Inicio Blog Páxina 13

Caballero recibe de Defensa a Gran Cruz do Mérito Naval con distintivo branco

O Ministerio de Defensa concedeu ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, a Gran Cruz do Mérito Naval coa distinción branca.  Segundo recolle o Boletín Oficial do Estado (BOE) este venres, este recoñecemento faise por proposta da ministra de Defensa, Margarita Robles, e logo da deliberación do Consello de Ministros.

Todo iso, “en atención aos méritos e circunstancias que concorren en don Abel Caballero“, o que o fai acreedor da Gran Cruz do Mérito Naval coa distinción branca, segundo sinala o BOE.  Esta distinción militar concédese a persoas polos seus méritos, traballos, accións, feitos ou servizos distinguidos, que se leven a cabo durante a prestación das misións ou servizos que ordinaria ou extraordinariamente lles sexan encomendados ás Forzas Armadas ou que estean relacionados coa Defensa.

Nado en 1956, Caballero é doutor en Economía polas Universidades de Cambridge e Santiago de Compostela. Ademais, posúe un máster en Economía pola Universidade de Essex. Entre a súa ampla formación tamén se inclúe a de Piloto da Mariña Mercante pola Escola da Coruña.

A vivenda volve sacar a xente á rúa: Vigo e Ourense mobilízanse contra a “emerxencia habitacional”

Alianza Pola Vivenda convocou mobilizacións para este venres nas cidades de Vigo e Ourense co obxectivo de “defender o dereito a unha vivenda digna”. Baixo o lema “Polo dereito a un teito”, a manifestación de Vigo partirá ás 19.00 horas desde a farola de Urzaiz, como antesala da folga xeral convocada para o próximo 11 de novembro. A asociación esixe respostas e medidas reais ante a “emerxencia habitacional”, con reivindicacións dirixidas tanto á Xunta de Galicia como ao Concello de Vigo. “Porque a vivenda é un dereito, non un privilexio. Polo dereito a un teito. Por unha vivenda digna para todas e todos”, afirman desde a organización a través das súas redes sociais.

As mobilizacións tamén chegarán á cidade de Ourense, onde a plataforma ourensá de Alianza Pola Vivenda convocou unha concentración ás 20.00 horas diante da Subdelegación do Goberno. Neste caso, a protesta ten como obxectivo “acabar co negocio da vivenda”, sumándose así ás reivindicacións polo acceso a unha vivenda digna que tamén se trasladarán ás rúas de Vigo.

Vigo reclama finalmente a Audasa 120.000 euros polo IBI de 2023, cando finalizou a exención “franquista”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reclamoulle finalmente a Audasa 120.000 euros polo Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) que quedou pendente de cobro entre os meses de agosto e decembro de 2023, cando rematou a exención “franquista”. Nun audio gravado e remitido aos medios de comunicación, o rexedor informou de que o Concello lle enviou este mércores á empresa a liquidación pendente deste imposto, explicando que, desde 1972, a compañía gozaba dunha exención do 95% do IBI que expirou a mediados de 2023.

Deste xeito, durante anos Audasa pagaba ao Concello de Vigo unha cota reducida de algo máis de 18.400 euros, mentres que agora terá que aboar o 100% do imposto cada ano, ata alcanzar os 383.000 euros anuais. Abel Caballero xa anunciara a comezos deste ano que lle reclamaría á concesionaria a cantidade correspondente aos últimos meses de 2023, período no que a empresa continuou aplicando a bonificación do 95% malia que esta xa deixara de estar vixente.

Balaídos gañará 721 asentos máis na bancada de Gol: case 600.000 euros extra para ampliar o aforamento

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a Xunta de Goberno Local deste venres aprobará unha modificación do contrato de construción da bancada de Gol do estadio de Balaídos para incorporar 721 asentos máis, ata superar os 7.130 asentos, cun investimento adicional de case 600.000 euros. Así o sinalou o rexedor nun audio remitido aos medios de comunicación, no que explicou que, con esta modificación, o investimento total na bancada superará os 25,4 millóns de euros. Segundo indicou, o proxecto adaptarase para dispoñer dun maior aforamento, o que obrigará a modificar determinadas especificacións da obra, entre elas un novo itinerario de evacuación que incluirá a construción dunha nova escaleira de emerxencia.

