A Zona Franca de Vigo e a Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime) asinaron este venres un convenio de colaboración para a promoción e impulso da feira Mindtech, que este ano, entre o 10 e 12 de setembro, celebrará no Instituto Feiral da cidade a súa primeira edición.
A través deste acordo, o organismo estatal compromete unha achega máxima de 100.000 euros para as dúas primeiras edicións do certame (2019 e 2021), que servirán para axudar na difusión do evento, captación de expositores ou facilitar cooperación técnica, segundo explicou o delegado do Estado na Zona Franca, David Regades.
Precisamente, Regades aproveitou a presentación deste convenio para expresar novamente a necesidade de que o organismo estea presente na dirección do Instituto Feiral, nunha etapa na que fai unha aposta decidida polos certames como Mindtech, que son “xanelas para o crecemento económico” de Vigo e de Galicia.
Esta feira, organizada por Asime, pretende converterse nun “referente do Polo Ibérico” no ámbito da industria e das novas tecnoloxías. Así, o secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, sinalou que reunirá en Vigo a máis de 200 expositores, con presenza de países como México, Israel ou Alemaña, que mostrarán os seus produtos e o seu traballo en áreas como a fabricación de automoción ou aeronáutica, os compoñentes, ou as aplicacións tecnolóxicas para estas industrias.
O presidente do pleno de Zona Franca e alcalde de Vigo, Abel Caballero, subliñou que este acordo é mostra da “nova dinamización da economía” desde o ámbito da industria, e da “nova andaina” de Zona Franca na cidade olívica.