Como xa publicamos anteriormente, o día 7 de maio foron despedidas de forma fulminante as traballadoras da limpeza do Hotel Bahía de Vigo, e esta disputa parece lonxe de solucionarse, xa que nin este espazo hosteleiro nin a nova empresa concesionaria aportaron aínda unha saída para as traballadoras.
A Confederación Nacional do Traballo (CNT) vén de facer un chamamento aos medios de comunicación ao consideralo “un novo episodio de abuso e explotación laboral contra as camareiras de pisos”.
Os feitos comezaron a desenvolverse o pasado domingo 06 de maio, cando o hotel Bahía de Vigo deixaba de renovar o seu contrato con Alliance Outsourcing, concesionaria do servizo de limpeza do hotel, e despedía ao seguinte día, luns 07, fulminantemente e sen previo aviso ás 20 camareiras de pisos que traballaban alí, a maioría dende hai varios anos”.
E aseguran, tanto o sindicato coma as traballadoras, que “tanto o hotel, pechando as portas á subrogación, coma Alliance, imposibilitando calquera recolocación, deixaban na rúa dun plumazo e sen ningún tipo de remordemento a toda a plantilla de limpeza, todas con cargas familiares importantes”.

Ademais, o día seguinte, martes 8 de maio, entraría a nova empresa de limpeza co novo persoal propio, con condicións de traballo inferiores. De feito, “a recén despedida plantilla reclamara o ano anterior condicións laborais máis dignas, denunciando a alta carga de traballo, a contratación en fraude de lei, os salarios miseirentos e a ilegalidade do convenio de Alliance. A batalla gáñase e esta empresa queda obrigada a aplicar o convenio de hostalería, cunha menor carga de traballo e salarios algo máis altos. Esta suba de salarios redunda nunha suba ás cotas que o hotel debe pagar a Alliance polos servizos de limpeza, feito que decanta ao hotel na busca dunha contrata máis barata“, denuncian.
Dende a CNT consideran a César Sánchez-Ballesteros, propietario do hotel e presidente actual da patronal de hostalería pontevedresa, “un empresario sen escrúpulos que explota e despide sen ningún tipo de pudor a 20 traballadoras, 20 camareiras de pisos que durante cinco longos anos deixaban o hotel coma “os chorros do ouro”.
Polo dito, están previstas dúas grandes concentracións principais, a maiores das que diariamente xa protagonizaron nos últimos días estas traballadores fronte ás instalacións do hotel.
Así, este sábado 19 de maio teñen previsto reunirse de 11:30h a 14:00h diante do Hotel Bahía de Vigo (Avda. Cánovas del Castillo, nº 24), para reclamar a subrogación das traballadoras, e o próximo luns 21 de 17:30h a 19:00h diante de Mantelnor-Nortempo (Avda. das Camelias, nº 42), para que fagan efectiva esta subrogación.