Por outra banda, Caballero informou noutro audio de que a Xunta de Goberno Local tamén adxudicará a contratación das obras de humanización do acceso á ermida da Guía, por un importe de 632.00 euros, co obxectivo de crear unha zona peonil con tráfico restrinxido. Para levar a cabo esta actuación, segundo explicou o alcalde, procederase á demolición da antiga pasarela peonil e da vella cafetaría, ademais da humanización duns 200 metros da rúa Dona Fermina.

Un ano de cárcere para o administrador dunha empresa de Vigo pola morte dun empregado

0

O administrador dunha empresa de subministracións navais de Vigo aceptou un ano de prisión como autor dun delito contra os dereitos dos traballadores, en concurso cun delito de homicidio por imprudencia, polo falecemento dun empregado ao que lle caeu enriba un elevador eléctrico.

A condena, coa aplicación da atenuante de reparación do dano, foi imposta tras unha vista de conformidade celebrada no tribunal de instancia de Vigo, sección penal, praza 1, e, ademais da pena de prisión -que fica suspendida durante dous anos, coa condición de que non delinqua nese tempo-, o procesado foi inhabilitado para desempeñar o cargo de administrador de empresas do mesmo sector.

Os feitos ocorreron en marzo de 2024, cando este empregado, de 37 anos, estaba cun compañeiro nunha nave do Peirao de Reparacións de Bouzas, preparando un palé cunha carga duns 480 quilos para metela na furgoneta da empresa. Como non a podían coller co apilador hidráulico, optaron por utilizar un elevador eléctrico desde o primeiro piso da nave.

Así, engancharon a carga e, cando se elevou, o puntal ao que estaba ancorada desprendeuse, de xeito que o puntal e o elevador caeron desde unha altura duns 5,5 metros sobre o traballador. O operario faleceu horas despois no hospital, como consecuencia das graves lesións provocadas polo golpe. A Fiscalía mantén que o administrador da empresa tiña a obriga legal de velar pola seguridade dos seus empregados, de lles dar formación en materia de riscos laborais, así como de garantir que os equipos que utilizaban fosen os axeitados.

Así, sinalou no seu escrito de acusación que, aínda que a empresa contaba cun informe de avaliación de riscos laborais, ese elevador eléctrico non fora avaliado e os traballadores non tiñan outro equipo á súa disposición para facer esa tarefa. Isto supón “unha infracción grave” da normativa de prevención de riscos laborais. Finalmente, tras o acordo, o ministerio público rebaixou a petición de pena (inicialmente solicitaba dous anos e medio de prisión). Os pais e a irmá do falecido renunciaron ás accións penais e civís, ao teren xa sido debidamente indemnizados.ís, ao ser xa debidamente indemnizados.

Abanca reúne ás principais asociacións da Ría de Vigo para escoitar as súas peticións e ofrecer solucións

Abanca materializou o seu apoio ao sector do mar coa celebración dun encontro especializado ao que convidou os principais representantes das confrarías máis relevantes da ría de Vigo, e que serviu tamén para renovar os seus convenios financeiros.

Durante o evento, a entidade escoitou as peticións do sector e ofreceu aos profesionais da pesca solucións á súa medida, segundo reivindicou a empresa nun comunicado. A sesión de traballo tivo lugar na sede institucional do banco en Vigo e contou coa presenza do director territorial de Abanca na cidade, Walter Álvarez, e do director de Abanca Mar, Javier Fraga, entre outros.

A reunión comezou coa sinatura dos convenios de colaboración en materia financeira que o banco mantén co sector. “Uns textos que recollen os produtos e servizos máis importantes dispoñibles para o colectivo e que permiten dar resposta ás súas principais necesidades“, explicou Abanca.  Neles, o crédito é o “eixe central”, e recóllense opcións tanto para as necesidades cotiás como para afrontar con garantías grandes investimentos, insiste o banco.

