plena crise sanitaria (en xuño de 2020) ampliar esta concesión por un período de 5 anos.

A Xunta de Goberno Local de Vigo aprobou este venres desestimar os recursos de reposición interpostos pola empresa contra as decisións do Concello de non aceptar a totalidade dos pagos que reclama.

Así, Vitrasa remitiu ao consistorio diversas solicitudes ao longo de 2020 para reclamar compensacións que restablecesen o equilibrio económico da concesión. En total, reclamou máis de 11 millóns de euros correspondentes ás perdas entre marzo e decembro de 2020.

Pero o Concello pagoulle 2,2 millóns (aprobados en Xunta de Goberno en decembro de 2020) ao considerar que só debía resarcir a empresa polo período equivalente á vixencia do estado de alarma.

A mediados de 2021, o Concello recibiu 5,5 millóns de euros procedentes do Goberno, en virtude do Real Decreto que contemplaba subvencións por perdas no transporte urbano, e volveu pagar a Vitrasa, esa vez 3,5 millóns.

Ao longo de 2021, a empresa concesionaria seguiu reclamando as perdas orixinadas mes a mes, ata un total de 5,6 millóns de euros entre xaneiro e agosto deste ano.

Ademais, Vitrasa volveu dirixirse ao Concello en xuño e xullo pasados reclamando polas perdas de 2020, que estima en 9,9 millóns descontado o diñeiro recibido como compensación. Deste xeito, entre a reclamación correspondente ao pasado ano e o que reclama de 2021, a empresa pide que se lle compense en máis de 15 millóns de euros.

Dáse a circunstancia de que, en xuño de 2020, en plena pandemia, a Xunta de Goberno Local acordou prorrogar a concesión a Vitrasa por outros cinco anos, e iso a pesar dos anuncios de que se faría unha nova licitación e un novo concurso para adxudicar este servizo. Nese momento, o propio alcalde xustificou a prórroga alegando que a crise sanitaria facía imposibles os cálculos económicos do prego de concesión.

Así as cousas, e coas reclamacións de Vitrasa sobre a mesa, todo parece indicar que, desestimados os recursos de reposición, a saída que queda á empresa é acudir aos tribunais pola vía contencioso-administrativa.

A illa de Ons recibe aos seus primeiros habitantes tras dous meses case abandonada pola COVID-19

Os habitantes das illas Ons, enclave do Parque Nacional das Illas Atlánticas, xa poden acudir ás súas casas este fin de semana coa chegada da primeira fase de desescalada e, tanto é así, que este sábado partiu o primeiro barco para trasladar aos insulars cunhas 27 persoas. Con todo, e a falta de que comece a tempada alta, na que se establece o transporte regular e a cota de visitas, a polémica polo número máximo ao que teñen dereito os titulares de vivenda xa se reavivou neste primeiro fin de semana.

A Consellería de Medio Ambiente autorizou especificamente ás navieras a facer traslados á illa, aínda que aqueles que xa tiñan os seus medios propios para desprazarse podíano facer desde a entrada en vigor da fase 1 de desescalada, na que se autorizan os desprazamentos ás segundas residencias dentro da mesma provincia.

A pesar desta noticia que foi ben recibida entre os veciños de Ons, segue latente o conflito pola cota reservada para as familias insulares, posto que o número de prazas dispoñibles para acudir este fin de semana cinguiuse a 300 –como se pode comprobar ao facer a reserva de praza na web específica para iso–.

Así, e mentres que a consellería incide en que ese foi ao acordo ao que se chegou en setembro de 2019, a portavoz da Asociación de Veciños e Amigos das Illas Ons, María Pérez, asegurou que se falou de “800 prazas” para insulares e que, adicionalmente, bloquearíanse ” 300″ no caso de que se superase a cota.

Con todo, a Consellería de Medio Ambiente remítese ao acordo no que textualmente se fala do bloqueo de 300 prazas da cota xeral para insulares co fin de “evitar sobrecargar a cota xeral”. Este acordo inclúe tamén que se establecerá un sistema de bloqueo polo cal, no caso de que se superen as 300 autorizacións, limítese ” o acceso de máis persoas a Ons”.

PRIMEIRO BARCO A ONS ESTE SÁBADO

Tanto os veciños como a Consellería de Medio Ambiente confirmaron a Europa Press que a finais desta semana distribuíronse os códigos QR para que os titulares dunha vivenda poidan desprazarse, coincidindo co primeiro fin de semana da fase 1.

E, de feito, este sábado partiu do porto de Bueu ás 10,00 horas con preto de 30 persoas o primeiro barco, coincidindo co primeiro fin de semana da fase 1 da desescalada, que permite acudir ás segundas vivendas e a mobilidade dentro da provincia.

Unha desas insulars é Rosa Pérez López, que atendeu telefonicamente a Europa Press na mañá deste sábado nada máis chegar á súa vivenda. “Temos moito traballo en casa, moito que limpar, parece unha selva”, manifestou en declaracións a Europa Press esta oriúnda de Ons, quen lamentou que debido ao confinamento perdeu toda a colleita que tiña previsto plantar.

Rosa Pérez expresou que tiñan “moitas ganas” de poder acudir a Ons, xa que ela habitualmente xa acode a finais do inverno para preparar a casa e os cultivos, pero a pandemia cruzouse este ano nos plans habituais. “Como non, con moita ilusión”, recoñeceu que colleron este barco os insulares, que teñen o regreso previsto ás 18,30 deste domingo, aínda que algúns esperan quedar na illa un tempo máis.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed