Inicio Blog Páxina 1051

Tres meses despois, a travesía polo deserto dos traballadores da zona azul en Vigo parece non ter fin

Os traballadores da zona azul na nosa cidade, adxudicada á multinacional Dornier, están a exercitar a resistencia máis aló do seu límite. Levan 86 días de folga, sen ver un can, e ninguén pode asegurar a que a cousa non vaia chegar aos 100.

Este martes ás 10:30 da mañá comezarán as reunións con José Manuel Casas de Ron, Xefe de Inspección de Traballo e Seguridade Social na provincia de Pontevedra, encargado de mediar nas folgas e cando non hai acordo entre partes.

Resulta sorprendente coñecer que non foi chamado polos traballadores, senón pola concesionaria. E Casas de Ron puxo como condición indispensable para comezar as negociacións que os seis traballadores en folga de fame abandonen a mesma. Os traballadores, co desexo de continuar o diálogo, aceptaron este condicionante mais continúan encerrados nas instalacións da empresa.

“Non é para comezar e rematar maña” asume Julio Fernández, traballador en folga e delegado da UGT: “Entendo que despois de 86 días de folga, non chegaremos a un entendemento na primeira reunión”.

Os traballadores abogan polo diálogo, coas condicións mínimas da readmisión dos traballadores en represalias para ningún deles. “En canto aos soldos destes tres meses, consideramos que existiu unha vulneración dos dereitos fundamentais”, subliña Julio, aínda que non pode dar por seguro que recuperarán estas cuantías. O futuro, polo momento, semella incerto. Mentres, piden ao Concello de Vigo que non lles deixe caer no olvido.

Tralo despedimento fulminante de 8 traballadores hai algo menos de catro meses, o concelleiro Carlos López Font defendía que “analizadas as cartas de despedimento, as causas organizativas e económicas destes non se axustan ao contrato que a empresa asinou co Concello, e no que se comprometía á subrogación de 40 traballadores, e debe manterse”. Ante esta situación, o goberno vigués calificaba os despedimentos de improcedentes.

Traballadores da zona azul de Vigo/ Miguel Núñez

Pola súa banda, Marea de Vigo sinala que “tras dous anos dun proceso de contratación absolutamente opaco, adxudicouse unha concesión a unha empresa cuxa oferta económica contaba cunha rebaixa de máis do 30%”.

“Tras dous meses da adxudicación, este tipo de proceso de contratación pública desembocou no despedimento de 8 traballadores. Despedimento levado a cabo dunha maneira absolutamente irregular e fóra do marcado pola lexislación laboral”, considera o grupo municipal.

“Dun xeito totalmente reprobable, a empresa foi chamando, un por un, aos traballadores que ían ser despedidos, curiosamente 6 dos 8 son afiliados ao mesmo sindicato que ostenta a representación e algún deles incluso foi delegado nos pasados períodos. Isto só se pode cualificar como persecución sindical”, segundo matizou o concelleiro Rubén Pérez.

“Nun servizo como este, cuxo custe é fundamentalmente laboral, esa rebaixa ía repercutir ineludiblemente sobre o cadro de persoal. Ter ofertado un 30% por debaixo do prezo significa que a empresa Dornier xa tiña pensado facer os despedimentos. O que non esperaba ninguén era que fora dunha maneira tan ‘expeditiva’, aproveitando cando o persoal comeza a ir de vacacións, esnaquizando o dereito laboral máis básico e utilizando aos traballadores como medida de presión para pedirlle máis cartos ao Concello de Vigo” explicaba Rubén Pérez na rolda de prensa.

O acontecido incumplía o contrato asinado entre a empresa e o Concello, ao non manter todo o persoal subrogable adscrito ao servizo.

