InicioEn ProfundidadeEsta é a historia da autovía da discordia que racha pola metade...

Esta é a historia da autovía da discordia que racha pola metade a paisaxe, a economía e a vida do Baixo Miño

O tramo que pretende aprobar a Xunta expropiará máis de 1.000 fincas. Deixará divididos numerosos núcleos de poboación, arrasará con explotacións agrícolas e froiteiras, numerosos viñedos de albariño e afectará seriamente o patrimonio natural e arqueolóxico do Baixo Miño. Unha vez operativo, tronzará á metade sete das quince parroquias coas que conta o concello de Tomiño.A Xunta defende esta alternativa e o Concello de Tomiño, do BNG, mantén o silencio.

PUBLICADO O

- Advertisement -

2004. Penúltimo ano do goberno de Manuel Fraga. Un conselleiro mozo, titular do departamento de Infraestruturas e Obras Públicas, sucesor do todopoderoso Xosé Cuíña, anunciaba unha das grandes infraestruturas do sur de Pontevedra; a vía de alta capacidade do Baixo Miño. Unha vía que nacía como un dos centos de compromisos que o goberno de Aznar aprobou dentro do Plan Galicia logo da catástrofe do Prestige. Ese conselleiro, que entón tiña 43 anos, é o hoxe presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Pasaron 16 anos e esa infraestrutura segue sen estar completada, en parte pola crise económica desta década e, en parte, e quizais, principalmente, polos erros nas decisións políticas que se queren impoñer á realidade económica, social, poboacional, arqueolóxica e paisaxística de toda unha comarca. Porque, a pesar do falso compromiso do goberno do PP en defender a vida no rural, o certo é que esta vía de altas prestacións de Tui-A Garda (VAC Tui-A Guarda), xa coñecida popularmente como Autovía do Baixo Miño, supón unha nova navallada á paisaxe e ao territorio do país.

Xa hai doce anos que se partiu a parroquia de Areas, en Tui, en dúas partes para construír esta estrada. O desvío de 3,6 millóns procedentes de fondos europeos previstos neste proxecto para o desdobramento do corredor do Morrazo reavivou a polémica. Os alcaldes mexeronse entón contra a decisión da Xunta.

Desde entón, dos 24 quilómetros de estrada e máis de 200 millóns de orzamento comprometidos desde o Plan Move, só se puxeran entón en servizo os 10 quilómetros do último tramo (entre Goián e A Guarda) tras un investimento de 60 millóns. Ningún goberno dos que se alternaron na Xunta foi capaz de iniciar as obras do tramo central, que causou unha sublevación social sen precedentes polo seu trazado, especialmente, no Concello de Tomiño. Son os 14 quilómetros para unir Tui e Goián, que custan 120 millóns, e que volven estar no centro da polémica.

A primeira gran alternativa da Xunta pasaba moi preto do río Miño, polo que o seu impacto era brutal sobre o medio ambiente, ademais, de dividir varios núcleos de pobocións nas parroquias de Amorín e Forcadela, en Tomiño. O movemento contestatario foi brutal con protestas, manifestacións, carteis e espantallos ao longo da estrada de Tui-A Guarda, a PO- 552. “Non ao vial” foi o berrro unánime dos habitantes de Tomiño, apoiados entón polo goberno municipal, do BNG. Polo medio, estoupou a crise. Así que, o proxecto aparcourse. “Non se pode facer o que non se pode pagar”, dixo no 2014 a conselleira de Infraestruturas Ethel Vázquez sobre este tramo.

Seis anos despois, e logo de superada a crise, a Xunta volve á carga cunha nova variante, a coñecida como variante “do monte”, que parte pola metade este rico concello do Baixo Miño. Un tramo, que como o anterior, deixaría divididos numerosos núcleos de poboación, arrasaría con explotacións agrícolas e froiteiras, numerosos viñedos de albariño da denominación Rías Baixas, e afectaría seriamente ao patrimonio natural e arqueolóxico da comarca. “E, onde está a aposta da Xunta por preservar e dignificar o medio rural se se arrasa con el mediante infraestruturas sen sentido?”, preguntase Santi, un dos veciños afectados por esta megainfraestrutura.

UNHA AUTOVÍA A 100 KM/H DE MEDIA

Foi o pasado dez de febreiro, cando a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, anunciaban o trazado escollido pola Xunta. Foron á Casa do Concello de Tomiño directamente a presentarlle os detalles da nova variante á alcaldesa, Sandra González, do BNG. “Nesa reunión explicouse que se trata do treito intermedio da vía de altas prestacións, unha autovía de 8 quilómetros de novo trazado, para a que se prevé un investimento da Xunta de 72,8 M€, que se eleva aos 78,5M€ coas expropiacións das preto de 1.000 fincas afectadas”, apuntan desde a Consellería de Infraestruturas en resposta Galicia Confidencial.

