O xulgado do Mercantil 3 de Pontevedra, con sede en Vigo, desestimou as dúas demandas interpostas por parte de Cash Converters España contra o seu sete antigas tendas en Galicia e contra as sociedades e administradores de Locotoo, e rexeitou as pretensións da demandante que, entre outras cuestións, reclamaba o pago de 1,2 millóns de euros de indemnización por suposto incumprimento de contrato de franquía e por violar os dereitos de propiedade intelectual.
O preito ten a súa orixe no ano 2022, cando as tendas abandonaron a franquía e puxeron en marcha o seu propio proxecto, Locotoo. Cash Converters denunciou que se estaba facendo competencia desleal, abrindo tendas aproveitándose do ‘know how’ da franquía, que se estaban beneficiando da súa marca e reputación, e mesmo imitando a súa páxina web.
As sociedades e persoas demandadas alegaron que a saída unilateral da franquía estaba xustificada polos continuos incumprimentos de Cash Converters, que desde 2018 “deixou de prestar os servizos esenciais característicos da franquía”, como a formación continuada, a supervisión e apoio operativo, a realización de campañas publicitarias, o acceso a bases de datos, entre outros incumprimentos.
Na súa sentenza, a xuíza sinala que Cash Converters non acreditou cal era a súa ‘know how’ nin tampouco que prestase a asistencia técnica e empresarial necesaria para o desenvolvemento dos negocios da franquía. Así, expón que “incumpriu obrigacións esenciais que lle incumbían”, polo que avala que a resolución de contratos por desistimiento unilateral foi “xustificada e conforme a dereito”.
A sentenza tamén rexeita a acusación de competencia desleal e sinala que “a imitación de prestacións e iniciativas empresariais alleas é libre, salvo que estean amparadas por un dereito de exclusiva recoñecido pola Lei”, e cando esa imitación xera confusión ou comporta un aproveitamento indebido da reputación e o esforzo alleo.
Neste caso, sinala que se a demandante quere denunciar a imitación da súa ‘know how’, non pode facelo porque non acreditou que se achegou ese ‘saber facer’ aos franquiciados, e engade que a web de Locotoo ten un deseño, funcionamento e estrutura “completamente diferenciados da de Cash Converters”.
“Non se detectan incumprimentos normativos respecto da Lei de Propiedade Intelectual, a Lei de Segredos Empresariais ou a Lei de Competencia Desleal”, sinala a sentenza, que tamén recolle que os de Locotoo e Cash Converters eran diferentes modelos de tenda. Desde Locotoo valoraron este fallo como “un respaldo á decisión de desenvolver un proxecto empresarial propio e á defensa mantida durante o procedemento”.