O grupo municipal da Marea de Vigo pedía en xullo ao Goberno Local  que “aínda que tarde”, asumira o seu papel e se enfronte á empresa como concesionaria dun servizo público municipal. Para a Marea de Vigo, non é suficiente a readmisión destes traballadores, senón que “é máis que necesario a expulsión de Dornier deste servizo e levar a cabo todas as accións necesarias para impedir que esta empresa volva concursar en ningún servizo público deste concello”.

“están a rirse do concello de vigo”

Meses despois, no pleno celebrado o 5 de setembro en Vigo, o primeiro tema importante a tratar foi o da folga dos traballadores de Dornier, tras ser despedidos 8 dos seus compañeiros, todos con filiación sindical.

Falou Luis Cordobés, delegado sindical e traballador da zona azul de Vigo despedido tras 28 anos de servizo público: “Dornier tomou represalias contra min e 7 compañeiros meus, todos afiliados ao sindicato. Presentárase cun 30% de rebaixa na súa oferta, unha rebaixa temeraria, e agora está a rirse do Concello de Vigo. Non pode consentirse isto no Servizo Público. Hai un expediente aberto, e cremos que non deberían concursar máis. Desconvocamos a folga para intentar negociar, e nada”.

“Éunha empresa que pon traballadores a vixiar aos outros como detectives. A este grupo municipal non lle vale que os contraten de novo, porque podería sentar un perigoso precedente nas concesionarias”, advertía Rubén Pérez.

Elena Muñoz recordaba que “desde o PP o advertimos desde o primeiro momento e votamos en contra, non se escoitou a ninguén e estamos agora na situación na que estamos. Se tería evitado se o alcalde escoitase a alguén máis que a si mesmo”.

O conselleiro López Font interviu en defensa do Goberno local: “O proceso de contratación foi totalmente legal. Parece mentira que utilicen isto para facer política. A empresa incumpriu o contrato, o ratio marcado, as condicións de prazas”. Pero, a pesar de que o incumprimento de Dornier é feito asumido por todos, as solucións non chegan a uns traballadores que levan tres meses sen cobrar.

Por último, o alcalde comprometeuse, sentado a carón de Luis Cordobés, a solucionar o problema, e asegurou que “mentres eu sexa alcalde, os traballadores sempre estarán en primeira liña”.

“levamos máis dun ano avisando”

Desde Xornal de Vigo tamén falamos con Carlos Landín, delegado de UGT, que defendeu que levaban moito tempo ‘combatendo’ coa empresa e nada do acontecido é sorprendente.

“Se unha contrata logra chantaxear, as demais poden seguir o mesmo camiño: despedir e despois exercer presións. Esta mesma empresa xa está abusando noutras provincias, en tódolos servicios ten aos traballadores nunha situación precaria”, lamentaba.

Xa vén de moi lonxe: “Levamos desde 2007 pelexando con eles por todo, obrigándonos a chegar ao xurídico. Como a oferta que presentaron non alcanza para cubrir as nóminas, obrigan ao concello a que compense as súas perdas e que se faga responsable. Os traballadores somos unha moeda de cambio para Dornier”.

“Metéronse nun contrato que non poden cumprir, así que non teñen nada que perder. E todo isto non é novo, levamos máis dun ano avisando. Non é posible ofertar un prezo un 30% inferior polo mesmo traballo. Hai un ano que saíu este concurso, e a lei marcaba que se entregaría o contrato á empresa máis barata, sen máis”, conclúe.

A Deputación de Pontevedra aproba novas achegas por 1,7 millóns para oito municipios

A xunta de goberno da Deputación de Pontevedra aprobou un investimento de 1,7 millóns de euros no marco da Liña 1 do Plan Concellos 2021, que beneficiará a oito municipios da provincia. 

En concreto, trátase de novas achegas para os concellos de Redondela e Salceda en comarca de Vigo; A Lama e Poio, na de Pontevedra; A Guarda e Tui, no Baixo Miño; Cangas, na comarca do Morrazo e Arbo na do Condado. Con elas poderán financiar obras de humanización, reurbanizacións, pavimentados ou mobilidade segura.

