InicioPolíticaA Corporación de Vigo pide á Xunta que manteña todos os servizos...

A Corporación de Vigo pide á Xunta que manteña todos os servizos de Atención Primaria

O grupo de goberno aproba pedir a declaración de Zonas de Gran Afluencia Turística.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Corporación de Vigo aprobou este mércores por unanimidade nunha sesión ordinaria do Pleno unha moción socialista para instar á Xunta a manter a totalidade dos servizos sanitarios de Atención Primaria no verán.

O portavoz do goberno local, Carlos López Font, defendeu esta proposta ante a situación “caótica” da sanidade pública na área de Vigo, que se traduce en listas de espera, profesionais saturados e outros problemas.

Segundo incidiu, trátase dunha situación “estrutural”, e acusou á Consellería de Sanidade de pretender “vestir” as decisións de recortes de servizos no verán “como algo circunstancial”. “Cada verán péchanse ao redor de 180 camas na área de Vigo”, apuntou, e subliñou que a política sanitaria da Xunta conduciu a un escenario “intolerable”, que mingua a calidade asistencial.

Na mesma liña pronunciáronse os grupos de esquerdas na oposición. Así, mentres Marea de Vigo subliñou que a área sanitaria leva “unha década de desmantelamento” e de precariedade laboral dos profesionais; o BNG censurou que o conselleiro “di que podemos ir tranquilos aos centros de saúde”, cando o sistema cada vez ten menos persoal e recursos.

Pola súa banda, a concelleira do PP, Teresa Egerique, admitiu unha situación de “caos” na asistencia sanitaria, pero trasladouno a “todo o territorio nacional”, e lembrou que a Xunta está a tomar medidas como aumentar o número de prazas e contratos. Así mesmo, defendeu que o Sergas planifica os recursos cada ano en función da demanda e a frecuentación prevista nos centros sanitarios, e que a súa xestión é “exemplo” para outras Comunidades Autónomas.

ZONAS DE ALTA AFLUENCIA TURÍSTICA

No pleno ordinario celebrado este mércores, a Corporación tamén aprobou (co voto favorable do PSOE e a abstención do resto de grupos) a proposta para solicitar a declaración de Zonas de Gran Afluencia Turística para o barrio histórico de Bouzas e a área do centro da cidade denominada Vigo Histórico.

O edil de comercio, Ángel Rivas, sinalou que esta declaración, que xa se obtivo en 2016 e está a piques de expirar, serviu para reportar beneficios aos sectores do pequeno e mediano comercio, á hostalaría e a outros negocios de servizos. Agora, propuxo renovar esa declaración, tras “múltiples reunións” con asociacións de comerciantes, de consumidores, hostaleiros, Cámara de Comercio e sindicatos. Este status permitirá aos negocios nestas áreas abrir todos os días do ano ata as 22,00 horas.

O grupo municipal do PP apoiou a proposta, pero advertiu ao goberno local de que “apoiar ao pequeno comercio non é un acordo cada seis anos”, senón que tería que ser “algo contínuo e con investimentos”.

Por contra, tanto Marea de Vigo como BNG criticaron que a declaración de Zonas de Gran Afluencia Turística é posible grazas a unha lei que é “unha aberración”, un “instrumento perverso de desregulación”, porque prexudica os pequenos negocios e beneficia ás grandes superficies.

OUTROS ACORDOS

Por outra banda, o pleno deu luz verde a unha modificación orzamentaria para establecer a gratuidade das escolas infantís municipais; e a unha moción para instar á Xunta e á concesionaria a mellorar as condicións laborais do persoal do Servizo de Axuda no Fogar, entre outros acordos.

Así mesmo, aprobouse unha moción, co único voto favorable do PSOE (o ‘non’ do PP e a abstención de Marea e BNG) para reclamar á Xunta, outra vez, que cofinancie a reforma do estadio municipal de Balaídos.

ÚLTIMAS

Caballero, feliz de que a A-52 entre Vigo e O Porriño está “absoluta e irreversiblemente en marcha”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou este mércores que, coa publicación no BOE...

OPINIÓN.- As competencias dos concellos

Ultimamente vemos como entre as distintas administracións vanse pasando a pelota das competencias e...

Vigo pide á Xunta “toda a información” sobre o túnel de Beiramar antes de convocar a Comisión

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reclamou este martes á Xunta de Galicia "toda...