InicioEconomíaPP, PSdeG e BNG esixen a conexión de Vigo á rede de...

PP, PSdeG e BNG esixen a conexión de Vigo á rede de moi alta tensión

Os grupos defenden que mellorará a competitividade da fábrica de Stellantis e lembran que a urbe é a única do seu tamaño que carece do servizo.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha iniciativa de impulso do PPdeG para reclamar ao Goberno a construción dunha nova subestación para atender a demanda industrial do polígono de Balaídos de Vigo e a conexión da cidade á rede de moi alta tensión (MAT).

No marco da Comisión de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, os deputados do PPdeG, o PSdeG e o BNG apoiaron unha proposición non lei ‘popular’ para que a Xunta inste o Goberno a rectificar e incluír na Planificación de Rede Eléctrica para 2021-2026 a construción dunha nova subestación e a conexión da urbe á rede de transporte de 220 kilovoltios que discorre polo Porriño para facilitar unha subministración eléctrica moderna con capacidade para ofrecer estabilidade ao servizo.

A deputada ‘popular’ Teresa Egerique, que defendeu a iniciativa presentada, criticou que o Goberno “renuncie a dar prioridade ao enganche que urxe a fábrica de PSA (do novo grupo Stellantis en Vigo)” para garantir o seu funcionamento ao non incluír a execución desta actuación na planificación para o próximo sexenio despois de quedar pendente na correspondente ao período 2015-2020, durante a etapa de Mariano Rajoy como presidente.

Nesta liña, lamentou que esta planta represente “a única de España” sen este servizo e Vigo a única cidade do seu tamaño que carece do mesmo, o que enmarcou nunha “discriminación” de Galicia en favor do arco mediterráneo.

Ademais, reprobou que a vicepresidenta cuarta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, non garantise a inclusión destes proxectos na planificación de Rede Eléctrica ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, durante a súa recente reunión. Así, apuntou que a Xunta e a planta anunciaron que presentarán alegacións e reprobou que a resposta do Goberno fose “estudarémolo”, pero “sen compromisos nin ataduras”.

Aínda que explicou que o investimento para conectar a cidade coa rede de moi alta tensión situarase nos 70 millóns de euros, remarcou que resulta “moi necesaria” para o crecemento da área industrial de Balaídos, en especial, ante unha planta de Stellantis que “non é competitiva desde o punto de vista enerxético”. Tamén lembrou que o pleno de Vigo aprobou por unanimidade reclamar ao Goberno a conexión da cidade a esta liña e a construción dunha subestación.

BNG SINALA A PP E PSOE

A deputada do BNG Carme González resaltou que, aínda que esta actuación se incluíu na planificación para o anterior sexenio, o anterior Goberno non declarou a circunstancia de excepcionalidade que xustificase a súa necesidade, polo que non se executou. Mentres, sinalou que o Executivo que preside Pedro Sánchez “non só non declarou a excepcionalidade, senón que excluíu (a conexión á rede de moi alta tensión) da planificación”, polo que concluíu que o PP e o PSOE son “culpables” da situación.

Así mesmo, cuestionou a “vontade” do Goberno para incluír este proxecto no novo plan de Rede Eléctrica, xa que “se é xusto” que Vigo dispoña de subestación, “o normal é que se inclúa de oficio (no documento)”. Adicionalmente, recalcou que resalta preciso enganchar o polígono de Balaídos á rede de moi alta de tensión para a industria auxiliar e a fábrica de Stellantis, dado que garantirá a súa “competitividade” e a “estabilidade” do servizo, ademais da súa adquisición a “un mellor prezo”.

PSDEG

Pola súa banda, a deputada socialista Leticia Gallego asegurou que a conexión coa rede de moi alta tensión beneficiará á área industrial viguesa e á cidadanía, xa que permitirá unha subministración “máis fiable” que sufrirá “menos cortes de tensión”. Tamén resaltou que o enganche solicitouse en 2013, polo que o Executivo central ‘popular’ e a Xunta “tiveron seis anos” para promover a súa execución ata o vencemento da anterior planificación.

Neste sentido, acusou o PPdeG “politizar” esta cuestión e confiou en que a Xunta presente alegacións á planificación para permitir a súa modificación, ademais de pór en valor o papel do alcalde de Vigo, Abel Caballero, como “interlocutor” das necesidades da fábrica automobilística ante o Goberno.

ÚLTIMAS

Piden catro anos de prisión para dous acusados de tráfico de drogas

A Fiscalía pide 4 anos de cárcere para dúas persoas acusadas de tráfico de...

Roubou un coche e levou a unha nai e os seus fillos: Fiscalía solicita penas severas en Vigo

A Fiscalía solicita 16 anos e 8 meses de prisión para un home acusado...

Derrube dunha bancada en Gondomar durante un partido provoca varios feridos

No operativo participaron os profesionais de Urxencias SaniVarias persoas resultaron feridas tras ceder un muro...

Varios feridos, entre eles un xogador, tras ceder un muro das gradas no campo de fútbol do Gondomar

Un partido de fútbol cadete entre o Gondomar CF e o Val Miñor rematou...