Inicio Blog Páxina 1520

Tres persoas feridas nun accidente de tráfico en Mos

Tres persoas resultaron feridas na tarde deste xoves ao chocar dous vehículos en Tameiga, no Camiño Costa de Faquiña, no municipio pontevedrés de Mos.

Segundo informou o CIAE 112 Galicia, o suceso tivo lugar minutos antes das 14,00 horas, cando un particular e os propios servizos de emerxencia avisaron do ocorrido.

Ante iso, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informou á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e aos Bombeiros do Porriño, así como ao Servizo Municipal de Protección Civil da localidade.

Finalmente, os membros de Protección Civil de Mos indicaron ao 112 que tres persoas implicadas no sinistro foron trasladadas ata os centros hospitalarios de referencia.

Detido en Vigo por ameazar cunha pistola a varios veciños no Freixo

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a un veciño da cidade, de 34 anos de idade, como presunto autor dun delito de ameazas, tras usar un revólver para intimidar a varias persoas no Freixo.

Segundo confirmaron fontes policiais, os feitos ocorreron na noite do pasado sábado, cando o 091 recibiu un aviso sobre a presenza dun home armado que estaba a ameazar persoas na asociación de veciños do Freixo.

Unha dotación trasladouse ao lugar e entrevistouse coas testemuñas, que relataron que o sospeitoso se presentou no local cun arma de fogo, e mostrando unha actitude moi violenta e intimidatoria coas persoas alí presentes. Varios deles forcexaron con el ata sacarlle o revólver e, aínda que tentaron retelo ata a chegada da Policía, o home logrou zafarse e fuxir en coche a gran velocidade.

Estas testemuñas tamén informaron os axentes de que non era a primeira vez que esa persoa mantiña esa actitude, e que nunha ocasión anterior ameazara a varias persoas cunha barra de ferro. De feito, o sospeitoso ten prohido o acceso ás instalacións da entidade veciñal.

DETENCIÓN

Mentres a dotación de Policía Nacional realizaba esta xestión, recibiu un aviso da sala do 091, sobre unha forte discusión entre unha muller e o seu fillo nun domicilio próximo e, ante a sospeita de que puidese tratarse do mesmo home, os axentes dirixíronse cara alí.

Unha vez na vivenda, identificaron o sospeitoso e confirmaron que se trataba do autor das ameazas anteriores, polo que procederon á súa detención. Ademais, ao cachealo, os axentes atoparon agochada entre a súa roupa unha importante cantidade de marihuana.

A Policía tamén se incautou da arma, un revólver do calibre 38, moi oxidado, coa marca e o número de serie borrados, aínda que o canón non estaba obstruido. De feito, fontes policiais apuntaron que a arma “está operativa e puido ser utilizada con anterioridade, tal e como figura no informe técnico policial efectuado por peritos de Policía Científica de Vigo”.

O detido, que conta con varios antecedentes policiais, pasou a disposición do xulgado de instrución de garda na cidade olívica.

Seguen subindo os pacientes covid na UCI

0

A presión hospitalaria mantense en descenso en Galicia, aínda que o número de ingresados con coronavirus en UCI mantense en 146. Mentres, os novos casos diagnosticados aumentan lixeiramente en tres ata 216, pero os pacientes coa infección activa redúcense a 7.748.

Segundo datos actualizados pola Consellería de Sanidade este martes, os hospitalizados con COVID-19 na Comunidade galega experimentaron unha nova baixada ata os 693 –36 menos–. Con todo, este descenso só se reflicte nos pacientes que se atopan en unidades convencionais, que pasan de sumar 583 a 547, xa que o número de persoas que se atopan en coidados intensivos mantense en 146.

Por áreas sanitarias, na área de Vigo mantéñense en 61 os ingresados en planta, pero increméntanse ata 23 os que se atopan en UCI –dous máis–.

DESCENSO DE CASOS

Os casos activos de coronavirus en Galicia seguen en descenso e sitúanse en 7.748, o que supón 318 menos que os contabilizados ata o día previo. Deste xeito, os pacientes coa infección activa diminúen nas sete áreas sanitarias galegas. A de Vigo segue por riba do milleiro, con 1.214.

Os novos casos diagnosticados no último día aumentaron lixeiramente en tres ata 216, dos que 189 foron confirmados mediante PCR. Destes últimos, 37 corresponden á area de Vigo.