O trazado elixido, que agora se somete a exposición pública, vai polo sur do núcleo urbano de Tomiño, pero sen chegar a cruzar a estrada actual. Este treito unirá o núcleo de Estás coa estrada autonómica PO-350 á altura da Sobrada, terá características de autovía, con dobre carril en ambos os sentidos pero “cunha velocidade de proxecto de 100 km/ hora”, indican desde a Xunta.

“Sinalar, ademais, a utilidade que suporá esta intervención para os veciños de Tomiño, grazas á rede de enlaces deseñados ao longo dos seus algo máis de 8 km. A autovía disporá de 5 enlaces, o que ofrecerá unha gran conectividade coa rede local, suporá a construción de 7 novas rotondas, terá 5 viadutos dobres e 10 pasos, superiores e inferiores”, engaden. Iso significa que o vial, unha vez operativo, tronzará á metade sete das quince parroquias coas que conta o concello, as de, Currás, Piñeiro, Taborda, Tomiño, Estás, Figueiró e Goián, xa afectada polo trazado en funcionamento.

Ademais, aclaran que Xunta puxo ao disposición do concello dous técnicos para explicar este proxecto. Uns técnicos que tardaron en chegar e que acudirán a Tomiño case un mes despois de que teña saído o anuncio no DOG. O proceso de información pública está aberto ata o vindeiro 25 de marzo para quen queira poida presentar as súas alegacións e, a partir de aí, continuaranse os trámites de análise das propostas recibidas para a aprobación definitiva do trazado e impacto ambiental a principios do vindeiro ano.

“Neste momento estase ante un proceso de información pública e por suposto hai que saber que pensa a xente e as posibilidades están todas abertas. Pero desde logo xa che podemos garantir que non hai ningunha vontade de rachar ningún núcleo pola metade, a maior parte vai en falso túnel precisamente para minimizar o impacto”, aseguran desde a Xunta.

Pero os veciños opinan todo o contario. E como xa fixeron hai máis de dez anos, volveronse a mobilizar e as protestas volven xurdir con forza. De feito, a veciñanza xa comezou a organizarse. Realizou dúas charlas informativas ás que asistiron máis dun cento de persoas e decidiu iniciar unha recollida de sinaturas para rexeitar de cheo este trazado e, directamente, a construción desta infraestrutura. “Para gañar cinco minutos en chegar a Tui non merece a pena esta desfeita”, denuncian.

PROBLEMAS PAISAXISTICOS, SOCIAIS, AMBIENTAIS E ECONÓMICOS

Ao longo do seu trazado a nova vía contará cunha megarotonda que servirá de enlace coa circunvalación urbana de Tomiño que fixo a Deputación de Pontevedra para conectar este concello con Gondomar. Deste xeito, un dos barrios do Concello de Tomiño, o da Pedra, quedará rodeado por dúas grandes infraestruturas paralelas con distinta funcionalidade.

Pero non será o único barrio que quede illado. Os populosos barrios de San Bieito –San Benito para os veciños–, ou Santa Rosa, pegados ao núcleo urbano do concello, veranse seriamente afectados e rachados á metade. Pero o percorrido afectará tamén a uns 17.600 metros cadrados de viñedo, 6.000 de carballeiras e 2.300 de espazos fluviais das parroquias de Piñeiro, Taborda, Sobrada, Tomiño e Estás. As obras afectarán a empresas tan importantes como Kiwi España, unha das líderes de exportación de kiwis de Galicia, ou as adegas de Santiago Ruíz, un dos albariños con máis proxección do Baixo Miño.

Pero tamén veranse afectado as concas de tres pequenos ríos. Nun deles, o coñecido como río da Pedra ou río Cereixo, está proxectada a construción dun gran paso elevado que pon en perigo unha importante zona verde e de baño moi frecuentada no verán –mesmo sae nos folletos turísticos do propio concello–.

O vial que prevé facer a Xunta tamén afecta ao I.E.S. Antón Alonso Ríos e a unha importante área deportiva, a da Carballa, onde se xogan habitualmente partidos de fútbol e de futbito. A escasos 100 metros desta zona escolar e deportiva está prevista a construción dunha megarotonda que sería máis grande que o propio estadio de fútbol.

A autovía tamén pasaría moi preto do actual centro de saúde de Tomiño e da Aurora do Porvenir, unha edificacion indiana que é un mito nesta localidade porque foi un centro pedagóxico de referencia na Segunda República e no que impartiu escola o deputado agrarista Antón Alonso Ríos, que logo sería presidente do Consello de Galicia na Arxentina.

“O deseño da autovía se inclúe, como elemento singular, un falso túnel de 260 metros de lonxitude para restituír os viarios existentes á mesma cota, e preservar a nivel paisaxístico a senlleira escola indiana Aurora del Porvenir”, xustifican desde a Xunta en declaracións a este medio.

