José Carlos Adán Arias, atleta vigués olímpico en 5.000 metros, comezou a correr nunha carreira do seu barrio, que formaba parte das festividades do San Xoán do 82. Quedou segundo, e marchou para casa contento sen maiores consecuencias.
Ao ano seguinte, repetiu co mesmo resultado, outro segundo posto, de tal xeito que só lle gañou o mesmo corredor. Pero estaba presente Ignacio Cetero, o adestrador daquel mozo, quen vira como un raparigo sen preparación algunha gañara ao resto dos seus atletas, que corrían case todos os días. Carlos tiña 15 anos, e comezou a practicar atletismo con eles, sen máis obxectivo que desfrutar.
Na primavera do 1984 pasou a adestrar con Julio Rodríguez. Eran xa seis días de adestramentos máis intensos, e costoulle uns meses asimilalos. Pero rapidamente acumulou postos de finalista e incluso algúns metais nos campionatos de España de categorías menores.
Comezou a dobrar sesión (é dicir, adestrar mañá e tarde) na tempada 88-89, o que compaxinaba cun traballo de almacén para a marca deportiva New Balance. Tiña 21 anos. Coa idea de chegar a ser internacional absoluto, cheo de ilusión, os días máis intensos da semana non paraba: adestramentos ás 7 da mañá, logo entraba ás 9 a traballar e saía ás 7 da tarde, entón baixaba de novo ao parque de Castrelos ou ás pistas de Balaídos.
Cando queda sexto no campionato de España de campo a través, clasifícase para o mundial de Noruega. Por este éxito gaña máis diñeiro que todo o ano traballando, así que decide dedicarse enteiramente ao atletismo.
O seu plan inicial era volver traballar se non conseguía ningún obxectivo importante antes do 92, pero a progresión resultou tan positiva como para vivir integramente da práctica atlética ata outubro de 2004, día da súa retirada.
Considérase un afortunado: “Foron 15 anos coma deportista profesional nos que puiden vivir sen abafos importantes, aínda que sempre coa tensión de que se non acadas vitorias, tampouco diñeiro. Nun traballo normal, estás de baixa e cobras igual”.
Só tivo tres lesións importantes: unha fractura de estrés no pé dereito, que lle impediu optar aos Xogos Olímpicos de Atlanta ao non poder correr o campionato de España (xa conseguira a marca mínima esixida tanto en 5.000 como en 10.000); unha operación do tendón de Aquiles no 98 e unha mononucleose que lle impediu participar no Europeo de cross do 2000: “A unha persoa normal, non lle afectaría tanto, pero en conxunto co desgaste do meu adestramento, as miñas defensas acusárono moito”.
Pero, en definitiva, “meu deporte é tan traumático que non me podo queixar. Teño moita sorte de con xa 51 anos seguir correndo, de forma popular, e non ter molestias, non me doe nada, e iso que adestraba moitísimo, con Julio Rodríguez. Sometinme a un sistema moi esixente, que aseguraba resultados se o asimilabas. Eran 11 sesións semanais, sen descansar ningún día, acumulando 170 quilómetros á semana durante moitos anos”.
Unha vida difícil pero que elexía e aceptaba: “Gustábame, o levo no sangue. E era un soño: vivir do deporte, viaxar a gastos pagos, representar a España polo mundo”.
Estima como seus máis importantes logros a clasificación para os Xogos Olímpicos de Barcelona, ser campión de España de cross, onde participan medio fondistas e fondistas de tódalas probas, e o sexto posto nun Campionato de Europa de 5.000 en pista decido ao sprint, a menos dun segundo dos metais. Por suposto, tamén está moi orgulloso de ter baixado de 28 no 10.000 e 13.20 no 5.000, posuíndo aínda hoxe o récord galego desta proba.
Os seus adestramentos máis esixentes non supoñen un reto moito menor. Recorda cubrir en solitario e nas pistas de Balaídos un 10.000 en 28:55 minutos, seis series de 1.000 metros a 2:33, tres de 2.000 a 5:15, ou dous tandas de 3 quilómetros recuperando entre 4 e 5 minutos, en só 8:09 e 8:04.
Na actualidade, case ninguén en Galicia é capaz de facer un único tres mil a ese ritmo, e competindo a máxima intensidade contra outros atletas. De feito, a maioría dos corredores populares non poderían soportar seus trotes suaves da época, 12 ou 14 quilómetros en arredor de 3:45 minutos cada un. Os facía polas tardes, despois de completar uns 20 a 3:25 esa mesma mañá.
Por suposto, coidábase: masaxe dous días por semana, dieta, 5 comidas diarias, unhas 8 ou 9 horas diarias durmindo: “Eu non tiña días festivos, comía as uvas e o día 1 estaba ás 11 nas pistas. Non me fixaba no calendario, para min todos os días eran iguais. O primeiro que facía ao levantarme era tomarme o pulso. Se tiña máis de 45 pulsacións, cambiaba as series por un rodaxe rexenerativo. Trátase de darlle caña e recuperarse o máis pronto posible… para seguir dándolle caña”.
Sobre unha das probas máis míticas do atletismo, a maratón, cre que o derrotou: “no 97, prepareina a conciencia. O test de media maratón saíu ben, en 1.03.15, e viaxei a Ámsterdam para baixar de 2.11. Xa na carreira, avanzaba a ritmo de 2.09, pero no 32 as pernas dixeron corre ti, así que acabei en 2.15, sufrindo cambras, pasándoo moi mal”.
Volveu intentalo anos máis tarde, pero “xa saín derrotado”, recoñece. Pasou en 1:05 o ecuador da proba, pero aos 25 quilómetros as imaxes mentais do calvario sufrido na anterior vez foron tantas que abandonou.
En 2003 xa vía a alta competición como parte do pasado, e tomou a decisión meditada de abandonala o ano seguinte: “Creo que é distinto retirarse así que por lesión ou problemas psicolóxicos, leveino moi ben. De feito seguía baixando a Castrelos, ese mesmo ano xa corrín algunha popular, e aínda hoxe se podo gañarlle ao de adiante, dou fe que gánolle”.
O axuntamento de Ribeira chamouno para levar unha escola de atletismo, na que chegou a adestrar á recente medallista europea Ana Peleteiro, pero cesaría desta labor en 2007.
Agora prepara a corredores populares, e ademais dende a súa retirada traballa no porto de Vigo como policía, de feito xa acudiu a varios mundiais de policías e bombeiros, en Australia, Canadá ou EE.UU: “O ano que ven é en China, moi lonxe, pero, se a saúde me acompaña, irei ao de 2021 en Róterdam”.
El mesmo considera algo “masoquista” que o único que bote de menos hoxe en día daquel tempo na elite internacional sexan “os nervios, a tensión. Porque sigo apuntándome en carreiras, pero vou tranquilo. Antes, xogábame constantemente becas e patrocinadores”.
En calquera caso, da súa carreira, asegura que só cambiaría unha cousa: “A fractura de estrés de xuño a setembro, uns meses máis tarde. E quen sabe se podería ter ido tamén a aqueles Xogos de Atlanta”.
PARA SABER MÁIS:
Le a entrevista anterior (David Gómez, Decathlón)
Le a nosa primeira entrevista (Estela Estévez, 3.000 metros lisos)