InicioEconomíaProtesta ante Stellantis polo despedimento dunha traballadora dunha auxiliar candidata ás eleccións...

Protesta ante Stellantis polo despedimento dunha traballadora dunha auxiliar candidata ás eleccións sindicais

O comité de Grupo UB vincula o cesamento a un contexto de conflitos coa empresa e apunta á posible “represión sindical”; a afectada estaba afiliada á CGT.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Traballadores de Grupo UB, empresa auxiliar do sector da automoción, concentráronse este venres ante un dos accesos á planta de Stellantis en Vigo para protestar polo despedimento dunha empregada afiliada á CGT e candidata nas próximas eleccións sindicais. Os representantes do persoal sosteñen que o cesamento “non pode analizarse unicamente como un expediente disciplinario illado”, ao producirse, segundo explicaron, despois de conflitos previos coa empresa e nun momento no que a traballadora desenvolvera unha participación activa no ámbito sindical.

O comité relaciona ademais este episodio coa recente sanción imposta a outro afiliado da CGT, circunstancias que, ao seu xuízo, permiten apuntar á posible existencia dun contexto de “represión sindical”. Os representantes dos traballadores destacaron tamén a situación persoal da empregada despedida, unha muller xitana, e advertiron das “dificultades e prexuízos” que, segundo sinalaron, continúan afrontando persoas desta comunidade para acceder e permanecer no mercado laboral. Por este motivo, reclamaron que “a igualdade de trato e a ausencia de discriminación sexan unha realidade tamén dentro das empresas”.

O COMITÉ PON O FOCO TAMÉN NO PAPEL DAS AUXILIARES

Os sindicatos enmarcaron o conflito na estrutura industrial que rodea a factoría viguesa de Stellantis e defenderon que os problemas laborais das compañías auxiliares non poden analizarse de maneira illada. Grupo UB forma parte dese ecosistema e, segundo os representantes do persoal, os seus traballadores desenvolven a súa actividade dentro dun modelo produtivo “condicionado polos ritmos, as exixencias e a organización de Stellantis”.

O comité asegura detectar ademais “unha crecente influencia sobre os procesos de representación sindical nas empresas auxiliares”, aínda que non concretou no comunicado actuacións específicas atribuíbles á compañía automobilística neste caso. Os representantes do persoal insistiron en que o sucedido coa traballadora “non pode quedar sen resposta” e anunciaron que continuarán coas mobilizacións para reclamar unha solución ao conflito.

ÚLTIMAS

Intervida unha narcolancha cando era transportada nun camión en Mos

A Garda Civil de Pontevedra interveu unha posible narcolancha que estaba a ser transportada...

Ábrese o prazo de exposición pública para a revisión de autorización ambiental de CZ Vacines (Zendal) no Porriño

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a resolución pola que se...

Caballero recibe de Defensa a Gran Cruz do Mérito Naval con distintivo branco

O Ministerio de Defensa concedeu ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, a Gran Cruz...

A vivenda volve sacar a xente á rúa: Vigo e Ourense mobilízanse contra a “emerxencia habitacional”

Alianza Pola Vivenda convocou mobilizacións para este venres nas cidades de Vigo e Ourense...