InicioVal MiñorBaionaDe Baiona a Bruxelas: a iniciativa cidadá que cambiará a seguridade infantil...

De Baiona a Bruxelas: a iniciativa cidadá que cambiará a seguridade infantil nos coches europeos

PUBLICADO O

- Advertisement -

Pedro Telmo, veciño de Baiona, impulsou unha campaña en Change.org que superou as 62.500 sinaturas para reclamar sistemas antiabandono nos vehículos. Anos despois, o Parlamento Europeo deu un paso decisivo para facer obrigatoria esta tecnoloxía nos coches novos.

O que comezou como unha preocupación persoal ante as sucesivas noticias de nenos falecidos tras quedar esquecidos no interior dun vehículo acabará converténdose nunha nova medida de seguridade obrigatoria nos automóbiles de toda Europa.

Pedro Telmo, veciño de Baiona, leva anos reclamando que as administración lexislen sobre a obrigatorioedade de incorporar sistemas capaces de detectar a presenza dun menor no interior dun coche cando o vehículo se apaga ou se pecha. Para facelo, puxo en marcha unha campaña na plataforma Change.org que conseguiu reunir máis de 62.500 sinaturas.

A iniciativa naceu tras coñecer o goteo de noticias sobre estas traxedias, moitas delas acontecidas en Galicia. Telmo identificouse coas circunstancias que podían rodear estes sucesos: desprazamentos habituais, cambios inesperados nas rutinas e erros de memoria que poden ter consecuencias irreversibles.

«Era de sentido común. Se os asentos dos coches levan sensores de peso, tiña que existir algo que permitise facer o mesmo coas cadeiras infantís», explica.

O promotor da campaña non pedía desenvolver unha tecnoloxía imposible, senón aproveitar os avances existentes para evitar que un esquecemento puidese acabar coa vida dun cativo.

Unha campaña que tivo que superar tamén o xuízo social

A petición conseguiu unha importante repercusión nas redes sociais desde as primeiras horas, pero tamén recibiu comentarios de rexeitamento e críticas dirixidas ás familias afectadas.

Mensaxes como «como te podes esquecer dun neno?» ou comparacións con outras actividades cotiás acompañaron durante anos a campaña.

«A min dáme igual o odio nas redes. Salvar unha vida compensa unha catarata de odio», afirma Telmo.

Durante ese percorrido tamén mantivo contacto con outras persoas preocupadas polo problema. Entre elas, Laura San, de Salamanca, coa que compartiu durante anos información e iniciativas para impulsar medidas de prevención. San realizou pola súa conta xestións con asociacións de escolas infantís para promover protocolos de aviso ás familias cando un menor non chegase ao centro sen que constase unha ausencia comunicada.

O paso decisivo en Bruxelas

O avance institucional chegou da man do eurodeputado galego Nicolás González Casares, do PSOE galego, que impulsou emendas ao denominado Omnibus de Automoción para introducir a obrigatoriedade de sistemas de detección de presenza infantil nos vehículos novos.

O 4 de novembro de 2026, as comisións de Medio Ambiente, Transportes e Mercado Interior do Parlamento Europeo aprobaron esas emendas por ampla maioría.

O texto establece que os vehículos das categorías M1 e N1 deberán contar cun sistema capaz de detectar ou identificar a presenza dun menor que permaneza no habitáculo despois de apagar ou bloquear o vehículo e proporcionar unha alerta eficaz e oportuna ao condutor ou responsable.

Ao coñecer a noticia, Pedro Telmo contactou co eurodeputado González Casares. O eurodeputado xa coñecía a campaña cidadá. Telmo agradeceulle que levase a reivindicación ás institucións europeas e interesouse polo procedemento que quedaba por diante.

Nas conversas, o eurodeputado explicoulle as dificultades das negociacións e a necesidade de conseguir o apoio doutros grupos parlamentarios e do propio sector da automoción, xa que a aplicación da medida tamén require adaptar os procesos industriais dos fabricantes.

Unha previsión de aplicación en 2031

O procedemento aínda debe continuar co debate no Pleno e coas posteriores negociacións entre o Parlamento Europeo, o Consello e a Comisión.

A previsión sitúa a aplicación da medida arredor de 2031. O desenvolvemento dos requisitos técnicos deberá ter en conta os traballos internacionais da UNECE, así como os prazos que os fabricantes necesitan para adaptar as súas cadeas de produción.

O obxectivo non é simplemente que o vehículo detecte que hai alguén dentro, senón que sexa capaz de emitir unha advertencia eficaz que chame a atención do responsable e provoque unha reacción.

Tras coñecer os avances, Telmo comunicou a noticia a Change.org, plataforma que tamén estaba en contacto co eurodeputado, e a Laura San, coa que compartira durante anos a preocupación por estas mortes.

A reivindicación non remata nos automóbiles

Para o promotor da campaña, o avance europeo é motivo de satisfacción, pero non resolve todo o problema.

Telmo considera imprescindible desenvolver tamén protocolos antiabandono nos centros educativos e no transporte escolar. A súa proposta para Galicia pasa por aproveitar ferramentas existentes, como ABALAR, para que a ausencia dun menor de Infantil ou Primaria active unha notificación inmediata á familia.

Se non hai resposta, o protocolo debería continuar cunha chamada telefónica e, de non conseguir contacto, avisar os servizos correspondentes para comprobar onde se atopa o menor.

A idea é que o procedemento sexa automático e rutineiro, sen engadir unha carga de traballo inviable ao profesorado. Unha falta de asistencia xustificada horas ou días despois non serve para previr un esquecemento.

«Que pasa cando un neno queda durmido nun autobús escolar, en silencio, oculto detrás de todo?», pregúntase. Isto tamén pasa, e ese autobús pode quedar aparcado horas ao sol ata que alguén se decate da falta do menor.

«Sentimos non ter chegado a tempo»

Telmo tamén quere trasladar unha mensaxe ás familias que perderon un fillo nestas circunstancias. Pide desculpas por non ter conseguido que as medidas chegasen antes e reclama que deixen de ser xulgadas socialmente como malos pais.

«É inxusto que a sociedade os xulgue. Non son malos pais ou nais. É algo estudado, aínda que moi descoñecido. Espero que algún día poidan chegar a perdoarse», afirma.

Para el, o chamado síndrome do bebé esquecido debe entenderse como un risco que require prevención e resposta institucional, do mesmo xeito que aconteceu no seu momento coa obrigatoriedade dos sistemas de retención infantil, os cintos de seguridade ou os cascos para circular en motocicleta.

A reivindicación iniciada en Baiona pode acabar tendo consecuencias en todos os vehículos novos da Unión Europea. Telmo considera que Galicia debe coñecer e sentirse orgullosa dunha historia na que coincidiron a mobilización cidadá e o traballo parlamentario dun eurodeputado galego.

A parte dos sistemas nos automóbiles comeza a avanzar. Agora, insiste, toca conseguir que ningún menor quede esquecido tampouco na escola ou no transporte escolar.

ÚLTIMAS

O BNG esixe cambiar o plan de tráfico do Nadal de Vigo tras o “caos” do acendido das luces e o desfile de Disney+

O BNG de Vigo urxiu ao Goberno municipal que "rectifique" o plan de tráfico...

“Ameaza a supervivencia do barrio”: Lavadores mobilízase contra o proxecto de vivendas da Xunta

Máis de mil veciños do barrio vigués de Lavadores asinaron unha carta dirixida ao...

O histórico Teatro Fraga de Vigo volverá á vida: case 20 millóns de euros para unha reforma que comezará en 2027

O Consello da Xunta autorizou este luns a licitación das obras de restauración do...

“O sábado foi un día histórico en Vigo”, di Caballero

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este luns que a ocupación hoteleira na...