InicioSociedadeOs hackers vigueses propoñen como salvar aos insectos da extinción... e moitos...

Os hackers vigueses propoñen como salvar aos insectos da extinción… e moitos proxectos máis

Na UVigo os mellores hackers compiten por un premio de 4.000 euros.

PUBLICADO O

- Advertisement -

45 alumnas e alumnos de Enxeñaría, Bioloxía, Publicidade e Relacións Públicas… traballando xuntos en solucións tecnolóxicas innovadoras que responden a retos sociais e coas que se busca construír un mundo mellor.

O Teatro Roberto Vidal Bolaño da Cidade Universitaria de Vigo acolle desde este xoves e ata mañá sábado a quinta edición en Vigo de HackForGood, un evento promovido pola Cátedra Telefónica e que se desenvolve de forma simultánea en dez cidades españolas (Madrid, Valencia, Sevilla, Murcia, Las Palmas…).

Estes particulares hackers teñen por diante un día e medio de ‘hackaton’, horas nas que terán que traballar e loitar para que o seu proxecto sexa un dos elixidos e poder así facerse cun petisco dos 60.000 euros que se reparten a nivel nacional en premios, 4000 en Vigo.

O encontro foi inaugurado polo reitor, Manuel Reigosa, e a presidenta de Telefónica Galicia Marta Menéndez, que se amosaron “tremendamente satisfeitos”, coa evolución que está a amosar esta actividade e o gran nivel adquirido nas últimas edicións.

Hackeando na UVigo/ Duvi

“Pola nosa banda estamos convencidos de que é básico tender pontes entre a universidade e a empresa e, no caso de Telefónica, temos con eles o desexo común de que o talento que sae das aulas sexa capaz de coordinarse e, entre todos, promocionar o desenvolvemento social e económico da nosa contorna”, subliñou Reigosa, que agradeceu á representante de Telefónica a súa aposta pola Universidade de Vigo.

Sobre a evolución de HackForGood, a representante en Galicia da compañía fixo fincapé en que o éxito do programa provocou que este ano se sumaran ao encontro outras dez universidades de toda España “acadándose a maior cifra de universidades participantes dos últimos sete anos, que é o tempo que leva organizándose o HackForGood, os últimos cinco con presenza aquí en Vigo”, recalcou Menéndez, que se referiu ás 25 cátedras coas que conta esta empresa na actualidade –distribuídas en 23 universidades públicas e privadas- como a mellor maneira de achegarse ao talento universitario.

Tras a inauguración, o reitor e a responsable en Galicia de Telefónica puideron coñecer de primeira man os proxectos nos que están a traballar cada un dos equipos. Fixeron o percorrido pola sala acompañados polo responsable da Cátedra Telefónica da Universidade de Vigo, o profesor José Cidrás, quen destacou o interese desta iniciativa non só para os estudantes, senón tamén para os docentes.

“No noso caso podemos aprender outros xeitos de impartir as nosas clases. Eu a partir desta experiencia, durante as cinco edicións que levamos na UVigo, incorporei a metodoloxía docente chamada Aprendizaxe Baseado en Proxectos (ABP) ás miñas clases; metodoloxía na liña deste evento”, recalcou Cidrás.

Nesta edición de HackForGood participan un total de 12 equipos, compostos por alumnas e alumnos de diferentes titulacións, sobre todo do campus de Vigo, pero tamén de Pontevedra e Ourense.

bioloxía contra enxeñería

Boa parte dos participantes proveñen das enxeñarías, pero este ano destaca tamén a implicación do alumnado da Facultade de Bioloxía, que participa no encontro con varios proxectos de carácter ecolóxico.

Nesta liña, Nerea Montes e Seila Crespo son as impulsoras de Ecosheep, unha explotación de ovellas ecosostible e respectuosa cos animais; e Nicolás París e Marta Barandela participan con Bolboretario Vigo, un proxecto centrado na recuperación de insectos, “pois, aínda que non somos conscientes, está a haber unha extinción masiva deles, debido sobre todo ao cambio no modelo de agricultura, ao notable incremento do uso de funxicidas… e, se ben non sempre se lle dá a importancia que teñen, son ‘supernecesarios’ porque forman parte dos ecosistemas e, caso de que chegasen a desaparecer, o mundo tamén remataría”.

Desde a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Diego Albo, Aitor González, Ana Barros e Fabio e Adrián Iglesias, traballan nun innovador sensor que sirva para evitar accidentes, sobre todo de nenos e animais, debido a asfixia por calor no interior de vehículos.

“Está comprobado que a temperatura corporal dun neno aumenta unhas cinco veces máis ca dun adulto, de aí a perigosidade de que un cativo poida quedar dentro dun coche nun día de verán”, explica Diego Albo, que fai fincapé en que o sistema que están a deseñar neste encontro “se podería instalar en calquera vehículo, independentemente da súa antigüidade, e tería un baixo custe”.

Os puntos básicos serían a detección do perigo, a primeira toma urxente de medidas (baixada das ventás, e apertura de portas) e o aviso aos propietarios e servizos de emerxencias.

No caso de Marta Rodríguez, forma parte dun equipo composto por cinco estudantes de Enxeñaría de Telecomunicación e unha alumna de Publicidade e Relacións Públicas, que defenden o proxecto Pill O’clock, un estoxo de pastillas electrónico conectado a unha aplicación e a unha pulseira para facilitar a toma de medicación a persoas polimedicadas e o seguimento e a xestión aos seus coidadores.

“Consistiría nun estoxo físico con compartimentos que identificase exactamente o que corresponde a cada toma, con alarmas para lembrarlle ao usuario a que hora a ten que tomar, e notificacións na aplicación do coidador sobre cantos medicamentos quedan, se fai falla comprar algún, se se esqueceu de tomar algunha toma…”, explica a alumna, para quen esta é a súa primeira experiencia no Hackforgood.

Na edición viguesa de HackForGood repartiranse un total de 4000 euros en premios: 1000 para o primeiro premio, 600 para o segundo e 400 para o terceiro. A maiores haberá tamén catro premios temáticos, dotados cada un deles con 500 euros: á innovación social, á innovación enerxética, a sostenibilidade e o medio ambiente.

Os equipos gañadores en cada sede competirán despois por algúns dos premios que se reparten a nivel nacional.

ÚLTIMAS

A Policía de Vigo mantén abertas todas as liñas de investigación polo incendio dun edificio en Cesáreo González

A Policía Nacional de Vigo investiga "con todas as liñas abertas" o incendio ocorrido...

Abel Caballero esixe desculpas a Alfonso Rueda polo atraso do AVE a Porto ata 2039

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cargou contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda,...

25 de Abril: Unha revolución permanente

O 25 de abril de 1974 foi unha revolución decisiva en Portugal, que acabou...

Tres persoas feridas, unha delas de gravidade, nun incendio nun edificio en Vigo

Tres persoas resultaron afectadas, unha delas de gravidade, tras un incendio nun edificio situado...