InicioCulturaA UVigo encabezará un proxecto para divulgar o patrimonio cultural de áreas...

A UVigo encabezará un proxecto para divulgar o patrimonio cultural de áreas rurais xunto a vías de peregrinaxe europeas

A orixe deste proxecto está nunha conversa entre o investigador Martín López Nores con responsables da Fundación Uxío Novoneyra, onde se falou de aproveitar o 'tirón' do Camiño de Santiago para derivar aos peregrinos a contornas rurais próximas

PUBLICADO O

A Universidade de Vigo presentou este luns o proxecto rurALLURE, unha iniciativa internacional na que participan socios de seis países europeos, liderados pola institución académica galega, e que ten como finalidade pór en valor e divulgar o patrimonio cultural de áreas rurais na contorna das vías de peregrinación de Europa.

Trátase dun proxecto financiado con case 3 millóns de euros procedentes do programa Horizonte 2020 da Comisión Europea no que traballarán grupos de investigación de universidades, empresas, institucións públicas ou museos.

Así, rurALLURE busca ampliar as experiencias dos peregrinos que percorren os camiños europeos, dándolles a coñecer a oferta cultural das áreas rurais próximas a través de ferramentas tecnolóxicas e estratexias de innovación, segundo explicou o investigador principal do proxecto, Martín López Nores.

A orixe deste proxecto está nunha conversación do propio López Nores, hai un ano, con responsables da Fundación Uxío Novoneyra, na que se puxo sobre a mesa a idea de aproveitar o ‘tirón’ do Camiño de Santiago para derivar aos peregrinos a contornas rurais próximos. Deste xeito, destacou, auméntase ” a visbilidade e a accesibilidade a museos e lugares de interese patrimonial e cultural”.

rurALLURE ten unha duración de 3 anos e nel participan investigadores das univerdsidades de Vigo, A Coruña, Autónoma de Madrid, Bratislava, Padua, Bologna ou a Universidade Norueguesa de Ciencia e Tecnoloxía. Este consorcio desenvolverá unha plataforma tecnolóxica para reunir os lugares con patrimonio que rodean as grandes vías de peregrinación e institucións de interese, como museos, recursos naturais, patrimonio etnográfico, etc., e na que tamén se incluirá información sobre servizos (aloxamentos, restauración, transportes,…).

PROXECTOS PILOTO

Para validar os resultados da investigación e o funcionamento da plataforma, poranse en marcha catro experiencias piloto: unha sobre o patrimonio literario do Camiño de Santiago, na que se porá en valor o patrimonio nalgúns tramos (Pedrafita-Santiago, As Medulas-Chantada, Porto-Vilarinho); outra sobre o patrimonio termal nos camiños a Roma; unha sobre o patrimonio etnográfico do Camiño de San Olaf (Noruega); e outra sobre o patrimonio natural nas vías de peregrinación mariana a Sumuleu Ciuc (Romanía).

Segundo explicou López Nores, tamén hai contactos preliminares con axencias de amigos do Camiño e entidades similares en países do Benelux, Irlanda e Lituania, e o próximo ano prevense contactos con axentes que traballan en Albania, Macedonia, Grecia e Turquía.

Por outra banda, este investigador recalcou a importancia que están a gañar os destinos rurais no actual contexto de pandemia, por ser lugares “menos concorridos” e “máis seguros”. Ademais, ao derivarse aos peregrinos a outras zonas, apuntou, “desconxestiónanse os albergues”.

Pola súa banda, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, e a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, felicitaron aos participantes neste proxecto multidisciplinar, dos departamentos de Enxeñaría Telemática, Historia, Arte e Xeografía, Didácticas Especiais e Socioloxía.

Así, Belén Rubio animou a outros grupos a seguir o exemplo deste proxecto, no que se involucraron científicos de diversas disciplinas, e destacou o gran número de proxectos concedidos á UVigo ao amparo do programa Horizonte 2020 desde que se puxo en marcha a Oficina de Proxectos Internacionais.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...