Despois da sinatura destes convenios, os representantes das entidades participaron nun coloquio sobre a realidade do sector e os grandes retos aos que se enfronta. Un ano máis, expuxéronse cuestións como a renovación da frota, a sucesión xeracional, o compromiso coa sustentabilidade ou o aumento dos custos.

Anpas de Vigo denuncian a “situación de abandono” e o “desmantelamento” do ensino público

A Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais do Alumnado de Vigo e Comarca (Foanpas) denunciou a “situación de abandono” e o “desmantelamento” do ensino público, e criticou a actuación da Xunta neste comezo de curso.  Nunha rolda de prensa, representantes de Foanpas referíronse a distintos casos vividos en centros da cidade, empezando polo EEI Vila Laura, que leva semanas protestando pola falta dunha docente que lle corresponde segundo catálogo, xa que só contan con 12 profesionais en vez de 13, como está estipulado, indican. 

“Esta situación afecta gravemente ao día a día da escola, máis aínda cando o alumnado afectado é de educación infantil”, lamentan desde a asociación nun comunicado. “A Xunta fala de inclusión e atención á diversidade, pero pretende resolver a falta de profesorado utilizando os recursos destinados a garantilas”, apostillaron.

Porén, defenden que non se trata dun “caso illado”, xa que no CEP Fleming e no IES O Castro tamén “faltan profesionais, apoios, programas e instalacións axeitadas”, aínda que a resposta da Consellería de Educación é “que os centros se reorganizen e sigan a funcionar”, insisten.  Por todo isto, Foanpas anunciou que porá en marcha protestas e campañas de visibilización para denunciar o que está a ocorrer. 

Vigo únese á dor polo accidente de Toledo: Abel Caballero suspende axenda e pide que “este país estea unido” ante a traxedia

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou a cancelación de toda a súa axenda institucional deste mércores tras o grave accidente ferroviario ocorrido na localidade toledá de Urda e trasladou, en nome da cidade, o seu pésame ás familias e achegados das persoas falecidas, así como a súa solidariedade coas persoas feridas. O rexedor olívico expresou a “dor” e a “consternación” provocadas pola traxedia e manifestou o seu desexo de “que o número sexa o menor posible”, en referencia ás vítimas mortais do sinistro.

Caballero insistiu na necesidade de acompañar as persoas afectadas nun momento especialmente difícil e defendeu que hai que estar “ao lado da xente que sofre dunha maneira tan importante neste momento”. “Porque todos sentimos dor e queremos acompañalos, a todas as familias na súa dor”, sinalou o alcalde, que tamén expresou o seu desexo de que todas as persoas feridas poidan recuperarse canto antes. Neste sentido, reclamou unidade ante a gravidade do sucedido e proclamou que “este país ten que estar unido arredor das condolencias e o agarimo ás familias das persoas falecidas e da pronta recuperación de todas aquelas persoas que estean feridas”.

VIGO GARDARÁ UN MINUTO DE SILENCIO ÁS 20.00 HORAS NA PRAZA DO REI

Como mostra de solidariedade coas vítimas do accidente ferroviario, o Concello de Vigo secundará a convocatoria realizada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e chamou a veciñanza a participar nun minuto de silencio este mércores ás 20.00 horas na Praza do Rei. A concentración terá lugar en memoria das persoas falecidas no sinistro de Urda, ao tempo que se trasladará o apoio da cidade ás persoas feridas e ás familias afectadas.

O PP E O BNG TAMÉN TRASLADAN O SEU PÉSAME ÁS VÍTIMAS

Pola súa banda, os voceiros dos grupos municipais da oposición tamén expresaron a súa solidariedade coas persoas afectadas polo accidente. A portavoz do PP de Vigo, Luisa Sánchez, trasladou a través das redes sociais que segue a información relativa ao sinistro “con moita preocupación” e enviou o seu “máis sentido pésame” ás familias das persoas falecidas, así como todo o seu “agarimo” ao resto das persoas afectadas. A representante popular tamén destacou a importancia de centrar os esforzos na atención ás vítimas e no traballo dos profesionais despregados na zona. “A misión principal agora é atender as vítimas e apoiar os equipos de emerxencias”, sinalou.

