A ministra de Educación, Formación Profesional e Deportes, Milagros Tolón, asegurou que o estadio de Balaídos dará “moito que falar” no Mundial 2030 e subliñou que o Consello Superior de Deportes (CSD) “vai estar axudando” ás cidades que sexan elixidas como sedes.
Así o sinalou este sábado durante unha visita á cidade olívica, onde felicitou tanto o Celta de Vigo como o alcalde, Abel Caballero, por seren “previsores” e polas obras xa realizadas no campo e polas que están por chegar. “Quedo sorprendida do que aquí se fixo”, subliñou.
Para ela, Vigo é un “punto clave” da península ibérica, polo que o Goberno xa está a traballar para que a cidade, e o resto de urbes propostas, sexan elixidas pola FIFA como sedes do Mundial. “Eu creo que aquí non imos ter problema, neste fermoso estadio”, engadiu.
Preguntada polos medios de comunicación sobre se o Goberno central achegará financiamento para as obras de Balaídos, despois de que a Xunta insistise na importancia de que o Executivo tamén contribuíse, en contra do que defende Caballero, que pide un pacto a tres entre Deputación, Concello e Xunta; Tolón indicou que o CSD “vai estar axudando” ás sedes do Mundial e apuntou a que o resto de administracións tamén o fagan.
Pola súa banda, o rexedor vigués foi preguntado pola data en que se reunirán todas as partes para pactar o financiamento necesario para Balaídos, e Caballero asegurou que ese encontro se celebrará antes das eleccións. Abel Caballero agradeceu a Talón a visita á cidade xusto o día en que Vigo celebra o acendido das súas luces de Nadal.
