A factoría viguesa de Stellantis habilitará ata 29 mesas electorais para facilitar a participación do seu persoal nas eleccións sindicais deste venres 16 e sábado 17 de outubro. Segundo informou a Mesa Electoral Central da empresa, os horarios de votación adaptaranse ás distintas quendas de traballo.
O persoal das quendas de mañá, tarde e central poderá votar o venres 16 entre as 10.00 e as 19.00 horas. Para as persoas da quenda de noite, a votación abrirase ás 22.00 horas do venres e prolongarase ata as 02.30 horas do sábado 17. Pola súa banda, o persoal da quenda de fin de semana votará o sábado entre as 08.00 e as 12.00 horas. Nas mesas estarán dispoñibles papeletas e sobres de todas as candidaturas. Serán de cor sepia para o Colexio de Técnicos e Administrativos e de cor branca para o Colexio de Especialistas e Non Cualificados.
A Mesa Electoral Central lembra que non se poderá riscar ningún nome da papeleta para que o voto sexa válido. As persoas votantes poderán acreditar a súa identidade mediante o DNI, o carné de empresa ou o permiso de conducir. O persoal en situación de baixa poderá votar nas mesas correspondentes aos seus talleres ou servizos, a calquera hora dentro do horario establecido para a quenda á que pertenza.