Na mesma liña, o portavoz municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas, transmitiu unha mensaxe de pésame nas súas redes sociais, na que incidiu na necesidade de acompañar as persoas afectadas e apoiar os profesionais que participan nas tarefas de emerxencia. “Hoxe o máis importante é dar alento, apoio e solidariedade ás vítimas e ás súas familias. E todo o ánimo aos equipos de emerxencia que están a intervir neste tráxico accidente”, manifestou o representante nacionalista.

A UVigo busca romper a “cadea de exclusión”: cinco persoas procedentes do sistema de protección de menores reciben xa apoio para estudar

A Universidade de Vigo (UVigo) puxo en marcha un programa piloto de inclusión académica destinado a persoas procedentes do sistema de protección de menores da Xunta, unha iniciativa que xa acompaña actualmente a cinco persoas e coa que busca facilitar o acceso e a continuidade dos estudos universitarios. A reitora da institución, Carmen García Mateo, defendeu este mércores o papel das universidades públicas como “ascensores sociais” capaces de contribuír á inclusión académica destes mozos e mozas, incidindo na necesidade de garantir que “o futuro dunha persoa non estea determinado pola súa orixe”. O programa nace dun convenio de colaboración entre a universidade e a Consellería de Política Social e Igualdade e pretende ofrecer apoio nunha etapa especialmente importante para as persoas que proceden do sistema de protección.

Durante a presentación da iniciativa, o profesor responsable do programa, Deibe Fernández, explicou que o obxectivo é configurar un sistema de acompañamento que vaia “máis aló dos 18 anos”, de maneira que as persoas incluídas no sistema de protección de menores “teñan claro que hai unha opción de acceder á universidade”. Neste sentido, destacou a importancia de “romper” coa “cadea de exclusión”, ofrecendo ferramentas que permitan afrontar as dificultades que poden aparecer durante a transición cara á vida adulta e a educación superior. “Cando o alumnado do programa chega á universidade ábrese un proceso de emancipación e un mundo de incertezas e inseguridades que necesita medidas de apoio. O proceso de transición é fundamental”, sinalou Fernández, quen tamén defendeu a necesidade de “sensibilizar e formar” os profesionais que acompañan os estudantes durante este proceso.

CUMPRIR 18 ANOS E AFRONTAR A EMANCIPACIÓN: AS DIFICULTADES PARA ACCEDER Á UNIVERSIDADE

A directora da Unidade de Diversidade da UVigo, Raquel Rei, tamén destacou a importancia de ter en conta as circunstancias particulares das persoas participantes e de valorar “as diferentes experiencias, coñecementos e traxectorias vitais” de cada unha delas, ao considerar que esta diversidade “contribúe a construír unha institución máis aberta, plural e comprometida coa súa realidade”. Neste sentido, Rei advertiu de que “a inclusión non é unha meta que se alcanza dunha vez e para sempre, é un compromiso que require colaboración, recursos e vontade institucional”, defendendo así a necesidade de manter medidas de acompañamento que respondan ás dificultades que poden atopar estes estudantes.

A responsable universitaria explicou que o cumprimento dos 18 anos representa un momento especialmente complexo para moitas persoas procedentes do sistema de protección de menores, xa que deben afrontar cambios relacionados coa súa autonomía e coas responsabilidades da vida adulta. “Ao cumprir os 18 anos, moitas persoas enfróntanse a unha transición especialmente complicada. Como consecuencia, algunhas delas, ás veces, deben asumir responsabilidades vinculadas á vivenda, o emprego ou a autonomía persoal”, subliñou. Esta situación pode dificultar o acceso á educación superior ou a continuidade dos estudos, mesmo entre persoas que contan coa preparación e coa motivación necesarias para desenvolvelos. “Así, algunhas con capacidade, motivación e gran potencial ven dificultades para o acceso ou continuidade nos seus estudos universitarios, aí é onde este programa quere actuar”, explicou Rei.

