O alcalde de Vigo, Abel Caballero, fixo este xoves un chamamento aos cidadáns para que afronten as novas restricións para frear a pandemia de COVID-19 “con forza” e “prudencia”, cumprindo todas as normas, porque o seu “sacrificio” ten un final que “se albisca no horizonte”.
O rexedor referiuse ávisita que realizou este xoves, en compañía do ministro de Sanidade, Salvador Illa, á planta do grupo Zendal no Porriño, onde se fabricarán vacinas contra o coronavirus para toda a UE.
Respecto diso, destacou que as previsións científicas contemplan que a vacina poida distribuírse a principios do verán que vén. “Isto tennos que facer reforzar o noso coidado ata que chegue esa vacina, que está aí ao lado”, sinalou Caballero.
Segundo subliñou o alcalde, os cidadáns xa teñen “un horizonte” e sábese que “todo o esforzo vai ter un final satisfactorio, e cedo”. “Isto tennos que dar ánimos”, proclamou Abel Caballero, quen pediu á xente “ver con perspectiva” as novas restricións que entrarán en vigor a próxima fin de semana, e que suporán o peche da hostalaría e a limitación de reunións a só conviventes, entre outros aspectos.
Abel Caballero sinalou que a previsión de dispor dunha vacina eficaz en seis meses “é o que nos ten que dar forzas” e, mentres non chega, é fundamental manter a precaución e a prudencia. “Agora non depende da vacina, neste momento depende de nós e do noso comportamento que a xente viva ou morra”, advertiu.