InicioSociedadeAbel Caballero acende o Nadal con mensaxes aos alcaldes de Nova York,...

Abel Caballero acende o Nadal con mensaxes aos alcaldes de Nova York, Madrid e Barcelona

Novo baño de masas do alcalde de Vigo, que volve tirar do seu humor e 'spanglish' no acto do acendido do alumeado, cuberto por decenas de medios acreditados e seguido por milleiros de persoas nas rúas.

PUBLICADO O

- Advertisement -

“Boas noites Vigo. Boas noites Galicia. Buenas noches España!”. Así arrincou na noite do venres o discurso de Abel Caballero para dar por inaugurado o Nadal co acendido das luces.

Sabedor do interese mediático que espertou este acto en toda España, Caballero deu un discurso de case 13 minutos que pechou coa clásica conta atrás para o iluminado de 10 millóns de lámpadas led. Non en van, había máis de sesenta medios acreditados para cubrir este evento, moitos de fóra de Galicia, aos que saudou no seu discurso e agradeceu o seu traballo. E por se acaso, tamén tirou do seu particular inglés –o que lle deu sona en todo o Estado– para saudar as xentes de fóra: “Good night to everybody, to everyone all around de World”.

Tras un inicio de discurso, xa en castelán, centrado no sentido do Nadal, “para unos tradición, para otros religión, para otros cultura y para otros fiesta”, e logo de repartir saúdos a torto e a dereito, enxalzou o carácter traballador de Vigo, pero tamén o seu impulso innovador e global, pondo como exemplo o lanzamento de nanosatélites deseñados na Universidade (UVigo) e dos que dixo que quere que “lleven la luz de Vigo a todas partes”.

Tamén afirmou que Vigo é “una ciudad solidaria que no quiere que en la crisis nadie quede ladeado en las cunetas; queremos que todos progresen en esta ciudad”.

Caballero enxalzou o alumeado do Nadal. “Que las luces de Vigo iluminen todo Vigo, toda Galicia, toda España y la vieja y nueva Europa”, berrou.

Chegou entón o momento máis mediático e hilarante, cando enviou unha mensaxe ao alcalde de Nova York, “porque si no, no me quedo tranquilo”, introduciu, para logo anunciar, no inglés caballeresco, que vai convidar ao rexedor Bill de Blasio a visitar Vigo “para que goce do alumeado do Nadal”, que é, recordoulle Caballero, “o mellor do mundo”.

Pasou logo ao alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, e a alcaldesa de Barcelona, Ada Colau. Do primeiro dixo que “fue un osado retando al alcalde de Vigo en luces de Navidad” e que “no hubo partido”. A Colau recomendoulle vir á cidade a ver “el arte de las luces”.

Dito isto, tendeu “la mano de la amistad” a todos os concellos de España e saudou as xentes de toda Galicia, de toda España e Europa e mesmo de América que, segundo Caballero, visitan estes días a cidade.

Para os vigueses reservou o postre, un “¡os quiero, os quiero y os quiero!”, tralo cal pasou ao “momento apasionante” de prender as luces.

Mais antes, tivo tamén palabras de agradecemento para os membros do seu goberno no Concello, tralo cal deu paso á conta atrás para prender as luces. “¡Viva Vigo!”, pechou cun berro Caballero, que logo introduciu o que xa é un clásico do alcalde, a canción ‘Happy Christmas’ de John Lenon.

Foi un novo baño de masas de Caballero.

ÚLTIMAS

O primeiro premio da Lotaría Nacional, dotado con 600.000 euros, cae no Porriño

O primeiro premio do sorteo da Lotaría Nacional celebrado este sábado, 19 de abril,...

Piden sete anos de cárcere para un home acusado de vender droga no bar que rexentaba en Vigo

Piden sete anos de cárcere para un home acusado de vender droga no bar...

Desmantelan en Mos unha festa rave

A Garda Civil de Pontevedra, a través do Grupo de Información da súa comandancia, informou sobre...

Rescatan a varios veciños dun edificio en chamas en Vigo

Os Bombeiros de Vigo rescataron a varios veciños dun edificio en Vigo no que...