InicioEconomíaAcordo entre Porto de Vigo e Zona Franca para a recuperación...

Acordo entre Porto de Vigo e Zona Franca para a recuperación de 65.000 metros cadrados en Bouzas

O presidente do Porto, Jesús Vázquez Almuíña tamén informou en rolda de prensa dos datos de tráficos da terminal olívica durante o mes de xaneiro, uns datos que confirman o crecemento do Porto en practicamente todas as áreas.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Autoridade Portuaria de Vigo alcanzou un acordo con Zona Franca para a recuperación de 65.000 metros cadrados da chaira do recheo de Bouzas, e que actualmente forman parte da concesión administrativa ao organismo estatal.

Segundo informou en rolda de prensa o presidente do Porto, Jesús Vázquez Almuíña, iniciouse a tramitación para recuperar ese espazo, que servirá para gañar operatividade na terminal e apontoar os tráficos de automoción.

O Consello de Administración do Porto, reunido este venres, deu luz verde á declaración de interese portuario dese espazo, o primeiro paso para recuperalo. Esta declaración será sometida a aprobación dos órganos executivos de Zona Franca e será validada definitivamente noutra sesión do Consello de Administración do Porto.

Zona Franca é actualmente titular dunha concesión administrativa na área portuaria de Bouzas de 142.052 m2, dos que 77.028 m2 albergan edificacións destinadas a oficinas e naves, incluídos os seus viarios e zona de servizos, e os 65.024 m2 restantes son exclusivamente de chaira, é dicir, sen edificacións, e son os que serán devoltos ao Porto.

Esta medida, explicou Vázquez Almuíña, enmárcase nas actuacións da Autoridade Portuaria para optimizar, reordenar e gañar espazos nos seus terminais, unha necesidade derivada, entre outros, do aumento de tráfico ro-ro (polo incremento de produción na planta de PSA, Grupo Stellantis). No entanto, a recuperación dese espazo non exclúe a necesidade de gañar tamén zona de atracada, segundo matizou o presidente do organismo.

A tramitación deste acordo é consecuencia directa do protocolo xeral de actuacións conxuntas que ambas as entidades subscribiron o pasado mes de xullo para o impulso e desenvolvemento socioeconómico de Vigo e a súa área de influencia. O documento establecía, entre outras cuestións, a posible redución do ámbito concesional do Consorcio da Zona Franca, concretamente da parcela que, na actualidade, atópase arrendada ao grupo PSA para o almacenamento temporal dos seus vehículos.

TRÁFICOS DE XANEIRO

Por outra banda, Vázquez Almuíña tamén informou en rolda de prensa dos datos de tráficos da terminal olívica durante o mes de xaneiro, uns datos que confirman o crecemento do Porto en practicamente todas as áreas.

No primeiro mes de 2021 o tráfico total de mercadorías creceu un 9,46 %. Así, a mercadoría xeral rexistrou un incremento do 8,48 % e a mercadoría contenerizada subiu en TEUS (+18 %) e en toneladas (+16 %).

Con respecto ao tráfico de vehículos, o porto de Vigo púxose, por primeira na historia, como líder a nivel nacional. De acordo coas estatísticas de Portos de Estado, a terminal olívica moveu en xaneiro 41.712 vehículos, fronte aos 40.511 de Valencia e os 3.751 de Barcelona, os seus principais competidores.

Na mesma liña, Vigo sitúase á cabeza en tráfico de pesca, cun rexistro de 2.007 toneladas o mes pasado, aínda que a pesca fresca aínda non recuperou os niveis do exercicio anterior, lastrada polas restricións que afectaron á hostalaría.

ÚLTIMAS

Tradutores alerta da precarización do traballo pola IA e piden non substituír humanos por máquinas

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación (AGPTI) convocou este mércores...

O BNG esixe á Xunta que rectifique o plan de transporte de Vigo e acusa o PP de “reincidir nun modelo sen futuro”

O BNG de Vigo esixiulle á Xunta que “rectifique” o plan de transporte para...

Armadores de Vigo ven “absolutamente insuficientes” as axudas para o sector pola crise de Oriente Medio

A Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI) considera "absolutamente insuficientes"...

A Xunta cifra en 78 millóns de euros os investimentos autonómicos en Vigo “bloqueadas” polo goberno de Caballero

A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, cifrou en 78 millóns de euros...