Segundo detallou a institución provincial nun comunicado, Redondela recibirá máis de 810.000 euros para as obras de humanización da Avenida Santa Mariña (450.686 euros) e para a dotación de servizos e a pavimentación da contorna do Pazo Torres de Agrelo (362.411 euros).

Salceda de Caselas contará cunha achega de 150.652 euros para a reurbanización da rúa Joaquín Fernández Sestelo. O proxecto supón a mellora do espazo público mediante a ampliación do espazo para peóns e a mellora da accesibilidade.

Poio recibirá un total de 170.243 euros para as obras de recuperación de contornas tradicionais da Primeira Travesía Seara, que consistirán en traballos de mellora de mobilidade e da seguridade viaria dos espazos públicos. A Lama terá unha achega de 78.601 euros para as obras de reposición con pavimento de formigón nas beirarrúas municipais da rúa Emigrante praza Alameda.

No Baixo Miño, A Guarda contará con 159.490 euros para as obras de urbanización da rúa Manuel Rodríguez Sinde. E Tui conta cunha achega de 240.753 euros para a intervención prevista no ámbito do lavadoiro de Riomuíños, un dos barrios máis antigos do municipio. Pola súa banda, Arbo recibirá 79.911 euros para abordar as obras de mellora do pavimento e drenaxe do Camiño Portafeito para mellorar o acceso ao lugar de Eidos de Arriba (parroquia de Sela).

Finalmente, para Cangas aprobouse unha achega de 75.000 euros para a adecuación de frontes da estrada EP-1005 Viso-Hío.

Exhuman o corpo de Déborah Fernández en busca de pistas sobre a súa morte 19 anos despois

O corpo da viguesa Déborah Fernández-Cervera, que apareceu en 2002 nunha cuneta do Rosal  uns días despois da súa desaparición, foi exhumado este martes, tras a autorización do xulgado de instrución de Tui, para que os peritos forenses analicen os restos en busca de posible indicios que dean luz sobre a súa morte.

Así, en presenza da familia, dos seus avogados e peritos de parte, así como de forenses do Imelga (entre eles Fernando Serrulla, da Unidade de Antropoloxía Forense de Verín), a secretaria do xulgado e investigadores de Policía Nacional, procedeuse á extracción do féretro do panteón familiar, no cemiterio de Pereiró. Os restos da moza foron trasladados a dependencias dunha empresa fúnebre e está previsto que logo sexan levados ao hospital Meixoeiro de Vigo para unhas primeiras probas e, finalmente, ao hospital Nicolás Pena, tamén na cidade olívica.

Segundo explicou un dos avogados da familia, Ignacio Amoedo, os forenses buscarán algunha pista que leve a aclarar a circunstancia da súa morte, como ADN baixo as uñas ou indicios dalgunha fractura ósea, xa que na autopsia que se lle fixo hai case dúas décadas, só se radiografiou o corpo de pescozo para arriba.

En todo caso, o letrado recoñeceu que é posible que “tantísimos anos despois” os restos non estean en condicións para obter información relevante, e lamentou que “isto se estea facendo en 2021, cando tiña que facerse en 2002”. “Se estamos agora aquí é porque se fixeron mal as cousas, e se cadra agora xa non hai solución”, sinalou.

Así mesmo, precisou que, mesmo aínda que poidan obterse probas de ADN que impliquen a algunha persoa no crime, ditas probas tampouco serían definitivas porque “non derivarían necesariamente nunha acusación de asasinato”. “Foi esperpéntico todo o proceso ata aquí, unha chapuza en moitos aspectos, e a familia ten sensación de frustración”, proclamou.

