A Garda Civil, a través da Patrulla Fiscal e de Fronteiras de Vigo, interceptou 218 quilos de picadura de tabaco distribuídos en 90 envíos postais. A mercancía, adquirida por internet e distribuída por mensaxaría, está valorada en máis de 37.000 euros.
Segundo informou o Instituto Armado nun comunicado, os axentes inspeccionaron empresas de mensaxaría e paquetería da comarca de Vigo e da súa área de influencia, e atoparon “numerosos envíos” sospeitosos de conter picadura de tabaco comprada por internet e remitida desde diferentes puntos do centro e do sur de España.
A raíz das distintas actuacións, os axentes formularon as correspondentes denuncias por presuntas infraccións da normativa de contrabando, que foron remitidas á Dependencia Rexional de Aduanas e Impostos Especiais de Pontevedra para a súa tramitación. A mercancía intervida, cuxo valor no mercado ascende a uns 37.000 euros, non tiña os precintos fiscais obrigatorios e non estaba sometida aos controis sanitarios exixidos para este tipo de produtos.
Entre os envíos interceptados, destacaron varios procedentes de Valencia e Huelva, que concentraban unha parte importante dos paquetes detectados. Esta intervención evidencia unha adaptación das redes de distribución ilícita aos canais de venda por internet e aos envíos fraccionados, o que dificulta a súa detección. A cantidade de picadura de tabaco comisada duplica a rexistrada o ano pasado.
