Inicio Blog Páxina 1564

40 traballadores do Porriño afectados polo ERE de Levantina y Asociados de Minerales

0

A multinacional do mármore e o granito Levantina y Asociados de Minerales iniciou o procedemento para un ERE que afecta a 307 traballadores no seu centro de traballo de Novelda (Alacante) e O Porriño (Pontevedra). Na localidade galega, o expediente chega a uns 40 empregados, case a metade do persoal.

Así o avanzou a área de Construción e Servizos de CC.OO., que denunciou que no ano 2017 a empresa xa levou a cabo un expediente de modificación “substancial” das condicións de traballo que acabou supondo unha redución de salarios.

Para CC.OO., a empresa “pretende aproveitar” ese cambio de condicións levado a cabo “para despedir a centos de traballadores nunhas condicións económicas máis favorables para o grupo empresarial”.

Máis do 87% dos postos de traballo afectados localízanse nas factorías e canteiras de Novelda, xa que inclúe o cesamento da actividade produtiva total da fábrica, aínda que no Porriño o expediente afectaría a máis do 45% do actual persoal.

Desde este mércores, o sindicato levará a cabo asembleas informativas nos centros de traballo afectados, co fin de informar o impacto do ERE para comezar a deseñar unha resposta.

Nace o Observatorio Eólico de Galicia para “fortalecer” a posición do rural no desenvolvemento desta enerxía

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e os representantes das fundacións Juana de Vega e Isla Couto, Enrique Sáez e Manuel Meixide, asinaron este xoves un convenio de colaboración para a posta en marcha o Observatorio Eólico de Galicia, un órgano que ten como finalidade estudar esta actividade en Galicia e, sobre todo, asesorar aos axentes locais rurais (comunidades de montes, pequenas empresas, concellos, particulares, etc.) para “fortalecer” a súa posición no sector.

O Observatorio, dirixido polo grupo de investigación liderado polo profesor de Economía Aplicada, Xavier Simón, pretende ser “un espazo de colaboración entre a Universidade, as empresas produtoras de enerxía e os responsables políticos” para permitir que esta actividade sexa xeradora de riqueza para os axentes locais, fixe poboación no rural e teña retorno económico nos pequenos municipios.

Así o trasladou o propio Xavier Simón, quen explicou que, ao contrario que noutros países de Europa, o desenvolvemento eólico en Galicia fíxose “ás costas” das comunidades locais. “Hai un problema de supervivencia do rural, que se baleira de xente e énchese de aeroxeradores”, apuntou.

Sinatura de creación do Observatorio Eólico de Galicia

Segundo explicou, a principal “deficiencia” que se debe “corrixir” en Galicia é o marco normativo, que permitiu que a inmensa maioría da potencia instalada estea “en mans da grandes compañía”. A ese respecto, apostou por un escenario no que se alente ás comunidades rurais locais e pequenas cooperativas a desenvolver parques eólicos en igualdade de condicións” con respecto ás grandes enerxéticas.

Nese contexto, Galicia conta cunha “vantaxe” fundamental, que é ter unha media de máis de 2.400 horas de vento ao ano, superior a outras zonas de España e de Europa. Ademais, engadiu, impulsar a participación de axentes locais, “non limita o éxito no desenvolvemento da enerxía eólica, que está garantido pola demanda, o desenvolvemento tecnolóxico e a tendencia a limitar o uso de combustibles fósiles”.

INFORMACIÓN COMO “MECANISMO DE PRESIÓN”

Pola súa banda, o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, incidiu en que o Observatorio virá arroxar luz” sobre un sector do que, a pesar de ser “fundamental” en Galicia, “non se sabe moito”.

Así, mediante o asesoramento gratuíto, facilitarase ás comunidades locais que dispoñan “a primeira arma do cambio”, que é “a información, como mecanismo de presión” para que se empecen a operar modificacións normativas. O desenvolvemento eólico é, recalcou, unha “oportunidade” para fixar poboación no medio rural, e para que estas comunidades locais sexan conscientes da riqueza que pode xerar unha fonte de enerxía limpa.

Segundo apuntou Xavier Simón, en Galicia hai uns 120 parques eólicos con 3.400 megawatios instalados, pero hai outros 7.000 megawatts en tramitación administrativa.

A CUT denuncia que as mutuas non queren recoñecer enfermidades profesionais en sectores como a automoción

O sindicato CUT realizou este mércores unha concentración de protesta ante a sede dunha mutua en Vigo para denunciar a resistencia destas entidades a recoñecer certas enfermidades profesionais, e puxeron como exemplo o sector da automoción.

