O TSXG confirma a “ilegalidade” da Cidade Deportiva do Celta tras catro anos de pleitos

A sala contencioso administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia  desestimou o recurso de casación cursado polo Concello de Mos.

Integrantes da Comunidade de Montes de Tameiga que loitan contra a Cidade Deportiva do Celta / remitida

A sala contencioso administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia  desestimou o recurso de casación cursado polo Concello de Mos e ven de confirmar así o dictamen anterior do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que declaraba ilegal a construcción da cidade deportiva do celta en montes comunais.

Comunidade de Montes de Tameiga declarouse, nun comunicado, satisfeita ca resolución do Tribunal Superior “que reafirma a ilegalidade das licenzas concedidas polo concello de Mos para a construcción da Cidade Deportiva do Celta”. Así, lembran que o goberno local de Mos permitiu o “despropósito urbanístico” da construción dun edificio de case 3.000 m2 , cando pola cualificación do solo rústico de especial protección, só podían construirse uns pequenos vestiarios e almacéns.

A cidade deportiva é ilegal. A sentenza é firme. Agardamos que pronto se execute a sentenza e restitúa a legalidade urbanística” indicou Cesar Lago, presidente da Comunidade de Montes de Tameiga. Dende a comunidade de montes destacan que tamén Ecoloxistas en Acción, a Asociación Veciñal A Portela de Tameiga e tanto o Partido Socialista como o BNG instaron á xustiza a actuar contra este despropósito urbanístico do goberno local de Mos en montes comunais.

“Fálase sempre dunha cidade deportiva e que renunciaban ao macro centro comercial, pero no proxecto Galicia Sport 360 que presentou o presidente de Celta, Carlos Mouriño, quedounos claro que é un proxecto da industria do ocio e que os campos de fútbol son a excusa para expropiar o monte comunal e logo recalificalo para poder construir un complexo de hoteis, restaurantes, cafeterías e xogos recreativos”, apuntaron os comuneiros. 

A xunta reitora de Tameiga parabeniza a toda a veciñanza comuneira que durante estes máis de catro anos de loita non cederon as ameazas e insultos nin a campaña de acoso mediante denuncias instigadas pola alcaldesa do Partido Popular, principal promotora deste despropósito urbanístico. Agardan que unha vez clara a ilegalidade das licencias concedidas, prospere a denuncia por prevaricación cursada contra Nidia Arévalo pola concesións destas licenzas.

MOS SINALA QUE A CIDADE DO CELTA ESTABA AMPARADA POR UN PLA ESPECIAL

O Concello de Mos saíu ao paso este luns despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) non admitise o recurso de casación presentado polo goberno local contra a sentenza que consideraba ilegal a cidade deportiva do Real Club Celta de Vigo, situada en montes comunais, asegurando que estas instalacións se atopan amparadas legalmente polo Plan Especial de Dotacións que está en vigor desde setembro de 2022.

Así, segundo o Concello, as obras realizadas en Afouteza, o nome que recibe a cidade deportiva, están amparadas no devandito plan, despois de que no seu día os tribunais solicitasen ao goberno local que leva a cabo esta acción para que a obra atopásese dentro da legalidade.

“Desde a administración local mosense xa se anunciou hai un ano que o Concello esgotaría todas as vías legais posibles e presentaría recurso de casación. Recurso que foi inadmitido, pero que non supón a ilegalidade da cidade deportiva, pois esta atópase amparada polo Plan Especial en vigor”, reivindicou o goberno local nun comunicado.

Neste sentido, a alcaldesa, Nidia Arévalo, insistiu en que as obras “non son ilegais” xa que son “totalmente compatibles e autorizables urbanisticamente en chan rústico“. Arévalo explicou que a aprobación definitiva do Plan Especial data de setembro de 2022, aínda que previamente xa fora aprobado inicialmente en xunta de goberno local, trámite tras o cal se someteu ao pertinente período de exposición pública, na que “só” se recibiron tres alegacións.

“Despois, con todos os informes sectoriais favorables, aprobouse provisionalmente en xunta de goberno local para a súa remisión a Urbanismo da Xunta de Galicia. A continuación, a Xunta informou e remitiullo ao Concello para a súa aprobación definitiva, efectiva fai sete meses”, informou a alcaldesa. “Desta maneira, este Plan Especial en vigor ampara a legalidade urbanística da cidade deportiva Afouteza, na que non inflúe a inadmisión do recurso de casación ao Concello de Mos”, sentenciou.

ALFONSO RUEDA

Precisamente este luns tamén foi preguntado o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre este asunto. El indicou que se trata dunha situación “que xa se coñecía” e que o Concello de Mos expuxo unha solución a través dun plan sectorial para legalizar todas as actuacións.

“Segundo teño entendido, agora mesmo estase nese proceso de legalización e ese plan sectorial permitiría ese proceso de legalización. Aí si que interveu a Xunta por petición do Concello e en cumprimento da normativa”, engadiu Rueda. Por iso, indicou que se esta legalización vaise a producir, “pouco máis hai que dicir” xa que agora depende do Concello de Mos “dar as licenzas ao amparo do plan”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here