“AFERRARSE” A POSIBLES NOVAS PISTAS

Nese sentido, lembrou que, nalgún momento da instrución, chegouse a valorar incluso a posible “morte súbita”, un extremo que a familia e os seus peritos negaron sempre, e volveu a insistir en que “hai que aferrarse” ás posibles pistas que saian das novas análises do corpo, así como do disco duro (xa en posesión da empresa Lazarus Technology) e da axenda persoal da vítima.

“Temos un ano por diante, hai que seguir loitando, temos que agarrarnos á esperanza”, sinalou Ignacio Amoedo, en alusión ao prazo de prescrición deste caso, que finaliza en 2022. No entanto, expresou o seu convencemento de que, independentemente do que pase nos próximos meses, a familia “seguirá loitando máis aló do prazo de prescrición”.

En opinión deste avogado, o ocorrido co crime de Déborah Fernández, “é un caso de libro” de responsabilidade patrimonial do Estado “por un deficiente funcionamento da administración de Xustiza”.

“DÍA DURO PARA A FAMILIA”

Pola súa banda, tanto a nai como a irmá de Déborah agradeceron o apoio recibido, especialmente polos medios de comunicación, e constataron que, “se non chega a ser pola presión mediática”, non chegarían ata onde o fixeron, ata a exhumación do corpo da moza.

“É un día moi duro para a miña familia, por vernos na obrigación de levantar o corpo da miña irmá despois de 19 anos”, lamentou Rosa Fernández-Cervera, quen sinalou que, de non ser pola atención mediática que tivo o caso, non poderían avanzar. “Parece mentira que teñamos que vender a nosa pel ao diaño”, engadiu.

“ESTAMOS PRETO”

No proceso de exhumación deste martes estivo tamén presente o criminólogo Óscar Tarruella, perito da familia, quen sinalou que se fará un estudo “moi minucioso” dos restos tanto por parte dos forenses do Imelga, como do experto contratado pola familia, Aitor Courel. “A de hoxe é unha xornada dura pero necesaria, e é o recoñecemento de que houbo un erro institucional que debe ser reparado”, afirmou.

Ademais, sinalou que a análise dos restos, así como do disco duro do computador de Déborah e da súa axenda, “xunto con outras pezas do quebracabezas” permitirán “dar caza ao asasino” da moza. “Estamos preto, se eu fose esa persoa, da que sospeitou sempre a Policía, non estaría tranquilo”, afirmou.

Respecto diso, Tarruella mostrou a súa esperanza de que o avance da ciencia e a tecnoloxía permitan obter información adicional para este caso, e mesmo que, se hai restos de ADN, se poidan comparar con mostras indubitadas que foron extraídas no marco da investigación.

Déborah Fernández-Cervera desapareceu en 2002, cando tiña 21 anos de idade, despois de saír da súa casa para facer deporte. O seu cadáver foi localizado dez días despois, rodeado de pistas falsas, nunha cuneta do Rosal, e nunca houbo ninguén detido nin formalmente imputado por este crime.

A investigación desta morte arquivouse en 2010, pero o xulgado emitiu un auto para a súa reapertura a finais de 2019. Desde entón, tomouse declaración a varias testemuñas e autorizáronse diversas probas periciais, unha delas foi a exhumación do seu corpo.

Abel Caballero saca adiante os remantes municipais coa abstención do PP e a negativa de Marea e BNG

0

O goberno local olívico aprobou de modo definitivo mobilizar case 36 millóns de euros de remanentes coa abstención do grupo municipal do PP e o rexeitamento dos concelleiros de Marea de Vigo e BNG nun pleno extraordinario celebrado este mércores.

O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, explicou que 2,6 millóns de euros dos 35,6 millóns desta modificación de crédito consignaranse para a Xerencia Municipal de Urbanismo. Así, resaltou que o Concello de Vigo é o primeiro en “facer uso dos aforros para reactivar a economía” pese ao “bloqueo de forzas como o PP” a nivel nacional.

