InicioEconomíaLuz verde ao Porto de Vigo para a extinción da concesión de...

Luz verde ao Porto de Vigo para a extinción da concesión de Vulcano

O Tribunal de Conflitos de Xurisdición ditou sentenza. A decisión pode pór en risco o proxecto industrial. Sindicatos ven a extinción da concesión un "novo golpe".

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Tribunal de Conflitos de Xurisdición ditou sentenza na que declara que corresponde á Administración (polo tanto, ao Porto de Vigo) tramitar e resolver o expediente de extinción da concesión do antigo estaleiro Factorías Vulcano, unha decisión que pode pór en risco o proxecto industrial para esas históricas instalacións, agora en mans da sociedade Marina Meridional.

A sentenza estima o conflito de xurisdición entre a Delegación do Goberno en Galicia e o xulgado Mercantil 3 de Pontevedra acerca da concesión (en terra e na lámina de auga) do centenario estaleiro.

Así, mentres que o xulgado incluíu esa concesión no proceso de liquidación do estaleiro e na posterior venda a Marina Meridional, a Delegación do Goberno e o Porto de Vigo sosteñen que, unha vez disolta a sociedade Factorías Vulcano, dita concesión quedou extinguida.

Agora, o Tribunal de Conflitos de Xurisdición avalou as teses da Avogacía do Estado (e do Porto), e declarou que é competencia do organismo portuario tramitar a extinción. De feito, na súa sentenza, sinala que o Mercantil 3 de Pontevedra “invadiu potestades” da Autoridade Portuaria sobre a xestión do dominio público.

Este tribunal sinalou que a concesión obxecto de polémica réxese pola lexislación de Portos do Estado e non pola normativa de contratos do sector público, á vez que lembrou que “non hai elementos” na Lei Concursal que atribúan ao xuíz do Mercantil a competencia sobre o réxime de concesión demanial.

CONFLITO

Este conflito ten a súa orixe na liquidación de Factorías Vulcano, un estaleiro con máis de 100 anos de historia no barrio vigués de Teis e que, tras anos de problemas económicos, entrou no seu último concurso de acredores en 2011. En xullo de 2019 declarouse disolta a sociedade e abriuse fase de liquidación, cuxo plan foi aprobado en novembro dese ano.

O Porto recorreu a aprobación do plan de liquidación ante a Audiencia, ao entender que a concesión non podía ser obxecto de venda porque estaba extinguida, pero o tribunal provincial avalou a decisión do xuíz de primeira instancia. Así, completouse o proceso e as instalacións (xunto coa concesión, que finaliza en 2027) foron vendidas a Marina Meridional que, precisamente, a finais de marzo pasado completou o pago polo estaleiro, case 8 millóns de euros.

A decisión do Tribunal de Conflitos de Xurisdición pon en xaque agora o futuro do proxecto de Marina Meridional (sociedade tras a que está o empresario vigués José Alberto Barreras) xa que, aínda que teña as instalacións, non poderá desenvolverse nelas a actividade de construción e reparación naval sen dispor da concesión.

O Porto de Vigo mantivo, desde a orixe do conflito, que esa concesión debe retornar e, no seu caso, saír de novo a concurso. De feito, o propio José Alberto Barreras sinalaba hai uns días que se o Tribunal fallaba a favor das teses do organismo portuario, tratarían de negociar unha nova concesión, mesmo de máis superficie que a actual.

Barreras anunciou entón que as instalacións, rebautizadas como Astilleros San Enrique, estudan máis dunha trintena de propostas de contratos de construción e reparación naval, por valor duns 240 millóns de euros.

Así mesmo, recoñecía que a incerteza sobre a concesión provocaba reticencias entre posibles clientes, polo que está por ver como afectará a sentenza do Tribunal de Conflitos de Xurisdición ao futuro do estaleiro.

SINDICATOS

Os principais sindicatos da comarca de Vigo lamentaron o “novo golpe” á industria naval e reclamaron á Autoridade Portuaria que, xunto aos novos propietarios das instalacións, busque unha solución para manter a actividade industrial no recinto.

CC.OO. lamentou que este conflito se resolveu “da peor maneira” para os intereses da industria naval da comarca viguesa e de toda Galicia, e cualificaron a resolución como “moi negativa e prexudicial”.

UGT apuntou que “os claros prexudicados” da decisión do tribunal son os traballadores, xa que a sentenza provocará “un atraso importante na reactivación do estaleiro”.

Mentres, a CIG tamén lamentou a resolución do Tribunal de Conflitos de Xurisdición que, na súa opinión, evidencia “o nulo interese do Estado en apoiar o sector naval vigués“, a pesar de que é unha industria “estratéxica” en Vigo e en Galicia, así como “motor” do que dependen miles de empregos.

ÚLTIMAS

Morre unha muller tras esborrallarse en pleno centro de Vigo

Unha muller de 56 anos de idade, M.A.S.M.,  faleceu na mañá deste venres en...

Tenta tirar pola xanela á súa parella tras unha discusión nun piso da rúa Pazo

Axentes da Policía Local detiveron a un veciño da cidade, M.F.C., de 41 anos, como presunto...

Queres saber como é a nova torre de control dixital de Peinador?

Trece monitores de 55 polgadas cada un que recollen as imaxes captadas por máis...

O conselleiro de Sanidade sobre a próxima entrada en vigor do novo contrato de Povisa: “Ninguén vai obrigado”

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, ratificou este mércores que para abril --o...