Representantes do sindicato concentráronse ante o centro asistencial dunha destas entidades, portando unha pancarta coa lema ‘Enfermidades profesionais. A nosa pandemia’.

Segundo denunciaron, no sector de automoción concéntrase o maior número de traballadores con trastornos músculo-esqueléticos, fundamentalmente polo tipo de tarefas nas cadeas de montaxe, sobre todo manuais, moi repetitivas e en ciclos moi curtos. “Dan boa fe os abusivos ritmos de traballo que nos vemos obrigados a asumir”, sinalaron.

Respecto diso, puxeron como exemplo a planta do grupo Stellantis en Vigo (antes PSA) que, segundo a CUT, ten unha media diaria (nos últimos anos) dunhas 300 persoas que non acoden ao seu posto de traballo por algunha doenza, aínda que a media de enfermidades profesionais recoñecidas ao ano rolda “unicamente” as 25.

Neste contexto, o sindicato criticou a actitude das mutuas cuxos facultativos, segundo asegurou, achacan os problemas de saúde destes operarios a outros motivos, non laborais, como “bater ovos”, “xogar ao tenis” ou “pasar a aspiradora”.

“O grave desta situación é que, de ser así, están a consumirse recursos da sanidade pública en tratar trastornos dos que deberían facerse cargo as propias mutuas das empresas”, engadiron desde a central sindical.

Finalmente, a CUT advertiu de que, se non se recoñecen esas doenzas como enfermidades profesionais, non se actuará sobre os postos de traballo para evitar que se sigan producindo os trastornos músculo-esqueléticos, “co consecuente dano para as persoas traballadoras, nun intento claro de aforro económico para as empresas”.

Nigrán inicia a súa festa da cervexa mentras Gondomar apraza o seu ocio por precaución

O Concello de Nigrán iniciou onte a IV edición do ValMiñor Fest, a súa particular festa da cervexa artesá pensada, segundo o concello, para un público familiar, contando con cos postos de comida ambulante para acompañar a degustación de cervexa artesá así como concertos de grupos locais todos los días ás 22:00 horas.
Pasarán pola alameda de San Campio Swind du Monde (venres), Los Chili Compadres (Sábado) e Blue Monk (domingo).

Nesta ocasión, este evento organizado polo Concello de Nigrán, a Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns e cervexeira Trisk- Ale será en formato reducido por cuestións de seguridade sanitaria, con aforo limitado, desinfección de mans e control de temperatura aos asistentes e mesas distanciadas, lembrando a organización a obrigatoriedade de empregar máscara.

O obxectivo “es promocionar el consumo de este producto artesano en unos momentos muy difíciles para el sector por culpa de la crisis sanitaria, por lo que más que nunca necesitamos del apoyo de nuestros consumidores habituales” asegura Esteban Loureiro, portavoz da asociación de cervexeiros.

Nigrán presume de cervexa con etiqueta propia

«Queremos promover Nigrán como o que é, un lugar onde podemos presumir de equilibrio natural, e consideramos que un dos xeitos de facelo é a través precisamente da cervexa elaborada polos irmás Toledano, veciños de Patos. Agora Nigrán tamén ten o seu propio sabor», resume o alcalde, Juan González.

«Estamos moi satisfeitos co resultado final porque consideramos que a elaboración resume o que é Nigrán desde o punto de vista paisaxístico, un municipio onde non hai que elixir entre praia ou montaña para gozar da natureza; e tamén porque contén o carácter dunha localidade hospitalaria onde ninguén se sinte de fora nin queda excluído», inciden Andrés e Roberto Toledano, quen están a traballar xa en remesas da cervexa ante o éxito que está a colleitar.

Gondomar apraza o seu ocio en agosto

En contraposición a este ambiente festivo de Nigrán, o concello veciño de Gondomar apraza a súa axenda cultural durante o mes de agosto como medida de prevención ante os rebrotes por COVID19 en Galicia e na comarca do Val Miñor.

“Preferimos previr e poñer os medios que sexan necesarios para non correr riscos ante as cifras que se están rexistrando no noso país”, afirmou o alcalde Paco Ferreira.

En total estarán afectadas seis actividades previstas para os dous últimos fins de semana, ás que se suman as tres aprazadas fai sete días tras confirmar fontes sanitarias un brote de covid19 no municipio.