Nesta liña, defendeu o “modelo de acción política” socialista baseado en “reaccionar” ás necesidades actuais que contrapuxo co do líder do PP, que “non fai nada”. O edil de Facenda destacou que as actuacións que se impulsarán con esta aprobación definitiva da modificación de crédito, que supuxo a ratificación a provisional emitida en novembro en pleno, levarán a cabo “en distintos ámbitos atendendo a todos os barrios”.

Así, valorou a aposta pola sustentabilidade ambiental coa Vía Verde en Teis “para facer un espazo de encontro” e a instalación de ascensores urbanos para que se permita “a mobilidade das persoas”. Nesta liña, avanzou que os remanentes se destinarán a “50 accións produtivas que farán de Vigo unha cidade habitable” e incrementarán o emprego, as capacidades produtivas e o benestar sen comprometer o gasto futuro.

Ademais, subliñou que o goberno local “fai fronte” a gastos derivados da pandemia e atende as necesidades das persoas e “os sectores que o precisan” con accións como a redución da taxa de lixo comercial.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Pola súa banda, o portavoz do grupo municipal do PP, Alfonso Marnotes, sinalou que a cidade suma unhas 1.800 persoas desempregadas máis que o ano pasado e incidiu na importancia de que os remanentes se destinen a axudas ao comercio e a hostalaría, aos que lembrou que apoiaron as demais cidades galegas e o catro deputacións. Tamén preguntou ao goberno local se se atopa en tramitación un expediente de indemnización pola baixada da afluencia no transporte urbano durante a pandemia para a concesionaria, Vitrasa, cuxo “chantaxe” lle instou a rexeitar.

O portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez, recalcou que “a competencia que ten (o Concello) para dar bolsas de inglés é análoga á que ten para utilizar os remanentes para políticas de cobertura social” –non conta con competencias directas en ningún dos ámbitos–, polo que chamou a priorizar as necesidades derivadas da pandemia sobre actuacións como a cobertura do antigo tranvía situado en Coia. Rubén Pérez considerou ademais que debería ser “unha prioridade” evitar que Vitrasa “chantaxee cos salarios dos traballadores” ao goberno vigués.

Adicionalmente, o concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, criticou que a modificación de crédito fose elaborada “en réxime de monólogo” polo goberno local “sen aceptar ideas” de grupos políticos ou colectivos, así como que a aprobación inicial realizásea en solitario. Ademais, lamentou que, ante unha nova mobilización do sector hostaleiro para pedir axudas, a resposta do alcalde fose “limitarse a dicir que non é asunto seu”.

UTILIZACIÓN DE REMANENTES

Tras o debate sobre a modificación de crédito, o rexedor olívico, Abel Caballero, defendeu que o decreto lei que recollía o acordo do Goberno coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) sobre a cesión dos remanentes dos concellos era “mellor” para Vigo que a solución adoptada finalmente, a suspensión do tres principios fiscais da coñecida como ‘Lei Montoro’.

Deste xeito, Caballero apuntou que a proposta inicial incluía unha cantidade a fondo perdido para os municipios, ademais da devolución dos remanentes prestados a Facenda. En todo caso, celebrou que se permita a utilización dos aforros municipais, cuxa totalidade indicou que non se gasta neste momento posto que o Concello debe “pagar débedas do goberno de Corina Porro” en relación a aparcadoiros.

O portavoz ‘popular’ afirmou que a imposibilidade da mobilización dos remanentes “non era un problema da ‘Lei Montoro’, senón de decisión política”, o que se mostrou co seu arranxo mediante o levantamento do teito de gasto.

A este respecto, Rubén Pérez resaltou que o seu grupo municipal xa advertira de que “non era cuestión de facer un préstamo a Facenda para obter o 30% dese orzamento”, senón a “interpretación da regra fiscal”. De feito, lembrou que, mentres o alcalde e presidente da FEMP “decidía incautar os aforros” dos concellos, a ministra de Facenda “negociaba” a alternativa actual.