CATRO LIÑAS DE ACTUACIÓN PARA FACILITAR A INCLUSIÓN UNIVERSITARIA

Para responder a estas necesidades, o programa piloto da UVigo estrutúrase arredor de catro liñas principais de actuación, segundo detallou a directora da Unidade de Diversidade. A primeira céntrase no acompañamento individualizado das persoas participantes, mentres que a segunda está orientada ao apoio relacionado coas bolsas e cos estudos. A terceira contempla a formación e coordinación das persoas implicadas no propio sistema de protección de menores, co obxectivo de favorecer o acompañamento dos estudantes, e a cuarta busca ampliar o impacto do programa “máis aló” das persoas que participan directamente nel.

Con estas actuacións, a Universidade de Vigo pretende “facer visible” a existencia das dificultades que afrontan as persoas procedentes do sistema de protección de menores e favorecer o seu “desenvolvemento normal” dentro da institución universitaria. O programa, que xa ofrece acompañamento a cinco persoas, busca así contribuír a que a transición cara á vida adulta e as responsabilidades relacionadas coa emancipación non se convertan nun obstáculo para acceder á universidade ou continuar os estudos superiores.

Xulgado en Vigo por increpar un camareiro homosexual: “Axeónllate e arrepíntete ante Deus por ser homosexual”

Un home acusado de increpar e insultar reiteradamente un traballador dunha cafetería de Vigo pola súa orientación sexual recoñeceu ante a Audiencia Provincial de Pontevedra que predica contra “a homosexualidade e o lesbianismo”, aínda que negou ter chamado “maricón” ao mozo ou dirixirse especificamente a el. O procesado compareceu ante a sección quinta da Audiencia Provincial, con sede en Vigo, nun xuízo no que a vítima relatou que os episodios se repetiron durante todo o verán de 2025, cando o acusado acudía a predicar á céntrica rúa do Príncipe, nas proximidades do establecemento no que traballaba. Segundo o relato do denunciante, nunha das ocasións o home sinalouno co dedo, insultouno e ordenoulle: “Agora que escoitaches o Evanxeo, axeónllate e arrepíntete ante Deus por ser homosexual”. O mozo asegurou que estas situacións chegaron a provocarlle un ataque de ansiedade.

Durante a súa declaración, o acusado explicou que acudía á zona para predicar o Evanxeo co obxectivo de que “as persoas se salven”. Segundo a súa versión, foron dúas mulleres as que alertaron a Policía Nacional porque se molestaron ao escoitar que predicaba contra a homosexualidade e o lesbianismo, algo que xustificou afirmando que é “o que di a palabra de Deus”. O home insistiu en que se trataba dunha predicación dirixida “ao público” e que aquelas mulleres se detiveran a escoitalo, polo que negou terse dirixido directamente tanto a elas como ao camareiro da cafetería próxima que posteriormente presentou a denuncia.

A VÍTIMA DENUNCIA INSULTOS REITERADOS DURANTE TODO O VERÁN

O empregado da cafetería, que declarou no xuízo en calidade de testemuña, ofreceu unha versión diferente dos feitos e asegurou que o acusado o insultou en numerosas ocasións mentres predicaba diante do establecemento no que traballaba. Segundo relatou, nun episodio concreto chamouno directamente “maricón”, sinalouno co dedo e díxolle: “Agora que escoitaches o Evanxeo, axeónllate e arrepíntete ante Deus por ser homosexual”. O denunciante explicou que aquela situación lle provocou un ataque de ansiedade e que os episodios non constituíron un feito illado, senón que se repetiron durante meses.

“Era continuo. Todo o verán. Dúas ou tres veces á semana. Eu traballaba sempre nesa terraza”, lamentou o mozo durante a súa declaración. O traballador recoñeceu que é homosexual, que “se lle nota” e que “non pode deixar de ser quen é”, ao explicar as circunstancias nas que se produciron os supostos insultos. Tamén precisou que o día da detención do procesado foron dúas mulleres as que chamaron a Policía Nacional, momento que el aproveitou para presentar unha denuncia polos episodios que, segundo asegurou, xa viña sufrindo con anterioridade. Finalmente, aquelas dúas mulleres non chegaron a denunciar os feitos.