MOBILIZACIÓNS

“Pero como se lle ocorre meter esta obra polo medio de Tomiño. Un lugar que ademais verá paralizado o seu crecemento cando era un dos poucos concellos rurais do sur de Pontrvedra que está aumentando o seu padrón”, critica Mónica, outra das veciñas. Todos os veciños consultados destacan a necesidade de paralizar este proxecto e deixar sen executar un vial que divide todo un concello á metade.

Polo momento xa se iniciou unha recollida de sinaturas. A xente estase mobilizando a través das redes sociais e o rexeitamento á obra da Xunta é enorme entre a poboación do concello. “Estamos moi sorprendidos pola participación nas xuntanzas porque había ata xente fóra do local. Decidimos aprobar un modelo de sinaturas no que se pide un ‘non’ rotundo a esta autovía. Dimos ata o día 15 de marzo para ter unha marxe, pero o máis importante é que a xente asine e logo faga as alegacións particulares que queira”, apunta Mónica. As persoas de Tomiño ou do resto do Baixo Miño ou de Galicia interesadas en amosar a súa contrariedade a esta obra poden facelo poñéndose en contacto co mail: rfnovaseduteri@yahoo.es

E O CONCELLO QUE OPINA?

Polo momento, o Concello de Tomiño, do BNG, mantén un curioso silencio. A pesar de que liderou as protestas contra a anterior alternativa, mesmo coa presentación de numerosas alegacións, e mobilizando á xente na rúa, agora, prefire non opinar.

Non houbo declaracións públicas da súa alcaldesa, nin ningún dos seus concelleiros. Algúns participaron a título individual nas charlas realizadas pero, polo momento, non hai unha posición oficial. “É moi curiosa a postura do Bloque que sempre se opuxo a este tipo de mega obras que rachan coa paisaxe, o medio ambiente e o patrimonio do país”, critica Juan, outro dos veciños. “O concello, que en redes sociais móvese moito, deste tema non din absolutamente nada. Nin tan sequera para informar aos veciños. Non publicaron nada de nada”, critica tamén Isabel.

Este xornal quixo poñerse en contacto co Concello de Tomiño. Chamou ata en dúas ocasións ao servizo de prensa. “Deste asunto estase encargando Uxío Benítez –tenente de alcalde, concelleiro de Planificación Territorial e deputado provincial–”, responderon sen que, ata o momento, tras tres días agardando, o citado concelleiro se teña posto en contacto con este medio.

Desde a Consellería de Política Territorial aseguran que “o prazo de presentación de alegacións é tanto para os veciños, como para as institucións, e polo tanto para o Concello”. Pero, polo momento, e a diferencia do acontecido co anterior trazado que ía polo río, o Concello de Tomiño, do BNG, non responde.

Tamén desde a Xunta lembran que no treito Estás-Goián, a chamada recta de Figueiró, na que se acordou facer unha “autovía urbana”, “o concello tomiñés si presentou as súas alegacións no prazo de información pública que se abriu e no que se prevé responder proximamente”.

CRÍTICAS DO PSOE

O único grupo que protestou no Concello de Tomiño é o do PSdeG. Nos primeiros días de información pública denunciou que o acceso á información web resultou imposible “por problemas técnicos na web da Axencia Galega de Infraestruturas e por imposibilidade de conseguir esa información no Concello de Tomiño”.

As socialistas critican o veto á oposición na presentación deste trazado, “demostrando unha vez máis a falla de transparencia, lealdade institucional e talante democrático do goberno nacionalista”. Critican tamén, que a día de hoxe o Concello non teña realizado unha xuntanza cos veciños e veciñas “que están enterándose de maneira casual das consecuencias que este trazado pode carrexar como o grande impacto no Lago da Pedra, a anulación da carretera que une San Benito coa igrexa e escola de Forcadela, o terreo expropiado á “Aurora del Porvenir” ou a grandísima afectación dos terreos lindantes coa futura autovía”.

Esiximos ó Goberno do BNG de Tomiño que non se poña de perfil unha vez máis con este tema tan sensible, e que a veciñanza sexa a súa prioridade, trasladándolle e poñendo a disposición, en tempo e forma, toda a información da que dispoñen e manexan”, critican.

ÚLTIMAS

(Vídeo) Por que os patexos invaden as praias dos areais vigueses?

Estes pequenos cangrexos volveron aparecer, por centos, na praia de Rodas, nas Illas Cíes....

O Parque Nacional dás Illas Atlánticas ofrece 350 rutas guiadas

O Parque Nacional marítimo-terrestre dás Illas Atlánticas de Galicia oferta este verán un total de 350 rutas...

Multas de ata 200.000 euros a quen realice foxos en Praia América para as fogueiras de San Juan

As persoas que acudan a Praia América, no concello pontevedrés de Nigrán, e decidan...

Sindicatos do 061 de Vigo piden á Xunta que garanta o pago das nóminas pendentes

Os sindicatos CIG, CC.OO. e USO reclamaron á Xunta que garanta o abono das...