InicioSociedadeCaballero promove o turismo: "Para ir ao ceo hai que ir polo...

Caballero promove o turismo: “Para ir ao ceo hai que ir polo menos unha vez a Vigo por Nadal”

Na Feira Internacional de Turismo o alcalde de Vigo defendeu os atractivos turísticos da cidade e deixou varias frases "para a posteridade".

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou este xoves na Feira Internacional de Turismo (Fitur) de Madrid a cidade olívica como un destino “sen límites” de atractivos e tamén de oportunidades para visitala ao longo do ano.

O acto de presentación consistiu nunha entrevista informal ao alcalde por parte da xornalista viguesa Noelia Otero, na que o rexedor repasou os principais atractivos turísticos da cidade máis aló dos seus encantos gastronómicos e das illas Cíes.

A iluminación do Nadal, tendencia nas redes sociais e cunha ampla repercusión nos medios de comunicación, é o principal gancho que Vigo quere espremer para desestacionalizar a súa actividade turística.

O entroido é outra das apostas de futuro de Vigo para fidelizar aos seus visitantes, do mesmo xeito que a Festa da Reconquista, na que se rememora a expulsión das tropas napoleónicas; os concertos musicais en Castrelos ou o turismo industrial.

Todo iso sen esquecer a súa gastronomía, “a mellor do mundo”, en palabras de Caballero, e o seu buque insignia en canto á promoción turística da cidade: as Illas Cíes, cuxa declaración como patrimonio da humanidade por parte da Unesco promove o Concello de Vigo.

Pero sen ningunha dúbida, a gran aposta de Vigo por desestacionalizar a súa actividade turística son as luces de Nadal. Abel Caballero cifrou en dous millóns de persoas as que se pasearon polas rúas iluminadas o pasado Nadal e tirou de ironía para afirmar que o chamou o alcalde de Nova York rendido aos encantos da iluminación viguesa, e que o próximo 23 de decembro asistirá ao acto de aceso.

É máis, afirmou que non coñece “a ninguén” que non fóra a Vigo durante as festas do Nadal. E como colofón, proclamou: “para ir ao ceo hai que ir polo menos unha vez a Vigo por Nadal. Quen non vaia, vai ao inferno”.

Máis en serio, apuntou que o segredo do éxito estivo en recuperar a “forma xenuína” de gozar estas festas e ao tempo engadirlle “arte, gusto, luces, decoración e alma”. Caballero fixo fincapé en que durante o Nadal “desatouse a euforia” na cidade. Aludiu a que un cruceiro cunhas 5.000 persoas a bordo atrasou o seu saída tres horas para que a pasaxe puidese ver as luces e a que os trens con destino Vigo “viñan cheos e non paraban en estacións intermedias”.

Durante o acto de presentación proxectouse un vídeo no que se define a Vigo como unha cidade que “fai camiño e cóidache”, en referencia aos seus espazos verdes; onde “a cor inspira os teus pasos” coas medianeiras decoradas, e que “vive o presente e o futuro”, con imaxes dos ascensores e as escaleiras mecánicas para salvar as pronunciadas pendentes das súas rúas.

ÚLTIMAS

OPINIÓN.- As competencias dos concellos

Ultimamente vemos como entre as distintas administracións vanse pasando a pelota das competencias e...

Vigo pide á Xunta “toda a información” sobre o túnel de Beiramar antes de convocar a Comisión

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reclamou este martes á Xunta de Galicia "toda...

Detida en Vigo tras dar unha puñada no nariz ao seu noivo despois dunha rifa

Unha muller, A.R.P. de Vigo e 41 anos de idade, foi detida na noite...

Un ferido por un accidente en Vigo na Avenida de Madrid

Unha persoa resultou ferida na tarde deste luns en Vigo tras rexistrarse un accidente...