O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este luns a contratación, por 82.000 euros, dun servizo de recreación virtual da Vila de Bouzas, que inclúe a dixitalización tridimensional do caso histórico, incorporando os seus principais elementos culturais e arquitectónicos. En declaracións remitidas aos medios, o rexedor explicou que esta iniciativa ten como obxectivo “pór en valor” o patrimonio desta zona da cidade mediante as novas tecnoloxías. A iniciativa enmárcase no Plan de Sustentabilidade Turística ‘Centro histórico da Vila de Bouzas‘, financiado con cargo a fondos Next Generation da UE.
A iniciativa, que ofrecerá unha “experiencia inmersiva“, permitirá crear unha plataforma interactiva e accesible, tanto en formato web como aplicación móbil, que contará con modelos en 3D, recursos audiovisuais, información histórica e locucións en galego, castelán e inglés. Igualmente, prevese a incorporación dunha ruta patrimonial con 16 puntos de interese.
