InicioVigo e contornaVigoO comité do Concello de Vigo denuncia privatización de servizos e anuncia...

O comité do Concello de Vigo denuncia privatización de servizos e anuncia mobilizacións

O Comité tamén lamenta a falta de diálogo co Concello e denuncia ademais a falta de persoal.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O comité de persoal do Concello de Vigo trasladou este xoves publicamente unha nova denuncia pola falta de persoal no consistorio, pola privatización paulatina de servizos, as malas condicións de moitas instalacións municipais e a ausencia de “diálogo fluído” por parte do goberno local, ao que acusan de “faltar ao respecto” ao órgano de representación dos traballadores.

Nunha rolda de prensa, o presidente do comité, Tino Martínez (UGT) subliñou que as políticas municipais de Abel Caballero levan a unha “destrución constante” de emprego público, con departamentos sen persoal suficiente por baixas, excedencias, permisos de maternidade e paternidade, e vacacións, que non se cobren.

Estes problemas “agrávanse” pola lentitude na convocatoria das ofertas de emprego público e criticaron a “hipocrisía” de Abel Caballero, no seu defensa dos servizos públicos, cando “defende o contrario” na administración que el mesmo preside.

O comité advertiu de que a deterioración e o “desmantelamento” dos servizos públicos afecta directamente á atención aos cidadáns, e puxeron o exemplo da falta de persoal en Servizos Sociais ou en bombeiros, e mesmo apuntaron que a falta de mantemento afecta tamén os espazos físicos onde traballan (inundacións, risco de fallos eléctricos, falta de calefacción nalgunhas áreas, etc.)

MOBILIZACIÓNS

O representante do SIT, Dámaso Pena, advertiu de que o goberno local é coñecedor da situación e dos problemas de falta de persoal, e denunciou que “non todo son luces e música”. Ao seu xuízo, a única actuación do goberno municipal para paliar as deficiencias nos espazos de traballo é “comprar caldeiros para as pingueiras”.

Pena, quen subliñou que o Concello presta servizos en condicións “terceiromundistas”, incidiu en que o goberno de Abel Caballero “non fai nin maldito caso” ao comité de persoal. “Non nos deixan usar a ferramenta da negociación, o único que nos din é que vaiamos ao xulgado para demorar os acordos, é unha falta de respecto aos sindicatos, ao comité e aos traballadores”, engadiu.

Na mesma liña, Carlos Iglesias (CIG) advertiu de que, tras as políticas de persoal do Concello, escóndese a intención de “privatizar paulatinamente” os servizos públicos; mentres que Enrique Alonso (CC.OO.) tamén criticou a “falta de vontade” política para liquidar unha situación que o comité denunciou varias veces.

O comité de persoal lamentou que, das 1.500 prazas de traballadores públicos do Concello olívico, hai máis de 300 vacantes sen cubrir, ou cubertas de forma interina. Isto tradúcese tamén nos orzamentos municipais, xa que, desde 2016, deixáronse de gastar uns 60 millóns de euros do capítulo un (destinado a pagar ao persoal) e ese remanente non se investiu en contratación nin emprego público.

Por todo isto, anunciaron a convocatoria de asembleas e dunha concentración, que se celebrará o vindeiro mércores, coincidindo coa sesión plenaria correspondente ao mes de xaneiro.

ÚLTIMAS

A praza baleira e a nosa débeda con Martínez Garrido

O outro día atopeime cunha imaxe tan chocante como reveladora: o busto do Rei...

O PP afea a Caballero que se acorde das familias “só en ano electoral” e pide recuperar as axudas para libros

O grupo municipal do PP en Vigo reclamou este martes ao goberno local que...

A falta de visibilidade en Peinador obriga a regresar a Madrid a un avión con destino Vigo

A falta de visibilidade obrigou a regresar a Madrid ao piloto do voo de...

‘Romaría’: Carla Simón viaxa á ría de Vigo para reconstruír o pasado dos seus pais

A cidade de Vigo acolle este martes a preestrea do filme 'Romaría' (a estrea...