O PP critica o peche da “maioría” dos pavillóns de Vigo a pesar da crise do coronavirus

0

A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular na corporación municipal de Vigo Teresa Egerique criticou o peche da “maioría” dos pavillóns deportivos de Vigo e instou ao goberno local a planificar a súa actividade.

Durante unha visita realizada este martes ás instalacións de Romil, a edila ‘popular’ lamentou que semella “un pavillón municipal fantasma”, xa que “nunca se chegou a inaugurar”. Así, sinalou que a cidade conta con varios pavillóns municipais dos que a maioría “están pechados”, fóra de “algún que se pode utilizar puntualmente por algún club”.

Neste sentido, reprobou que esta semana o alcalde, Abel Caballero, inaugurase as novas instalacións do pavillón da bancada de Río de Balaídos e, con todo, permaneza pechado. “Non sabemos tampouco o uso que vai ter, quen o utilizar nin como se vai a xestionar”, indicou Egerique.

Nesta liña, denunciou que, mentres “miles de usuarios, familias, clubs deportivos” esperan a reapertura dos pavillóns, o rexedor inaugurase as instalacións de Balaídos sen convidar as persoas que as utilizan.

Precisamente, a concelleira ‘popular’ lembrou que durante o confinamento pecháronse as instalacións deportivas, polo que demandou a súa reapertura e a planificación de “toda a actividade deportiva da cidade”.

Ademais, acusou ao goberno local de utilizar a pandemia como “escusa” para non acometer esta xestión e afirmou que o deporte non representa unha das prioridades do goberno local. “(Abel Caballero) ha ido a pór medallas aos nenos e a clausúraa de encontros deportivos infantís, pero non tivo un plan deportivo importante”, criticou.

Aviso polo avance da bolboreta do buxo na provincia de Pontevedra

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de emitir un novo aviso fitosanitario acerca da bolboreta do buxo e do mildio das vides. Deste xeito, a responsable dos avisos fitosanitarios, Rosa Pérez Otero, subliña que as pragas e enfermidades das plantas continúan a súa evolución e as condicións meteorolóxicas destes días, con altas temperaturas na provincia, están a favorecer a actividade dos vexetais e o avance das pragas.

No caso da bolboreta do buxo (Cydalima perspectalis), Pérez indica que nalgunha das sebes da finca de Areeiro observouse que as eirugas estaban saíndo da hibernación e xa empezan a aparecer síntomas evidentes da súa alimentación. Aínda que non é unha situación xeral e de feito algunhas sebes están vigorosas e con gromos perfectamente verdes, é conveniente que as persoas que teñan estes arbustos no seu xardín revisen moi atentamente as súas plantas e, se a situación é coincidente, retiren os gromos afectados e/ou apliquenun tratamento.

A revisión debe incluír tamén a zona inferior das plantas porque nalgúns casos as eirugas se centran nesa zona. E os posibles tratamentos deben facerse como é habitual, a elevada presión e con minuciosidade.

A EFA tamén verificou a maduración das primeiras ósporas de mildio en vides da provincia, pero lembra que este fenómeno simplemente indica que o fungo está a iniciar a súa actividade, e que de momento non hai que realizar tratamentos.

A Festa da Arribada sáldase con 70 persoas interceptadas por conducir baixo os efectos do alcol ou drogas

A Garda Civil detectou 56 persoas que conducían baixo os efectos do alcol e 18 que presentaron resultados positivos nas probas de consumo de drogas no marco dun operativo realizado con motivo da festa da Arribada de Baiona.

Segundo detallaron fontes da Benemérita, estas persoas foron interceptadas nun operativo levado a cabo por efectivos do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra, co apoio do Sector da Coruña, mediante o que se realizaron 1.521 probas de consumo de sustancias.

En concreto, detectouse a 53 persoas que conducían baixo os efectos do alcol en controis preventivos, mentres que outras tres foron interceptadas tras cometer outras infraccións da Lei de Seguridade Viaria.

