Unha muller aceptou dous anos de cárcere por encerrar no seu cuarto cunha cadea e maltratar o fillo adolescente da súa parella en Vigo. Na vista de conformidade celebrada na Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede na cidade olívica, recoñeceu os feitos e chegou a un acordo coas partes polos delitos de detención ilegal e maltrato familiar. O acordo inclúe 60 días de traballos en beneficio da comunidade, unha orde de afastamento de 200 metros respecto da vítima durante catro anos, a prohibición de ter armas durante dous anos e nove meses e o pagamento das costas procesuais. Ademais, a muller aboou 3.500 euros de responsabilidade civil, destinados ao mozo, polo que se lle aplicou a atenuante de reparación do dano.
A suspensión do ingreso en prisión queda condicionada a que non volva delinquir nos vindeiros cinco anos e non se achegue nin se comunique coa vítima durante ese período. A Fiscalía solicitaba inicialmente penas que sumaban seis anos e dez meses de cárcere. Segundo recollía o escrito de acusación, a muller conviviu co pai do rapaz entre decembro de 2023 e xuño de 2025 nun domicilio de Vigo. O menor tiña 15 anos cando comezou a convivencia e quedaba ao seu coidado durante as ausencias prolongadas do pai por motivos laborais.
Neses períodos, obrigábao a permanecer encerrado no dormitorio e pechaba a porta cunha cadea. Os enc erros podían durar varias horas pola tarde durante o curso escolar ou prolongarse toda a xornada nas vacacións. Só lle permitía saír para comer e ir ao baño. Para privar o adolescente de liberdade e autonomía, a muller retiroulle as chaves da casa, o teléfono móbil, o DNI e as tarxetas sanitaria e bancaria. Tamén lle impedía visitar a súa avoa, que vivía no mesmo edificio, ou os seus tíos, que residían nun inmoble próximo. A Fiscalía describía, ademais, un trato despectivo continuado, con insultos como “hijo de puta”, “subnormal” e “gilipollas”, ameazas de mallarlle e de “reventarlle” os dentes, así como zarandeos e golpes na caluga.
O 19 de xuño de 2025, durante unha discusión na cociña, a acusada golpeou o rapaz coa porta da neveira no brazo esquerdo e, a continuación, agarrouno polos brazos e zarandeouno. Como consecuencia desta agresión, o menor sufriu unha ferida abrasiva no antebrazo, un hematoma e unha síndrome ansiosa reactiva. Ao día seguinte, volveuno encerrar no cuarto coa cadea e marchou da vivenda, que tamén deixou pechada con chave. O adolescente pasou 45 minutos tentando saír, ata que finalmente a cadea cedeu. Unha vez fóra do dormitorio, atopou un xogo de chaves e conseguiu abandonar a casa. Acudiu ao domicilio dos seus avós, onde pasou a residir de maneira habitual.
