O BNG de Vigo alertou este martes sobre a “preocupante e insostíbel” realidade do emprego na cidade, cunha crise e unha precariedade que o goberno local ignora, apostando pola “precariedade”, a “turistificación” e unhas verdadeiras políticas de emprego.
Nun comunicado, o grupo nacionalista advertiu de que o goberno de Abel Caballero “pretende agochar baixo toneladas de propaganda” unha realidade ben distinta, como reflicten os datos do paro de setembro, con 222 novas persoas desempregadas nun só mes e cun número de desempregados en Vigo que “se achega xa perigosamente” ás 15.000 persoas.
Para os nacionalistas, o feito de que a tempada de verán remate cun “saldo devastador” de perda de emprego (800 menos desde maio) demostra “a enorme fraxilidade do modelo laboral polo que aposta o goberno municipal, baseado na estacionalidade e na turistificación masiva, alentando a terciarización da economía cun peso cada vez maior do sector servizos, marcado pola precariedade laboral e os salarios de miseria”.
O portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas, denunciou que, perante este “drama social”, a resposta do goberno local foi “un desmantelamento sistemático das políticas activas de emprego”. Así, puxo como exemplo o programa Vigo Emprega, que ofrece para este 2026 a cifra “ridícula” de 75 prazas, fronte ás 220 que ofertaba en 2016. Por iso, o BNG esixiulle ao goberno vigués “que abandone as políticas de escaparate e as luces led para poñer o Concello ao servizo das maiorías sociais”, e reclamou que se tripliquen os fondos do Vigo Emprega para o ano que vén.
Á Xunta, os nacionalistas pedíronlle que despregue “un verdadeiro plan de reindustrialización e reactivación produtiva” de Vigo e da súa comarca, para blindar a continuidade de actividades estratéxicas como o naval ou a automoción, e para converter a cidade “na capital galega da innovación, a tecnoloxía e as comunicacións”. “Vigo non se pode resignar a ser unha cidade de empregos precarios e temporais. Temos que garantir o dereito irrenunciable a vivir dignamente dun traballo na nosa propia terra”, proclamou Pérez Igrexas.
