O comité de empresa de Madera Fiber, a antiga filial de Faurecia situada na localidade pontevedresa do Porriño, denunciou que os empregados seguen sen cobrar as nóminas atrasadas de outubro e novembro. Nunha mensaxe difundida aos medios de comunicación, a representación dos traballadores criticou que, despois de que a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, asegurase o pasado 29 de novembro que a administración concursal levaría a cabo o pago “inminente” das nóminas, a día de hoxe aínda non se efectuou.
“A luns 18 de decembro os traballadores ven como esa promesa segue sen materializarse”, lamentou o comité. Por outra banda, as mesmas fontes explicaron que os traballadores entraron nun expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) o pasado luns 11, pero que no Servizo Estatal Público de Emprego (SEPE) seguen sen recibir o certificado da empresa, “comunicación obrigatoria para a activación do ERTE e o consecuente pago das prestacións”.
“A situación na que se vén envoltas máis de 100 familias que dependen desta empresa ás portas do Nadal é moi dura. Seguen tendo pendentes sen cobrar varias nóminas e non ven no horizonte unha data posible de cobro da prestación do ERTE”, sentenciaron desde o comité de Madeira Fiber Technologies. Todo iso despois de que se coñecese hai meses que Madera Fiber entrou en concurso de acredores de maneira voluntaria ante a súa complicada situación económica. Tras este movemento, a Xunta anunciou que pediría a Faurecia, a súa antiga propietaria e principal cliente, que recomprase a compañía.
FEITOS
A situación, segundo explicaron os traballadores, vén dada despois de que en xullo de 2021 Faurecia comunicou aos empregados a venda da unidade produtiva ao grupo Callista Private Equity, tratándose dun fondo voitre alemán. En xaneiro de 2022 esta compañía tomou o control da planta do Porriño tras o pago dun euro, a pesar de que Faurecia ademais inxectou capital por valor de tres millóns, segundo denuncian os empregados.
Nese momento, os responsables do comprador reuníronse co comité informando de que traían un plan industrial para dar viabilidade ás instalacións. “A realidade que puidemos comprobar foi que nunca tiveron un plan industrial, nin investiron nada para telo, senón todo o contrario, dedicáronse a descapitalizar a planta, chegando mesmo a vender os terreos en xullo de 2022 por un prezo moi inferior ao valor de mercado de 2,4 millóns”, criticou o presidente do comité de empresa, Leonardo Suárez.
“En febreiro deste ano o fondo voitre alemán, seguindo o seu modus operandi habitual, abandona a antiga planta de Faurecia cedendo os activos por 3.600 euros a unha empresa romanesa xestionada por Rüdiger Wisser, personaxe que se define a si mesmo como ‘o enterrador”, engadiu o presidente do comité. Segundo el, o novo propietario deixou claro que pretendía buscar un novo comprador ou pechar a planta e en setembro presentou o concurso de acredores.