InicioPolíticaAbascal augura que Vox entrará no Parlamento galego pola "deriva nacionalista de...

Abascal augura que Vox entrará no Parlamento galego pola “deriva nacionalista de Feijóo”

PUBLICADO O

- Advertisement -

O presidente de Vox, Santiago Abascal, augurou este sábado que o seu partido obterá representación nas próximas eleccións galegas do 12 de xullo e que entrará no Parlamento autonómico para que “haxa unha áncora que deteña a deriva ‘progre’ e nacionalista” do actual presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feijóo.

Así o asegurou durante un mitin de precampaña que ofreceu este sábado no Auditorio Mar de Vigo, coa apertura da cabeza de lista por Pontevedra, Antonio Ramilo, e fronte a centos de simpatizantes. Todos eles, na súa gran maioría ataviados con máscara e bandeiras de España, mantiveron a preceptiva distancia de seguridade medida a través de butacas baleiras.

Na parte galega do seu discurso, Abascal admitiu que Vox non gañará as eleccións do 12 de xullo, pero que buscará desembarcar no Pazo do Hórreo “para romper o consenso ‘progre'” e para falar daqueles temas que “durante moito tempo dixeron que estaba prohibido falar” e que levaban “insultos” e “etiquetas”.

Neste sentido, afirmou que Feijóo “está nervioso”, porque “só así se pode entender que dixera que “Vox non ten cabida en Galicia”, unha frase que “expresa un sentido patrimonial de Galicia e que non representa a un gobernante democrático”.

APUNTA AOS DOUS ESCANOS POR PONTEVEDRA

Tras lembrar os máis de 115.000 galegos e 38.000 pontevedreses que optaron pola papeleta de Vox nas eleccións xerais do 10 de novembro, calculou que estes apoios implicarán a súa entrada con “mesmo dous escanos” por Pontevedra na Cámara autonómica.

Con todo, admitiu que os candidatos do seu partido, que xa “o teñen difícil en toda España”, téñeno “especialmente difícil naquelas terras nas que a esquerda está máis desatada ou nas que hai movementos separatistas” como, segundo mencionou, o BNG.

Non en balde, Abascal lamentou a “fustrigación” que, segundo denuncia, sofren os seguidores do seu partido mesmo con “violencias físicas” das cales culpou a “os señores de Podemos”.

“COMUNISTAS TOTALITARIOS”

Neste sentido, lembrou a súa visita durante a semana pasada a Mos (Pontevedra) para un acto de partido, no que se atopou coa oposición “dun grupo de fanáticos descerebrados disfrazados diso que agora chaman ‘antifas’, é dicir, comunistas totalitarios”.

O líder de Vox asegurou que durante este episodio recibiu “ameazas explícitas” diante de axentes das forzas e corpos de seguridade do Estado. “E sabedes cantos detidos houbo? Ningún. O señor Javier Losada, delegado do Goberno, permitiu que a Vox se lle hostigase e ameazáseselle durante unha hora”, esgrimiu.

ÚLTIMAS

Achan a 2 persoas falecidas en senllos pisos en Vigo, sendo necesaria a intervención dos bombeiros para abrir un

Dúas persoas foron achadas mortas na mañá deste venres en Vigo en senllos pisos...

A Xustiza de Vigo rexeita ampliar o permiso de paternidade a 22 semanas como o das nais

O xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Vigo desestimou a demanda interposta por un...

A Axencia Tributaria desarticula en Vigo e outras cidades unha ‘macrotrama’ que defraudou 300 millóns en IVE

A Axencia Tributaria desmantelou unha das maiores redes de defraudación de IVE no sector...

Falece Gonzalo Caballero Álvarez, irmán do alcalde de Vigo e pai do exlíder do PSdeG e

Gonzalo Caballero Álvarez, pai do exsecretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero Míguez e irmán...