A encargada da cafetería tamén compareceu como testemuña e recoñeceu ter presenciado persoalmente algunhas das situacións relatadas polo seu compañeiro. Pola súa banda, varios axentes da Policía Nacional que acudiron ao lugar e participaron na detención do acusado aseguraron que o home continuaba predicando contra o colectivo LGTBIQ+ cando chegaron. Segundo explicaron, o procesado “falaba en bucle” e repetía expresións como “As lesbianas iredes ao inferno”, referíndose ás mulleres que alertaran os axentes.

A FISCALÍA SOSTÉN QUE O EXPOÑÍA PUBLICAMENTE Á HUMILLACIÓN

Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, os feitos producíronse entre xuño e agosto de 2025, cando o acusado acudía a predicar a Biblia á rúa do Príncipe de Vigo, nas inmediacións da cafetería onde traballaba o denunciante. O Ministerio Público sostén que o procesado se dirixía de maneira reiterada ao empregado con expresións ofensivas e “co ánimo de perturbar a súa tranquilidade, seguridade e sosego”, mediante frases como “deberías estar no inferno, deberías arrepentirte, se non Deus vaite xulgar no reino”, “os homosexuais iredes ao inferno”, “agora que escoitaches o Evanxeo, arrepíntete, pecador, e axeónllate ante Deus” ou “sodes abominables, os homosexuais e as lesbianas seredes castigados, non entraredes no reino de Deus”.

A acusación pública sostén igualmente que o home chegou a sinalar o traballador de maneira agresiva mentres lle berraba “arrepíntete, maricón, e axeónllate ante Deus”, todo iso de forma despectiva e “a sabendas de que humillaba” a vítima. A Fiscalía considera que tanto as expresións empregadas como o ton elevado e o escenario no que se producían os feitos, unha terraza situada nunha das rúas máis céntricas e transitadas de Vigo, contribuíron a agravar a situación, ao expoñer publicamente o mozo “ás burlas de quen alí se atopaba”.

Segundo o Ministerio Público, estas condutas provocaron no denunciante “sentimentos de vexación e degradación”, menoscabando a súa autoestima ata o punto de que tivo que abandonar aquel posto de traballo. A Fiscalía atribúe ao acusado un delito cometido con ocasión do exercicio dos dereitos fundamentais e das liberdades individuais, en concurso cun delito contra a integridade moral, coa agravante de discriminación por motivo de orientación sexual.

PIDEN UN ANO E MEDIO DE PRISIÓN, UNHA MULTA DE 3.000 EUROS E SEIS ANOS E MEDIO DE INHABILITACIÓN

Por estes feitos, a Fiscalía solicita que o acusado sexa condenado a un ano e medio de prisión e ao pagamento dunha multa de 3.000 euros. Tamén reclama que sexa inhabilitado durante seis anos e medio para exercer profesións ou oficios educativos nos ámbitos docente, deportivo e do tempo libre, así como que indemnice o traballador denunciante con outros 3.000 euros polos danos morais que, segundo a acusación, sufriu como consecuencia dos feitos.

Nas súas alegacións finais, o Ministerio Público mantivo integramente o seu escrito de acusación e solicitou unha sentenza condenatoria. Pola contra, a defensa pediu a libre absolución do procesado, ao considerar que as súas manifestacións se enmarcaban no exercicio da predicación relixiosa e que non estaban dirixidas contra ningunha persoa concreta.

Finalmente, o acusado aproveitou o seu dereito á última palabra para reiterar que “non sente odio” cara á presunta vítima, argumentando que Deus proclama a necesidade de “amar o próximo como a un mesmo”. O home insistiu en que “todo o mundo será xulgado” e sostivo que por ese motivo Deus “chama ao arrepentimento”, mantendo así a súa defensa de que as expresións denunciadas formaban parte da súa predicación relixiosa.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed