O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este xoves que o recibo da auga na cidade “encarécese pola Xunta e o seu ‘imposto'”, en alusión ao canon que cobra a administración autonómica, segundo o rexedor, “a cambio de nada”.
Caballero asegurou que a tarifa da auga ten unha parte (a máis grande) que se paga á concesionaria Aqualia, á que o Concello acaba de prorrogar o seu contrato por cinco anos máis. O pago do recibo á empresa é a cambio de que ofreza o seu servizo de saneamento e abastecemento “da mellor auga de España”.
Por contra, indicou, a Xunta cobra un canon en cada recibo “e non dá nada a cambio” porque o diñeiro que recada, uns 6 millóns de euros ao ano, “vai a investimentos fóra de Vigo”.
Abel Caballero fixo referencia ás críticas do grupo municipal Marea de Vigo pola prórroga da concesión a Aqualia, e censurou que este grupo “non mencionou” que, a cambio desa prórroga, a empresa investirá máis de 40 millóns de euros na cidade.
Ademais, puntualizou, Marea de Vigo “non fala da verdadeira realidade do recibo da auga” e é que, mentres os vigueses pagan a unha concesionaria para recibir “a mellor auga de España”, teñen que abonar tamén unha parte á Xunta que, insistiu, “non dá nada”.
Segundo o alcalde, o recibo da auga na cidade “encarécese un 20 por cento” por ese canon, e “podería ser máis barato” se a administración autonómica “o quita”.
NOVA TARIFICACIÓN
Cuestionado polos xornalistas acerca da nova tarificación da auga na cidade que, segundo anunciou o propio alcalde o pasado verán entraría en vigor este 1 de xaneiro, Abel Caballero confirmou que os novos prezos (que supoñen o pago por consumo e a eliminación do cobro por un mínimo, aínda que non se utilice) non entrarán en vigor ata xullo próximo.
De feito, o pleno do Concello deu luz verde, a finais de setembro pasado, á aprobación inicial desta modificación que permitirá cambiar o recibo de saneamento e abastecemento. Segundo indicou o rexedor, os novos recibos suporán unha rebaixa para “máis da metade” dos abonados.