InicioCulturaA UVigo coordina en Galicia o evento de Ciencia aberta máis grande...

A UVigo coordina en Galicia o evento de Ciencia aberta máis grande do mundo: a G-Night

O edificio Redeiras volverá ser a sede na cidade de Vigo, con máis de 20 postos que acollerán obradoiros, experimentos, charlas e outras actividades.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Nesta cuarta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night), a ciencia e o coñecemento sairán dos laboratorios e das aulas para trasladarse a rúas, museos, parques e bares das cidades de Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol e Lugo. O 27 de setembro levaranse a cabo máis de 100 actividades de divulgación, en máis dunha vintena de localizacións para fomentar o interese pola ciencia.

En Galicia, o evento está coordinado pola Universidade de Vigo, que lidera un consorcio formado por varios socios, entre os que se atopan as universidades de Santiago de Compostela e da Coruña, varios institutos de investigación do CSIC (IEGPS, IEO, MBG e Incipit) e outros organismos de investigación galegos (INIBIC, Idis, CITMAga, SEBBM, CESGA e RAGC). Neste caso, a G-Night é un evento asociado ao proxecto europeo e lévase a cabo cos recursos propios das entidades que integran o consorcio e co apoio da Xunta de Galicia.  

ACTIVIDADES NA CIDADE OLÍVICA

Por segundo ano consecutivo, a praza do Berbés en Vigo, co edificio Redeiras como punto central, acollerá unha gran feira científica, organizada pola Universidade de Vigo e coa colaboración do Concello de Vigo. O programa na cidade complétase cunha charla na biblioteca Xosé Neira Vilas e cos obradoiros organizados polo Centro Oceanográfico de Vigo (IEO), que terán lugar no espazo anexo ao Museo Marco entre as 17.00 e as 21.00 horas.

Baixo o lema, ‘Conciencias creativas’, a feira científica en Redeiras desenvolverase entre as 17.45 e as 22.00 horas, e as persoas asistentes atoparán actividades gratuítas dirixidas tanto aos máis pequenos e pequenas da casa coma a toda a familia. Paralelamente á feira, con máis de 20 postos científicos, o edificio acollerá charlas, un xogo de escapadaobradoiros interactivos e un espectáculo de danza. O dúo PÄRBO, integrado por dous dos artistas galegos con máis proxección, Begoña Riobó e Anxo Pintos, poñerán o ramo a este grande evento científico e cultural.

As actividades da G-Night en Vigo complétanse cun paseo científico a bordo da embarcación Nautilius (Ocean Secrets) organizado polo Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC). O público de todas as idades, previa reserva de praza, poderá descubrir a diversidade mariña do fondo da ría grazas ao robot que leva o barco. A programación completa pode consultarse na páxina web da G-Night. Durante os días previos á celebración da G-Night levaranse a cabo relatorios de científicos e científicas da Universidade de Vigo nos centros escolares e nos institutos da cidade, no marco da iniciativa Researchers at Schools.

UN PASEO POLA PONTEVEDRA LITERARIA E A BIODIVERSIDADE

Pontevedra acollerá un roteiro científico organizado pola UVigo en coordinación coa doutora en Filoloxía Galega e profesora da universidade, Ana Acuña. A mañá do propio 27 de setembro, as persoas participantes terán a oportunidade de familiarizarse cos diferentes períodos literarios e visitar puntos con algunha significación nas diferentes obras destacadas. A escritora Fina Casalderrey acompañará o final do roteiro salientando a relación da súa obra coa cidade. Esta saída terá unha duración de dúas horas cun límite de 25 prazas e é preciso inscribirse para participar.

A Misión Biolóxica de Galicia (MBG), centro do CSIC en Pontevedra, levará a cabo un xogo de escapada no que se tratará dunha forma lúdica e orixinal problemas sociais como a perda de biodiversidade, o cambio global, a escaseza de auga, a saúde do solo e das sementes e da súa importancia para alimentar o mundo. Tamén será preciso inscribirse previamente a través do correo info@biomision.eu.

CIENCIA NO BAR E OBRADOIROS EN OURENSE

En Ourense o escenario será o Café & Pop Torgal, que o venres 27 de setembro acollerá, a partir das 19.00 horas, dúas charlas científicas: ‘Aprendizaxe baseada en xogos e o colectivo transxénero’, a cargo de Paula Rodríguez, e ‘A ciencia axuda a reducir a violencia de xénero’, a cargo de María José Vázquez. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala. O programa na cidade complétase cun obradoiro de escritura sobre linguas da antigüidade, organizados por persoal investigador do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT), e para o que será preciso inscribirse previamente.

Con este evento, a UVigo tratará de amosarlle á sociedade unha pequena representación das áreas de estudo máis significativas da institución con máis de 100 persoas involucradas na súa organización. Entre os ámbitos máis destacados estará a investigación mariña, coa participación dos grupos FOL, Xenética de Poboacións e Citoxenética, e PhysToFish do CIM; a enxeñaría e as novas tecnoloxías, coa participación de investigadores e investigadoras da Escola de Enxeñaría Industrial e da Escola de Teleco, o grupo EN.EDI e os grupos de atlanTTic GTI, Tecnoloxía Aeroespacial e Vigo Quantum Communication Center e o grupo BIOSUV do CINTECX; as ciencias, cos grupos Química e Analítica Alimentaria, BiotecnIA, FunNanoBio do CINBIO e o persoal investigador do proxecto AGROSUS. Pero tamén haberá representación doutros centros de investigación da UVigo como ECOBAS; da Unidade de Igualdade e do alumnado da UVigo responsable dos proxectos UVigo SpaceLab e UVigo Motorsport. O CITMAga tamén nos acompañará en Vigo con dous obradoiros e dúas interesantes charlas.

ACTIVIDADES NOUTRAS UNIVERSIDADES E CENTROS DE INVESTIGACIÓN

O paseo do Parrote da Coruña acollerá de 18.00 a 21.00 horas obradoiros científicos para todos os públicos, coordinados pola UDC en colaboración coa Autoridade Portuaria da Coruña, os Museos Científicos Coruñeses e Coca-Cola, onde participarán tanto persoas investigadoras da propia universidade coma do Instituto Oceanográfico e a SEBBM. Asemade, haberá actividades no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT), DOMUS (organizadas polo INIBIC) , Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas, visitas guiadas ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIC) e Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), unha peza teatral na Casa Hamlet e ciencia no bar en La Olímpica e no Árnica. No campus de Ferrol, os eventos terán lugar no CITENI e na Asociación de Veciños de Canido. Bótalle un ollo á web para non perderte nada da extensa oferta.

No caso da Universidade de Santiago de Compostela, a feira científica trasládase ao Claustro do Colexio Fonseca, cun completo programa de obradoiros e demostracións de 18.00 a 21.00 horas, onde tamén terán presenza o INCIPIT e o CITMAga. Pola súa banda, o IEGPS complementa a feira cun interesante roteiro sobre a pegada das mulleres nas rúas de Compostela e un obradoiro para descifrar as escritas antigas. A programación complétase con charlas organizadas polo CITMAga no salón de graos de San Xerome, portas abertas no INCIPIT e no CESGA e un relatorio organizado pola Real Academia Galega de Ciencias. O campus de Lugo, coa participación de Xuvenciencia e Agromar, ofrecerá tamén un amplo programa de actividades no Mercado Municipal e na praza de abastos.

A Noite Europea dos Investigadores é un proxecto de divulgación científica promovido pola Comisión Europea dentro das accións Marie Skłodowska-Curie do programa Horizonte Europa, que ten lugar simultaneamente en case 400 cidades europeas dende 2005. Coñece o programa completo na web do evento.

ÚLTIMAS

Morre unha muller tras esborrallarse en pleno centro de Vigo

Unha muller de 56 anos de idade, M.A.S.M.,  faleceu na mañá deste venres en...

Tenta tirar pola xanela á súa parella tras unha discusión nun piso da rúa Pazo

Axentes da Policía Local detiveron a un veciño da cidade, M.F.C., de 41 anos, como presunto...

Queres saber como é a nova torre de control dixital de Peinador?

Trece monitores de 55 polgadas cada un que recollen as imaxes captadas por máis...

O conselleiro de Sanidade sobre a próxima entrada en vigor do novo contrato de Povisa: “Ninguén vai obrigado”

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, ratificou este mércores que para abril --o...