TAXA DE POSITIVIDADE

Ata a data realizáronse en Galicia un total de 1.635.402 probas PCR, o que supón que no último día incrementáronse en 5.109 fronte ás 7.221 efectuadas na xornada previa. Así mesmo, a taxa de positividade –porcentaxe de infeccións por test PCR realizados– incrementouse ata o 4,8%, por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) marca como máximo para dar por controlada a pandemia.

Sanidade rexistra 55 casos menos en Vigo, que segue como a área máis afectada

Galicia mantense nos niveis de casos de covid-19 diarios detectados ao longo das últimas xornadas, co número de positivos oscilando entre os 300 e os 400: foron, en concreto, 339. Con todo, a presión hospitalaria rebáixase este sábado tras producirse unha serie de altas que deixan o total de hospitalizados con coronavirus en 337, 27 menos que na xornada anterior.

Así se desprende da actualización de datos da pandemia publicados a primeira deste sábado na páxina web da Consellería de Sanidade con cifras recollidas ata as 18,00 horas do venres. Ata ese momento, nas últimas 24 horas diagnosticouse por PCR a un total de 339 persoas, o que supón unha baixada de 28 respecto ao día anterior.

Con estes datos, os casos activos descenden lixeiramente ata os 5.633 nunha xornada na que se practicaron 7.000 probas PCR, das que un 4,5% foron positivas, o que devolve a Galicia a niveis inferiores ao 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia.

Nas cifras da pandemia deste sábado 19 de decembro destaca a relaxación da presión hospitalaria nas áreas sanitarias galegas, pois presentan un descenso de 27 persoas menos ingresados respecto ao día anterior, aínda que esta caída non se deixa notar na UCI, que contan cun paciente máis.

En total, hai 337 ingresados con covid-19 nos hospitais de Galicia, dos cales 281 están en planta –28 menos que hai 24 horas– e 56 en críticos –un máis–. Deste xeito, as subidas experimentadas en canto a volume de pacientes hospitalizados nas áreas de Santiago e Ferrol ven compensadas coas altas rexistradas no cinco restantes distritos sanitarios galegos.

Así, a subida no número de ingresados na área de Santiago-Barbanza e o descenso na da Coruña-Cee fai que este sábado presenten cifras similares no cómputo global, aínda que a segunda ten máis pacientes en críticos. En Santiago-Barbanza hai agora 72 persoas ingresadas –4 máis–, das que 6 están en UCI –sen cambios–; mentres que na Coruña-Cee baixan a 72 –seis menos– o global de hospitalizados e tampouco hai novidades na cifra de críticos, que se mantén en 14.

En Vigo prodúcese este sábado un descenso de nove pacientes ingresados ata os 57 con 12 deles en UCI –uno menos–. Na área de Pontevedra-Salnés tamén se deron un importante número de altas que fan descender en 10 os pacientes ingresados ata os 45, dos cales, oito atópase en críticos –un menos–.

A área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco redúcese en tres o número de hospitalizados ata os 35 con 3 na UCI –uno máis–; mentres que en Lugo-Mariña-Monforte baixan a 19 –catro menos– con case a metade –7, un máis– en críticos. Por último, en Ferrol hai 37 persoas hospitalizadas con covid-19, dúas máis que hai 24 horas, con 6 delas na UCI –una máis–.

BAIXAN OS POSITIVOS DIARIOS

En canto ao balance na detección de casos, Galicia detectou en 24 horas 339 casos, 28 menos que o día anterior. Deste xeito, a Comunidade galega mantense nos niveis da última semana, con oscilacións dos positivos diarios movéndose entre os 300 e os 400. De novo, segundo os datos que constan na web de Sanidade, Vigo e Santiago-Barbanza volven ser as áreas sanitarias que máis infeccións reportan, aínda que os niveis de positivos nestes distritos volven descender e equipásense aos de Pontevedra-Salnés ou A Coruña-Cee, na que crecen respecto ao día previo.

Así, Vigo nofitificou 75 positivos nun día –15 menos–, Santiago-Barbanza informou de 74 –dez menos– e Pontevedra-Salnés, de 62 –mesmo número-. Tamén destaca a subida nos casos diagnosticados da área A Coruña-Cee, onde 69 persoas deron positivo –29 máis–. No resto de áreas, soben os positivos en Lugo-Mariña-Monforte ata os 32 –25 máis–; mentres que baixan en Ourense-Verín-O Barco a 18 –31 menos– e Ferrol a 9 –cinco menos–.

TAXA DE POSITIVIDADE

Así mesmo, a web de Sanidade recolle que levaron a cabo nas últimas 24 horas un total de 7.742 probas PCR, 1.356 máis que na xornada anterior. Desde o inicio da pandemia practicáronse en Galicia 1.030.997 probas. A taxa de positividade das PCR sitúase no 4,5 por cento, case dous puntos por baixo respecto ao día previo e medio punto menos do que marca a OMS para dar por controlada a pandemia. Por áreas sanitarias, só Vigo con 5,7% e Pontevedra cun 9% estiveron por encima do limiar que non se alcanzou no resto de distritos: A Coruña (3,9%), Ferrol (3,5%), Lugo (4,3%), Ourense (2,2%) e Santiago (3,4%).

CASOS ACTIVOS

No que respecta aos casos activos en toda Galicia –a cifra total de persoas que están diagnosticadas de covid-19–, este sábado volven descender aínda que o fan timidamente. Son só oito casos activos menos que o venres: 5.633. Así, os casos activos continúan en ascenso en Santiago, que ten este sábado 1.195, 51 máis que 24 horas antes. Por contra, en Vigo baixan en 55 ata os 1.247; mentres que na Coruña hai 870 (9 máis).

Tamén soben en Pontevedra ata as 925 (28 máis), en Lugo ata 404 (3 máis) e en Ferrol (22 máis); mentres que en Ourense prodúcese un descenso de sete ata os 478.

CURADOS E FALECIDOS

Sanidade tamén recolle que desde o principio da pandemia diagnosticouse de covid-19 en Galicia a un total de 58.730 persoas, das que 51.746 curáronse, 373 nas últimas 24 horas. Pero unha xornada máis as vítimas mortais da pandemia na Comunidade galega continúan en aumento e ascenden xa a 1.336 tras a morte de catro persoas nas últimas horas. Delas, dous estaban vinculadas a residencias.

Caballero reclama retomar o proxecto do túnel en Beiramar: “Carril bici si, pero túnel tamén”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, aplaudiu o proxecto de Xunta e Porto de facer un carril bici desde Praza da Estrela ata a Praza da Conserva, pero reclamou que se recupere o proxecto (que data do 2009) de construír un túnel e transformar a Avenida de Beiramar nun espazo peonil.

Así o trasladou nunha rolda de prensa, na que lembrou que o goberno bipartido de PSdeG e BNG proxectou ese túnel e a transformación do viario en superficie. Segundo criticou, a iniciativa caeu no esquecemento coa chegada de Feijóo á Xunta, aínda que o PP a anunciou en sucesivos períodos electorais. “Tres campañas electorais enganando á cidade”, censurou o rexedor.

Ante o anuncio de que Porto e Xunta habilitarán un carril bici por toda a fachada portuaria, Abel Caballero expresou que esa actuación é do seu agrado, pero advertiu de que non se pode intercambiar un proxecto de decenas de millóns de euros, como era o túnel e a peonalización, por unha actuación “de 200.000 euros”. “Carril bici si, pero túnel tamén”, apostilou.

“Eu non renuncio a ese proxecto, esta cidade xa non renuncia a nada”, proclamou Abel Caballero, quen volveu lembrar que a Xunta construíu o túnel do Parrote na Coruña e, da actuación de Beiramar, “nin se sabe nin se espera”.

Traballadores de Vitrasa concéntranse en protesta polos “incumprimentos” da empresa

O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte do Concello de Vigo, iniciou este xoves as mobilizacións para denunciar o “incumprimento” por parte da dirección da compañía dos compromisos adquiridos hai un ano, entre os que se atopan “garantir horarios e descansos durante a xornada”.

A representación do cadro de persoal da empresa de transporte despregou unha pancarta na porta das instalacións de Vitrasa en Vigo para pedir unha solución e denunciar que os compromisos “seguen sen cumprirse” un ano despois e que “moitas outras” demandas dos traballadores “tampouco son atendidas”.

Segundo a organización sindical, no caso de que a compañía non atenda as súas reclamacións, convocarán unha asemblea de traballadores para acordar “outras medidas de presión”.

HORARIOS OBSOLETOS

“Os horarios de percorrido están totalmente obsoletos e os descansos na xornada son practicamente inexistentes”, lamentaron desde a CIG, que indicou que a empresa achega como solución “realizar unicamente unha breve substitución do condutor”, mentres que os traballadores demandan “que os descansos sexan máis frecuentes”.

Entre outras cousas, tamén solicitan que se lles abone o tempo “real” de traballo e que sexa a empresa a encargada de contabilizalo, tendo en conta a entrada en vigor da lei de rexistro horario.

Un home, rescatado de entre as rochas tras sufrir unha caída mentres pescaba na Guarda

0

Os membros do GES da Guarda rescataron na madrugada deste domingo a un home que sufrira unha caída nas rochas mentres pescaba en Camposancos, no concello pontevedrés da Guarda.

O mesmo ferido foi quen, ao redor das 00,00 horas, solicitou axuda ao 112 Galicia, indicando que sufrira unha caída e necesitaba asistencia. A partir de aí, os xestores de emerxencias pasaron aviso ao 061-Urxencias Sanitarias e aos membros do GES. Tamén foron informados os Bombeiros de Baixo Miño e a Garda Civil.

Nada máis chegar ao lugar e, debido a que o home se atopaba nunha zona de difícil acceso, foi necesario o uso dunha padiola para evacuar a persoa e trasladala ata o lugar onde esperaba a ambulancia.

O BNG denunciará ante a Eurocámara a inversión de “cero euros” do goberno Estatal no saneamento da ría de Vigo

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) volverá levar á Eurocámara as situacións das rías de Vigo e do Burgo, cunha xornada de traballo organizada pola eurodiputada nacionalista, Ana Miranda, en Bruxelas, para analizar “os incumprimentos das recomendacións europeas sobre saneamento”.

Así, unha delegación formada por integrantes das plataformas en Defensa da Ría de Vigo e da Confraría da Coruña participarán no Parlamento Europeo para comparecer na Comisión de Peticións, na que se volverá a tratar o estado de saneamento das rías, segundo informou o Bloque nun comunicado. Estarán acompañados por representantes do BNG en diferentes ámbitos.

Miranda explicou que “o saneamento e a calidade das augas é unha prioridade” e, por iso, deben “esixir o saneamento integral” das rías, “dada a súa importancia para o sector pesqueiro, marisqueiro, para o medio ambiente e o turismo”.

A eurodiputada nacionalista propuxo que se volvese a abrir un informe, resultado dunha investigación realizada por unha delegación do Parlamento Europeo en 2013, xa que “desde esa data non se cumpriron as recomendacións europeas para levar a cabo o saneamento das rías”.

Nesta liña, comentou que o feito de que o tema volva á Comisión “é unha oportunidade de corrixir aquilo que o PP non fixo durante estes cinco anos respecto diso do saneamento integral das rías”. Ademais, engadiu que “os fondos para o saneamento son claramente insuficientes tamén co actual Goberno estatal”, en referencia de que se consignaron “cero euros” para a ría de Vigo.

O Bloque explicou que a situación na ría do Burgo é “tremendamente grave”, xa que os problemas de saneamento “implican desde hai anos un forte descenso da actividade económica pola deficiente calidade da auga e a perda continua de postos de traballo”.

Pola súa banda, na ría de Vigo, aínda que “efectivamente se fixo a EDAR”, o BNG sinalou que “o saneamento da ría non está completado, xa que os aliviadoiros que existen son os mesmos que había fai anos, polo que a contaminación e as verteduras seguen existindo”.

Baixan os casos covid en Vigo aínda que aumentan os pacientes en UCI

Galicia inicia esta semana cunha repunta dos hospitalizados pola Covid-19 a 125 pacientes, oito máis que a xornada anterior, e un descenso dos novos contaxios a 76, que supoñen 48 menos, mentres que os casos activos manteñen a tendencia descendente e redúcense a 2.262.

Segundo os datos actualizados na mañá deste luns pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18,00 horas deste domingo, `por áreas sanitarias, a presión hospitalaria sobe nas de Santiago e Barbanza, Ourense, Pontevedra e O Salnés e Lugo, mentres que se mantén nas da Coruña e Cee, Vigo e Ferrol.  Na de Vigo aínda que aumentan a sete os críticos –dous máis– baixan a 18 os doutras unidades –dous menos–. 

CASOS ACTIVOS 

Pola súa banda, os casos activos de Covid-19 no conxunto de Galicia seguen coa tendencia descendente e encadean nove xornadas consecutivas de caída até situarse nos 2.262, que supoñen 38 menos que a xornada anterior, ao haber máis altas (114) que novos contaxios (76). Tamén baixan na área de Vigo (-13) aínda que se mantén á cabeza en infeccións activas, con 665. 

En canto aos novos contaxios de Covid-19 detectados por calquera tipo de proba descenderon por baixo do centenar –feito que sucedeu o martes da semana pasada– até os 76, que supoñen 48 menos que os 124 do día anterior. Do total de positivos, 75 foron confirmados por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) nas últimas 24 horas, segundo os datos difundidos por Sanidade, deles 18 na área de Vigo.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed