InicioCulturaAs curtas gañadoras de Cans inician en Caminha o seu periplo internacional,...

As curtas gañadoras de Cans inician en Caminha o seu periplo internacional, recordando a Ernesto Chao

"Matria", "El Reloj" e "Europa" proxectaranse no Teatro Valadares de Caminha.

PUBLICADO O

- Advertisement -

As curtametraxes gañadoras da XV edición do Festival de Cans proxectaranse este xoves 9 de agosto na localidade portuguesa de Caminha. A sesión terá lugar no marco da VII edición do ciclo “Cinema+Perto”, organizado polo prestixioso cineclube Locus Amoenus da localidade caminhense.

As proxecións desenvolveranse no fermoso Teatro Valadares, a partir das 21:30 horas da noite (horario portugués, 22:30 horas, hora galega), e a entrada será gratuita ata completar o aforo.

Nesta proxección, organizada polo cine clube Locus Amoenus en colaboración coa Cámara Municipal de Caminha, proxectaranse varias curtametraxes que, ademais de gañar en Cans, están a ter un gran percorrido internacional.

Matria, a cinta máis premiada na historia do festival

Unha delas será “Matria” de Álvaro Gago, que fixo historia gañando o prestixioso Festival de Sundance, e que marcou tamén un fito histórico na última edición do Festival de Cans, ao acadar catro premios, algo que ningunha outra curta acadara desde que nacera o festival.

“Matria” levou en Cans o Premio do xurado, o premio do Público, o Premio das Veciñas e Veciños de Cans e o Premio á mellor interpretación feminina, co extraordinario traballo da súa protagonista Francisca Iglesias, que cativou a público e xurado.

Alén de “Matria”, en Caminha tamén se poderá ver “Europa” do cineasta redondelano Hugo Amoedo, que este ano inaugurou o palmarés na nova categoría de non-ficción chamada “Furacáns”, levando o premio do xurado, e a curta “El Reloj” de Borja Santomé, que levou o premio do xurado na categoría de animación, co seu singular traballo.

Como introdución ás curtas, proxectarase o documental “Catorce Cans”, dirixido por Isaura Docampo, que reflicte ó espírito da penúltima edición do Festival de Cans. A duración total da sesión será duns 75 minutos, e tamén haberá un coloquio co director do festival, Alfonso Pato, que estará presente en Caminha, xa que coincide que todos os directores premiados se atopan neste momento traballando en diversos países fóra de España.

Esta é a primeira das diversas proxeccións que o Festival de Cans fará este ano, para darlle visibilidade ás curtametraxes premiadas no Festival. Ademais desta sesión en Caminha, estanse preparando proxeccións en cidades como Lisboa, París, Madrid e diversas localidades galegas.

ÚLTIMAS

UXT denuncia unha “grave escaseza de persoal” na residencia Alvi Beade de Vigo

UXT Sanidade denunciou publicamente este martes a situación "especialmente preocupante" que atravesa a residencia...

Un ferido atrapado tras envorcar o seu turismo nun accidente na Ramallosa

Segundo informou o 112, varias persoas chamaron ao servizo para alertar de que o...

Abel Caballero despide o 2025 coa mirada posta no Vigo Vertical e no novo Plan Xeral

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, fixo balance do que cualificou como "o mellor...

Rueda sitúa a Delta Vigo como punta de lanza da innovación galega no sector aeroespacial e da defensa

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor este martes o papel de...