Así mesmo, detectáronse 18 condutores que supostamente consumiran estupefacientes mediante probas de consumo de drogas cuxos resultados deberán confirmarse nun laboratorio.

Ademais, no marco do operativo, formuláronse 57 denuncias por exceso de velocidade e 23 por non utilizar o cinto de seguridade ou facelo dun modo incorrecto. Tamén se denunciou a oito persoas que utilizaron o móbil ou similares mentres conducían ou que circularon dun modo neglixente. Con todo, non se rexistrou ningún accidente de tráfico relevante.

Caballero confirma que recorrerá a sentenza sobre o PassVigo e tomará “outras medidas”: “Voulles gañar”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, confirmou este venres que o Concello recorrerá a sentenza que declara ilegal esixir o empadroamento para obter o cartón de bus urbano PassVigo (con bonificación nos billetes) e proclamou: “Voulles gañar, a cidade vailles gañar a Feijóo e Corina Porro”.

O rexedor olívico insistiu en que a sentenza dá a razón ao recorrente (o Concello de Redondela) porque “baséase nunha lei da Xunta que obriga aos cidadáns de Vigo a pagar do seu peto os buses aos de fóra”.

“É por unha lei do ano 2017, de hai dous anos e medio”, reiterou, aínda que é certo que a resolución do xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Vigo tamén alude á vulneración doutras normas, como a lei de Ordenación de Transportes de 1987 (cando, precisamente, Abel Caballero era ministro dese ramo).

O alcalde advertiu de que, ademais da opinión da asesoría xurídica municipal, conta coa opinión de “expertos constitucionalistas” de España, e recalcou que a sentenza coñecida nas últimas horas, “baseada nunha lei antiVigo“, aínda “non é eficaz”. Así mesmo, lembrou que, na propia resolución, o maxistrado expresa as súas “dúbidas” acerca dos feitos axuizados, polo que, “con todo o respecto”, “a sentenza cambaléase”.

Abel Caballero cualificou como “triste” que tanto Corina Porro como Feijóo “se alegren” de que se aplique esa lei “para que os vigueses paguen”, e advertiu de que vai seguir “dando a batalla” para defender os intereses dos cidadáns de Vigo.

Finalmente, recalcou que, en calquera caso, o cartón PassVigo (que, ademais de para o bus urbano, se utiliza para outros servizos municipais) “é soamente para a xente de Vigo, e ninguén de fóra tena nin a vai a ter”. “É exclusiva para os empadroados en Vigo”, sentenciou.

“Cando se levantan muros, a lei vén a tiralos”

Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras participar nun acto en Vigo, sinalou que o goberno municipal “está no seu dereito” de recorrer a sentenza, aínda que apuntou que “o xuíz falou clarisimamente”.

“Hai lexislación europea, estatal e autonómica, que di que cando se levantan muros a lei vén tiralos. Aquí pretendíase levantar un muro, (…) e todos somos iguais ante a lei”, aseverou.

Un disparate

Os partidos da oposición no Concello de Vigo constataron este venres, tras coñecerse a sentenza que declara ilegal a esixencia do empadroamento para obter a PassVigo con bonificacións nos billetes do bus urbano, que impor esa condición foi un “disparate”, e advertiron de que a única solución a este conflito é que a cidade se integre nun sistema de transporte metropolitano.

O portavoz do PP, Alfonso Marnotes, lembrou que a sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Vigo refírese a a vulneración de varias normas, entre as que está unha lei de ordenación do transporte aprobada cando Abel Caballero era ministro do ramo, en 1987.

Nesa norma establécese, incidiu o concelleiro ‘popular’, que o transporte público pode ser utilizado “sen discriminación” por calquera persoa, polo que concluíu que Caballero ten “unha dobre linguaxe”: o que usaba como ministro esixindo “igualdade e non discriminación”, e o que usa como alcalde.