O programa “Cultura de verán” incluía a celebración de concertos, cinema na rúa e espectáculos familiares cun claro apoio aos artistas e grupos locais “porque eramos conscientes de que a cultura é un sector que non podiamos deixar atrás tras o confinamento”, manifestou o rexedor, quen fixo fincapé en que “en todo momento durante o desenvolvemento das actuacións cumpríronse de xeito estrito e rigoroso as medidas de seguridade hixiénico-sanitarias e de distanciamento interpersoal que estamos obrigados a cumprir”.

Baiona tamén apraza a súa programación da semán, pero neste caso por cuestións meteorolóxicas ante a previsión de choivas que impedirían os actos ao aire libre.

A historia de Diego, un mozo que pasou case 30 días na UCI: “Entristéceme saber o que sufriron”

Tras 21 días completamente sedado e “cun pé no outro lado”, Diego Framil conseguiu vencer definitivamente o coronavirus e está de volta na súa casa, unha situación, confesa a Efe, da que non foi consciente e que agora logrou entender mellor a través de “saber o que sufriron os demais”. 

“Eu sei que o día 5 de abril entrei por urxencias pero pouco máis. Os días seguintes hei de recoñecer que teño como unha lagoa mental, non sei se por causa da febre, porque actuaba case inconscientemente”, asegura Diego, recuperado da enfermidade do covid-19 xerada polo coronavirus Sars-cov-2.

Podes ler a reportaxe completa en Galicia Confidencial.

O PP de Ponteareas celebra que se limite a compatibilidade dun edil do BNG cando exista “conflito de intereses”

0

O PP de Ponteareas celebrou que o acordo da compatibilidade do concelleiro do goberno local Roberto Mera co seu traballo como avogado se aprobase en pleno co matiz de que só sería posible cando non exista “conflito de intereses” entre ambas as funcións.

Os populares lamentaron que este acordo “non fose aprobado así desde o principio”. Deste xeito, criticou que non se modificase ata que a Valedora do Pobo requiriu información sobre esta situación ao Concello por mor dunha queixa do PP.

En concreto, a semana pasada o pleno da corporación local avalou esta resolución tras a presentación dun recurso por parte do PP contra a aprobación da compatibilidade entre a ocupación pública e privada do concelleiro do BNG, que tivo lugar no verán. Así, o martes pasado, os grupos municipais do BNG, o PSOE e o PP votaron a favor, mentres que o de Alternativa Cidadá de Ponteareas se abstivo xunto a Roberto Mera.

Pola súa banda, o concelleiro nacionalista remitiu unha carta aberta aos medios na que insistiu en que a nova resolución “non supón unha estimación do recurso” presentado polo PP, dado que este perseguía a anulación da concesión da compatibilidade.

Nesta liña, remarcou que limitar a compatibilidade das funcións aos casos nos que non exista conflito de intereses supón “a introdución dunha consideración que resulta obvia” debido a que así o contempla a Lei 40/2015.

Ademais, asegurou que el mesmo detallou nas súas alegacións esta circunstancia legal e acusou á portavoz popular de “querer apropiarse” desta xustificación que o acordo aprobado pola corporación municipal “recolle literalmente”.

Así mesmo, o edil nacionalista apuntou que a queixa trasladada á Valedora do Pobo polo PP é equivalente ao recurso que este partido presentou contra a resolución inicial adoptada no verán respecto da compatibilidade das súas funcións.

Voos de Menorca a Vigo desde xullo a setembro

A aerolínea franquiciada de Iberia para voos rexionais, Air Nostrum, anunciou este xoves que incrementará este verán as conexións entre Menorca e os aeroportos galegos de Santiago e Vigo.

En concreto, do 23 de xullo ao 29 de agosto, Air Nostrum voará os martes e os xoves entre Menorca e Santiago de Compostela. As rutas sairán do aeroporto balear ás 22,15 horas e despegarán de Lavacolla ás 19,55 horas.

Paralelamente, os domingos entre o 21 de xullo e o 1 de setembro, a compañía operará a ruta Menorca-Vigo. O avión sairá da illa ás 22,15 horas e de Peinador ás 21,35 horas. Ambas as rutas serán operadas por un reactor CRJk, que realiza o traxecto nunhas dúas horas.

Caballero inaugura un ‘macroparque’: “Queremos que Vigo sexa unha cidade para os máis pequenos”

O rexedor vigués, Abel Caballero, inaugurou este mércores o novo “macroparque” infantil da Praza da Independencia, “unha zona con moita demanda”, que conta co dobre de espazo de xogo tras o investimento de 200.000 euros.

Conta con caucho continuo en todo o espazo, renováronse os xogos existentes e instaláronse xogos inclusivos. Amais, o Concello trasladou a zona biosaludable, instalou novos bancos e reparou xardineiras, pavimento, papeleiras…

Inauguración do macro parque infantil/ Miguel Núñez

“Queremos que Vigo sexa unha cidade para os máis pequenos”. Con esta idea Abel Caballero explicou este mércores que o seu goberno dedica 4,6 millóns de euros á reforma e ampliación de oito parques infantís para atender as necesidades de xogo das nenas e nenos vigueses.

O rexedor vigués, Abel Caballero, destaca o investimento do seu goberno en parques para os nenos e nenas vigueses que ascende a 4,6 millóns, coas obras de reforma e ampliación que están en marcha en outros oito espazos infantís.

Inauguración do macro parque infantil/ Miguel Núñez

Abel Caballero deu conta tamén da marcha das obras de reforma e ampliación noutros 8 parques infantís da cidade que suman un investimento de 4,6 millóns de euros. Así, están xa aprobados os proxectos e en proceso de licitación os parques da rúa Coruña, cun orzamento dun millón de euros), Jenaro de la Fuente, Bouzas e Maruja Mallo.

No caso do macro parque infantil de Venezuela está en proceso de certificación das obras mentres que, adiantou, o de Pedro Alvarado será inaugurado nuns días, o de Barreiro antes de que acabe o ano e do de Navia está feita a parte deportiva e a infantil pero queda pendente a parte xuvenil.

Inauguración do macro parque infantil/ Miguel Núñez

Arde unha nave industrial en Bouzas

Unha nave da empresa Firgoríficos de Vigo ardeu na mañá deste xoves sen que houbera que lamentar danos persoais, aínda que houbo dous feridos. O lume comezou sobre as 9,00 horase afectou ao sistema de ventilación de frío instalado no exterior da nave.

Até o lugar desprazáronse varias dotacións de Bombeiros de Vigo, así como Policía Portuaria, Policía Local e Nacional; Garda Civil e persoal de Urxencias Sanitarias. A rápida intervención dos efectivos conseguiu conter o lume que se deu por apagado media hora despois.  A Autoridade Portuaria asegurou que non hai risco tóxico nin por fume nin por verteduras.

Con todo, dous traballadores resultaron feridos. Un deles presenta un traumatismo e outras queimaduras, aínda que insistiu en que o seu estado non reviste gravidade. Ao parecer os dous feridos estaban a realizar tarefas de desmonte dunhas pezas cando se produciu “un problema de soldadura”, o que puido ser a orixe do lume.

Unha pota esquecida ao lume e unha vela provocan senllos incendios en Vigo e Cangas (Pontevedra)

Unha persoa necesitou asistencia médica debido a unha intoxicación por inhalación de fume e outra sufriu unha queimadura por mor dun incendio declarado na cociña dunha vivenda, en Vigo, segundo informa o 112.

O suceso ocorreu sobre as 13,30 horas na avenida da Hispanidad, onde acudiron os bombeiros da cidade para comprobar que o incendio quedara extinguido por completo despois que as chamas fosen apagadas por un veciño do edificio.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o incendio orixinouse nunha pota esquecida ao lume. Como consecuencia, unha persoa foi evacuada a Povisa con síntomas de intoxicación por inhalación de fume e outra resultou afectada por unha queimadura.

Nada máis ter constancia dos feitos, desde o 112 Galicia pasouse aviso aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Vigo, aos axentes da Policía Local e aos efectivos de Protección Civil da localidade.

INCENDIO EN CANGAS

Este non foi o único lume provocado por un descoido na xornada deste xoves. Na parroquia canguesa de Coiro, en Pontevedra, unha vela acesa causou danos materiais nunha vivenda da avenida de Ourense.

De acordo cos equipos de intervención que acudiron ao lugar dos feitos, a persoa que se atopaba no interior do domicilio no momento do incidente –un home de avanzada idade–atopábase ben, pero non se decatou do ocorrido. Deste xeito, un familiar do home encargouse de levalo ata o centro de saúde.

Foi unha persoa particular quen chamou ao 112 Galicia ás 12,30 horas para alertar do incendio. No seu relato, informaba que vía saír fume desde a terraza dunha vivenda.

Ao ter constancia, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento do equipo sanitario de urxencias, dos Bombeiros de Vigo e do Morrazo, dos axentes da Policía Local e dos membros de Protección Civil de Cangas.

Unha vez controlado o incendio, os equipos de intervención confirmaron ao 112 que as chamas comezaron por culpa dunha vela que prendeu lume a algúns utensilios e acabou calcinando un dos mobles da terraza

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed