Inicio Blog Páxina 151

Vigo aproba a oferta de emprego público para 2026 con 79 prazas e un plan de contratación de 236 millóns

A Xunta de Goberno Local de Vigo deu luz verde este venres á oferta de emprego público (OEP) para o vindeiro ano, que contará cun total de 79 prazas. Segundo detallou o alcalde, Abel Caballero, a través dun comunicado de audio, a maior parte destes postos corresponden a funcionariado (69 prazas), mentres que as 10 restantes serán para persoal laboral. En canto á modalidade de entrada, 60 prazas serán de acceso libre para a cidadanía e 19 reservaranse para a promoción interna dos traballadores municipais.

O rexedor olívico puxo especial énfase no reforzo da seguridade e as emerxencias. A oferta contempla oito novas prazas para o servizo de extinción de incendios, o que permite, segundo Caballero, ter neste momento “todas as prazas de bombeiros en oferta e en execución”. Do mesmo xeito, sinalou que se está prestando unha atención prioritaria á Policía Local para garantir a cobertura necesaria nestes corpos de seguridade cidadá.

Xunto á oferta de emprego, o Concello tamén aprobou o plan anual de contratación para 2026. Este documento estratéxico prevé un investimento estimado de 236,5 millóns de euros para os diferentes contratos que o consistorio prevé licitar ao longo do próximo exercicio. Este volume de contratación busca dar continuidade á prestación de servizos públicos e ás inversións previstas na cidade.

Vigo dá luz verde definitiva ás Zonas de Baixas Emisións e avanza cara á súa regulación

0

A Xunta de Goberno Local de Vigo aprobou este venres de forma definitiva o proxecto de Zonas de Baixas Emisións (ZBE), e o seguinte paso será a elaboración e aprobación da ordenanza municipal que regule ditas zonas no aspecto xurídico, de control e xestión. Segundo informou o alcalde, Abel Caballero, en declaracións remitidas aos medios, a aprobación definitiva chegou despois de que se estimaran diversas alegacións.

Así, destacou unha proposta relativa aos horarios de carga e descarga, que deberán axustarse ao establecido na ordenanza municipal; e outra alegación estimada, que garante expresamente o acceso ás actividades dos prestadores de servizos nas zonas afectadas. O rexedor apuntou que, superado este trámite, o seguinte será a elaboración e aprobación da ordenanza reguladora, na que se establecerán tamén as excepcións necesarias para que asegurar “unha implantación proporcionada”, como o acceso a residentes, persoas con mobilidade reducida, aparcadoiros subterráneos e outras circunstancias particulares.

“Ten que haber unha continuidade lóxica; a entrada en vigor das ZBE non pode ser desproporcionada”, incidiu Abel Caballero, que tamén apuntou que debe haber continuidade “na actividade e na circulación dos vehículos que necesiten acceder ás zonas por motivos sanitarios, residenciais ou comerciais”. Finalmente, o alcalde remarcou que “ninguén terá que cambiar de vehículo para acceder” ás ZBE, xa que o Concello “non pode nin vai impor esa condición”.

O TSXG absolve á condutora condenada polo incendio dun bus de Vitrasa e rebaixa a pena ao seu compañeiro

0

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimou o recurso presentado pola exconductora da concesionaria de bus urbano de Vigo, Patricia F.N., contra a sentenza que a condenou a 15 anos de prisión como coautora do incendio dun vehículo da empresa, en vésperas do Primeiro de Maio de 2023, e en pleno conflito laboral na concesionaria. A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenaa por un delito de incendio, polo lume que calcinou por completo un bus, que ela conducía, na noite do 30 de abril de 2023, nunha parada do centro da cidade, á altura do Farol de Príncipe, e impúxolle 15 anos de prisión.

Ademais, á súa parella, Marcelo F.S., tamén o condenou por eses feitos, e impúxolle outros 7 anos máis de prisión polo incendio (nese caso con menos danos materiais) noutro autobús, minutos antes, noutra zona da cidade, en Tomás Alonso. En total, ela foi condenada a 15 anos de cárcere e el, considerado autor material dos lumes, a 22 anos de prisión. Ambos interpuxeron recurso de apelación ante o TSXG e agora, o alto tribunal galego, absolveu á condutora, ao considerar que non hai indicios suficientes da súa participación e que, como moito, poderíaselle atribuír un “encubrimento”.

Na súa resolución, o TSXG sinala que, mentres que non hai probas da participación da acusada no incendio ocorrido na rúa Tomás Alonso, tampouco hai evidencias de que realizase ningún acto para prender lume ao segundo bus (que ela mesma pilotaba), “nin consta indución”, “nin se relata acto de cooperación”, nin probas de que axudase na confección dos artefactos incendiarios utilizados. Segundo sinalan os maxistrados, “aínda que as sospeitas estean presentes”, non hai certidume sobre o concerto entre ambos os acusados para cometer eses feitos.

Respecto diso, sinala que unha chamada perdida de teléfono entre ambos, o feito de que ela conducise o autocar ou que fosen parella non permiten inducir a súa participación no delito. As probas expostas na sentenza do tribunal provincial, engadiron, só permiten inferir que a acusada “era coñecedora do que ía suceder e sucedeu”, o que no peor dos casos merecería reproche penal como un encubrimento (que tampouco se podería aplicar neste caso, ao ser parella os dous procesados).

REBAIXA DE CONDENA

No caso do acusado, condenado por dous delitos de incendio (polos dous autobuses afectados), o TSXG estimou parcialmente o seu recurso e, aínda que considera que se produciu un só delito, continuado, de incendio. “A sentenza apelada non se decatou –tampouco as partes o puxeron de manifesto– de que se trata dun delito continuado, na medida en que nos atopamos en presenza dun feitos froito dun plan preconcibido, executados da mesma forma nun breve lapso, que ofenden a varios suxeitos e infrinxen un mesmo precepto penal”, sinala o TSXG.

Por iso, fixa a pena en 9 anos e medio de prisión, aplicando a agravante de disfrace, xa que o acusado actuou ocultando a súa cara con lentes de sol, unha máscara e gorra, e cambiou parcialmente de roupa. O alto tribunal galego tamén establece que Marcelo F.S. deberá indemnizar a Vitrasa en 64.415,81 euros, e á aseguradora Allianz en 309.555 euros polos danos. A sentenza non é firme e contra ela cabe interpor recurso de casación ante o Tribunal Supremo; de feito, o letrado da defensa xa confirmou a presentación dese recurso.

O BNG de Vigo esixe reforzar a seguridade das luces de Nadal ante as “reiteradas caídas” de arcos

0

O grupo municipal do BNG no Concello de Vigo pediu este venres que se reforce a seguridade da iluminación do Nadal “ante as reiteradas caídas de elementos lumínicos e ornamentais nas últimas semanas”. Nun comunicado, a formación nacionalista apuntou que estes incidentes, aínda que non causaron danos graves “polo momento”, supoñen un risco que “revela deficiencias no deseño, execución ou control das instalacións”.

O portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas, sinalou que se produciron caídas en zonas como a rúa Brasil, a Florida ou a Avenida de Camelias. Segundo denunciou, os bombeiros tiveron que intervir nalgúns casos “de maneira reiterada nos mesmos puntos da cidade”, o que ao seu xuízo pon de manifesto a “precariedade” do material empregado para colgar as luces. Lembrou ademais que a normativa obriga a que os arcos estean deseñados e ancorados para resistir vento, vibracións e outros “esforzos accidentais”.

Pérez Igrexas advertiu de que non pode haber risco de caída en zonas de tránsito nin cables a altura insuficiente. Por iso, o BNG pedirá ao goberno local que informe das actuacións realizadas e que achegue copia das intervencións da Policía Local e Bombeiros. O voceiro nacionalista exixiu unha vixilancia periódica máis alá da montaxe inicial, especialmente durante os episodios de meteoroloxía adversa.

“Non podemos permitir que as luces de Nadal, que custan case 2,5 millóns de euros cada ano, supoñan un risco para as persoas”, insistiu Pérez Igrexas, quen subliñou que o Concello ten a obriga legal de garantir a seguridade total dos cidadáns na vía pública fronte a estes elementos ornamentais.

Amazon deféndese ante a folga convocado o 23 de decembro no Porriño: “Salarios competitivos de 1.500 euros brutos”

Amazon defendeu este venres as condicións de traballo do seu centro loxístico do Porriño despois de coñecerse nas últimas horas que o comité de empresa convocou unha folga o próximo 23 de decembro para denunciar a “sobrecarga” de traballo que padece o persoal. Fontes da compañía reivindicaron que os seus empregados do Porriño traballan nunha contorna “moderna e segura, con salarios e beneficios competitivos”.

En concreto, subliñaron que os salarios que ofrece a empresa están por enriba do convenio colectivo provincial do sector loxístico, cun salario de entrada de máis de 1.500 euros brutos mensuais “e beneficios valorados en miles de euros anuais como o seguro médico privado, seguro de vida, plans de pensións ou permiso parental ampliado e retribuído”. “Doutra banda, as persoas traballadoras de Amazon contan con oportunidades sólidas de desenvolvemento profesional e promoción interna”, engadiron as mesmas fontes.

Todo iso despois de coñecerse que os case 100 traballadores do centro loxístico de Amazon no Porriño están chamados a secundar unha xornada folga que, segundo informou o sindicato CIG (maioritario no comité), terá lugar o 23 de decembro, para esixir mellores condicións laborais e denunciar a “sobrecarga” de traballo que padecen. O comité criticou que a empresa abusa da contratación parcial e fixa descontinua e incorre en incumprimentos en materia de prevención de riscos.

Por iso, convocou unha xornada de paro e unha concentración ás 10.00 horas do día 23, diante das instalacións, no polígono da Granxa. O sindicato denunciou ritmos de traballo “excesivos” pola “sobrecarga” derivada da falta de persoal, incumprimentos en seguridade e saúde laboral, contratación precaria ou xornadas en domingo “sen remuneración”.

A seguridade privada sae á rúa en Vigo para esixir salarios dignos e un convenio galego

0

Traballadores do sector da seguridade privada e delegados da CIG-Servizos concentráronse este venres ante o Centro Comercial Vialia de Vigo para demandar melloras laborais nese sector, e para reclamar un convenio galego, ao considerar “esgotada” a vía estatal de negociación colectiva.

O sindicato nacionalista trasladou o seu rexeitamento á proposta patronal e lamentou que o resto de sindicatos “asumiron boa parte” das formulacións dos empresarios. Para reclamar condicións laborais dignas neste sector, a central nacionalista puxo en marcha un calendario de mobilizacións, que comezou a pasada semana en Santiago e continuou este venres en Vigo.

O responsable de Seguridade Privada de CIG-Servizos, Pedro Pérez, sinalou que a oferta da patronal é “inasumible e insuficiente”, cunha media de aumento salarial do 4 % anual e un 16,97 % acumulado en catro anos, o que “non compensa a perda real de poder adquisitivo dos últimos anos”. Ademais, advertiu de que se trata de “unha subida diferida no tempo, cos maiores incrementos concentrados nos últimos anos do convenio, o que prolonga a precarización salarial”.

O sindicato nacionalista mantén a súa proposta de subida do 8 % anual, e aposta polo incremento de pluses de nocturnidade e festividade, pola equiparación do complemento de perigo, e pola aplicación de novos pluses no ámbito aeroportuario e en contornas con maiores riscos, entre outras melloras. Tamén demanda que se garanta a xubilación parcial e unha redución de xornada, ata as 35 horas semanais, sen agardar a unha posible reforma legal.

Traxedia en Baiona: unha muller falece arrastrada por unha onda na praia da Concheira

0

Unha muller, presumiblemente de nacionalidade alemá, de arredor de 80 anos, perdeu a vida este mediodía na Praia da Concheira, en Baiona, tras ser arrastrada por unha forte onda mentres facía fotografías na beira. A vítima atopábase de visita na vila procedente, presumiblemente dun cruceiro atracado no porto de Vigo.

O accidente

Segundo as primeiras informacións, a muller agachouse para recoller un obxecto que se lle caera ao chan cando unha onda de gran tamaño a alcanzou e a levou mar adentro. Poucos minutos despois, o mar devolveu o corpo á praia, onde se activou de inmediato un operativo de emerxencia.

Operativo de rescate

Ata o lugar desprazáronse efectivos da Policía Local, da Garda Civil e os Bombeiros do GES Val Miñor. Os equipos retiraron o corpo da area para evitar que fose novamente arrastrado polo oleaxe e procederon a acordonar a zona. A pesar dos esforzos do persoal sanitario, non foi posible reanimar á vítima.

Estado do mar

As autoridades lembran que no momento do suceso o mar presentaba condicións especialmente perigosas. A boia de Cabo Silleiro rexistraba ondas superiores aos seis metros de altura, o que subliña o risco de achegarse á liña de costa durante episodios de forte oleaxe.

Advertencia á cidadanía

Dende os servizos de emerxencia insístese na necesidade de extremar a precaución en praias e cantís cando se producen temporais marítimos. O tráxico accidente en Baiona pon de relevo a vulnerabilidade de quen se aproxima demasiado á beira en condicións adversas.

A doutora María Concepción Fiaño, nova xefa de Anatomía Patolóxica da Área Sanitaria de Vigo

0

A doutora María Concepción Fiaño asumiu a xefatura do Servizo de Anatomía Patolóxica da Área Sanitaria de Vigo, segundo informou este xoves o Servizo Galego de Saúde (Sergas). Fiaño colle o relevo de Joaquín González-Carrero, quen deixou o cargo tras a súa recente xubilación, un movemento que xa fora recollido a principios de mes no Diario Oficial de Galicia (DOG). Licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela, a nova responsable formouse no prestixioso Hospital Universitario 12 de Outubro de Madrid.

A traxectoria da doutora Fiaño está estreitamente vinculada á cidade olívica desde 1993, desenvolvendo o seu labor asistencial inicialmente no antigo Hospital Xeral-Cíes e, posteriormente, no Álvaro Cunqueiro. Ademais da súa faceta clínica, destaca pola súa “intensa” actividade científica e a súa participación en diversos comités técnicos asistenciais en Galicia, colaborando activamente con distintos grupos de investigación.

Na actualidade, María Concepción Fiaño ocupa postos de relevancia no ámbito médico, sendo membro do Comité Molecular de Tumores de Galicia e presidenta da Asociación Territorial Galega da Sociedade Española de Anatomía Patolóxica. Segundo o Sergas, o seu nomeamento representa unha aposta pola excelencia asistencial e a continuidade nun servizo clave para a área sanitaria viguesa, onde a doutora achegará a súa ampla experiencia e visión científica.

Folga no centro de Amazon no Porriño para o 23 de decembro

0

Os case 100 traballadores do centro loxístico de Amazon no Porriño están chamados a secundar unha xornada folga que, informou o sindicato CIG (maioritario no comité), terá lugar o 23 de decembro, para esixir mellores condicións laborais e denunciar a “sobrecarga” de traballo que padecen.

O comité criticou que a empresa abusa da contratación parcial e fixa descontinua, e incorre en incumprimentos en materia de prevención de riscos. Por iso, convocou un xornada de paro, e unha concentración, ás 10.00 horas do día 23, diante das instalacións, no polígono da Granxa.

O sindicato denunciou ritmos de traballo “excesivos” pola “sobrecarga” derivada da falta de persoal, incumprimentos en seguridade e saúde laboral, contratación precaria ou xornadas en domingo “sen remuneración”.

Ademais, sinalou que a empresa coñece estas circunstancias pero “leva meses” sen atender as demandas dos representantes dos traballadores e sen achegar solucións. Para a CIG, a empresa, que “obtén ano tras ano beneficios millonarios”, é “un claro exemplo de precarización e explotación laboral”. “O seu modelo de negocio vai ligado precisamente a unhas condicións de traballo indignas, na perversa lóxica de ‘canto máis roubo, máis gaño'”, denunciou o sindicato nacionalista.

Xunta, Zona Franca e Concello acordan realizar unha nova valoración do Ifevi a través dunha sociedade homologada

0

A Xunta de Galicia, a Zona Franca de Vigo e o Concello olívico acordaron este xoves levar a cabo unha nova valoración das achegas de cada administración ao Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) a través dunha sociedade de tasación homologada.Así o sinalou o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, á saída do seu encontro co delegado do Estado en Zona Franca, David Regades, e co alcalde, Abel Caballero.

Segundo el, tratouse dunha reunión “proveitosa” na que o tres administracións acordaron unha nova tasación do Ifevi, que encargará o propio ente. “Esperamos tela canto antes para seguir camiñando xuntos cara o obxectivo final que é a potenciación do Ifevi”, sentenciou González.

Todo iso despois de semanas de polémica nas que o rexedor esixiu unha nova tasación do Ifevi para valorar a canto ascenden as achegas de cada administración ao recinto feiral. A idea é que Zona Franca financie agora un novo pavillón e comece a formar parte do Padroado.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed