InicioCulturaXunta, Concello e Celta: así é a lea sobre o frustrado concerto...

Xunta, Concello e Celta: así é a lea sobre o frustrado concerto de Muse en Vigo

O Goberno galego vincúlao cunha petición do Celta para facer eventos polo seu centenario.Abel Caballero acusa a Fernández-Tapias de "mentir" e critica que a Xunta "xa decidiu levar ese concerto a outra cidade".

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Xunta desvelou este xoves que a solicitude para facer concertos no estadio municipal de Balaídos foi remitida polo Real Club Celta ao Concello (propietario do campo), e a entidade deportiva limítase a pedir autorización para concertos e eventos con motivo do seu centenario, e que se celebrarían entre o segundo semestre de 2022 e o ano 2023, en que o club cumpre o seu primeiro século.

Na solicitude, o Celta non expón que os eventos a realizar teñan vinculación co Xacobeo, nin sequera que puidese haber un patrocinio futuro, e limítase a pedir “autorización explicíta” para concertos e eventos multitudinarios, debido ao interese dunha “elevadísima porcentaxe do celtismo” e dentro das celebracións do seu centenario.

A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias afirmou nas últimas horas que o Goberno galego pechou a contratación da banda británica Muse e que a súa intención é que o grupo actúe na cidade. O único recinto que reúne as características para o concerto sería o estadio municipal, pero Fernández-Tapias lamentou que o “veto” do alcalde imposibilitaba que se faga o evento en Vigo.

O rexedor reiterou este xoves que o Concello non recibiu petición algunha relacionada cun concerto de Muse en Balaídos nin por parte da Xunta, nin da organización do Xacobeo nin de ningunha empresa promotora. “Se non o pediron, é que nunca tiveron previsto facelo”, denunciou.

Así mesmo, o goberno local nun comunicado si se refire a a solicitude do Real Club Celta, pero incide en que a entidade “tan só alude á celebración do seu centenario, co que o Concello quere cooperar, como sempre fixo”.

O alcalde, Abel Caballero, acusou a delegada da Xunta de mentir, e advertiu de que, en política, iso é “moi grave”. Na mesma liña, o comunicado remitido aos medios conclúe que “a Xunta xa decidiu levar ese concerto a outra cidade”.

“BALAÍDOS COMO PRIMEIRA OPCIÓN”

Pola súa banda, a delegada da Xunta repetiu este xoves que xa había un acordo coa promotora de Muse para realizar o concerto e que é a negativa do goberno local a que fai inviable que a actuación sexa en Vigo. Respecto diso, fontes autonómicas lembraron que xa hai semanas que o alcalde afirmou que non quería concertos do Xacobeo na cidade, e mesmo nos últimos días, antes de facerse público o nome do grupo, Caballero descartou o uso de Balaídos polas obras de reforma ou do auditorio de Castrelos.

A Xunta explicou que, a mediados de marzo, se iniciaron contactos coa promotora de concertos de Muse “con Balaídos como primeira opción” e Riazor como segunda. Días despois, a empresa fala co Celta, entidade que usa o campo en exclusiva, “para coñecer as posibilidades e características” do estadio municipal.

A principios de abril, a entidade celeste remite ao Concello a súa petición de que se lles autorice a organizar concertos multitudinarios vinculados ao seu centenario, “sen que se obtivese resposta algunha ata agora”.

O pasado martes, e despois de que o rexedor avanzase a súa negativa á realización de concertos en Balaídos, a promotora descarta a actuación en Vigo e así llo comunica á Xunta, segundo fontes autonómicas, que sinalaron que si haberá actuacións musicais, aínda que serán noutro formato, en terreo portuario.

Marta Fernández-Tapias censurou a “estratexia de bloquear calquera actuación do Executivo autonómico” por parte do goberno vigués, o que contrasta con outras cidades, como A Coruña, onde a súa alcaldesa (tamén socialista) “ofreceuse desde o minuto 1 a falar coa Xunta e chegar a un acordo”. “O resultado é que Rosalía actuará no Coliseum nun concerto patrocinado polo Concello, a través do Consorcio de Turismo, e a Xunta, a través do Xacobeo”.

Muse non actuará en Vigo este verán ante a guerra entre Concello e Xunta

ÚLTIMAS

Caballero: “A sanidade de Vigo vive a situación máis calamitosa da historia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu denunciar este martes a "situación calamitosa" da...

Acepta dous anos de prisión por encerrar cunha cadea e maltratar ao fillo adolescente da súa parella en Vigo

Unha muller aceptou dous anos de cárcere por encerrar no seu cuarto cunha cadea...

Stellantis Vigo habilita 29 mesas para as eleccións sindicais: estes son os horarios por quendas

A factoría viguesa de Stellantis habilitará ata 29 mesas electorais para facilitar a participación...

O BNG de Vigo denuncia unha “crise de emprego” na cidade e lamenta a ausencia de políticas do goberno local

O BNG de Vigo alertou este martes sobre a "preocupante e insostíbel" realidade do...