O PP subliñou tamén que a esixencia do empadroamento para acceder ao cartón de transporte (PassVigo) non está recollida nin no prego de condicións da concesión nin en ningún acordo. “É un invento de Abel Caballero, un dedazo, unha cacicada sen soporte legal algún”, afirmou Marnotes, que criticou as “mentiras” e “paranoias” do alcalde, a quen a sentenza puxo “no seu sitio”.

Marea de Vigo apuntou que a sentenza “deixa claro que o sistema do cartón é unha inutilidade” e “non había que ser moi lumbreras” para saber que “era imposible” que se aceptase só para censados. Así, en lugar de facer un bono universal, o alcalde, “nun alarde de personalismo delirante”, articulou un “sistema ridículo”, segundo o portavoz do grupo, Rubén Pérez.

Rubén Pérez advertiu de que a resolución do xulgado leva “ao momento de inicio”, cando había un cartón que se repartía sen condicións e sufragada unicamente polo Concello, sen axuda da Xunta, polo que instou a aceptar o convenio asinado en 2015 ou redactar un novo convenio para integrar o bus de Vigo no transporte metropolitano.

O concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, afirmou que a decisión de limitar o acceso ao cartón Pass e as bonificacións no billete de bus unicamente a persoas empadroadas na cidade, “foi un disparate”, ademais de “irracional en termos de mobilidade”, porque eses bonos permiten potenciar o uso do transporte colectivo.

“É delirante que unha gran cidade como Vigo, que debe liderar a súa área metropolitana, aplique restricións como a discriminación no cartón Pass”, apuntou o edil nacionalista, quen censurou o “localismo de luces curtas” do rexedor, en contraposición con outras cidades, onde non se aplican esas condicións. “Con medidas como esta, Caballero demostra que quere empequeñecer Vigo, converténdoa nunha pequena cidade-Estado medieval, amurallada e enfrontada con todos por todo”, resolveu.

O PP denuncia as “débedas” de Sánchez con Vigo en materia de infraestruturas

Os candidatos do PP ao Congreso e ao Senado pola provincia de Pontevedra, Diego Gago e Javier Guerra, denunciaron este xoves os “incumprimentos” do goberno de Pedro Sánchez con Vigo, así como a “débeda” que mantén coa cidade en materia de infraestruturas.

Nunha rolda de prensa, o candidato número dous ao Congreso, Diego Gago, enumerou os proxectos que o Executivo central “atrasou” ou “paralizou “”, como o AVE por Cerdedo, a saída sur no Corredor Atlántico ferroviario, a construción dunha nova autovía entre Vigo e O Porriño, a supresión da peaxe en Redondela, a conversión en tramo urbano da AP-9 ao seu paso por Teis ou a mellora do abastecemento.

Gago lamentou que, ante eses “incumprimentos”, o alcalde socialista de Vigo, Abel Caballero, non esixiu ao Goberno central que cumpra os seus compromisos, e prometeu que o PP velará porque a cidade olívica teña as infraestruturas “que merece”.

A ese respecto, lembrou que, no últimos catro meses, os deputados do PP presentaron unhas 200 iniciativas na Cámara, mentres que o balance de actividade das deputadas viguesas do PSOE foi “cero”.

Pola súa banda, o candidato ao Senado e exconselleiro, Javier Guerra, centrou as súas críticas na “errática” política industrial e económica do goberno central socialista, e advertiu de que, para que funcione a economía, “é moi importante a estabilidade e a fiabilidade”, para favorecer os investimentos e implantación de proxectos.

A ese respecto, alertou contra quen “negan o que está por vir”, en alusión a unha inminente crise económica, e criticou que o Goberno de España “non se preocupe” dos problemas de sectores galegos como o naval ou a automoción, algo que, ao seu xuízo, si fai a Xunta.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed