Un membro da asociación ecoloxista ADEGA desprazouse desde Santiago para dar resposta á petición de axuda cursada polo alumnado de 5º de primaria do CEIP do Hío. Recentemente escribiran unha carta explicando o perigo que corre a lagoa de Vilariño, ante a acelerada proliferación da coñecida como Herba da Pampa.
Ramsés, experto de ADEGA, explicou ao alumnado a problemática das especies invasoras. Saíron nomes tan de actualidade como a vespa velutina, o mexillón tigre, ou as pragas que afectan a carballos, patacas ou palmeiras, a amigable tartaruga de Florida… Fixo saber que especias tan cotiás en Galicia como o toxo, son unha praga en zonas do continente americano ou Canarias.
A continuación realizouse unha visita á lagoa. O experto de ADEGA explicou o procedemento a seguir, basicamente consistente na retirada das matas mediante maquinaria pesada. Pero tamén advertíu doutros pasos, antes e despois, para evitar o espallamento das sementes.
O alumnado de 5º de primaria continuará coas xestións enviando cartas a Augas de Galicia para que autorice a intervención, tamén ao Concello de Cangas e incluso á Deputación Provincial aconsellando a poda dos penachos antes da floración.
Esta última é unha importante suxestión que particulares e institucións deberiamos ter presente. A floración desta especie vai de agosto a outubro, cando os penachos comezan a abrirse é o momento de cortalos para evitar a súa expansión.
Na loita contra as especies invasoras, retrasar a intervención supón un aumento de custe económico e de esforzo xa que aumentan a expansión e, no caso da Herba da Pampa, as matas fanse máis grandes e resulta máis difícil actuar.
Ramsés tamén explicou ao alumnado que en moitas ocasións a batalla está perdida de antemán polo que a estratexia a empregar consiste en controlar a expansión para que as especies autóctonas convivan coas invasoras sen chegar a desaparecer. É o caso dunha planta cunha fermosa floración amarela atopada na canle principal da lagoa, que tapiza a parte superficial da auga, a Cotula coronopifolia.
O presidente da Asociación de Veciños de Vilariño explicoulle ao representante de ADEGA o grande interese que ten seu colectivo por protexer este agasallo da natureza, que a duras penas pervive a pesares do impacto urbanístico. Intentarán concienciar ao maior número de veciñas e veciños e solicitarán ás institucións que se impliquen na protección deste espazo natural, a acción máis inmediata será apoiar ao CEIP do Hío para lograr “controlar” a proliferación da planta dos “penachos”.
En breve ADEGA presentará un plan de intervención detallado, para actuar despois do verán, cando o terreo da lagoa estea menos enchoupado.